dimanche 19 juin 2011

NA SOIDADE DEPRIMIDA


Pálpebras aradas na lembranza
niño dun mel xa zugado

reabro hoxe o teu azul
e adormecen os soños da eternidade

O meu canto é cansancio
que se perde no silencio

mans estragadas de tanta terra
mans devecendo mans

Non hai proxecto para este agora

que se dilúe no frío
e treme na soidade deprimida
dun beizo querendo amar


Perdinme no teu rostro
e atopei o sentido do amor
para perdelo
todo
atado á cadea
do incerto
adaxio

saber se me amas

ou non

sempre agardando por ela, 19-xuño-2011

vendredi 17 juin 2011

UN CAMIÑO SEN SINALAR


A GRAN VÍA NON TEN PORTAS.
MILES DE CAMIÑOS DESEMBOCAN NELA
proverbio Zen (tomado de E. Morin)

Comeza Edgar Morin o seu último e fascinante libro (La Vía, Paidós, 2011) citando ao gran filósofo Ortega y Gasset, "No sabemos lo que pasa y eso es lo que pasa". Esta cita lígase co que vou escribir en graos diferentes. De seguro que descubrides por que. E, coma sempre, trátase dunha reflexión personalísima.

Movementos en contra do estado actual das cousas, de como os que desgobernan pervirten a democracia, afirmase, xurdiron coma un poderoso e enorme eco do libriño de Hessel. Levan, mesmo, no xogo que tanto gusta ás modas e aos medios, o nome de "Indignados", 15 M (co sempre presente xogo memorístico de números e letras de lembranzas moitas veces funestas) e DRX/DRY (acrónimo que, no caso castelán, lembra unha marca elevada en espírito). Todos compartindo o xiro actual de ser...noticia. Tan noticia que, nun país pouco dado á reflexión, á análise e ao pensamento tranquilo e meditado, xa xorden libros -con que facilidade se pode editar cando algo é "moda", para ben ou para mal- e todo un (lucrativo?) negocio editorial con literatura de corte pamfletario.

Recoñezo que son demasiado reflexivo, racional, pero sempre ben acompañado da empatía necesaria (son un sentilectual, que diría o mestre Galeano). E vexo en todo o que acontece en España, en Galicia, demasiadas sombras.

Na miña reflexión entran as numerosas lecturas, imprescindibles para dar bagaxe teórica á praxe vital. Non entendo a tese sen praxe, e esta sen aquela tampouco. Así é como vivo a miña actividade política. Son un homo politicus desde que saio á rúa e decido, por exemplo, desprazarme en bici para non usar a miña scooter e aforrar en enerxía fósil e gañar en saúde. Cando escoito a alguén dicir que é "apolítico" teño medo, xa que sinala desapego e indiferenza ao que acontece e, peor, desapego ou descoñecemento da carga ética que debe impregnar toda acción vital (a solidariedade comeza aí). E todo, todo, ten consecuencias.

Nas sombras aludidas advirto moita distancia entre o formato teórico e a praxe. Moito desexo de experimentación, pero pouca formación. Pouca reflexión. Demasiada presa. Como procurando titulares de forma constante aos medios de desinformación. O mal (ou é o que procura de forma intencionada?) do tempo tecnocapitalista. Vexo que se mutila o coñecemento, espallándoo en compartimentos estancos, mal comunicados. [Mentres o feito de estarmos en guerra e matarmos inocentes...pasa diluído...máis ben...tan difuminado que ninguén pensa niso].

Volvín a ler os postulados básicos do movemento 15 M, ou Indignados, do que semella separarse o DRX/DRY. E, logo da primeira vez que o fixera, díxenme: "vaites, velaí un movemento de esquerdas"; "ben, marabilloso, por fin o pobo esperta do letargo". Mais cando vin que no saco das circunstancias metían/medían a todos por igual, xa sospeitei unha certa confusión ideolóxica. E cando escoitei a un voceiro defender/promover o abstencionismo (no que metía ao voto nulo e ao branco, tamén por igual) xa tremei un pouco máis (beneficio para a dereita, díxenme daquela...e non me equivoquei).

E é que estou convencido que só poderemos mudar a faciana se nas institucións, dominadas agora polas dereitas económica e social, logramos invertir a correlación de forzas actuais e entra a esquerda alternativa, transformadora, anticapitalista. E isto cunha sociedade empoderada, claro! Holloway, sabémolo, deixou escrito que podemos cambiar o mundo sen tomar o poder. Pode ser, se ben teño moitas dúbidas de que sexa posible. Pero, desde logo, nunca sen construír a hexemonía, tal e como a definiu Gramsci.

