dimanche 30 janvier 2011

ROSALÍA DE CASTRO...EN BLAS DE OTERO

Hai uns días chegoume, por fin, un libro que encargara: Hojas de Madrid con La galerna, de Blas de Otero (edición de Sabina de la Cruz para Galaxia Gutenberg, 2010). Unha boa parte dos 306 poemas eran inéditos, en concreto 161. Pertencen aos anos 1968-1977. No momento en que Blas de Otero regresa de Cuba pra operarse dun cancro. No momento en que o franquismo é o cancro das liberdades.

A medida que progresa a miña lectura, tropezo con Rosalía de Castro, sempre ela, enorme que, de forma máxica, intertextual dirán os teóricos da literatura, impregna un poema de Blas de Otero para significar algo máis. O poema chámase Melodía enxebre:

Negra sombra, negra sombra,
no me anegues en tus queixosas ondas,
no quiero escuchar
tu lamentable chasquido de hojas
secas,
negra sombra, negra
sombra,
está fluyendo una finísima lluvia, me ahoga,
no veo entre la niebla, negra
sombra, negra sombra,
no me rodees con tus manos enxebres incorpóreas,
manos pálidas
de Rosalía, negra la falda, el corpiño, la mantilla melodiosa,
contra un fondo de colinas de Iria Flavia,
negra sombra, no
veo bien, tengo miedo
d'unha cousa
que vive y que no se ve,
negra
sombra, negra sombra...

PODEDES PERSUADIR...A MIN NON ME CONVENCEDES

"El primer paso es reformar el pilar público [del sistema de pensiones] retrasando la edad de jubilación y recortando el nivel de prestaciones, empezando por los casos en que son demasiado generosas. El segundo paso es crear el pilar privado. Y para ayudar a crearlo, hay que 'empequeñecer el pilar público de forma gradual".

Estas palabras foron escritas polo Banco Mundial en 1994, tal como recolle Pere Rusiñol en Público (30-xaneiro-2011). Alguén, que teña certo sentido da critica, que non sexa acólito ou submiso seguidista das decisións dos xefes, pode dubidar que, despois do 27 de xaneiro de 2011, o tan celebrado pacto social vai na liña desexada -e mesmo imposta mediante chantaxe- polo Banco Mundial??

A fusión das caixas, tal como sospeitaba xa hai tempo, conduce á privatización, á bancarización, da mesma forma que a reforma das pensións -innecesaria, porque, prescindindo doutros aspectos que xa enumeramos noutras entradas, a seguridade social, a pesar de que padecemos unha taxa de desemprego do 20%, tivo superávit- levará a que moitas persoas se teñan que meter en fondos de pensións privados para complementar. Mais, como sinala Robin Blackburn (entrevistado no propio Público de hoxe) "lo que ha mostrado la crisis es precisamente el peligro de la privatización de las pensiones. Al pinchar la burbuja, las pensiones se evaporan".

Pódense facer todas as entrevistas que se queiran, poden tentar convencer ao público que o fixeron de marabilla, a min....non me convencen. E tampouco convence que os medios de persuasión poñan táboas comparativas cos demais países europeos. En primeiro lugar, porque Europa está dominada polo neoliberalismo en todos os seus ámbitos de decisión (Francia, Alemaña, Comisión Europea, Banco Central Europeo...) e, xa que logo, as imposicións que se deron, por exemplo en Francia e Alemaña, e que foron duramente contestadas pola sociedade, son demostracións de forza do capitalismo máis depredador. En segundo lugar, e quedándonos na toma de decisións propias ao sistema capitalista, España entrou en Europa, pero Europa non entrou en España: a non ser no euro, no IVE e na carga impositiva indirecta. Quedaron fóra o gasto en benestar social, o aumento dos salarios e un longo etcétera que Vicenç Navarro describiu como "subdesarrollo".

E se prescindo do fondo, terrible, as formas do "pacto social" son pouco o nada democráticas: chámanlle axentes sociais a dous sindicatos que, por exemplo, a min non me representan en nada. Pero, moito me temo que tampouco fixeron asembleas cos seus delegados para que estes informasen aos traballadores e traballadoras nas empresas. Isto é, trátase do habitual na farsa de democracia que temos: uns deciden por todos nós e nós, por riba, temos que aplaudir coma focas. Ja!

samedi 29 janvier 2011

O RELOXO DE 28 HORAS OU O ENFERMO TEMPO DA ENFERMA SOCIEDADE CAPITALISTA

O noso organismo dispón de reloxos biolóxicos que lle permiten orientarse mesmo en situacións de extrema escuridade ou voluntario cautiverio, como demostraron algúns experimentos levados a cabo por científicos. O noso organismo está adaptado ao ritmo da Nai-Terra coa súa rotación e coa súa alternancia entre luz e escuridade durante 24 horas. Unha das funcións dun grupo de neuronas aloxadas no nucleo supraquiasmático do noso cerebro é ser o máis importante reloxo biolóxico do ser humano para adaptarse ao ritmo circadiano, ao ritmo das 24 horas.

