lundi 19 mars 2012

SEN MEDO, VAIAMOS SEN MEDO Á FOLGA O 29 DE MARZO






Vou contribuír a que se rache co medo que inocula a patronal cos seus traballadores e traballadoras colocando como primeira ligazón o blog, 29M, Huelga General Sin Miedo. 

Hai uns días publicara un artigo en Galicia Confidencial (aloxado tamén neste blog) que deu moito que falar, Nós e o medo ante a dereita e a ofensiva neoliberal, e que entra en perfecta sintonía con esta acción de denuncia. Só a unión pode permitir vencer ese medo, o noso propio, e o inducido baixo ameazas.

Temos dereito a manifestarnos e a facer folga. É o noso medio para impedir que os que nos desgobernan entreguen un cheque en branco aos patróns para que nos abafen aínda máis. O medio para loitar por e nunha sociedade democrática. Por moito que eles digan, non cren na democracia e na xustiza social. Só coñecen o valor das leis da competividade, da acumulación de beneficios...a costa de abaixar os salarios e aumentar a cornada (perdón, xornada) laboral. 
Non queda outra: loitemos. 
Vaiamos á Folga Xeral sen medo.
O 29 DE MARZO. PAREMOS O PAÍS. 
NON SOMOS UN GRUPIÑO...E TEMOS A FORZA DA RAZÓN.

dimanche 18 mars 2012

"EXCENTRICIDADES?" NON, ABERRACIÓNS INSOLIDARIAS

Curioseando no último número do semanario Tiempo chego a unhas páxinas (64-67) onde, supostamente, se contan excentricidades ou manías dos "famosos". 

Así, por exemplo, nomean a "famosos" como Mario Vaquerizo -recoñezo a miña pouca relación con esta parte da 'fama', xa que pouco sabía deste suposto "famoso"-, Pedro Almodóvar, Jim Carrey, Naomi Campbell e outras, como Paris Hilton. 

O que chama a atención é o trazo informativo, simplemente enumerativo e pouco crítico á hora de definir as mostras de desbaldimento que se retratan. Xa non é que a Hilton gaste máis do que podo imaxinar, 36.200 euros en auga mineral con cristais de Swarowski para o seu can. Ou que Naomi pense que aí onde coma os donos dos restaurantes a teñen que convidar por ser ela "famosa" e marche sen pagar.

Son, para min, comportamentos absurdos e insolidarios de xente que pensa que ten o dereito a mirarte por riba do ombreiro. A reportaxe enumera outras tonterías análogas. Quedeime cunha que, desde logo, invalida a certas persoas para educar. Así o vexo eu, cando menos. 

En efecto, semella que as fillas e fillos dos "famosos" xa "despuntan" niso que a reportaxe chama "excentricidades". Unha destas excentricidades é a da filla de Tom Cruise e Katie Holmes. Oh! miren vostedes, resulta que a nena ten 5 anos e que, "es una fanática de la moda". Hahaha...xa ditan as súas normas caprichosas!! Unha nena de 5 anos!!! Pero que absurda imaxe, cando todo responde ao que proxectan pai e nai. E como se manifesta ese fanatismo? En que "tiene más de 200 pares de zapatos valorados en unos 120.000 euros".  Así se educa! Na xusta mesura. Ah! E resulta que o seu vestiario está valorado en máis de "dos millones de euros". 

E isto, dito así, como se fose unha excentricidade. É unha auténtica aberración. E non se trata diso que algúns din, "se pode....". Non. Trátase de que o que se fai nesas idades, marca a personalidade para toda a vida. Unha vida na opulencia, no hiperconsumismo máis irracional e insolidario non é educación. Dáse o caso hoxe de persoas que vivían antes do rebentón da burbulla financeira no desbaldimento máis absoluto que acoden ao psiquiatra porque non saben vivir con menos... de 3000 euros ao mes!!! Pero, onde imos? 

Pensádeo cando entredes no cine a ver unha película destes "famosos".

TRABALLAR MÁIS POR MENOS? ABONDA XA DE DEMAGOXIA SOBRE A FUNCIÓN PÚBLICA

o imaxinario que sostén os ataques
Un comeza a estar xa farto de tanta tontería, de tanto disparate verquido sobre as persoas que traballan na función pública. Funcionarios hainos de distinto tipo, desde os que están mellor tratados até os que están abaixo, en función do tipo de oposición aprobada,  do mesmo xeito que na privada os cargos directivos 'mexan' por riba do salario do salario que gañan os traballadores e traballadoras.

