samedi 27 juin 2009

MANIFESTÁNDONOS POLA DIGNIDADE

A dignidade que unha persoa ten ao nacer debera ser inalienable, inviolable. No entanto, o mundo de hoxe representa a constatación de que o estilo de vida e os éxitos dun 20% da poboación humana faise sobre o 80% restante: a explotación do ser humano polo ser humano....humano, realmente?

O máis triste e tamén o máis aldraxante e alporizante é comprobar como ese 20% blinda as súas fronteiras ás persoas menos favorecidas polo xogo de dominación e explotación que representa o capitalismo nesta fase neoliberal. E esa blindaxe faise con leis que emanan de gobernos e parlamentos que se autoproclaman democráticos. Nada máis triste. O asilo e a hospitalidade desapareceron da aplicación práctica dos países enriquecidos. Os números son irrisorios e as persoas que veñen de fóra fuxindo da violencia (fame, guerra, explotación, ...) xa non o solicitan sabedores de que non se concede asilo. O capitalismo utiliza ás persoas en base á súa rendibilidade: non lle importa o enriquecemento social, cultural.

Hoxe, en Compostela, ás 12h, organizada polo Foro Galego de Inmigración, organización non institucionalizada que agrupa a organizacións que traballan con ou constituidas por persoas inmigrantes, tivo lugar unha manifestación. Non eramos moi numerosos, pero foi satisfactorio e logramos facer visibles á sociedade "mirona" e "espectadora" que NINGÚN SER HUMANO É ILEGAL, QUE SER SOLIDARIO NON É DELITO, QUE SER INMIGRANTE NON É DELITO.

Pero non eramos todos os que deberamos: faltaban sindicatos, cabezas visibles de organizacións políticas, como se isto da defensa da dignidade das persoas non fora con elas. E faltaba moita sociedade: alienación? ou sinxelamente que están a favor do acoso ao que nos somete a policía? alienación? ou sinxelamente que queren realmente ternos explotados e explotadas ou co medo no corpo a unha deportación a un lugar do que fuximos?

Seguiremos loitando.

jeudi 25 juin 2009

DE NOVO, FIN DE CURSO

Sempre que chega o fin de curso, vén, de golpe, o cansancio todo, como se acudise a unha chamada de urxencias. Acompañando a ese cansancio, sobre todo cando tiveches algún tipo de empatía coa xeración que acaba, veñen as lembranzas, normalmente as boas e entón, case sen sabelo, emociónaste porque sabes que sigues cumprindo anos e, en certo modo, cumprindo coa túa tarefa educadora.
Agora veñen os novos soños de futuro para esta xeración: elección de itinerarios, elección de ciclos, de carreiras...., e novas relacións humanas que servirán para encher de experiencias a maleta da vida. Os meus alumnos e alumnas de 4º saben que dunha maleta -La valise, curtametraxe de ficción- poden extrarse moitas e variadas interpretacións. Que a súa se encha de boas emocións e que teñan o suficiente para ser feliz, o suficiente para ir medrando en humanidade.
A repousar toca...agás para as equipas directivas...e para min, claro...até agosto.