Alterar este ciclo ten máis consecuencias negativas das que pensamos. Mais aos donos do tempo, eses que programan os ciclos de traballo produtivo do sistema capitalista, pouco lles importan esas consecuencias. Eles queren facernos traballar todo o día (eles mandan, por suposto). Producir, producir sen parar e acumular, acumular beneficios. A costa da nosa saúde xa que alteran os tempos do corpo que son os da Nai-Terra. Ignoran as malas dixestións e o empeoramento xeral da nosa saúde corporal e da nosa saúde mental coa repercusión que ten na vida persoal e nas propias relacións familiares e sociais. Mesmo, algúns estudosos detectan unha posible relación entre aumentos de cancro e a permanente desorde que achega o traballo por turnos. Ignoran o empeoramento da calidade de vida de traballadores e traballadoras. Eles, devoradores, practican con entusiasmo un verdadeiro canibalismo nada purificador.

Estableceron a tipoloxía laboral dos tres turnos consecutivos que, de forma contínua e sen interrupcións, serven para producir máis do que realmente se necesita. Ese desexo de “producir” máis rápido e sen cesar está moi ligado á estratexia da caducidade dos produtos ideados. Velocidade na creación, velocidade no deterioro, velocidade na reposición, velocidade no consumo. E inventaron o “madrugón” e a xornada laboral eternizada sen ter en conta as estacións do ano e o diferente ritmo do corpo en función das mesmas. E, para “compensar”, inventaron tamén o concepto de “conciliación laboral e familiar” que, contrariamente ao que promulgan, consiste en que os nenos e nenas estean máis horas nos centros chamados de ensino mentres os proxenitores están a disposición dos donos do tempo. E, loxicamente, faise ignorando o ritmo circadiano de nenos e nenas. E o madrugón xa non é para pais e nais: madrugan por desgraza os nenos e nenas desde idades moi temperás. Por iso, o aspecto central é facer decrecer a xornada laboral e facer decrecer a produción para que pais e nais teñan tempo relacional cos seus fillos e fillas. O fetiche (das mercadorías, do diñeiro sobre todo, na medida en que mercadorías e diñeiro son as que nos controlan) e a alienación van da man cando non nos damos conta disto e nada facemos para recuperar o tempo dos insanos comportamentos dos donos do capital.

En Xapón, non contentos con ter as masas traballadoras atadas durante 24 horas, unha empresa ideou, tal como relata Robert Kurz (“Luces de progreso”, El absurdo mercado de los hombres sin cualidades, Ed. Pepitas de Calabaza, 2010, p. 91) o reloxo de 28 horas para unha semana de 6 días. O desexo, loxicamente, aumentar o tempo que se lle dedica ao traballo de producir. O nome do enxendro é Montu, no que vemos unha analoxía co nome do deus do sol e da guerra exipcio, Montu-Ra. Que colleran un deus solar xa nos pon en garda pois é unha forma de dicir que o tempo debe estar sempre dominado pola claridade-sol, xa que a escuridade-lúa é o tempo do repouso, da pasividade, da contemplación. Por iso, existen empresas que non dormen: mentres hai escuridade ou ben teñen turno nocturno aquí, baixo as luces artificiais da produción en cadea, ou ben traballan alí onde é día para así, cando amanece aquí, recoller os froitos e seguir alimentando o tempo crecente da incesante velocidade de produción, circulación e distribución. Nada hai máis perigoso para o capitalismo que o repouso. Por iso os mercados e as bolsas non dormen.

O fetiche da competividade da sociedade capitalista devasta o tempo libre. Como afirma Jean-Paul Dollé (L’inhabitable capital, 2010, p. 37) trátase de estar sempre por diante, de adiantar ao presente, de proxectar o futuro, de dominar o tempo, en definitiva. E nesa teima o tempo libre xa non é un tempo liberado. Como di Kurz “xa non se trata dun ocio libre senón dun tempo funcionalizado ao servizo do consumo permanente –e sumamente fatigoso- de mercadorías” (p. 91).

Por iso, como di Kurz, a solución só pode vir desde un rexeite total e absoluto do sistema de referencias capitalistas, para liberarnos das categorías capitalistas.