No que segue, consigno algunhas eivas que anotara daquela sobre as decisións-declaracións de ACAMPADA SOL o 20 de maio de 2011: non vexo citado o decrecemento equilibrado no norte, para redistribuir no sur; non vexo unha chamada urxente a outro sistema económico, vexo reformas, non alternativa ao sistema capitalista; cando falan de libre circulación de persoas...fanno en relación á Constitución Española...; no tocante ao FMI e BCE non hai que reducir o seu poder...hai que transformar ditas entidades en instrumentos públicos de cooperación (como mínimo); poucas chamadas reais vexo a unha nova filosofía ecolóxica, a Nai-Terra...practicamente ausente desta declaración de principios.

O 22 de maio falan de medidas para a "regeneración de nuestro sistema político y económico", mais, de novo, e non só no que se refire a este carácter meramente reformista e, xa que logo, continuista do sistema capitalista, hai eivas: a) non se pode ligar un posible cambio da idade de xubilación "hasta acabar con el desempleo juvenil": cómpre non traballar máis por menos...ISO NUNCA!; b) non vexo nada sobre progresividade fiscal e redistribución da riqueza a partir da mesma; c) de novo...todo queda nunha "interioridade": e, por non ver, no tocante a esta interioridade, non vexo un cuestionamento da monarquía; e segue sen aparecer como se merece a Nai-Terra...

Aparece unha entrevista, e leo: "las personas que estamos aquí somos apartidistas y no tenemos intención de cambiar de gobierno ni de sistema" (p. 17)... Curiosa afirmación...pero que permite refrendar o espesor xa non da sombra, senón da néboa epistémica, ideolóxica e formativa. Se non se quere cambiar de sistema, que é o que provoca todos os males...para que todo o cambalache? Como se pretende construir a hexemonia que conduza a un horizonte de emancipación?

Paradoxo, ou non, vexo os artigos de opinión de persoeiros ilustres que se lanzan ás redes do entusiasmo. E vexo nas súas palabras unha conciencia da dimensión planetaria, e tamén da necesidade de cambiar de sistema. E tamén algún que outro escrito posterior ao 22 de maio, días das eleccións autonómicas e municipais, moi interesante, coma o de Benjamín Balboa, publicado inicialmente en Kaos en la red. Interesante porque amosa o carácter amorfo, pouco consistente que tiña (ten?) o movemento. Ou tamén recomendable a visión de Manuel Freytas sobre a "Guerra de Cuarta Generación" (a da era TIC). [Non comento nada do que escribe Enrique Dans...."considerado uno de los promotores del movimiento 15-M" (p. 51) (e eu engadiría o da sospeitosa plataforma nolesvotes)].

Na publicación Indignados (Mandala Ediciones), de onde procede todo o que comento, e que puiden descargar do portal www.rebelion.org, vexo unha masa demasiado heterodoxa, demasiado amorfa. Precisa coller forma e identificar de forma clara aos culpables do naufraxio actual. Culpar a Cayo Lara, por poñer un exemplo recente, de ser responsable...demostra que o faro ideolóxico que debera servir de guía lévaos á confusión.

O movemento precisa ter forma, ser recoñecible. E iso só se fai sabendo que camiño hai que tomar cando se chegue ao cruce das dúbidas. Serán quen de coller o camiño no que transite a alternativa anticapitalista, decrecementalista, antimilitarista?

mercredi 8 juin 2011

INSOLVENTES! CARTA ENFURECIDA DUN ANÓNIMO FRANCÉS


Acaso abraia que case toda a literatura panfletaria indignada proveña de Francia? Hessel, os economistas aterrados, Attac, e agora un autor anónimo. Recoñezo que me gustou o estilo rápido, o que demostra tamén unha boa tradución por parte de Patricia Cañizares. O carta anónima foi editada por Espasa Libros, e conta con prólogo de Maruja Torres. Son un total de 62 páxinas escritas nun estilo directo, sen retóricas destinadas a desviar a atención do esencial.

O autor escribe a carta desde as beiras do Mekong, desde un pequeno pobo, "asolado polos produtos químicos e os antibióticos, especializado na produción industrial das gambas que logo se comercializan en Europa baixo formas irrecoñecibles", onde a esperanza de vida é de "46 anos". "Aquí podo comprobar todos os días os perxuízos do capitalismo, os danos terroríficos do consumo irresponsable dos ricos. Estos ricos fan que os pobres (...) vivan en condicións que vós non desexariades sequera para os vosos cans" (pp. 44-45).

O autor describe como principiou sendo un cidadán normal atrapado pola rede que tupen os axentes do capitalismo. Ter unha vida artificial conformada por cousas que se posúen...a costa de vivir hipotecados...a costa de sempre estar pendentes dos créditos...a costa de non poder facerlles fronte e de caer...simplemente caer.