Cando escoitei hai dous días os anuncios da comunidade de Valencia sobre o carácter docente do mes de xullo, xa me preocupei ao día seguinte de ver como se recollía a nova e, por suposto, non quedas defraudado, xa que sempre, sempre, aparece unha voz para, baixo a apariencia da veracidade, non disimular a súa xenreira(?)/envexa(?) cara ás persoas que traballan na función pública...como se a esa persoa se lle impedise presentarse a eses postos de traballo que tanto denostan.

Vou simplemente reproducir unhas palabras do artigo de opinión -na liña editorial do xornal?- que Sara Carreira deixou escrito en La Voz de Galicia do sábado 17 de marzo co título de "Un gesto ¿práctico?" (p. 28). Recollo os termos da primeira parte do artigo, onde comete o erro de xeneralizar o alcance da nova; na segunda se centra, se ben de forma pouco afondada e con algunha opinión tamén discutible, no alcance da extensión da medida da comunidade valenciana ao resto do Estado...ignorando así que acontece na propia lexislación docente de Galicia.

'Ahora que todos los trabajadores que tenemos la inmensa suerte de disfrutar de un empleo estamos más horas en el tajo y cobramos menos por ello, parece sensato que los funcionarios, todos, cumplan con su horario, y ya que disfrutan de esas casi dos semanitas de moscosos por la gracia divina no está mal que cumplan con el resto del calendario"

Neste fragmento condénsase todo o imaxinario de xenreira/envexa á que aludía antes. E faino desde afirmacións que cómpre, cando menos matizar e moito.

1º) Na Constitución Española (art. 35) está consignado "o deber de traballar e o dereito ao traballo (...) e a unha remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia". O traballo é un dereito con dereitos, adquiridos despois de moitas décadas de loita obreira. Non descendeu dos ceos. Non. E requiriu o sangue de moitas mulleres que se negaron a seren vítimas dos patriarcas que as sometían nas empresas. De onde, senón, vén o que se conmemora o 8 de marzo.

2º) As condicións laborais estaban determinadas polos convenios colectivos: non hai graza divina. Un dereito negociado mediante a interlocución dos axentes sociais non debe, nin pode ser reducido a unha intervención divina (a menos que a autora sexa crente e pense que Deus si fixo á súa imaxe e semellanza a funcionarios e funcionarias). Os convenios colectivos amparaban ao traballador fronte ao empresario e ofrecíanlle unha protección social.

Como vedes, emprego o imperfecto, xa que a reforma laboral do PP fai que a negociación colectiva desapareza fronte ás necesidades de maximizar beneficios da patronal. A subxectividade non demostrada e doadamente manipulable cárgase a protección social que tiña o traballador fronte ao seu patrón. Iso que impediría que a autora se vexa na obriga(?)/aceptación(?) de traballar máis horas por menos salario.

3º) Traballar máis por menos, non pode, nin debe ser o que se desexe para a clase traballadora. Todo o contrario debera ser a nosa ambición como asalariados e asalariadas: acadarmos un traballo digno, quen de respectar a nosa vida persoal, social e familiar. A columnista non di nada sobre o seu xefe, que é en primeira e última instancia quen a fai traballar máis por menos. Por medo? Por autocensura? De seguro que Albert Camus estaría desencantado. Está de acordo a traballadora coas súas condicións? Traballar máis por menos é realmente unha sorte? A iso chámalle 'disfrutar'?

4º) Esta traballadora semella ter interiorizado que todos os funcionarios, hoxe, incumpren o seu horario e o seu calendario. Na súa mente repousa a contraposición, defendida polos seus patróns, entre o eido privado, moito mellor, eficaz e eficiente que o público, que debera reducirse (até desaparecer?). Afirmación falsa que pode responder a: un prexuízo, un estereotipo, simple miopía social, a unha burda xeralización desde unha experiencia persoal negativa, etc.  Eu non incumpro o meu horario, nin o meu calendario. E como secretario levo 8 anos traballando o mes de xullo. Sei que hai de todo, coma en botica, pero iso non me impide ver máis aló dos tópicos absurdos do imaxinario social (ben potenciado pola prensa afín ao sistema capitalista). Pero non acepto que se sigan degradando as miñas condicións laborais, do mesmo xeito que non quero que se degraden as túas nin a dos demais. Por iso vou facer folga o 29 de marzo: para non traballar máis horas por menos salario e dereitos.

