samedi 29 septembre 2012

EXEMPLOS DA MALÉVOLA CONCENTRACIÓN DE CAPITAL

Recollo os datos do libro Los amos del mundo, do que xa figuran os datos nunha entrada anterior deste blog. Son elocuentes e demostran por onde temos que encamiñar o traballo democrático de derrubar o poder financeiro: 

  • Nun estudo que citan analizáronse 43.060 transnacionais e os autores do mesmo demostran que 737 delas controla o 80% do valor accionarial total.
  • Seis grandes compañías discográficas controlan a industria a nivel mundial.
  • 10 grandes transnacionais controlan:
    • o 53% do mercado farmacéutico mundial,
    •  o 54% da biotecnoloxía,
    • o 62% da farmaceútica veterinaria,
    • o 80% do mercado global de pesticidas e comercio mundial de alimentos
    • o 95% do mercado mundial de sementes comerciais,
    • case o 100% do mercado internacional do petróleo.
  • Lladró: controla o 70% da porcelana de luxo,
  • Apple: o 60% do mercado táctil a nivel mundial,
  • Beers: o 75% do comercio mundial de diamantes.
  • En España: 4 empresas controlan o mercado español de café; 7, o 75% dos alimentos que compramos, e Carrefour, 1 de cada 4 alimentos. 
  • As 15 empresas máis grandes do mundo teñen un PIB equivalente ao dos 27 países da UE.
Os voitres financeiros queren controlar as democracias e as leis que aí se elaboran. Con ese motivo, 15.000 lobbies financeiros e empresariais pululan pola Comisión Europea e gastan 3.000 millóns co fin de influir e determinar decisións que vaian no se beneficio. De feito, varios destes lobbies son os autores directos das leis que procuran facer aprobar...en detrimento das clases traballadoras.

O QUE RI AÍNDA NON RECIBIU A TERRIBLE NOTICIA

Este verso de Bertolt Brecht figura no elocuente libro de Petros Márkaris, La espada de Damocles (Tusquets, Barcelona, 2012). O libro contén unha serie de observacións do escritor grego desde o 30 de decembro de 2009 até finais de xuño de 2012 sobre a crise en Grecia e como afecta á sociedade do seu país.


As denuncias do escritor son implacables. Unhas dinastías políticas que se suceden en Grecia de forma indisimulada e que fixeron da administración pública un viveiro de clientelismo e corrupción. Unha sociedade que caeu baixo o embruxo do diñeiro de mentira, os créditos ou préstamos que non son outra cousa que débedas que esixen un retorno (ás veces) desmesurado. Un sistema que privilexia as desigualdades.

Non quero caer na fácil tentativa, a raíz do que sucedeu en Valencia, en Andalucía, ou en Galicia, de equiparar o sistema "podre" que describe Márkaris, co que temos nesta nosa casa galega. Pero algo si cheira a podre.

De feito, hai uns días escribín un textiño sobre o tema para Galicia Confidencial e, como xa agardaba, a manada de cans comezou a verter todo tipo de improperios, ningún sen ter que ver nada en absoluto co que eu comentaba no textiño. Quero pensar que nesa manada está a xente desquiciada da dereita, sobre todo ese personaxe que me chama "francés comunista españolista"...Jajaja. Que risa! E faino empregando o castelán e chámame a min españolista! Que rara esquizofrenia late nos comentaristas de internet aos que, como saben os lectores e as lectoras deste blog, xa denunciei por non seren o suficientemente ousados, tanto como as palabras que empregan, para identificarse. 

Nese artigo falaba de que a min me produce especial arrepío o pensamento de que a xustiza non é independente, porque, en última instancia, significa non ter democracia. E de aí a miña inquedanza ante as masas de vítores, e outros berros baseados na fe cega, ante as persoas supostamente inocentes.

Voltando a Márkaris, lede a súa visión, porque, moito me temo, estamos ante un espello do que pode suceder, a pouco que a dereita siga coa súa absurda e inútil política de recortes, mentres se anima a pedir un rescate para a banca.