lundi 15 juin 2009

ANTE O AVANCE DO TOTALITARISMO DEMOCRÁTICO. DEFENDAMOS O NOSO


Volve a dereita a Galicia, aínda que nunca perdera o poder económico. A súa volta ás institución políticas está a traducirse en políticas involucionistas.
Fronte a un pobo desmobilizado e a unha clase traballadora derrotada pola precariedade e a inestabilidade laboral e pola privatización e a degradación dos servizos sociais e públicos, están a adoitar prácticas que mostran un profundo desprezo polo pobo galego e os seus sinais de identidade.
O galego é un pobo de seu. Os elementos que configuran o seu carácter nacional forxáronse na fragua da historia nos últimos milenios nos tempos dos megaliteiros e dos castrexos; no tempo dos romanos, que recoñeceron entre os galaicos un pobo de seu; nos tempos medievais, cando Galicia se constituíu nun reino de seu...
A historia truncouse cando o proxecto castelanista meseteño se impuxo ás clases populares e á nobreza galega fronte ao proxecto histórico atlántico; non obstante, malia os longos séculos escuros, nin o galego desapareceu como pobo nin a súa lingua se perdeu, como tantas outras ao longo da historia..., pero ficou relagada a unha lingua subordinada, das clases populares... desprezada e humillada polos poderosos, que non dubidaron en castelanizarse para seguir a manter o poder.
O século XIX, o século da primavera dos pobos, deulle novo pulo ao pobo galego, que se dotou dun renovado proxecto político: o galeguismo, nas súas variantes históricas provincialista, rexionalista e nacionalista. Durante eses anos, o pobo traballador tomou conciencia da súa explotación de clase, de xénero e nacional. A loita contra os opresores da nosa nación logrou unha gran vitoria coa aprobación do Estatuto de Autonomía en 1936, uns días antes de que os fascistas lle arrebataran ao pobo as súas esperanzas e o seu futuro, que quedaron baixo as botas dos militares que se sublevaron o 18 de xullo de 1936. De novo voltou a longa noite de pedra: 40 anos sometidos a unha infame ditadura fronte á que estiveron os homes e as mulleres do PCG, a única forza política verdadeiramente organizada e preparada para liberar ao pobo do xugo que oprimía a súa liberdade, a súa identidade e que abafaba a súa memoria.
A chegada da democracia, mesmo con pasos tímidos, supuxo a necesidade de construír pontes de diálogo e de entendemento entre os fascistas que aterrorizaran ao pobo e o pobo que recuperaba a esperanza nun futuro de dignidade. Froito dese entendemento foi a Constitución de 1978 e o Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1981 logo de que as forzas democráticas deste país sísemos a rúa para denunciar o Estatuto da aldraxe que as forzas conservadoras querían impor.
A Constitución e os estatutos nacidos dese consenso democrático recoñecían o dereito dos pobos á existencia, para o que se establecían medidas de especial promoción e protección. A conquista da liberdade logo da loita antifranquista permitíanos, daquela, recuperar a nosa identidade como pobo, a nosa lingua, a nosa memoria, eliminada da academia, da universidade e das escolas.
Claro está, non sexamos inxenuos, na sombra latexaba con furia e inquina o franquismo ideolóxico disposto a saír á escena da cousa pública cando as súas esencias doutrinarias estivesen en perigo. Saltaron coa Lei de Memoria Histórica; fixérono coas Leis de Educación que pretendían rebaixar a influencia da Curia na nosa vida; fanno cada vez que a muller acada un papel á hora de decidir sobre a súa maternidade; cada vez que desexamos avanzar liberándonos do xugo ideolóxico do catolicismo... Neses ataques contra a convivencia democrática e o consenso está a doutrina ideolóxica do franquismo, que se nega a desaparecer, pois é o discurso ideolóxico que teñen interiorizado as clases dominantes.
Volven agora, unha vez mais, cando se trata de normalizar o uso da lingua do pobo galego na súa vida cotiá, para contentar aos socios electorais que lles deron o triunfo: Galicia Bilingüe.