5º) Meter nun mesmo saco a todos os funcionarios conleva cometer erros coma o de dicir que os funcionarios disfrutan de "casi dos semanitas de moscosos" -con recochineo ben demostrable a través do diminutivo. Eu, que exerzo na función pública docente non sei que son eses moscosos. É consciente a columnista que na recén aprobada lei de reforma da función pública estes se reducen?

E cabe recordar que a nova aludía ao corpo docente, a ninguén máis, pero intúese que existian desexos de falar de todos os funcionarios..."porque son todos iguais": a mesma absurda estereotipación que define á clase política e conduce á desafectación política e, mediante este recurso, á vía libre ao estado de desfeita que vivimos hoxe.

6º) Non entendo a clase traballadora como átomos que viven en dous universos paralelos: privado vs público. Non. Somos asalariados e asalariadas. Dependemos dun xefe que sempre desexará modificar e degradar as nosas condicións laborais para, con menos gastos, ter máis beneficios. Fronte a esta degradación non cabe a tontería de confrontarnos entre nós, a clase traballadora: cómpre a unión e facerlle ver aos que mandan que temos dereito a un traballo digno e con dereitos.

Baixo a xustificación do déficit en Europa -outra patraña máis como ben demostra o economista Ha-Joon Chang- os axentes do neoliberalismo impoñen as súas receitas de recortes. E, nesa receita adquire unha enorme importancia reducir a función pública porque así se reduce a capacidade de intervención do Estado nos eidos fundamentais da vida pública. E iso, de suceder, significará amputar o futuro das vindeiras xeracións.

vendredi 16 mars 2012

A MINHA MANEIRA DE ESTAR SOZINHO

Deixarse arrastrar pola sinxeleza dos versos de Alberto Caeiro, O Guardador de Rebanhos, é doado e fermoso. Son poemas para ver, non para pensar como di o propio guardador. Podemos velos estando na natureza, ollando como o ceo chora estrelas ausentes. Demasiada contaminación. 


Não tenho ambições nem desejos.
Ser poeta não é ambição minha.
É a minha maneira de estar sozinho
Sempre mo preguntei, quizais por pensar demasiado. Pero ten razón o Caeiro: cando escribo déixome ir. Como unha corrente de enerxía, negativa ou positiva, non sei. Corrente de versos que antes viviron en min como peregrinos, á procura do albergue onde repousar, sempre rebulindo, sempre asomando antes de deitarse de novo. Zas! Corrente e saen coma un río.

Quando me sento a escrever versos
Ou, passeando pelos caminhos ou pelos atalhos,           
Escrevo versos num papel que está no meu pensamento
Ao fin, ves Alberto, está o pensamento, coma un manto sobre o que esfarelar as palabras, recollelas coas mans da ourive e darlles o amor, simplemente o amor para seren os nosos ollos na escuridade. Non preciso de máis para explicarme que sentido teñen as miñas palabras orfas.


O Mundo não se fez para pensarmos nele
(Pensar é estar doente dos olhos)
Mas para olharmos para ele e estarmos de acordo...

Outra cousa é pensar sen ver. Niso concordo. Deixemos as intelectualidades para que fale a esencia da terra que ainda vive en nós. Moitos esquecérono. Moitos non queren recordalo. Queren vivir cegos. Dunha cegueira voluntaria.


Ah! como os mais simples dos homens
São doentes e confusos e estúpidos
Ao pé da clara simplicidade
E saúde em existir
Das árvores e das plantas!

Estupidez cando vivimos como vivimos sen reparar na sinxeleza que nos ofrece a Nai-Terra. Baixo que sortilexio podemos agochar os titulares da prensa de hoxe, e de mañá, que seguirán anunciando un mundo de altas velocidades, de des-posuimentos.