Por certo, banca, oligarcas, gobernos axeonllados, gobernos corruptos, forman parte do título do último libro dos sempre acertados Vicenç Navarro e Juan Torres López, Los amos del mundo. Las armas del terrorismo financiero (Espasa, Barcelona, 2012). Como defninen os autores no inicio do libro, queren facer claras as palabras que empregan os perpetradores dos atentados financeiros, queren que todo o mundo entenda o que acontece:

"incluso las cuestiones económicas más complejas se pueden explicar sencillamente, de modo que las entiendan las personas que no tienen ningún tipo de formación económica" (p. 14)
E teñen razón cando afirman:


"hay dinero que mata y actividades financieras que están arruinando la economía y destruyendo el planeta" (p. 16)
Non podemos aceptar sen máis o estado actual de cousas; será difícil, pero o 21 de outubro temos a oportnidade histórica en Galicia de expulsar do parlamento aos alegres perpetradores do atentado financeiro que máis dereitos vulnera: o dereito a termos un emprego e un salario dignos, o dereito a unha unha vivenda digna, o dereito a un servizos públicos de calidade, eficaces e eficientes, que non se asenten en prácticas discriminatorias, o dereito a termos información veraz e plural, o dereito a termos unha lingua plenamente normalizada, o dereito a termos unha democracia controlada polos dereitos cidadáns e non polas imposicións mercantís e financeiras. 

Pero non nos enganemos: non será doado, porque, nun primeiro momento, pode que cheguemos ao goberno, pero non teremos aínda o poder. Pero será nosa a obriga inquebrantable de loitar, xunto co pobo, contra os que teñen o poder e recuperalo para beneficio da maioría das persoas. 






samedi 15 septembre 2012

A PAIXÓN DO CAPITALISMO POLAS ARMAS

Esta nota pode valer para responder á cuestión que lle formulaba aos lectores e lectoras. O capitalismo quere armas. En perfecta consonancia co discurso do medo e securitario que se implantou desde o 11 S de 2001, os orzamentos destinados a gastos armamentísticos non deixaron de medrar de forma insultante...sobre todo se o comparamos en como ese aumento vai en detrimento das partidas sociais. 

Un suplemento, ademais, que supón un aumento de golpe do 28%, sobre material recibido polo ministerio, segundo parece no 2010 e no 2011 (segundo o xornalista Isaac Campos, en artigo publicado en esHORA, p. 7, do 14 de setembro de 2012) [Repárese ben no detalle de quen gobernaba e quen goberna para darse conta de que as dúas moedas do capitalismo se dan a man de forma moi entusiasta a este respecto].

Unha guinda máis púxoa o desastroso goberno de Rajoy co Real Decreto-Lei 26/2012 de 7 de setembro, polo que se concede un crédito extraordinario no orzamento do ministerio de defensa para "atender al pago de obligaciones correspondientes a programas especiales de armamento por entregas ya realizadas"...

Cales son esas obrigas?

avión EuroFighter-2000 => 1.171.607,69 €
helicóptero Tigre => 76.267,14 €
Obús 155/52 => 16.065,97 €
Misil SPYKE => 27.824,41 €
Buque BAM => 187.800,00 €
Carro de combate LEOPARDO => 242.337, 28 €
Misil IRIS-T => 38.968,56 €
Helicóptero UME => 21.181,31 €
Sistemas CIS UME => 718,53 €

un total de 1.782.770,89 €




Vemos como o negocio da guerra é moi rendible...


e a desfachatez, a desvergoña do PP (sen esquecernos dos de antes), xa que o actual ministro de Defensa, o gran beneficiado, foi Conselleiro entre 2005 e 2009 da empresa Instalaza SA, principal fabricante de bombas de racimo... 

Xa non abraia o intercambio de cromos entre altos cargos públicos e empresas privadas. Sabemos dos favores que estas lles deben aos primeiros. O importante é que se saiba. Que a xente tome verdadeira dimensión de a onde se destina o diñeiro. O noso diñeiro. Ademais, non podemos deixar de mencionar o feito de que ese crédito vaise pagar con débeda pública. De novo, socialización das perdas e privatización dos beneficios. 

Cómpre poñerlle fin a este tipo de noxento mercadeo. Limpar ben os ollos. Lavar ese pó que impide unha clara visión dos feitos. Informarse de forma plural e logo facerse unha boa panorámica dos sucesos actuais. E votar en consecuencia. 

Cómpre recuperar aquilo de que hai que botalos votando..Porque, como iremos documentando ao longo de todos estes días, hai moitas probas de como o diñeiro de todas as persoas se destina a intereses que van precisamente contra o benestar de todas esas persoas.

vendredi 14 septembre 2012

QUE QUERE O CAPITALISMO?

Non se trata dunha pregunta enrevesada. Trátase de ver o alcance real da súa plena potencialidade a través da resposta que vostede, como lector o lectora, pode realizar. E, por suposto, se pensa vostede que para respondela non precisa de ideoloxía, ou mesmo aspira vostede a dicir, "son unha persoa apolítica", sinxelamente será imposible que poda respondela. 