Pero, por qué agora? Por que agora queren rachar co consenso acadado por toda a sociedade e recollido no Plan de Normalización Lingüística aprobado por unamidade no Parlamento de Galicia en 2004, baixo un goberno de Fraga? Por que?
A mesma clase dominante que asaltou o Estado para sometelo aos seus intereses, a mesma clase dominante que atenta contra o pobo traballador mediante a precariedade laboral, o desemprego e o endebedamento, aceptados polas forzas políticas socialdemócratas, tanto galegas como españolas, que consentiron a precariedade do pobo traballador e polas organizacións sindicais que negociaron o desmantelamento dos dereitos laborais, é a que agora atenta contra o noso sinal de identidade máis orixinal: a lingua. Unha vez sometido o pobo no seu sustento, cumpría sometelo tamén na súa identidade.
É obvio quen son os promotores de toda esa galegofobia: os sectores instalados no odio ou no autodio que se alimentan, iso si, do diñeiro público, e, por suposto, dunha patronal empresarial disposta a aliarse con todo aquel que idolatre os seus pés de barro. A fin de contas, o galego segue a escoitarse en determinados ambientes sociais dun xeito maioritario: non hai que máis que pór a orella para decatarse de que o idioma que se fala nos salóns do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo non é o mesmo que se fala na taberna do Fogar do Mariñeiro do Berbés: nun fálase maioritariamente castelán, que segue a ser o idioma da promoción social e das elites; noutro o galego. É precisamente nese autodio do colonizado no que se apoia toda esta campaña galegófoba.
Nunca antes o diñeiro público dunha institución do noso país se empregara de xeito tan prexudicial contra a lingua galega: os 200.000 euros gastados na inservible enquisa do galego e os 80.000 euros cotiáns en cuestión de publicidade son boa proba de que non importa gastar diñeiro público en accións innecesarias con tal de contentar aos socios electorais e, de paso, de desfacer todos os pequenos pasos andados desde que morreu Franco.
As imposicións aos equipos directivos dos centros públicos (a Curia e o empresariado da privada e da concertada, galegófobos claro está, están dando saltos de alegría), vulnerando o máis mínimo rigor democrático deberían ser respondidas con desobediencia civil e manifestacións en defensa da nosa identidade como pobo.
Construída sobre mentiras e manipulacións, o actual goberno de dereitas nega os logros do difícil consenso lingüístico e confronta á sociedade galega cos seus medos e estereotipos para volver a eses tempos, nunca idos, en que o útil, o necesario, era saber falar castelán, pois era a lingua da burguesía e dos seus aliados de clase. O galego é unha lingua universal e é un patrimonio noso e de cada un, polo que rexeitamos a súa condena á sumisión.
Nestes tempos de azoute capitalista, de retroceso dos nosos dereitos, cómpre volver a loita. Cómpre volver á loita para conquistar o pan e con el os nosos dereitos, porque só sendo donos dos nosos recursos, a socialización das actividades económicas e a radicalización da democracia, conquistaremos a nosa dignidade como pobo dono de seu: das súas mans traballadoras e da súa lingua creadora. Velaí por qué no noso programa político defendemos o dereito á autodeterminación, porque é sinónimo de democracia e de liberdade.
Nós, que somos a memoria dos homes e mulleres comunistas que deixaron a súa vida loitando contra a longa noite de pedra; nós, que somos a voz do pobo, loitaremos para que a dignidade deste pobo non sexa esnaquizada. Xa o fixemos contra outros ditadores... Loitamos e loitaremos para conquistar o noso dereito ao pan, para rachar as cadeas da alienación e para recuperar a nosa dignidade, a nosa historia e a nosa lingua.
Estamos preparados para esa loita. Mobilicémonos para defender o noso.