Con 60 anos, decide deixalo todo, "deixar de mentirme" (p. 10), "necesitaba liberarme (...) das obrigas materiais alienantes. (...). Necesitaba liberarme de toda a estupidez consumista" (p. 11).

Alerta sobre a mentira, e sobre o medo paralizante no que viven as familias endebedadas. "Algunhas destas familias tremen ante a idea do paro, da separación, e aceptan todo tipo de concesións, todo tipo de humillacións, todo tipo de miserias salariais por traballos imposibles; outras están na rúa porque xa cruzaron o río, porque xa chegaron á insolvencia total; e algunhas, incluso, atópanse ao bordo do suicidio" (p. 12)

Trátase dunha carta escrita por unha persoa culta, informada do mal que provoca o capitalismo. Fai autocrítica da súa cegueira, da súa propia indiferenza para vivir coma un cidadán normal.

Pero quere que a situación mude. Por iso escribe, para que a xente abra os ollos.

"Si! É necesario que este sistema da lenta agonía, mantido sabiamente polo capitalismo, as multinacionais, os bancos e os seus Estados mediante o engano aos seus cidadáns-clientes, se derrube sobre si mesmo, que non se teña máis de pé!!

Non quere ser cómplice da morte. Mentres escribo isto milleiros morren de fame. "Como podemos ser cómplices desta máquina que mata con total impunidade, que sacrifica con total indiferenza? Como podemos ser cómplices dun sistema letal que condea sempre aos máis débiles?" (p. 32) E ilustra con Francia: 4 millóns de parados, 6 millóns de sobreendebedados, entre 7-9 millóns por debaixo da soleira da pobreza. E logo exemplifica co mundo. Coa desfeita ecolóxica que causa o noso modo de vida depredador e asasino. "Mulleres e nenos extenuados por mor de traballos sumamente duros, contaminantes e canceríxenos". "Comunidades ancestrais perseguidas e exterminadas por uns cantos buracos negros de petróleo"....

Propón catro normas esenciais: 1) aforrar de forma solidaria e coherente; 2) non pedir prestado diñeiro nun contexto deshonesto; 3) practicar a austeridade intelixente e responsable; 4) prever con lucidez e realismo os recursos da terra no futuro, en 2050, cando sexamos 9 mil millóns de persoas (p. 37). Todas son importantes e o autor anónimo descríbeas con acerto. Quédome coa 3. "Desde a infancia, hai que tomar conciencia de que non é necesario gastar para vivir nin desbaldir o que lle roubamos ao porvir e a outras poboacións pobres. Esta arma [refírese á austeridade] precisa dunha xestión correcta e equilibrada do pracer e da verdadeira necesidade, da pulsión e da reflexión" (pp. 46-47).

E gústame a súa reflexión sobre o canibalismo do capitalismo. "O capitalismo, mutación moderna e extrema do instinto de supervivencia nun canibalismo desenfreado, nun capibalismo insaciable, transformou o homo sapiens (denominación desacreditada) en homo capitalis. (...) xa non é un lobo para o home, é unha larva mortal e necrófaga, un virus destrutivo" (p. 51).

Si, non hai solución para todas as persoas nesta filosofía destrutiva. Cómpre novas vías de produción de recursos para o equilibrio da vida na terra. Se os países emerxentes se poñen ao nivel de occidente, serían precisos 30 planetas para que a nosa especie siga existindo en 2050. Claro, os capitalistas prefiren pensar que eles formarán parte do 20% que vivirá a expensas do 80% restante.

Pero iso é tolerar o asasinato en masa. Iso é o que queremos?

vendredi 3 juin 2011

SOBRE PREDICIÓNS ECONÓMICAS QUE PASAN DA TERRA...PARA MATALA UN POUCO MÁIS


Decepción. Recoñezo que algo intuía. Mais, a lectura inicial do libro Futuros Imperfectos (Urano, Barcelona, 2011), de Daniel Altman, resúltame decepcionante.

A introdución indica que nos atoparemos cun estudo de predicións económicas a longo prazo. Cando lle leo que "en la dos últimas décadas, hemos visto como cientos de millones de personas escapaban de la pobreza" (p. 11) penso nas dúas lecturas posibles: a primeira, a que el lle dá: que o mundo é moito máis xusto no periodo 1990-2010; b) que as persoas escapaban, literalmente, da pobreza que o sistema lles regalaba. E, considerando, o estado actual do mundo, penso máis en b) que en a).