Por isso a minha aldeia é tão grande como outra terra qualquer,
Porque eu sou do tamanho do que vejo
E não do tamanho da minha altura

(versos do Caeiro recollidos da selección de Visor en tradución de Pablo del Barco) (para os des-orientados, Alberto Caeiro é un heterónimo de Fernando Pessoa)


mercredi 14 mars 2012

HOY QUISIERA SER CIEGO, DE MANUEL ALTOLAGUIRRE

Pra min, unha das mellores expresións poéticas en lingua castelá. Manuel Altolaguirre escribía entre os anos 1926 e 1932, antes da longa noite de pedra, os versos de LO INVISIBLE. Recupero un dos seus poemas que hoxe, ignoro os motivos telúricos, lévame ás redes do imaxinado vivido:

Hoy quisiera ser ciego 
y recorrer el mundo
pensando que eres tú. 
En esta noche estás inacabable
y no te ven mis ojos.
No sé como terminas
ni hasta dónde, 
qué miembros nuevos se te agregan,
si piensas con tu frente, 
si con el mar me quieres,
¿te acordarás de mí 
con los astros distantes?
En caricias me baño. 
Formas nuevas y tuyas 
líquidas a mi cuerpo
se ciñen como el aire. 
¿Eres tú? ¿Son los pliegues
de tu aliento que cuelga 
largo, para envolverme?
¿Eres tú, traspasada,
cóncava para mí,
morada mía,
sangrando una invisible calentura?
Ciego de amor, oscuro,
¿dónde estoy?
Tu estás aquí,
en los altos pensamientos.
Mis pensamientos
pueden llover sobre los campos,
pueden ensombrecer a las ciudades.
Eres sol de mi cielo,
vestida estás conmigo,
te desnudas ante mí,
devoras con tu fuego.
Por pequeña que sea una distancia
se puede dividir.
Eres profunda.
Dentro y fuera te quiero,
siendo ardor,
siendo luz, 
siendo memoria,
siendo recuerdo,
con toda mi alma, 
con todos los montes, 
con el enorme peso
del mundo donde vives.

samedi 10 mars 2012

POR QUE DICIR QUE AS MALVINAS DEBEN SER DE ARXENTINA É UN "EXABRUPTO"?

Esta pregunta nace despois de ler o artigo "Sean Penn perfecciona su papel de bocazas", que vén hoxe en El País (p. 52) onde se narran, segundo a autora do artigo, declaracións do actor, sendo a última "haber reclamado que devuelvan las Malvinas a Argentina. Es el último episodio en la colección de exabruptos del politizado actor". Resulta interesante deterse nas palabras destacadas en negriña.
a) Bocazas. Que o propio actor se declare bocazas, no sentido de que "he dicho tantas cosas" non debe dar pé a que a autora do artigo lle dedique tan xeneroso cualificativo.
b) Colección de exabruptos. Depende de como se mire. Ou non. Que eu poda dicir que as Malvinas debe ser devolta a Arxentina non é un exabrupto: expresa unha opinión política e inclínase por un dos lados, o que, segundo el, ten a razón da súa parte. Non o di con mala educación, senón coa enerxía do convencemento. A autora do artigo, ao dicir que é un exabrupto, e darlle así a razón aos británicos, semella inclinarse do lado das consecuencias negativas do colonialismo e do imperialismo.
c) Politizado. Dito como de forma pexorativa. Porque estar politizado e ter ideoloxía debe ser algo contrario ao oficio de actor. Vaia tontería! O suxeito, o indivíduo, a persoa é quen é política. O oficio só forma parte dunha definición máis da identidade do seu ser. O artigo afonda na súa vida para tentar atopar as condicións que determinan as súas "cruzadas" (por que darlle ese nome tan relixioso e sanguento ao que é compromiso?).

Isto só nos titulares do artigo. De seguido, xa di que "la diplomacia no parece formar parte del código de conducta del señor embajador itinerante para Haití". Ben. Dicir verdades contrarias ao sistema é contrario á diplomacia. Benvido sexa pois Sean Penn.

"Así es el iracundo y tremendamente atractivo". Vaia análise tan consistente! E logo, pra rebatir a súa opinión política a autora detalla as súas relacións amorosas. Claro. O tema é chegar á súa relación con Fidel Castro e con Hugo Chávez para...desacreditalo? Será por iso que a autora incorpora no momento de aludir á súa amizade con Fidel Castro o seu patrimonio?

