mardi 29 mars 2011

COMO CORRÍAN...INAUGURA QUE SAÍMOS NA FOTO!!


Que espectáculo! Mi má! Febre inaugural ao longo de todo o mes de marzo. Xa rematou. Menos mal. A min, especialmente, producíame unha mestura entre risa e abraio ver a un enorme séquito de políticos -cheguei a contar máis de 25 persoas nun acto así en Compostela- inaugurar....UNHA RÚA!!!

Por suposto esa e outras rúas inauguradas xa existían antes. Nada habería máis sensato que facer ben o traballo e que sexan os propios veciños e veciñas quen, co seu ir e vir cotián, a "inauguren". Sen farándulas. Sen procurar a foto de galería.

Mesmo, hai uns días, algún político dicía que a Lei Electoral, que prohibe inaugurar e visitar obras desde as 00:01 do día de hoxe, os ía deixar sen traballo.

A que rol reducen o seu traballo. Mi má! Así nos vai. Só queren saír nas fotos.

E o máis terrible é que estes cambios os decidiron en "comandita" eles, os maioritarios, PP, PSOE e outros partidos no centro das desfeitas (Madrid). Iso si, deixaron sen tocar os aspectos que realmente democratizarían a Lei e os procesos electorais.

Por covardía democrática? Por medo á perda?

En fin, declaro que me alegra non ter que ver en precampaña os caretos (e caretas?) dos candidatos por todas partes: marquesiñas, farolas, e en canto espazo -os poderosos e afortunados (de fortuna económica)- podían mercar. Alégrome. Que curren e pateen as rúas! Pero só neses 15 días...e chega, penso eu.

Son tempos de insensatez plena. Síntoo. Pero esa é a realidade. Agora, tal como pasara coa famosa foto de iate en tempos de Quintana, sae a do barco-narcotráfico de Rajoy. Perfecto fume de distracción do elemental. Non vaia a ser que pensemos demasiado.

E mentres, claro, a política de verdade ausente. En tempos de guerra, as bombas que se lanzan sobre Libia son os diñeiros que din nos faltan para sanidade, educación e servizos sociais. Pero, tanto ten. Ah! Claro...as bomabas lanzadas protexen aos civís....Entón, pregunto: como é que fuxen e chegan a Lampedusa, por exemplo?

Ah! E como me temía, xa vexo unha certa escuridade informativa, unha clara dirección das mensaxes en beneficio, claro está, do Goberno Central. Pra saber algo, só queda algún medio de internet alternativo e algunha cadea de televisión estranxeira.


En fin...

mardi 22 mars 2011

SOMOS CADA VEZ MÁIS IMBÉCILES...ASÍ DE CLARO


Si, cada vez somos máis imbéciles: como mínimo. E lamento se alguén se sinte ofendido, pero embarcarse nunha guerra ben merece, como mínimo, este calificativo.

E nesa imbecilidade até nos cremos, porque interesa non cuestionarse nada, de tan aborregados que estamos, os argumentos belicistas astutamente lanzados desde a OTAN-EE.UU.

E xa somos como esa gran masa desinformada que, desde a súa butaca de salón, co bandullo ben cheo de hamburguesas e cervexa, berraba cheo de ledicia por un morto descoñecido, e que choraba, se lograba enterarse, por un heroe morto. Só os ben informados, só os que coñecían os efectos devastadores da guerra, loitaron para o retorno do exército...como loitamos aquí en contra da guerra de Iraq.

Pero, o sofá non servirá para afogar a falta de conciencia e o feito de que, cando un país declara a guerra a outro, e con alegría decide intervir con armas, matando inocentes -pregúntome porque habería que negarlle a condición de civil a unha persoa seguidora de Gadafi, por exemplo-, é un país inimigo. E xa se sabe o que supuxo iso na guerra de Iraq, pero semella que a nosa memoria desmemoriada -xa se sabe o que sucede coa herdanza do golpe de estado e a ditadura franquista- é prisioneira da súa propia idiotez.

Agardo que os pobos de España non sexan como a case totalidade da clase política: só IU e BNG dixeron non. Serán tan pro-belicistas e están tan convencidos dos motivos da guerra? Ou, como dicía Boris Vian, farémonos eco do seu compromiso pacifista e berraremos que non estamos na terra para matar a xente inocente.

Pero, ollo, o peor será informarse, ben, desde agora, xa que o aparato de Estado, de seguro, presionará para que non vexamos o que debemos ver.

Cada vez somos máis imbéciles porque nos parecemos cada vez máis aos imperialistas ianquis. Así é. E que non veñan os pro-belicistas a moralizar(me) coas bondades desta guerra. Non o acepto.