16-xaneiro-2011

vendredi 28 janvier 2011

ABRAZANDO OS SOÑOS

Pechar os ollos

silencio escuro na contorna
das mans

e a mente abrazando os soños

e "nessun dorma" envolvendo
todos e cada un dos fíos
da miña ialma ensoñada

e ignoro se na bágoa que escapa
fuxen tamén os soños

mais cando remata "vincerò"
seino

non cabe rendición

"roendo a coitelada do 27 de xaneiro", 28-xaneiro-2011

jeudi 27 janvier 2011

NON PODO EVITALO...É COMO UNHA TRAICIÓN


Si, xa sei, non é correcto dicilo. Mais, despois deste día de folga xeral, é como me sentín ao erguerme e ver que os "contemporizadores" chegaran a un acordo QUE CONTENTA A PATRONAL, A GOBERNO E A PP!!!!!

Con ese aval, xa sei que é algo desastroso para nós, a clase traballadora.... A falta de máis, sei que o "negocio" beneficia á patronal e aos donos do mercado, que son a quen quería contentar o goberno. E dáme a razón sobre os escritos anteriores: que era o que se negociaba de partida? un recorte de dereitos asumido xa de antemán, como derrotados ou manter os nosos dereitos? así é como se negocia ao redor dunha mesa? ou é que a cea foi tan desenfadada que entre copa e copa o incremento dos anos por traballar importaba ben pouco?

Creo que a coitelada téñoa asentada no lado dereito, como di a imaxe que adxunto...no lado esquerdo aínda...aínda manteño o optimismo da vontade: unha lei pódese cambiar cunha nova lei...e iso só pode acontecer cunha correlación de forzas de esquerdas (real, alternativa, anticapitalista e transformadora) sentada no epicentro da política estatal.

POR UNS DEREITOS NON SUXEITOS A CARIDADE, SENÓN A UNHA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA FORTE

As imaxes repítense en todas as cidades de Galicia e de España e falan dun considerable aumento das persoas que se ven na obriga de acudir á cociña económica, aos albergues e tamén aos espazos onde organizacións sociais normalmente vencelladas á Igrexa reparten alimentos ou roupa.

Algunhas voces falan de que iso pertence ao cuarto mundo. Ese mundo desfavorecido, empobrecido pola onda salvaxe do ultraliberalismo depredador en que se converteu o capital.

No sálvese quen poida individualista inoculado polo capital, os menos favorecidos caen antes. Lóxico. E forman parte dos titulares de prensa acompañados de fotos sensacionalistas, pero é inexistente a reflexión política e, desde logo, son inexistentes as posibles solucións a un mal crecente que vulnera a dignidade das persoas. Non esquezamos que a fame é unha das máis terribles formas de violencia que exercen os enriquecidos.

Ante unha dantesca situación dunha taxa de desemprego superando o 20%, se a situación non estoura socialmente é porque a economía informal, a mergullada, fai de flotador salvavidas. Así é, senón o clima de cólera social sería de impacto. Por moito que os politicamente correctos o pretendan agochar.

Neste país de traca e feira, onde o ladrillo e o coche seguen a ser considerados os “salvapatrias”, os dereitos sociais quedaron reducidos ás cinzas quentes da caridade. Os dereitos sociais, aquilo que se consignou em forma de leis para que fose o 4 piar do estado de benestar, son unha utopía lonxana. Un desexo que as disposicións orzamentarias de Galicia e do Estado converten en inalcanzable.

O voluntarismo do asociacionismo non pode erguerse por riba da Administración Pública prestadora de servizos públicos. Esta non pode desentenderse do crecente número de empobrecidos que perden a súa casa, que case non chegan a fin de mês, que non atopan traballo, etc.

Ante este naufraxio só podemos salvarnos de forma colectiva. E só podemos facelo denunciando todas as categorías que hoxe rexen o capital. Aquí non cabe reformismo de rostro amable para o capital. Só cabe o derrubamento de todas e cada unha desas categorías. Cómpre, primeiro, limitar os seus efectos perniciosos, mentres introducimos os mecanismos de contención de forma firme e global (democracia de base, participativa e asemblearia; economía solidaria e cooperativa; soberanía alimentar; prescindir dos mecanismos de intermediación comercial, comercio xusto; xornada laboral reducida a 35 horas; decrecemento enerxético, produtivo e de consumo; filosofía de paz, firme defensa dos dereitos humanos e dnha cidadanía republicana (planetaria, incluínte e integradora)), que vaia máis aló do anecdótico, digno de resistencias que o sistema capitalista pode aceptar porque non afectan ao seu mantemento.