Quizais, vostede pode ser unha desas persoas que antes de poder responder desexa practicar ese exercicio intelectual que consiste en establecer unha táboa de valores respondendo á pregunta contraria: que é o que non quere o capitalismo? Entón, recollendo os valores que dea vostede ás dúas respostas, si pode responder á pregunta. 

Unicamente lle pediría a vostede que na formulación das dúas respostas procure pensar non no seu caso particular, senón na globalidade da súa contorna máis inmediata. 

Para animar a súa reflexión, só desexo anotarlle preguntas que poden orientar a súa resposta á pregunta que dá título a estas notas: 

- coñece persoas que están no paro?
- sabe de xente que pasa dificultades para chegar a fin de mes a pesar de estar traballando?
- experimenta vostede que todo vive baixo unha sensación de vértigo, velocidade e abafo?
- vive vostede a ameaza do medo ante a perda do traballo?
- coñece vostede os efectos da degradación da sanidade pública á hora de ser atendida con celeridade?
- recoñece os valores e, polo tanto os perigos, dunha educación baixo a permanente fouce da redución de recursos de todo tipo?
- que pensa vostede sobre o feito de que para poder ter unha vivenda digna teña que pagar un alugueiro excesivo ou mesmo hipotecarse de por vida?
- pensa que os culpables dos males da sociedade son as persoas que escapan de países en guerra ou da violencia que representa a fame? 
- considera vostede que a televisión informa de forma plural, enriquecedora e atendendo ao principio de neutralidade partidista? 
- pensa vostede que é xusto que vivamos a expensas de organismos internacionais que non foron elixidos democraticamente polo pobo? 
- que opina vostede sobre o feito de que con todo o que se gasta en armas no mundo, poderíamos erradicar a fame? 
- considera vostede que o mercado é capaz realmente de autoregularse e que, por si mesmo, pensa no beneficio social?

Non deixe vostede de formularse preguntas.

Pode ser que teñamos que concluir que o capitalismo quere precisamente que non se formule vostede as preguntas pertinentes para non poñer en entredito o seu dominio. 

Entón, formularse simplemente as preguntas e pensar nas respostas xa pode significar o primeiro paso para rachar cun sistema de pensamento único.

dimanche 9 septembre 2012

MEDO LLE TEÑO! SOBRE O SEÑOR DAS TROULAS


Este señor non ten remedio. Sempre anda de troula e nin os seus correlixionarios saben se di a verdade ou se se asolaga na mentira. Agora dille ao pobo galego que o rigor dará paso ao crecemento. E eu xa lle teño pánico. Despois dunha lexislatura de rigor, onde todos os indicadores en materia de creación de emprego e dereitos laborais, de afortalamento dos servizos públicos da educación, da sanidade e dos servizos sociais están abafando debaixo da guillotina dos recortes do déficit, agora o señor en cuestión di que virá o crecemento....Medo lle teño!
Que seguirán medrando o paro e a desprotección laboral!
Que seguirán medrando os ataques á nosa dignidade como persoas!
Que seguirá medrando a emigración como único futuro!
Que seguirán medrando a degradación e privatización dos servizos públicos!
Que seguirán medrando as dificultades das persoas con diversidade funcional!
Que seguirán medrando os ataques á lingua e á cultura galega!
Que seguirá medrando a devaluación da democracia xa empequenecida!
Que seguirá medrando a desfeita do noso territorio, cruzado por unha velocidade que o desartella, elitista e nada ecolóxica!
Que seguirá medrando o seu inmobilismo e deixará facer a Don Banco e a Don Mercado para que lle tomen o pelo e lle rouben ás persoas aforradoras do país!
Que seguirá medrando o secuestro dos medios públicos galegos e a contratación dos restantes para propaganda do réxime!
Que seguirá...el!! Vaia troula!!

O pobo galego saberá recoñecer a mentira que se agocha na troula e darlle ao señor este seu ben merecido repouso e mandalo a Madrid –seguro que devece por iso- como ministro de Rajoy ao que non lle quedan máis que dous telexornais NO-DO como presidente en canto rematen as eleccións do 21 de outubro, xa que a Troika, desde ese día, como xa o fai agora de forma máis disimulada, recibirá o convite de Rajoy para sentarse no lugar onde debe residir a soberanía do pobo.  Non o permitamos. Nin en Galicia o 21 de outubro. Nin no Estado.