Eu seguirei protestando e denunciando o hipócrita modo de vida de España, que é o do capitalismo, o do neocolonialismo, o do control de recursos de países alleos, o de comerciar (armas e demais produtos) mentres conveña ou invadir cando non.

Mañá, ás 20h30 teño boas razóns para dicir NON Á GUERRA, NON ÁS GUERRAS. Eu estarei na Praza do Toural. Agardo que esteamos moitos e moitas compostelás. E que nas restantes cidades de Galicia estean moitos e moitas galegas.

Só lles digo aos pro-belicistas unha cousa sinxela: que sexan responsables e acepten as consecuencias dos seus actos.

samedi 19 mars 2011

NON...MÁIS GUERRAS NON...


Estas liñas son un laio impotente para botar fóra de min a sensación de que este mundo camiña ao desastre. Abraio coa facilidade con que se declaran guerras. Guerras que traen mortes e que, non o esquezamos, en liñas xerais, nunca traen paz, senón que inoculan a xenreira, o odio de forma tan fonda que non se pode extraer o seu veleno do corpo.

Dicía, xa hai uns días, que en nome do petróleo, non. Pois será en nome do petróleo. E a guerra librada en terreo alleo só levará a morte de inocentes, tal como a guerra de Irak, de onde provén a imaxe, ou como a de Afganistán, ou nos bombardeos de avións sen tripulación dos EE.UU. que descargan, de forma cobarde, as súas bombas sobre inocentes no Paquistán. Non quero guerras. Guerras que o do outro lado libra con armas vendidas por Europa e outros, entre eles a hipócrita España. E quen armou aos rebeldes? Ao fin, resultará que nós mesmos armamos o conflito en Libia.

E que podemos pensar cando nin sequera foron capaces de romper relacións diplomáticas con Israel cando fixo o que fixo co pobo palestino? E que acontece co que suceden no Bahrein, no Iemen e noutras latitudes...?

Que diríamos se a participación de España declara o noso territorio obxectivo de ataques. Tan superiores nos cremos que ousamos bombardear ou declarar guerras, matando persoas, pensando que imos saír impunes de tal feito?

A violencia só trae violencia. E a morte, máis morte.

A Paz, está de loito...de feito, nunca se quitou esa negrura...só nos actos da construción da utopía pacifista...hoxe máis lonxa ca nunca.

Non aprendimos nada da historia. Así nos vai. Así nos irá.

dimanche 13 mars 2011

SOBRE CINE QUE NON SE VE


O outro día batín, case de casualidade, nos andeis do videoclub, cun film, Retornos (producida por Vaca Films, dirixida por Luis Avilés) que me deixou abraiado por varias circunstancias: a) é unha boa cinta, de boa calidade, con guión, argumentos fóra do habitual e unha moi boa interpretación; b) é galega, no elenco de actores (Federico, Morris, Xosé Barato, ....) e actrices (María Bouzas), nas localizacións (Coristanco, Laracha, A Coruña...), na cultura reflictida e mesmo na lingua, que sae de forma natural -e subtitúlase en castelán-; c) non logro descifrar se esta película estivo presente nas salas de cine de Galicia. Lancei a pregunta no facebook e as respostas eran que aprendían sobre o filme ao ler a miña pregunta.

Que demos sucede para que películas que, de seguro, algunha axuda pública levarían e que esforzo de distinto tipo significaron, non se proxecten nas nosas salas??

Esta interrogante enlázoa coa cuestión que se formula Enrique González Macho, presidente de Alta Films, "¿Por qué no hay cine independiente en televisión?" (Fotogramas, marzo 2011, p. 10). Como recolle o autor esa ausencia non se debe a unha carencia de oferta. Haina, e de calidade. E por riba, como di González Macho, "es mucho más barato que el cine made in USA". E, con razón, sinala que as televisións autonómicas e privadas non teñen ningunha vontade para sairse dos camiños trazados polas majors norteamericanas. E lanza unha observación interesante, se coñecesemos canto diñeiro destinan esas televisións a comprar produtos made in Hollywood, "probablemente nos daría vergüenza ajena", pero trátase dun dos segredos mellor gardados. E, finalmente, apunta á ausencia de vontade política para modificar ese camiño empredido que só leva á perda de diversidade cultural.

Pois si, non hai cine independente na televisión e tampouco nas salas de cine -agás excepcións xa recoñecidas por premios en festivais- e tampouco hai cine galego nas salas de cine galegas, ambas dominadas polo mesmo modelo de pensamento. E todo ao servizo de divulgar o mesmo ideario socioeconómico (a golosina visual, que describiu Ramonet). E coa desastrosa clase política que hoxe domina Galicia, nada se pode facer pra promocionar o cine realizado en Galicia e na nosa lingua.