A defensa dos dereitos inalienables nunha Democracia é imposible se o sistema que recobre o artellado é o capitalismo. Hoxe en día, para o capital, as persoas que non producen sobran. Así de claro. E fronte a isto só cabe organizarse desde abaixo. Fronte a iso só cabe socialismo.

mercredi 26 janvier 2011

EL ARTE DE VOLAR, DE ANTONIO ALTOLARRIBA E KIM


Unha historia verdadeira, un suicidio consciente, serve de detonante para que a memoria se active. Así, o guión, as palabras de Antonio Altolarriba procuraron a perfecta asociación nas imaxes, nos debuxos perfectos de Kim -autor da serie "Martínez el facha" en El Jueves.

Só podo dicir que a sucesión cronolóxica dos acontecementos resulta convincente. A mensaxe clara. Os debuxos perfectamente ligados ás palabras. Un dos mellores cómics que puiden ler e disfrutar.

O pai do escritor suicidouse o 4 de maio de 2001. Faino desde a cuarta planta da residencia de anciáns na que estaba. Tiña 90 anos. Ese vó serve para introducir os diferentes episodios cronolóxicos e vitais do pai.

A historia duns dos momentos máis relevantes da nosa historia máis próxima narrada de forma sinxela e clara. Fuxindo das manipulacións dos vencedores e dalgunhas das ideas-forza dos vencidos.

Pra min sería de obrigada lectura en calquera clase de sociais ou de literatura. Pero xa sabemos os prexuízos que aínda abriga España para co cómic.

FOLGA XERAL, PORQUE TEMOS QUE DEFENDER O NOSO FUTURO


Pois xa chegou o día. Mañá 27 de xaneiro veremos de que forma a sociedade galega en xeral se mobiliza en contra do "pensionazo" (adxunto imaxe de Kalvellido descarcagle en Rebelión).

Como xa dicía nunha entrada anterior, a estratexia contemporizadora de CC.OO. e U.G.T. -errada, para min, xa que a mobilización é necesaria para facer que a negociación progrese cara aos intereses da clase traballadora- fará que teñamos que atender a esa carencia, pero que, de por si, non debera xustificar a presenza ou ausencia das persoas traballadoras do país.


O feito de que a CIG, organización convocante, á que apoian outros sindicatos minoritarios como CUT, SLG, STEG ou organizacións políticas como BNG e EU, decida que a protesta se arbitre en base a unha pluralidade de manifestacións en máis dunha ducia de localidades, pode dar a entender que existía algo de temor en facer unha manifestación de alcance nacional que, ao noso modo de ver, debera ser o xusto.

Non vou estender os números do meu claustro ao dos restantes centros de Galicia, xa que todo depende da correlación de forzas dentro de cada un dos centros. Mais, aínda así, si cabería agardar que as numerosas persoas que votaron a CIG nas sindicais de decembro, e provocaron o seu incontestable triunfo, optasen por apoiar a folga. Polo que sei do meu claustro non vai ser así. E teríamos entón que pensar que é o que determina o voto. En fin...

Agardemos a mañá para completar a percepción sobre se a folga xeral foi ben ou non.

mardi 25 janvier 2011

R.I.P. AS CAIXAS REPOUSAN NO PETO DOS BANCOS EN CONCORDIA MERCANTIL


Tíñao perfectamente claro. Alguén cun mínimo de sentido crítico non o tiña claro? Que non veñan agora laiándose: a bancarización era a estratexia inicial do Goberno e do Banco de España. Só había que presionar o suficiente para que limpasen os seus baixos e acadar en primeiro lugar a fusión.

Era preciso que esa fusión alixeirase traballadores, oficinas e que se volvese un fermoso caramelo dinerario e financeiro. Un caramelo libre de problemas.

Agora a perda das caixas, que xa se iniciara cando xogaron a ser bancos procurando o lucro inmobiliario, xa é irrefrenable. Nada deterá a súa bancarización. As babas envolven xa ao caramelo disposto para ser zugado e ben masticado.

Por iso, este que escribe sempre se opuxo á fusión, previo paso a esta privatización. Era preciso, nunha dialéctica de esquerdas, recuperar as caixas e devolvelas ao fin social e entregalas á participación cidadá. Pero, claro, iso ía contra os intereses do "mercado".

dimanche 23 janvier 2011

"CON O SIN CAPACIDAD"

Esta frase, desde que a escoitei no telexornal, exerce de martillo e volve unha e outra vez quizais para que realice o sortilexio de desfacer ese eterno retorno mediante a escrita.

A frase pronunciouna a locutora dunha nova moi interesante e chea de optimismo solidario cunha asociación de Madrid que ensina a nenos e nenas e tamén a mozos e mozas con diversidade funcional a crear, simplemente polo pracer de crear.