Un segundo aspecto que tamén me raia: o termo crecemento económico. E veremos que, logo do reconto que realizo no primeiro capítulo dedicado a China, non é esaxerada a miña percepción. E, desde logo, o que xa me anoxa é esa nula modestia e humildade ao pretender que o seu libro pode cambiar o futuro coas súas predicións. (Mi má!)
***
Entro no primeiro capítulo (China se enriquecerá y luego volverá a empobrecerse) coa idea de que, nalgures, verei introducida a dimensión ecolóxica, a capacidade de reposición da terra, os seus límites como límites consubstanciais ao propio "crecemento económico". Pero errei.

Enxalza os procesos de migración rural-campo en China como positivos, asi como o proceso urbanizador que lle vai emparentado. Para min, equivócase de cheo. E máis se non esquecemos os dramas humanos e a desposesión que provocaron a expropiación forzosa de terras produtivas, quen de alimentar as familias. O desprazamento aos cintos das urbes non significa, forzosamente, prosperidade e provisión de servizos básicos.

En 20 páxinas que dura o capítulo, emprega case 60 veces os termos crecemento económico, converxencia, ou formas verbais de converxer e crecer. Este autor é, decididamente, un apoloxeta do crecemento económico, a través da teoría económica da converxencia condicional, coas graves consecuencias que isto ten para o noso planeta enfermo. Como é posible que pretenda que todos converxan na idea de crecemento económico occidental se sabemos o que iso significa para a sustentabilidade e habitabilidade da Terra?

Demostra, ademais, pouco tacto ético, xa que ataca as raíces culturais chinesas, o confucionismo, porque "aunque pueden tener beneficios a nivel social, no conducen necesariamente al crecimiento económico" (p. 31). Ou sexa, o que beneficia á sociedade é negativo, fronte ao crecemento económico que si sería positivo???? Pois, para min, a competitividade é un cancro para o benestar da sociedade e defendo que a idea do confucionismo de que debe prevalecer o ben colectivo sobre o individual merece todo o meu respecto.

Na súa análise (sic) vese que defende de forma manifesta o libre mercado como o máis intelixente dos procedementos para o "crecemento económico" e, cando critica a Suecia (pp. 34-35), faino de tal forma que dá a entender que a democracia é contraria á intervención do Estado en materia económica e financeira: "Suecia, país democrático desde hace décadas, mantuvo una intensa involucración del Estado en la economía hasta hace una década". Pero, diríalle eu a este apóstol do libre mercado: Quen salvou aos bancos da quebra? Quen salvou ás grandes empresas da volatilidade? O diñeiro de todos e todas, para a nosa desgraza, a través do Estado.

Na súa defensa dos países capitalistas (EE.UU, UE) ignora as enormes bolsas de pobreza que xera un sistema que expulsa aos máis débiles ás marxes da sociedade (hoxe, Rebelión informaba que 1 millón de persoas en Nova Iork pasan fame) e non se ve nada de crítica aos modelos de "crecemento" baseados no espolio e no desbaldimento. Mesmo dá a entender que nestes países a transparencia é de rigor no marco das decisións económicas.

Pregúntome, con sinceridade, en que mundo vive este autor?

Seguirei lendo os demais capítulos para ver se introduce nalgún momento a imprescindible variable ecolóxica. Só un decrecemento equilibrado no Norte enriquecido e unha redistribución da riqueza co/no Sur empobrecido permitirán inaugurar un sendeiro máis xusto coas persoas e co planeta. O modelo de vida occidental non pode ser exportable. Sería a morte da terra.

mercredi 1 juin 2011

CENTROS DE INTERNAMENTO E LUCRO, O CAPITAL CONTRA OS DEREITOS HUMANOS


Mandoumo un amigo sensible e reivindicativo tamén na procura de dereitos para as persoas migrantes. Compartimos esta calada loita, silenciada, esquecida no día a día, a non ser para escandalizar desde o negativo, pola maior parte dos medios de comunicación.

Na Asemblea do Foro Galego de Inmigración que tivo lugar o domingo tiven ocasión de escoitar o emotivo e enfurecido relato dunha moza procedente de Guinea Ecuatorial e que só leva 3 meses neste país (Galicia) e palabras textuais: "nunca pensé que los españoles me tratarían como están tratando" e procedeu a enumerar unha serie de actos discursivos e comportamentais racistas que tiñan como centro a súa cor de pel.

A moza non podía entender como os españois que en Guinea son tan libres coma os paxaros non eran quen de corresponder no trato. Eu teño claro, que os españois exercen alí a posición de dominio do colonizador sobre a poboación autóctona, e aquí, sobre a mesma poboación considerada estranxeira. Colonialismo unido a racismo, sempre foi a receita para o engorde dos petos.

Vai o video do amigo que amosa o que está detrás dos centros de internamento en EE.UU.