Remata González Macho amosando a súa decepción: "Días funestos para quienes desean ver algo diferente al más de lo mismo". Agardemos ter as forzas para reverter esta negrura e iluminar con novos focos o futuro.

samedi 5 mars 2011

SOBRE CULTURA, MUSEOS E CIDADE DA CULTURA


A reflexión de hoxe bebe de dúas inquedanzas que levan tempo axitando o compromiso do autor coa cultura de Galicia. E rexurdiron hoxe baixo a forma de dúas lecturas, a dunha nova sobre o Museo do Pobo Galego ("¿Un pobo sen museo?", Galicia Hoxe, 5-03-2011, [non poño ligazón para non desviar a vosa lectura do que máis me interesa]) e do especial que a revista Tempos Novos lle dedicou á Cidade da Cultura (CdC) no número do mes de febreiro (nº 165).

1. Preocúpame, e moito, o futuro dos contedores culturais de Galicia. Baixo a xustificación da austeridade neoliberal, as partidas destinadas aos máis emblemáticos espazos da nosa cultura de base redúcense en moito, provocando graves situacións de sustentabilidade.

Eis o que se anuncia hoxe na preocupante nova do Galicia Hoxe. O Museo do Pobo Galego froito desa irresponsable política cultural dos nosos (des)gobernadores pode verse na obriga de solicitar un ERE que afectaría aos 10 traballadores e traballadoras ou mesmo a pechar salas.

Este Museo leva xa 35 anos de divulgación da nosa cultura antrolóxica e etnográfica ben coñecidos e recoñecidos pola nosa sociedade en base a unha eficaz política de visitas guiadas para centros docentes. En si, polo tanto, é patrimonio. O novo non é forzosamente mellor.

Hoxe tratará o padroado da institución a posibilidade de cobrar 3 euros pola visita. Isto, por suposto, presenta a necesidade de re-pensar como ofrecemos a cultura á sociedade e re-pensar o modelo da gratuidade para todo. E liga coa segunda reflexión.

2. Non nos podemos quedar só nas consecuencias da austeridade neoliberal. Cómpre collermos en consideración tamén o compromiso da cidadanía. Está disposta a cidadanía a militar culturalmente en defensa do noso patrimonio (cultural, literario, paisaxístico, ...)? Isto é é consciente a cidadanía galega que a cultura hai que preservala, mantela e defendela? E que para iso é preciso compromiso activo, militancia?

De forma discursiva e ideolóxica, ligo esta reflexión coas excelentes respostas de Manoel Santos á necesidade dun novo medio de comunicación en galego ("Os medios de comunicación galegos", Galicia Hoxe, 05-03-2011). El conclúe que non, que para ter un medio alternativo debería ser "expresión das necesidades populares, e non parece que as necesidades populares galegas precisen del. Isto é non xorde primeiro o medio e despois a masa crítica que o apoia senón ao revés. Do contrario, xa tería xurdido, e non se terían esfarelado proxectos como Vieiros e A Nosa Terra sen que ninguén movese un dedo". E láiase pola carencia dun compromiso militante que permita precisamente a aparición e mantemento desde medio alternativo. Esta circunstancia adéntrase na terceira e última reflexión.

3. Non podo menos que estar en contra das liñas argumentais do especial sobre a CdC. E máis, se contrastamos coa realidade cada vez máis minguante dos nichos da cultura de base galega de sempre. Os diferentes textos (tanto dos analistas pertencentes ao medio, coma o das colaboracións) procuran establecer o camiño de "como facela estratéxica para o país".

Pasan da crítica que realizaron no pasado á xustificación de certas accións políticas e sobre todo a xustificar o futuro. Empregan un argumentario posmodernista e imaxinan unhas potencialidades que é imposible a CdC sexa quen de artellar:

"sobre o papel debería facer participe (sic) do fenómeno cultural a unha parte ampla da cidadanía que actualmente non conecta coas institucións existentes, e ensanchar as posibilidades do sistema cultural galego." O feito de que sexa un "complexo é [un] activo para convertelo nun espazo con vitalidade cultural ". E afírmase tamén que outro "indicador de éxito é que o proxecto sexa apropiado polo tecido cultural galego, e en canto espazo público polo conxunto da cidadanía (p. 22).

Hai máis fragmentos análogos. Mesmo asentan o desexo de que a CdC sexa "un distribuidor turístico para o conxunto do país" e que "os turistas fagan consumo cultural" (p. 25). No fondo, non se afasta moito da idea xa enunciada na prensa de que a CdC é como a Catedral...e xa sabemos como esmoreceu o comercio tradicional na zona vella e en que consiste o "consumo cultural" xerado ao redor da Catedral.