Por iso, cando no remate da nova a locutora di "con o sin capacidad" para caracterizar ao acto creativo que aí se exerce, só podo reaccionar cun certo enfado puntualizador. Capacidade...témola todas as persoas. Talento, iso pode ser outro cantar. Pero todos eses nenos e nenas teñen capacidade para expresar o seu universo interior: só temos que educar e despois deixar que se poñan á tarefa.

Repito, non comparto esa frase que volve unha e outra vez desde o telexornal. Non vin na nova a ningún neno ou nena sen a capacidade para crear simplemente por crear, para expresar coa súa propia ollada o universo que ve.

O MOVEMENTO CONTESTATARIO EN FRANCIA

De novo, desde Francia veñen os berros contestatarios fronte ao ataque das políticas ultraliberais (tanto ten Sarkozy coma Zapatero, e vaia de exemplo a ledicia e a satisfacción que expresaba Sarko no tocante ás medidas-recortes de ZP) que pretenden ir derrubando o edificio da educación pública.

Perante a entrada de 35.000 novos alumnos e alumnas, Sarko pretende eliminar 16.000 postos de traballo. A xustificación da maldita austeridade ultraliberal non se sostén. No fondo da cuestión está a degradación do ensino público para, despois, proceder a impulsar o lucro e o negocio coa educación pública.

Mentres asistamos como espectadores a unha peza orquestrada por títeres nada cambiaremos.

En Francia, lóitase. Aquí....o eterno soño dunha noite de verán...

mardi 18 janvier 2011

TELEXORNAIS PRA VOMITAR

Cada vez danme máis ganas de "arquexar" e expulsar o que teño dentro cada vez que vexo un telexornal. Desta volta o da SEXTA. Os argumentos sobre o 90% menos de "pateras" (que son máis pequenas, di a presentadora) representaría o triunfo contra a inmigración ilegal. Xa non é que as persoas migrantes non son ilegais...sobre todo se aínda non entraron neste país, senón que o argumento é falaz. Ignórase que a política securitaria de fronteiras (desprazadas ao sur) provocan outras viaxes aínda máis perigosas. E, tamén, hai outro feito claro: saben que España é un país en crise, en quebra social. E de aí que procuren outros países.

"Del ex-presidente Ben Alí...". O pobo de Túnez debeu dar un golpe de estado desprazando a un presidente democrático, pero non. O movemento insurreccional era contra unha farsa, contra un ditador...de aí que fuxira a onde fuxiu. As definicións que sexan clariñas. "Un poquito de por favor"

samedi 15 janvier 2011

ATROCITY EXHIBITION, DE LOIS PEREIRO

Xa falara noutra entrada de que as tesoiras se achegarían para "deconstruir" o verso poético de Lois Pereiro e fixérao co poema Acróstico, ben elocuente no debuxo das siglas e das emocións. Mesmo, e sei que me poden criticar por isto, dubido que sexa moi acaído editar como especie de diario o que el mesmo denominou como "impublicable" e que pertencía á intimidade epistolar. Pero vaise facer. Manda a celebración e manda o mundo editorial desexoso de novidades ao respecto.

Eu, pola miña banda, hoxe, recollerei os versos de Atrocity exhibition, contidos na edición de Positivas do libro Poemas 1981-1991 (a primeira edición é de 1992, a segunda de finais de 2010), onde, persoalmente, atopo unha sensación de espello roto no trazo violento do amor que é fume:


Deixa un bico no espello
onde arde a miña sombra pola noite
e que podrezan xuntas
a imaxe da túa ausencia,
silueteada en roxo cos teus lavres,
e o perfil violento do meu soño
que enxendra amor gris fume
un odio carmesín
e na lingua e nos dentes
sangue e semen

HAI MELLORES MANEIRAS DE DIVERTIRSE QUE UN DESFILE DE MODELOS

Vale, pode que sexa un verdadeiro e noxento carca, pero considero que para dar a coñecer a faciana cultural chinesa non é preciso un desfile de modelos e, por riba, ter que pasar a vergoña de facelo e todo para dar unha imaxe de que "os chineses non saben unicamente traballar".

E abráiame a carencia de reflexión crítica sobre a "exposición" da muller. E resulta que ao facelo ao mellor caen noutro estereotipo aínda máis nocivo, non sei.

En verdade a relación intercultural dáse cando dúas persoas dialogan e achegan o seu pouso de respecto para comprender o que os diferencia e tratar de achegarse, de tender unha ponte relacional. Polo tanto, considero que un desfile de modelos, ou participar nun concurso tipo gran irmán ou operación triunfo, expresións da vida occidental que triunfan ou triunfaron na televisión e na sociedade, non achegan nada á hora de vencer estereotipos e menos aínda á hora de crear o espazo intercultural.