ALFREDO IGLESIAS DIÉGUEZ

XABIER RON FERNÁNDEZ

dimanche 14 juin 2009

PARA O GOBERNO, IMPOSTOS Á EUROPEA, SALARIOS Á ESPAÑOLA

Xa non sorprende, pero deberan reflexionar antes de falar -se é que saben facelo- os nosos (des)gobernantes.

Que suban os impostos, pero que inventen outro argumento, xa que dicir que se fai para equipararnos á Unión Europea...fastidia e doe.

En efecto, pode ser que sexa neste aspecto fiscal e nos aspectos máis represores e depresivos (liberalización de servizos; Plan Boloña; Directiva da Vergoña..) é no único que podemos dicir que somos europeas. En gasto social (indicadores sanitarios, educativos e estado de benestar), en salarios....estamos no furgón. Aí, amigos e amigas, salarios á española para facerlle fronte a gastos á europea.

Quen chegará a fin de mes?

vendredi 12 juin 2009

FÚTBOL AOS 40: ORGULLO E SATISFACCIÓN

Si, pode soar raro, pero viva este partido, en realidade dous partidos que xogamos cos alumnos de Pontecesures no campo de fútbol. Claro está xogamos a fútbol 7...

Orgullo e satisfacción porque ter unha hernia discal, e levar xa un tempiño sen xogar a un nivel sequera medio desde a época en que tiñamos equipo na liga comercial de Santiago e logo na de Brión, ter superado no seu tempo unha rotura de tendón de aquiles...e aguantar dous partidos que en total deberon levar cáseque hora e media...para un vello roqueiro é un orgullo e unha satisfacción. Ademais, déuse a "casualidade" de que os equipos nos que batallamos os tres profesores que decidimos xogar...NON PERDERON NINGÚN PARTIDO. Máis orgullo aínda.

A verdade é que o pasamos moi ben. Enrique, profe de Tecno, convertido nun lateral á vella usanza: se a Gordillo lle poñemos unha melena sandokaniana...xa está! E Fran o batera de Guezos e mestre de primaria demostrou que ten moi boas mans para ser porteiro...e mesmo meteu algún gol...aí corría ás veces coma un tolo á procura dunha arca perdida.

Eles, os alumnos, teñen un bo toque, pero pérdense en accións demasiado individualistas. De xogaren de forma colectiva, serían precisos e mesmo fantásticos. Arrollarían. Algún, Eric, Borja, Magán, Caamaño, Víctor, Roi, se non me equivoco xoga ou xogou en equipos ata moi pouco e teñen moi boa calidade. Jonny (nunca saberei se escribo ben esta nome) ten estilo fútbol-sá, tiki-taka brasileiro; Enrique forma un bo central cunha moi boa subida de balón; Marco, bo regate e pundonor, mantivo ao noso equipo no segundo dos partidos. Logo se incorporou Fabio, ao que vexo máis nuna cancha de fútbol-sá, tipo tamén tiki-taka, un tanto amante, coma todos, de regatear de máis.

Disfrutei. Non houbo malas entradas e todo fi moi deportivo e baixo un sol de castigo nunha herba artificial que queima os pés (teño unha vexiga enorme coma un templo mozárabe ou pode que cristián).

Mesmo, ante o reclamo sen dúbida de ver aos profesores -non sei se para ver se facíamos ou non o ridículo- as gradas acolleron a un nutrido grupo de alumnos e alumnas. Só faltaba que saltaran ao campo a facer esas coreografías tande moda en Yankeelandia, je je.

En fin, rapaces, orgullo e satisfacción. O luns, xa sabedes, de novo as probas e as notas.
Apertas

mardi 9 juin 2009

PARA QUE AS TESES DE DOUTORAMENTO INCONSULTABLES?

Unha das paixóns/traballo é pasarme horas e horas nos arquivos universitarios e nas bibliotecas, aí onde latexa a Idade Media. Desde 1993, unha das paixóns é repertoriar homónimos de trobadores galego-portugueses presentes na documentación medieval édita e inédita. Algúns traballosxa foron saíndo e, de cara aos proxectos de investigacións de Xograres e o de Cabaleiros, algún máis sairá.

Unha das consultas dirixíase ás teses de doutoramento e as memorias de licenciatura lidas tanto hai uns anos como as máis recentes. Tiña un elenco dunhas 15 teses de douoramento e delas só 2, só 2, figuran na Facultade que as acolleu, a de Xeografía e Historia. Para qué se fan esas teses se logo non son de acceso doado para calquera investigación futura? Que avance real se produce con algo que existe pero é descoñecido? Por que hai que buscar amigos ou recomendacións para ter acceso de forma doada, insistimos, ás teses e memorias?

Lamentable! Quizais sexa un dos motivos que explique porque investigar neste país é unha tarefa mal pagada, precaria e destinada a entusiastas que entregan o seu tempo libre, unha vez rematada a súa xornada laboral remunerada. Así nos vai. Así

REFLEXIÓNS DESDE A RÚA (XI).

VALE, GAÑA A DEREITA

Ben, baixa participación e, tal como afirmaba noutra reflexión, entreguismo das institucións europeas á dereita e á extrema dereita. Paradigmáticos os exemplos de Holanda e Reino Unido.

Sempre digo que Hitler chegou ao poder grazas aos votos do pobo alemán.
Fracaso do sistema representativo?

Que sucederá que, de novo, e dá igual o proceso electoral en España, todos, absolutamente todos saen para retorizar unha sensación de vitoria.

