dimanche 29 avril 2012

COMO ALTERAR O CAMIÑO DESEÑADO?

cando racharemos a liña que os/nos separa?
Recoñezo que teño sempre dúbidas. Quizais, por defecto de ser demasiado analítico. De someter á reflexión crítica o que vexo...veña de onde veña a imaxe. 
Hoxe, recén chegado da manifestación de Compostela, teño algunhas críticas/observacións que facer ao que vin. 
Primeiro, non creo que sexa oportuno convocar hoxe á xente cando o 1 de maio imos estar de novo nas rúas; 
segundo, se a convocante é a Plataforma en Defensa do Estado de Benestar e os Servizos Públicos, porque me dá a sensación de que na pancarta só destacaban os logos dos dous sindicatos UGT e CC.OO.?; 
terceiro, será por iso que non percibín algunha entidade que confirmou asistencia e non a vin?; cuarto, porque me produce até vergoña ver o circo mediático que rodea a presenza de certos persoeiros políticos que, de forma posibilista saen agora á rúa cando non hai moito había tamén motivos de sobra?; 
quinto, cando acadaremos deixar de lado o minifundismo sindical e político á hora de crear plataformas? o feito de que existan dúas plataformas en defensa da educación pública faime pensar moito que demos defenden unha e outra para estar en plataformas diferenciadas; trátase, nada máis, de que cada grupiño teña a súa cota de poder aínda que esmoreza a sociedade?
sexto, ligado ao anterior, cando verei un 1 de maio unitario, con todas as forzas sindicais, sociais e políticas do país xuntas en contra dos ataques á clase traballadora?

En fin...esta feira é demasiado rara. Teño a impresión de que todos somos inimigos de todos e que nos perdemos sen saír do círculo de pureza que trazamos. Dá a impresión de que todo o que se move na esquerda será incapaz de repetir aquí a experiencia do Front de Gauche en Francia.

dimanche 15 avril 2012

MATAR UN ELEFANTE É ASASINAR A SABEDORÍA

Ganesch, fillo de Shiva e Parvati, é identificado pola tradición hindú co elefante. É un dos 7 tesouros do budismo. Atribúenselle a forza mental e físical, a potencia e a fortaleza para ser o soporte do mundo. É tamén fonte de sorte. E é moi frecuente ver a compañeiros senegaleses vender pequenas figuras de elefante (como a que eu lles adquirín).

Animal lonxevo, na cidade peruana de Pereira, o elefante Chava viviu no seu zoo até os 60 anos de idade, sendo, para as persoas da localidade, un ser que os acompañou desde a primeira infancia até a madurez.

Na cidade italiana de Catania, a Fonte do Elefante domina a súa preciosa Praza do Duomo, e esperta a curiosidade do viaxeiro.

O elefante africano é o animal terrestre máis grande. E padeceron, como padecen as persoas que viven en África o asoballamento das potencias occidentais. África é unha enorme tarta dividida en porcións que todo o mundo (pero sobre todo Europa, EE.UU. e China) se está repartindo.

Algunhas fontes estiman que entre 1979 e 1989, o tráfico noxento do marfil provocou o exterminio duns 600.000 elefantes, pasando a súa poboación de 1.200.000 a 600.000. En 1989 prohibiuse o comercio co marfil, pero seguiron e seguen expostos á caza furtiva.

O elefante africano está en perigo de extinción, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e os Recursos Naturais (UICN). Existen na Convención sobre o Comercio de Especies Ameazadas Fauna e Flora (CITES) dous apéndices: o Apéndice I incorpora a todos os países africanos onde o elefante é unha especie a protexer; e o Apéndice II onde figuran países como Zimbabwe, Bostwana e Namibia. Isto é debido a que estes países figuraban no Apéndice I pero lograran, segundo semella, manter estable a poboación elefante e, como perderan ingresos debido ao cese da caza e do comercio de marfil, protestaron e acadaron que se creara un apéndice II. Por iso estes países seguen comercializando -de forma legal- aos pobres elefantes. E vése que unha das formas é organizar safaris para nostálxicos do colonialismo e amantes das armas.

Os elefantes non naceron en cautiverio, claro. O feito de vivir en áreas restrinxidas, fai que os grupos se reproduzan e medren en espazos reducidos. Por iso é un criterio reducionista pensar que non están en perigo.

Os hábitos colonialistas de safari e caza son, para min que son antimilitarista e pacifista, sinxelamente noxentos. Pagar para matar unha peza é vomitivo. Son 37.000 euros, segundo parece. É repugnante polo feito en si, máis aló de que o paisano en cuestión sexa un monarca e que nos custe ao pobo máis de 8 millóns de euros ao ano manter o seu ritmo de vida.

Que move a unha persoa coller un fusil para matar?  Que repulsiva emoción percorre o seu corpo cando apunta a un animal "preparado" para morrer?