Debo ser un carca...

vendredi 14 janvier 2011

XUBILARSE E PODER VIVIR CON DIGNIDADE

A batalla non se libra ao descuberto. Xira ao redor dunha mesa e de persoas que se supón representan o sentir e a vontade do pobo. Algo así debe ser a Comisión do Pacto de Toledo. E, en base ao seu informe de finais de 2010, representa tamén un espazo para que sabios, técnicos e especialistas en materia económica acheguen a súa particular visión da xogada. Todo no noso nome, pero sen contar con nós.

O borrador infórmanos sobre múltiples aspectos que se discutiron en materia de pensións contributivas (8.614.876 persoas a día 1 de xaneiro de 2010) e non contributivas (455.655 persoas, que perciben uns 339,70 euros): desde a ampliación do período de cálculo das pensións, ata a dimensión de xénero en materia de pensións, pasando pola necesidade de incentivar a prolongación da vida laboral, a restrición das xubilacións anticipadas, o reforzo do sistema complementario de pensións (i.e fondos privados de pensións), e a accesibilidade e adecuación das pensións. En todas elas emana a retórica economicista digna do capitalismo, e acéptanse os presaxios negativos dos órganos de decisión neoliberal. Nun dos aspectos máis relevantes, o da idade legal para xubilarse, podemos ler: “a comisión constata que non se acadou acordo en materia de idade legal de xubilación” (páx. 57). E non obstante, tanto ten. O goberno xa ten decidido que serán 67 anos. E o peor: quere aumentar o tempo de cálculo. E tanto lle ten se os axentes sociais discrepan: o goberno ten previsto algún decretazo poara impoñelo.

Non son un especialista. Falo tendo en conta que non quero este sistema de acumulación capitalista. Falo desde dentro dun sistema do que non comparto a súa forma de producir e de vivir a vida. Tendo en conta isto, si sei algo: non quero traballar máis aló dos 65 anos, quero ter unha pensión que me permita vivir con dignidade, e quero que as demais persoas vivan con esa mesma dignidade. De forma humorística –ou non- traio o paradoxo que me formulaba un amigo: deberíamos poder vivir a nosa xubilación entre os 25 anos e os 40, cando temos todas as nosas facultades intactas, xa que aos 65...quen sabe se chegaremos e como chegaremos. Falando de desexos, cabe lembrar unha enquisa levada a cabo polo Institute for Future Studies de Estocolmo (Suecia), onde os homes dos países da UE-15 din querer xubilarse aos 58 anos e as mulleres aos 57,5 anos. A idade desexada para xubilarse é maior no norte ca no sur. Isto non debe abraiarnos xa que canto peores son as condicións laborais, maior é o desexo de xubilarse.

Sabendo que xurdirá o coro de economistas pro-sistema neoliberal, no que segue fago unha síntese das impresións de especialistas en materia económica como Vicenç Navarro, ou Juan Torres, que, por suposto, discrepan e rebaten os argumentos dos anteriores.

1. O aumento da esperanza de vida. Certo é. Vivimos máis. Pero non todas as persoas viven máis e coa mesma calidade. Demostrado está que as persoas que teñen rendas altas viven máis anos que os que teñen rendas menos altas. Por moito que o queiran negar....as clases sociais seguen existindo.

2. Todos aos 67. Non é xusto. Existen diferenzas laborais enormes entre traballos que requiren dunha aplicación de forza manual e os traballos digamos que de tipo intelectual. Nos primeiros, a consideración do traballo é sentida de forma negativa, coma un medio necesario para poder (sobre)vivir. Nos de tipo intelectual, non é infrecuente que exista un desexo de proseguir traballando, xa que disfrutan traballando. Non semella xusto facer traballar 2 anos máis a todo o mundo. É fondamente inxusto para as persoas que teñen traballos menos remunerados, máis duros e que, por riba, vivirán menos.

3. Unha protección fronte á pobreza. O 50% da poboación europea de 60 ou máis anos está en situación de desemprego. O aumento da idade laboral para xubilarse significaría o aumento da bolsa de desemprego e da gravidade de situacións de risco de exclusión social. As pensións son unha base esencial para non caer na pobreza. Por iso, o determinante debera ser a contía das pensións. Por exemplo, en España, no ano 1995 un 16% dos pensionistas vivía na soleira da pobreza, no 2008, un 28%. Por suposto, debido a pensións reducidas en contía que non permiten loitar contra o encarecemento da vida. A profesora Camila Arza da Universidade Pompeu Fabra demostra que as pensións en España son moito máis baixas do que deberan ser polo nivel de riqueza económica que ten o estado. Son baixas as contributivas e as non contributivas. E é inxusto que así sexa, xa que non hai razóns de peso para esta circunstancia. Só a falta de vontade política de facer ben as cousas.