DEMOS!!! Ninguén é capaz de desfacerse do manto electoral e recoñecer que a Esquerda Europea -a Transformadora- etá a piques de esmorecer entre tanta sigla e tanta figura que quere sacar a relucir o seu nome de lider alternativo??? A desmesurada oferta de siglas que ofrecen cáseque o mesmo é perxudicial para a unidade de acción anticapitalista e para camiñar cara a unha Europa Social. De seguirmoas así, de forma egoísta e ollando para o noso bandullo alternativo, imos de cú. Directamente ao inferno, se é que existe e se é que credes. Eu xa vivo nel, como diría Sartre ao ver que se fai coa vida da maioría de persoas deste planeta.

En fin, basta xa de análise política e vou pasar a falar de investigación. Será de seguido.

dimanche 7 juin 2009

REFLEXIÓNS DESDE A RÚA (X). VOTAR PARA TRANSFORMAR EUROPA

Hoxe érgome con forza, co desexo renovado de non deixarlle as portas abertas á dereita rancia e á dereita dentífrica para que (mal)gobernen o meu destino.

A crise sistémica actual perdurará.

Fronte a ela quero pensar que votar é transformar Europa. E se á noite venceron os de sempre....non será porque me quedei impasible, indiferente, no sofá.

O institucionalismo non o é todo, certo. Pero cómpre termos aí as pezas que vaian introducindo medidas e reformas non reformistas, como diría André Gorz, senón transformadoras: traballar 35 horas á semana; vivir con suficiencia todas as persoas; establecer unha política social integradora e aberta, que derrube as fronteiras que blindan Europa hoxe e que contribúen a violar dereitos humanos; instaurar unha política sistémica de redución de consumo enerxético, de decrecemento sostible, para non desbaldir e que as futuras xeracións non se vexan abocadas a loitar polos escasos recursos que queden...

E, camiñando con ese institucionalismo...unha masa social activa, un pobo desalienado, convencido de que non quere para si o que non quere para os demais, un pobo suxeito participante nas poíticas.... porque, non nos enganemos, unha vez que a Esquerda Transformadora entre no Parlamento Europeo deberemos confrontarnos cos que teñen o verdadeiro poder (económico e mediático) e que procurarán mediante todas as vías posibles crear un contragoberno na sombra e inocular -a través do dominio mediático- o virus do desgoberno. Así é como Europa descoñece os avances sociais producidos en moitos países onde goberna a Esquerda Transformadora.

Si, hoxe votar pode ser transformar

samedi 6 juin 2009

NOVAS IDEAS PARA ENQUISAS

Como queremos ser civilizados e non maldicir nin á nai nin ao pai de ninguén, ofrecemos ideas para enquisas e xulguen os lectores que queiran se poden ter máis peso ou non ca a enquisa que ofrecen os novos xestores da res publica:

A) QUERE QUE O SEU FILLO PADEZA NUN SISTEMA CAPITALISTA OU QUE VIVA NUN SISTEMA SOCIALISTA? (como vedes nada capciosa a pregunta)

B) QUERE QUE O SEU FILLO RECIBA CLASES DE BIOLOXÍA EVOLUTIVA OU QUERE QUE SE SUPRIMAN E SE LLE ENSINE QUE ADÁN E EVA SON A ORIXE DA VIDA HUMANA NO PLANETA? (pregunta, de novo, totalmente inocente, e que debera tramitarse tamén á curia eclesiástica para coñecer a súa fonda opinión democrática sobre o tema)

C) PREFIRE QUE O SEU FILLO POIDA ELIXIR AO XEFE DO ESTADO (REPÚBLICA) OU PREFIRE QUE SE LLO IMPOÑA UNHA LEI DIVINA ALLEA AO ENTENDEMENTO DO SER HUMANO ONDE O XEFE DO ESTADO É INELIXIBLE E O ROL É HEREDITARIO (REI: MONARQUÍA)? (a pregunta explícase en si mesma)