Pregúntome, con sinceridade, en que Galicia viven os autores do especial.

Amais de desexar que non se rematen de construir os outros 3 edificios previstos, teño a ben pensar que os existentes non deben servir como argumentario cultural. De facerse, darase un paradoxo que xa comeza a albiscarse: a procura de rendibilidade do modelo CdC conlevará a perda de sustentabilidade dos espazos culturais até o de agora consolidados -se ben con dificultades debido a unha carencia de militancia. As partidas destinadas a estes últimos reduciranse cada vez máis porque en tempos de crise, e mais coa política antigalega do PP, a cultura galega sobra.

Considerando que é impopular, o ideal sería aventurar a desaparición por invisibilidade da CdC. Mais iso é dificil que aconteza. Sería desexable, xa que a posta en marcha e mantemento da maquinaria suporán ducias de millóns de euros cada ano. Porque o modelo CdC é un modelo propio ao capitalismo. Isto é importante non perdelo de vista. Non é un modelo de cultura de base. [A este respecto, déixovos cunha visión sobre os oito anos de vida do C.S. A Revolta, un modelo de cultura de base que tenta autoxestionarse, polo tanto de compromiso militante, coas raíces ben asentadas na vida de barrio]

Por iso, a CdC debe mudar de nome e perder de vista o referente cultural. Debe destinarse a outros fins non consumistas (reagrupamento de fins administrativos, telemáticos, etc..., que permitan fuxir dos elevados alugueres que agora mesmo se pagan debido á dispersión administrativa...).

E deixémonos de estratexias posmodernistas para xustificar o inxustificable.

mercredi 2 mars 2011

PERO...DE QUE "MILAGRO" NIN QUE CONTO FALAMOS?

Hai que ser realmente moi inconsciente para dicir que no 2010 houbo "un milagro xacobeo". O presidente galego vive nunha nube -ignoro se tóxica, pero seguramente contaminada de tanto andar polos aires- e totalmente afastado da terra.

Tanto coma os peregrinos que viñan a Compostela e acababan perdidos debido a un camiño mal sinalado e no que a picaresca funciona mellor que a fe.

Pero, claro, é posible que o presidente se refira a que o constante aumento da taxa de desemprego en Galicia, o aumento da temporalidade e da precariedade, son obra e graza do santo venerado no Xacobeo. Pois... mellor sería que non fixese nada....por favor!!!

Nun tempo de dous anos -incluido o da milagre xacobea- o goberno deste presidente levou a cabo unha destrución sistemática da cultura galega de base (que xa tiña dificultades para (auto)manterse). Onte mesmo anunciabase que por 300 euros se carga o portal de contidos audiovisuais galegos, flocos.tv, que tan bo uso lle daba, por exemplo, no meu centro educativo, o persoal docente para as súas clases. E que dicir da nosa lingua: ten que demostrar a súa valía loitando pola súa existencia porque o goberno que vive dela...ten o santo morro de atacala.

A sanidade entregada a capital privado e que xa nos convocou aos galegos e galegas nas rúas. A educación rebaixada e confrontada: hoxe mesmo vemos como a Xunta -a través da súa consellería de educación- fai deixación de funcións no tema da nena de Arteixo. Fotos para a galería é o que fai o conselleiro nestes días. O abalar é unha pedra filosofal que segmenta aínda máis o sector educativo entre centros que teñen e centros que non. E onde o teñen, non funciona.

O sector social confrontado a ver como se privatizan centros de atención para as persoas maiores. Como se nega o equilibrio económico a programas de prevención que levan décadas funcionando.

Seguimos cunha política que lle dá as costas ao seu patrimonio: tanto ten a nosa riqueza nese sentido, pásase a escavadora e logo ceméntase. Que desaparece un castro...pois...non pasa nada.

Que seguimos co modelo de ladrillo e automóbil... e a oferta supera con creces á demanda dunha poboación castigada? Pois...non pasa nada.

Que lle mentimos aos nosos investigadores e negamos programas de consolidación? Pois, non pasa nada...aproveitamos que Alemaña nos reclama.

En nome da austeridade neoliberal o diñeiro vai cara onde convén: por exemplo, á cidade da cultura, enlousado de diñeiro público para "toda a vida".

Sería realmente interminable dicir en que acertou a dereita.

U-la milagre xacobea, señor presidente?

Ah! é verdade! vostede non ten competencias, pobre homiño, e como será que si as ten para cobrar por algo que non existe (se non ten competencias....non existe). Mmmm, xa sei, por iso vai á catedral, a pedirlle ao santo que siga, por obra e graza, concedéndonos os dons deste pasado 2010, o da milagre xacobea.