En fin, as palabras demostran que teñen vida propia e o seu uso neste artigo, ao mesmo tempo que nos indican como é a imaxe que se nos quere debuxar de Sean Penn, permiten ver cal é orientación política da autora.

vendredi 9 mars 2012

CITAR SEN CONSULTAR E DE FORMA IMPROCEDENTE

Certo é que unha vez que colgas algo na rede xa pertence á comunidade virtual. Mais, o que me cabrea, e moito, todo hai que dicilo, é que se "integren" en blogs, ou webs, artigos que foron escritos para algún determinado medio sen que se sinale esa fonte, sen que se marque a ligazón de forma directa.
Dígoo porque algo diso aconteceu cun dos artigos que publiquei en Galicia Confidencial, en concreto o último, Nós e o medo ante a dereita e a ofernsiva neoliberal. Un artigo que sae nun medio onde, de forma plural e diversa, os responsables do medio dan voz a todo o abano político e asociativo de Galicia.

Colgalo nunha web sen indicar ese feito conleva a que se malentenda esta circunstancia. A web en cuestión é www.pontecesures.net, que se titula como web non oficial de Pontecesures. Nesta localidade exerzo de profesor de lingua francesa e son secretario do centro. Situar un artigo nesa web non é, desde logo, para min, unha boa idea. Todo o contrario. Quen queira lelo, que vaia á fonte orixinal.

Colgalo nunha web onde poden entrar pais e nais a cuxos fillos ou fillas lles podo dar clases, e que, de seguro, moitos poden ser dereitas, ben poden pensar que o artigo está feito contra alguén en particular do propio concello. E non é así. Obedece a unha análise: a miña, pero ponderada coa reflexión política e coa experiencia do coñecemento do que pensan as xentes. E, insisto, o artigo, todos os que publico en Galicia Confidencial ou en Altermundo, están pensadon para espertar o debate e a reflexión política, se ben case sempre todo queda no terreo da descalificación e do insulto.

Por iso, o comentario dun anónimo "outro" -xa escribín sobre a covardía que implica o anonimato en internet, e pódese ler neste mesmo blog- vai na liña do que comento:

“Adversarios exteriores”, “modalidades de resistencia”, “imaxes do medo”, “xogo militar”, “liñas inimigas”, “o medo do pobo”, “a abnegada obediencia ás imposicións”,”clima permanente de mobilización”, “conquista dos escenarios”...
APOCALÍPTICO. Houbo un momento no que pensei que se trataba de Afganistán, pero non, ahí estamos nós.
Engadímoslle a todo iso España entrecomillado, e algunha cousiña coma “os da dereita que nos malgobernan”, “belixerantes políticos da dereita” ou “unha nova democracia”. Diría que mais que unha opinión persoal, semella unha toma de postura de partido.
Sabariz, xa que te tomaches as molestias de colgar “iso” aquí (todos sabemos entrecomillar), suxiro que te tomes a molestia de dicir que Xabier Ron, ademais de mestre no colexio, ocupa/ocupaba cargos de responsabilidade en Esquerda Unida, e mesmo foi candidato nalgunhas eleccións. Así todos saberemos por donde veñen os tiros. E de seguido sería moi interesante saber as opinións que ó respeto teñen PP, PSOE, BNG, etc etc., que tamén terán moito que dicir.
Ben, este señor anónimo exprésase así, claro, polas malas prácticas derivadas da falta de saber e de tacto da persoa que colgou o artigo sen informar do seu contexto. Podo entender o seu enfado, e a súa solicitude de que os demais grupos políticos opinen sobre iso. Outra cousa é a pouco sesuda análise que realizou do artigo e que me acuse de grandilocuente. Non o comparto. Dicir que montar un chiringuito é montar unha empresa é equivocarse. E veríamos se estaría a gusto traballando 12 ou máis horas nese chiringuito contratado segundo algunha das modalidades que se resumen na reforma laboral.