D) QUERE QUE O SEU FILLO RECIBA EDUCACIÓN SEXUAL OU PREFIRE QUE SIGA PENSANDO QUE MASTURBARSE PROVOCA CEGUEIRA? PARA EVITAR UN EMBARAZO (IN)DESEXADO QUERE QUE SE LLE DEA A PILULA DO DÍA DESPOIS OU PREFIRE QUE APANDE COA SÚA RESPONSABILIDADE DE POR VIDA? QUERE, ADEMAIS, QUE SEGREGUEMOS POR SEXO E QUE OS NENOS E NENAS ESTUDEN NON XA EN AULAS DISTINTAS SENÓN ENCENTROS DISTANCIADOS E RODEADOS DE VALOS CON PÚAS? (aquí, por simple cortesía, deixamos de engadir: se queren voltar aos tempos de Franco, porque, claro, aínda os haberá que digan que con ese gran personaxe "se vivia mellor")

E) EN CASO DE QUE VEÑAN ALUMNOS E ALUMNAS INMIGRANTES OU QUE VEÑAN ALUMNOS E ALUMNAS DE ETNIA XITANA, QUE PREFIRE: QUE ESTUDEN COS SEUS FILLOS E FILLAS OU QUE ESTUDEN APARTE TODOS ELES REUNIDOS NUNHA MESMA AULA? (aquí, respectuosamente, xa que ao estaren todos nunha mesma aula será máis doado ensinar a nosa superior ciencia, a nosa superior sabedoría...de todos e sabido que Occidente e a etnia caucásca son as máis evolucionadas e que, por iso, viven en perpétua paz, descoñecen a violencia, non desbalden recursos primarios, son austeros e fondamente solidarios co padecemento alleo)

F) AGORA CUESTIÓNS INSENSATAS:

- dispón o seu fillo/filla dos medios económicos axeitados para facer fronte a un curso escolar e aos gastos que xera?

- dispón o seu fillo / filla, en caso de que pai e nai traballen, dun comedor escolar no centro educativo?

- dispón o centro onde estuda o seu fillo das instalacións pertinentes e desexables para a súa formación?

e un longo etcétera de cuestións todas elas absurdas.

Tal como van facer a partir do luns coa súa gran enquisa -tan necesaria para superar a crise do sistema capitalista- como é a da lingua galega.....insistimos en que, xa postos, e ao mesmo tempo que gastan os 200 000 euros, que introduzan no cuestionario as inocentes preguntas.....

AH! SI SEULEMENT LA RAISON LEUR ÉTAIT DONNÉE!!
AUPRÈS DE LEUR ÂME SANS LUMIERE
RIEN QUE DU BRUIT DE PIERRES
BARRANT TOUT PASSAGE
AUX CARESSES
LA DOUCEUR DU PRINTEMPS LANGUISSANT


apertas dun verdadeiro bilingüe (plurilingüe; polisexual;....) a quen lea este xogo de tristezas como coitelos

vendredi 5 juin 2009

IMAGO MUNDI, POEMARIO CREÁNDOSE

Ousadía dos incertos desexos
procuro alongar a imaxe
para acadar unha perfección
inasible sempre fugaz

A poesía non é prosa

Coidado entón

Que facer canto xorde o baleiro
e o teclado semella un muro
que abafa co seu fume
e revoa a néboa cerebral?

Sempre interroguei a escuridade
entregado a un sexo indefinido
e maldigo a adulación que lanza
a súa rede de cristais

Aí sangran os egos todos
idolatrados polos ignorantes
que babexan
que retorizan

E finxo
no cumio da mentira social
que algo me interesa

E cando me afasto
un rumor de linguas
afía a súa maldade
no reverso do amor

Coma Roma
alumean a súa propia destrución

Que así sexa!

(Imago mundi, 13-xuño-2008)

O MEDO COMO GRAN MESTRE ACONSELLADOR

Estou escoitando aos gurús falar do consumo de drogas -en concreto, do cannabis-e o fan desde o medo e tratando á mocidade como unha gran masa igniorante e analfabeta: "a mocidade non ten información"...., e que, por riba, ten habilidades procuradoras: "Facilidade para acceder a este tipo de drogas...moito máis doado que nunca".... [E PREGUNTO: DE ONDE SAE O DIÑEIRO PARA ADQUIRIR O PRODUTO?].

Non vou facer apoloxía de nada, tampouco farei o contrario: crear medo e non informar.