4. Predico e fago o contrario. Unha das entidades que máis está “tocando as narices” é o FMI. Esta organización neoliberal esixe austeridade, pero esquece totalmente de facer aquilo que predica. Un funcionario do FMI pode cobrar cifras equivalentes a 160.000 euros ao cabo de 25 anos de traballo. O pensionista español precisa traballar 40 anos para acadar a cifra máxima da pensión, que nunca será o 100% do salario, senón o 80% da súa base de cotización para un máximo de 22.000 euros. É inmoral e inxusto que esta tropa neoliberal sexa quen moralice sobre a idade da xubilación e as pensións. E é fondamente inxusto e nefasto que se pretenda aumentar o cálculo para poder cobrar a pensión. Ademais, criticable é que se pretenda facer o cálculo sobre todos os anos traballados, e non sobre os mellores anos traballados, xa que rebaixará de forma substancial a contía da pensión.

5. O discurso do medo = privaticemos. O noso sistema de pensións non está en perigo. O que está en xogo é animar as persoas a que invistan nun plan de pensión privado. Un caramelo para bancos, caixas e axencias de seguros. De feito, unha das recomendacións do pacto de Toledo vai nesa liña. Triste. É como se tendo unha hipoteca central para a nosa (e única vivenda) nos dixesen pasados 10 anos que debemos formalizar outra hipoteca para poder ter dereito a esa vivenda. Por riba, fano cando os que teñen problemas de liquidez son os fondos privados de pensións, dados aos xogos especulativos de casino. Isto é, os que provocaron a crise financeira queren (devorar) o noso diñeiro.

Tal como denunciou Gaspar Llamazares o 29 de decembro de 2010 ante a Comisión do Pacto de Toledo, a finalidade dos Think Tank e organizacións neoliberais é verter desconfianza sobre a viabilidade do sistema público de pensións. Facerlle caso ás súas recomendacións representará o “empobrecemento da sociedade española” e a “perda de cohesión social”. E se existe un risco para o sistema de pensións, este é doadamente correxible: aplicando unha filosofía progresista e eliminando o tope de exclusión no gravame das rendas, correxiríamos a polarización das rendas e aumentarían os ingresos da Seguridade Social. Pero, claro, como di Vicenç Navarro, os que teñen o poder son precisamente os donos das rendas máis altas...

En xogo está a nosa dignidade. Os sindicatos non poden ceder á chantaxe. Cómpre mobilizarse e cómpre unha política que se enfronte á ditadura dos mercados.

9-xaneiro-2011

jeudi 13 janvier 2011

CONTEMPORIZAR...UNHA ESTRATEXIA SINDICAL ERRADA

Contemporizar.

Ese é o verbo que semella ben introducido na práctica dos grandes sindicatos de clase do Estado. E, claro, mentres iso acontece, os medios de comunicación claramente ao servizo do sistema político-económico establecido nada van facer: só cabe recordar os numerosos espedimentos de xornalistas no 2010 e os ERE's postos en marcha baixo o amparo protector (para os intereses da patronal) da reforma laboral decretada.

Por iso, todo semella proxectar cara ao exterior que vivimos nunha paz social, de diálogo, de que as reformas son necesarias...por suposto...todo falso!

(Digressio: só hai que pensar no desbaldimento que representa a Cidade da Cultura en Galicia e a ofrenda ao deus da opulencia que nos levará millóns de euros anuais para darse conta de que estamos totalmente desnortados e que imos directos au naufraxio.)

Esa táctica e estratexia desmotiva, desilusiona e desmobiliza. Polo de agora, en Galicia, e falo dos grandes sindicatos, só a CIG semella disposta a encher as rúas de protesta e facer unha folga xeral o 27 de xaneiro. E eu farei folga ese día...porque é xusto loitar polos dereitos da clase traballadora e non hipotecar o noso futuro.

Pero non se pode perder de vista que sen o apoio dos outros 2 sindicatos de clase maioritarios a folga xeral perderá moita forza. E unha folga xeral diluída tampouco nos convén para os intereses que nos guian. Por iso, cómpre que os 2 sindicatos que dialogan e contemporizan pasen ao ataque. Xa o dixo ZP: pra contentar aos mercados seguirá adiante coas reformas con ou sen consenso: con decreto. Entón...de que se fala...?

Quero pensar que CC.OO e UGT presentaron de saída as súas esixencias e que estas contemplarían como mínimo a negativa a aumentar a idade de xubilación, a negativa a aumentar o tempo de cálculo para o establecemento da pensión e un aumento das contías das pensións. Que respondeu o goberno? Se dixo si a todas as esixencias que o digan...mais témome que foi un non. Entón...de que se fala? A que aspectos positivos se refire o secretario de CC.OO.? O de UGT nin fala.