A resposta do autor que me "colgou" nesa web non oficial é aínda moito peor polas inexactitudes que contén:

Efectivamente, “outro”. Xabier Ron Pereiro, militante de EU y del PCE, nació en Lyon en 1969. Estudió Filología Románica en la Universidad de Santiago de Compostela.
Ron fue el candidato a la alcaldía de Santiago en las elecciones locales de 2011 y antes fuera como nº1 de Esquerda Unida en la candidatura de A Coruña al Congreso de los Diputados en las elecciones generales de 2008.
PRIMEIRO.- Non me chamo Xabier Ron Pereiro, de seguro que o seu nome está por estar el tamén en internet, e pode que non lle guste verse definido como comunista e de esquerdas, chámome Xosé Xabier Ron Fernández.
SEGUNDO.- Son militante do Partido Comunista de Galicia (PCG), organización que forma parte da organización política e social chamada Esquerda Unida-Os Verdes. 
TERCEIRO.- Todos os datos políticos sobre a miña persoa non deberan estar nunha web non oficial do Concello. Considero que non é procedente. O que procede é que son profesor de francés e secretario no CPI, e o realmente importante é se desenvolvo a miña tarefa educadora ben ou mal. Situarme ante as familias de Cesures como político pode verse de múltiples maneiras, algunha delas incómoda para o correcto desenvolvemento docente. 

En fin, isto é o que acontece cando se cita algo sen consultar, sen informarse e de forma totalmente improcedente.

jeudi 1 mars 2012

PAN DE ÁNIMAS, DE XOÁN ABELEIRA

Non é porque o coñeza. Ou si. 
Mais os seus versos son como a ofrenda que realiza o xamán á Nai-Terra para liberala dos medos que a abafan. 
Abeleira é un poeta telúrico, testemuña a existencia da Nai-Terra. Sabe dos seus padecementos, e como tal ofrécenos a súa sabedoría sanadora. 
 Ourive dos versos, abre as imaxes para que viaxemos pola Nai-Terra. E un só pode agradecer a viaxe. Pero cómpre abrirmos ben a mente: así aprenderemos como respiran as culturas que viven coa morte en vida. 
Merece ser o Bretón galego. Pra min éo. Mais aló do parecido. Será por iso que respiro na multirreferencialidade dos seus versos poderosas veas surrealistas. 

Filósofo da ialma,

Existen certas horas, certos sitios
En que é doado erguerse
Despois de tropezar cun mesmo.

Mais non aquí, nin iste lapso
No que a caída se eterniza 
Case sempre ou pode ser mortal.
('Underground', p. 21)

e observador atento aos comportamentos do amor entre os seres humanos

Istes amantes nidios non temen
As sombras que o serán
Vai enxertando nos seus membros.
Máis ben recean dise halo
Procaz que os embaza de golpe
Cando os farois dan a luz.

Cunha mao impresa no peito, 
Un peito agonizante nuns labios,
Uns labios guiados pola arela
Ata a enxamia dun sexo,
Istes dous novos posesos
Renovan a crenza nas apertas,
Alleos ó dó de quen aseita
Máis aló dos corpos
('Os amantes no parque', pp. 28-29)

Mesmo, quizais pode ser ousado, o espírito das cantigas galegoportuguesas latexa no poema dedicado Á aurora (en realidade, dedicado, como informa o propio poeta vai dedicado a todas as nais que perden un fillo, exemplarizado en Nayem el Gareh, un adolescente saharaui que morreu en novembro de 2010, vítima de disparos da policía marroquí)

Madre!
Laiou o vento do Norte, 

Madre!
Capiu o vento do Oeste,

Madre!
Xemeu o vento do Leste,

Madre!
Ecoou o vento do Sur

Namentres catro 
Pragas de insectos executantes
De todos os desertos
De todas as direccións
Comezaban a roer
No ar o seu cativo.
(Á aurora, p. 33)

Pero, con moito, o que sentimos con forza ao longo de todo o libro é o alento da natureza baixo múltiples expresións; xamánicas ('Sâdhica'), desesperadas ('O lobo decapitado'), xeográficas ('Cueva de los judíos (Albarracín)'). Xoán Abeleira introdúcenos en tantos recunchos que fai ben explicarnos os motivos (pp. 157-168), as razos, dirían os trobadores, porque, quen sabe, quizais quedaríamos perdidos nalgunha illa e, quizais, sexa realidade que

Nos días de naufraxio,
De desazo, días
De anguria e de dó,
É o mar quen nos rescata

A todos nós, os cegos
(Dias de naufraxio, p. 105)

Anímovos a deixarvos seducir pola viaxe que nos propón o xamán bretoniano Xoán Abeleira, e aprenderemos....seguro. 

Xoán Abeleira, Pan de ánimas, Xerais, Vigo, 2012