Este asunto é o mesmo ca o dos embarazos non desexados.....POR FALTA DE INFORMACIÓN...REALMENTE???? Vaia non nos mintamos a nós mesmos.

Dicir que os individuos que consumen cannabis se volverán de maiores "manipulables e menos felices" é cando menos un argumento tronchante: acaso existe a felicidade? É O CAPITALISMO COA SÚA DOUTRINA COMPETITIVA A MELLOR CASA PARA A EXISTENCIA DA FELICIDADE??!! CREN DE VERDADE OS QUE FAN OS TELEXORNAIS QUE ESTÁN LIBRES DA MANIPULACIÓN???!!! JA JA JA !!!

En fin, vivimos nunha absoluta IMPOSTURA.

o triste e realmente fodido é que cremos que o noso -occidentocentrismo- é o bo e único e que os demais viven na "idade de pedra"....así nos vai: máscara e cegueira impiden ver que os manipulados e desde logo os infelices son o que falan dos demais....

apertas malgré tout!

jeudi 4 juin 2009

RAZÓNS PARA QUE MARCOS ANA RECIBA O PREMIO DA CONCORDIA

A Universidade de Granada acordou realizar a proposta para que lle sexa concedido o Premio Príncipe de Asturias da Concordia ao poeta Marcos Ana. Tras 23 anos nos cárceres franquistas, Marcos Ana lembra con xenerosidade, sen resentimento algún: “No siento ningún rencor; me sentiría muy desgraciado si así fuera. Al haber sufrido tantas calamidades soy incapaz de generar venganza. La venganza no es ningún ideal político ni revolucionario. La única venganza a la que yo aspiro es ver un día el triunfo de los ideales por los que he luchado y por los que tantos hombres y mujeres en España perdieron su vida o su libertad”.

23 anos tras os muros, 23 razóns para o Premio Príncipe de Asturias da Concordia

1. Pola súa vida: por contribuír de forma exemplar e relevante ao entendemento e á convivencia en paz entre os homes e as mulleres
2. Pola súa loita contra a inxustiza, a pobreza, a ignorancia
3. Polo súa defensa da liberdade
4. Pola súa comprensión: “Yo me sentiría completamente desgraciado si después de haber pasado veintitrés años en la cárcel mi única venganza fuera llenar la cabeza de plomo a aquellos que fueron los causantes de que yo dejara media vida y toda mi juventud en la prisión”
5. Pola súa integridade: “Si pretendiera saciar con la sangre los años que pasé en prisión, me sentiría desgraciado; ni un muerto, ni mil muertos, ni todos los muertos del mundo me pueden devolver a mí estos trozos de mi vida que yo he dejado en los patios y en las celdas de las cárceles”
6. Pola súa xenerosidade: “Lo único que me podría recompensar un poco la vida es ver triunfantes los ideales por los cuales yo he luchado, por los cuales ha luchado toda una generación”
7. Pola súa lucidez: “Si nos sentimos españoles tenemos que cerrar de una vez para siempre este ciclo sangriento, ese hecho terrible de que los españoles cada veinticinco años tengamos que estar degollándonos los unos a los otros. Espero que el futuro de España no sea el futuro de la revancha sino el de la paz y seguridad para todos los españoles”
8. Pola súa humanidade
9. Pola súa solidariedade
10. Pola súa valentía
11. Pola súa enteireza
12. Pola súa honestidade
13. Pola súa sinceridade
14. Polo seu medo
15. Pola súa esperanza
16. Pola súa loita contra a infamia
17. Pola súa loita contra a mentira
18. Pola súa loita contra a crueldade demencial dos inimigos da vida
19. Pola súa sinxeleza
20. Pola súa naturalidade con que é un home. Enteiro, auténtico, completo.
21. Pola súa poesía
22. Por el e para el, por todos e para todos os seus compañeiros e compañeiras de infortunio
23. Por dignidade, reparación, xustiza, paz, reconciliación.
O Premio Príncipe de Asturias da Concordia será concedido a aquela persoa ou persoas, ou institución cuxa labor contribúa de forma exemplar e relevante ao entendemento e á convivencia en paz entre os homes, á loita contra a inxustiza, a pobreza, a enfermidade, a ignorancia ou á defensa da liberdade, ou que abra novos horizontes ao coñecemento ou se destacou, tamén de maneira extraordinaria, na conservación e protección do patrimonio da Humanidade.