En Bolivia o pobo demostrou que se pode dar marcha atrás a decisións que van contra os intereses xerais do mesmo. Por iso, non podo defender a actitude contemporizadora, porque penso que vai existir un ataque a traizón do goberno e, despois, os contemporizadores quedarán sen poder de reacción...e estaríalles ben se non fose porque perde a clase traballadora.

Non podemos perder máis o tempo. Sei que hai unha enorme masa de acomodados ou -peor aínda- que se cren acomodados-, mais os malos tempos da lírica tamén repercutirán neles e, xa veremos se me equivoco.

mercredi 12 janvier 2011

NIN UNHA, NIN DÚAS...CAMPAÑA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA EN FRANCIA

Da Cimade, entidade que traballa polos dereitos das persoas migrantes chégame o seguinte video que se inscribe dentro da campaña NI UNE NI DEUX (Nin unha nin dúas) en contra da violencia machista contra as mulleres migrantes en Francia que, amais de soportar a violencia da súa parella ou de proxenetas, coñecen a violenta actitude do país que di acoller.

samedi 8 janvier 2011

A VIOLENCIA DOS DISCURSOS DA (EXTREMA) DEREITA TEN CONSECUENCIAS

Estamos situados no discurso da violencia. O TEA PARTY e a forma de "animar" aos seus a demostrar o seu poderío -que non impedía, todo o contrario, a exaltación pública das armas- tivo unha triste consecuencia no tiroteo que un mozo de 22 anos -claramente alienado polo discurso reaccionario da extrema dereita- levou a cabo asasinando a 5 persoas (entre elas unha meniña de 9 anos) e ferindo de gravidade na cabeza á congresista demócrata Gabrielle Giffords. É o triunfo do discurso do odio.

Aconteceu nun acto de proximidade democrática que a congresista levaba adiante para dar a coñecerse ante os seus votantes. En Tucson, Arizona, as armas, esa terrible expresión da violencia e do individualismo ianqui atacaron toda a súa emoción demócrata.

As mentiras e o politicamente correcto abrollarán de forma miserable e escoitaremos todo tipo de laios falsarios en voz daqueles que hai uns días xustificaban a violencia en contra daqueles que apoian a reforma sanitaria e daqueles que se atreven a denunciar a infumable lei de inmigración de Arizona. E tamén escoitaremos de todo sobre o tipo de motivación e todo tipo de "xustificacións" para o comportamento do mozo. Pero nada xustifica, en democracia, o acontecido.

Do TEA PARTY e do seu discurso violento, de odio e xenreira polos que son diferentes...nada bo pode vir, nada bo virá xamais.

NUESTRA SEÑORA DE LA CUNETA, DE RAFAEL TORRES


Na beira dos camiños de Galicia e de España dorme, abafada baixo a fría e húmida terra, moitas veces xa baixo cemento, a memoria dun tempo constitucional, o da II República. E sucede tamén que, nos xestos cotiáns, as persoas, cando nada revela a memoria esquecida, pasamos diante sen deternos e contribuíndo, coa nosa ignorancia deliberada ou non, ao triunfo da covardía franquista.

Un deses xestos ignorantes pode ser, por exemplo, pasar por Rábade, a toda velocidade, sen considerar que aí, o 18 de agosto de 1936, foi atopado, sen vida, asasinado, o corpo de Juana Capdevielle. Tiña 31 anos, posiblemente embarazada, a súa beleza conmoveu aos que foron testemuñas do achado do corpo. Muller intelectual, republicana, bibliotecaria na universidade complutense, e que chegara a Galicia impulsada polo amor e casamento con Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da Coruña, tamén asasinado, o 24 de xullo do 36, despois de que resistise o asalto das forzas golpistas.

Rafel Torres recupera, de forma sinxela e áxil, a memoria de Juana Capdevielle, de Francisco Pérez Carballo e debuxa os trazos esenciais da inicial represión franquista na provincia de Lugo. Un libro que recomendo xa que nos permite vencer esa ignorancia á que me refería antes (Edicións Nigra Trea, 2009).

Houbo que agardar até o 2008 para que un monumento lembre de forma pública a figura de Juana Capdevielle, asasinada en Rábade. Foi cando estaba o bipartito no goberno da Xunta. Figura inscrito nel o poema que Claudio Rodríguez Fer lle dedicou a esta muller no fermoso libro Ámote vermella.



Antes co PP e agora de novo co PP, as beiras dos camiños aínda deberán agardar a novos folgos que ousen desafiar o decorrer desmemoriado dos tempos actuais.