Matar un elefante, así, por deporte, é asasinar a sabedoría.

vendredi 13 avril 2012

A DEFICITARIA PATRAÑA DO DÉFICIT PÚBLICO


un libro imprescindible
0. “No vacilaremos en tomar las medidas oportunas para lograrlo. Nuestro primer objetivo es el déficit, el segundo es el déficit y el tercero, el déficit”, así xustificaba o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, o maior recorte orzamentario da democracia no estado español, que se sitúa nos 27.300 millóns de euros. Sirva o mantra de Montoro para introducir as presentes liñas que falan da coartada para o recorte, o déficit e, unido a el, a débeda pública.

1. A filosofía ultraliberal imprégnao todo. Domina a linguaxe e transmite ideas falsas sobre a economía e por iso vólvese instrumento de segregación e enmascaramento. Fala da inevitabilidade, como se os mercados fosen entes abstractos, sen nome e apelidos e sen intereses. Pero non é así. Non hai espírito santo nin maxias: todo responde a unha decisión política de persoas concretas. 

 2. A solidariedade é un termo que os ultraliberais empregan, pero que non saben entender na súa verdadeira dimensión, de aí que a redución do gasto público, o control das contas públicas ligado ao déficit e os procedementos de vixilancia sobre os orzamentos nacionais supoñan unha vulneración das normas democráticas da soberanía nacional e sexan fondamente insolidarios.

3. As politicas europeas son insustentables e antisociais. O Colectivo de Economistas Aterrados afirma, sen ambaxes, que son reformas estruturais perigosas para a cohesión social e o equilibrio no reparto das posibilidades de realización [1]. A prolongada política de bonificación ás rendas elevadas –das que coñecemos unha nova mostra na decisión de Rajoy de recompensar aos defraudadores nos Presupostos 2012- contrasta coa ineficaz armonización fiscal europea.

 
4. O Banco Central Europeo (BCE) non serve tal como está concebido, xa que obriga aos Estados membros a financiar a súa débeda pública nos mercados financeiros, quedando así en mans de voitres especuladores. Neste eido, particularmente perxudiciais son os Credit default swaps (CDS), que conforman un mercado especulativo coa débeda soberana, parasitario e desestabilizador [1].

Temos que transformar o funcionamento institucional e financeiro de Europa, ou imos directos cara ao abismo. Como afirma Martín Seco, a Unión Europea, “desde su creación, está inmersa en un lenguaje engañoso e hipócrita[2].

As normas consignadas nos Tratados europeos, desde Maastricht, son unha ofrenda ao desastre que estamos padecendo, tal como alertabamos algúns na década dos 90 do século pasado, sendo por iso definidos ‘catastrofistas’ ou mesmo, de forma falaz, ‘antieuropeístas’. Pero o paradoxo é que a UE se fixo de “espaldas a los ciudadanos, ocultándoles la dimensión y las consecuencias de los acuerdos y disimulando los intereses económicos que impulsaban el proceso” [2]. Por iso, non podemos desentendernos de Europa. 

5. A construción europea non pode facerse tendo en conta estes mecanismos insolidarios. A cláusula de “non salvamento” (no bail-out) do Tratato de Maastricht é absurda e incomprensible. O feito de que os países teñan prohibido recorrer ao BCE para financiar os seus déficits derivou no entreguismo destes países ás esixenzas da industria financeira, incluíndo ese niño de víboras, as nefastas axencias de cualificación [2]. A crise actual é unha mostra da carencia de mecanismos de solidariedade financeira en Europa: os fondos de rescate non o son, antes ben son unha proba máis da deriva e do entreguismo.

Entreguismo ben visible na obriga de introducir a “regra de ouro” nas Constitucións nacionais sobre o déficit público estrutural limitado ao 0,5% do PIB. Aberrante: o único beneficiario é toda a engranaxe da industria financeira. E se para iso hai que dar un “golpe de estado tecnocrático” faise e punto: Grecia e Italia teñen presidentes que non foron votados pola súa cidadanía. Ao mesmo tempo, a contracción do gasto público relega a millóns de persoas a vivir no limite das súas posibilidades de realización, cando non na pobreza (en España, máis do 21% da poboación).

6. Todas as medidas ultraliberais apelan a rebaixar o gasto público para controlar o déficit, o anatema dos ultraliberais, fonte de todo mal. Non obstante, os países como España deficitarios en infraestruturas e niveis baixos de bens e servizos sociais, educación, sanidade, protección social, etc., están na obriga de forma transitoria a endebedarse para mellorar [2]. Lembremos que o gasto social de España sempre estivo lonxe da media europea. Todas as medidas actuais hipotecan o noso futuro ao restarnos capacidade de mellora e facilitar os procesos de privatización [1].

 
7. Débense impoñer mecanismos de armonización fiscal en Europa e nos seus Estados membros. Temos que conquistar as institucións europeas, democratizalas e mudar o paradigma económico actual. Entón poderemos impoñer unha serie de medidas de cooperación: o BCE e os bancos nacionais deben prestar diñeiro, garantir a débeda pública e incentivar a creación de emprego; impedir a especulación coa débeda pública; fiscalizar impositivamente as transaccións financeiras e establecer un imposto excepcional sobre as grandes fortunas; en definitiva regular os mercados e a industria financeira, ao mesmo tempo que se fortalece o sector público. Non é imposible facelo. É cuestión de ideoloxía e vontade política.