Fernando Macarro Castelo, máis coñecido como Marcos Ana (pseudónimo formado cos nomes dos seus pais), é un poeta español nacido na pedanía de San Vicente, do municipio de Alconada (Salamanca), o 20 de xaneiro de 1920, aínda que viviu a súa infancia en Ventosa del Río Almar (Salamanca). Estivo preso desde 1.939 até 1.961 (“la cárcel sería mi universidad”, dinos) data na que saíu do cárcere, para exiliarse a París, onde organizaría o Centro de Información e Solidariedade con España (CISE) presidido por Picasso, e dirixido por el. Volveu a España a finais de 1.976 onde seguiu traballando pola Solidariedade Internacional. “Yo me sentía un hijo de la solidaridad y quería devolver la solidaridad que a mí me habían prestado en la cárcel y en el exilio”
Por todas estas razóns, Esquerda Unida propón ao Pleno do Concello de Santiago os seguintes :
ACORDOS
1. O Pleno do Concello de Santiago acorda adherirse á proposta realizada pola Universidade de Granada para que lle sexa concedido o Premio Príncipe de Asturias da Concordia 2009 ao poeta Marcos Ana.
2. O Concello de Santiago trasladará este acordo á Universidade de Granada, á Fundación Príncipe de Asturias e ao poeta Marcos Ana.

lundi 1 juin 2009

REFLEXIÓNS DESDE A RÚA (IX)

APATÍA + MEDIATISMO ABÚLICO + (DES)INTERESE OLIGÁRQUICO+ ABSTENCIÓN

=

TRIUNFO DA DEREITA XENÉRICA: A SOCIAL E A ECONÓMICA

E digo que nesa dereita xenérica viven tamén o PSdG, o BNG, e, por suposto o PP. As dúas primeiras forzas deron sobradas mostras de desexar privatizar o público, de deixar facer aos imperios empresariais (sexan do tamaña que sexan: Reganosa; Cidade da Cultura...). Mesmo o PSOE (nai e pai do PSdG) permitiuse votar SI á DIRECTIVA DA VERGOÑA, que converte en aínda máis vulnerables ás persoas inmigrantes e os seus dereitos. E foron os mesmos os que nos colocan na privatización e liberalización de servizos públicos: TRATADO DE LISBOA, ESPAZO SUPERIOR DE EDUCACIÓN (PLAN BOLOÑA)....Con esto...para qué unha dereita rancia??

Ese é o xogo que se debate, dereita rancia PP, ou dereita dentífrica (xa saben, a que sorrí, con talante). Os da primeira non saberían disimular cal é o seu xogo, mentres que os da segunda, por mor dos intereses e rendibilidades electorais, concederon e conceden todo tipo de privilexios á gran patronal empresarial, bancaria, e relixiosa (os concertos educativos seguen aí e a intromisión constante da curia nos asuntos públicos tamén)....

A estes grandes partidos interésalles a elevada abstención. Non fan nada para debatir, para achegar propostas: o debate entre os dous cabezalistas de PP-PSOE reviviron o patio de colexio e xogaron a non dicir nada. Así, non abraia que o mellor do debate fose o peche do mesmo pola presentadora. A estratexia é clara e procura desmotivar.

A desmotivación que reparo é moi preocupante, xa que, por desgraza, se non me equivoco nos cálculos, un 70% das normas do Estado español veñen de Europa. E cantos máis rancios e dentífricos teñamos, moito peor lle irá á Europa social, á Europa dos Pobos...que, como definiu Manoel Santos na súa columna deste domingo pasado no Galicia Hoxe, semella ser e Europa imposible. Pois nesas andamos: ou construimos a Utopía dunha Europa distinta, dunha Europa solidaria, respectuosa dos Dereitos Humanos, dunha Europa nosa, da cidadanía e da súa activa participación...ou....NOIR FUTUR!!