Non queda outra, temos que anular o nefasto poder absolutista da industria financeira e artellar unha verdadeira solidariedade entre os pobos de Europa...sempre que, claro está, consideremos que é preciso seguir formando parte da construción europea do futuro.

Bibliografía

[1] Economistas aterrados, Europa al borde del abismo, Pasos Perdidos / Barataria, 2012, p. 16-21, 38-39, 58-59, (impagable a análise dedicada a España, pp. 121-140).
[2] Juan Francisco Martín Seco, Economía. Mentiras y Trampas, Península, Barcelona, 2012, p. 21, 23, 46-52 (clarificador panorama sobre o BCE), 73-79 (de lectura obrigada para profanos no eido déficit público).

lundi 9 avril 2012

RECORTES: UNHA GUILLOTINA QUE ASASINA EN SILENCIO

Abren a boca, presurosos, para contentar a Don Mercado, que agocha na súa singularidade a persoas de dubidosa humanidade e que dirixen ao FMI, ao BCE, á Comisión Europea, a Francia, Alemaña (e tamén Grecia, Italia, Portugal, España...). 

onde matan a dignidade
Abren a boca para anunciar, como se non pasase nada, un novo capítulo de recortes: cando aínda non fixemos a dixestión -por intragables de duros que son- dos anunciados nos Presupostos 2012, hoxe, de forma sibilina, quizais en plena comunión con esas procesións de símbolos fascistas, ou en alianza coas misas retransmitidas homófobas e machistas, volven a dicir que recurtan máis, aínda máis, e que será nos servizos básicos de toda sociedade de ben, educación e sanidade. 

Se non fose porque nos vai a vida, non perdería un instante en falar desta miserable panda. Pero están actuando como executores, e disparan sobre o ben público. Sobre nós, en definitiva.

Cada recorte é como unha fría guillotina que procura o pescozo da esperanza de millóns de persoas.

Cando máis se penetra no alambicado discurso dos tecnócratas dámonos conta de que este non entende de emocións nin de vida humana. E os seus autores tampouco. Viven na súa atalaia, créndose a salvo. E pode que sexa así....polo de agora. A xustiza rematará por caer sobre eles e elas, amantes oligarcas do desenfreo desregulador. 

Nun país de enorme subdesenvolvemento social, como ben demostrou Vicenç Navarro, aplicar a tesoira de podar sobre os recursos de igualdade de oportunidades é como asasinar a dignidade a a vida a cámara lenta.

O déficit non é (non debera ser) excusa para este asasinato silencioso.

dimanche 1 avril 2012

SOBRE 'CRIADAS Y SEÑORAS': FEMINISMO E LOITA DE CLASES

Teño escoitado de todo en nome do feminismo. De boca de homes, por suposto, pero tamén o escoitei de mulleres de todo tipo. Eu, pola miña formación, penso que hai sempre un conflito de clase social

Esta noite estou vendo a película 'Criadas y señoras', ambientada no segregacionista Mississipi dos Estados Unidos, e férveme literalmente o sangue. 

Experimento moita raiba ao ver cómo maltratan a estas mulleres negras, que fan absolutamente de todo: coidan aos nenos e nenas que deciden ter as mulleres brancas acomodadas,  como as explotan por un salario mínimo durante unha xornada extenuante. E o máis triste é ver como as máis duras e malvadas son as propias mulleres brancas. 

A historia, polos diálogos e situacións, lémbrame ao que tiven ocasión, por tristeza, de escoitar en boca de mulleres galegas acomodadas falando da muller inmigrante que atendía a educación dos seus fillos, que limpaba a súa casa e lle facía o xantar.

No fondo, a película ilustra un relato de explotación, de dominio e sometemento. O Ku Klux Klan, esa secta covarde de racistas brancos, atemoriza á poboación negra porque ousa reclamar dereitos. Nese estado sureño poucos son os que son quen de impoñerse ao veleno do racismo e dos comportamentos segregadores. 

Onde está a liberación da muller neste relato? Existe liberación real da muller cando é outra muller a que oprime e explota? a que denigra e discrimina?


Pero hai esperanza no relato. Chega unha rapaza que estudou na universidade, que traballa para ser xornalista, e que, por iso mesmo,  sae do centro das tradicións e ousa pensar por si mesma comeza a opoñerse ás mulleres do seu grupo. 

Esta muller nova ve aos seres humanos en tanto que tal. E dálle voz ás mulleres. Ter voz é importante, tanto como ser escoitada e comprendida. E o relato úneas. Por iso, como exorcismo liberador, todas as criadas negras deciden contar a súa historia á futura xornalista. Unha historia dura, desgarradora, chea de actos de racismo, e tamén de violencia machista, pois algunhas sofren agresións dos seus compañeiros. Unha historia dura, con moita valentía e resistencia por parte destas mulleres.

Unha historia de feminismo e loita de clases.