mardi 15 octobre 2013

FEIJÓO MAQUILLADOR DUN CORPO SEN CARNE E ALMA

Rematou a primeira fase do pleno do debate do Estado de Galicia. Feijóo debuxou nun par de horas -insufribles para as persoas que sabemos que hai aí fóra- unha Galicia ideal, soñada, que me recorda, e moito, o discurso de investidura, aquilo de Galicia no País das Marabillas.

E, sinceramente, a estratexia discursiva de quen lle prepara os textos non mudou. Anuncio de plans. Fachenda e autoeloxio. Numeroloxía descontextualizada ao servizo da propaganda oficial, sen carne, sen alma, sen humanidade. As persoas son empregadas como exercicio de retórica mesmo, de forma absolutamente innecesaria e lmentable, as vítimas do accidente ferroviario de Angrois. 

Innecesario porque non se trata de competir en "cariño", ou en ver quen, supostamente, sinte máis as 79 mortes. Lamentable porque o que precisan as familias das vítimas e os que sobreviviron á traxedia con feridas e secuelas é unha acción política determinada. Non propaganda. Nin discursos. Feitos. E unha vez feito, nen sequer exercer a propaganda, porque quen goberna debe facelo porque presta un servizo público, garante dereitos, non fai favores.

Non soporto ese "todos os galegos" que se emprega como argumento probatorio, porque non é certo: non todos os galegos e galegas queren as políticas austericidas como salvación....dos máis poderosos.  As persoas desempregadas, as migrantes, as desprotexidas, as empobrecidas, as familias que cada vez teñen máis apuros para chegar a fin de mes non entenden de macroeconomía. As súas necesidades non forman parte dos intereses dos grandes grupos empresariais.

Estamos, como xa levo denunciado neste blog, nun canibalismo brutal, desesperante. Veremos mañá que Galicia comunican os medios de comunicación. 

vendredi 11 octobre 2013

A ILUSIÓN DA DEREITA E A HIPERCOMUNICACIÓN


Mergullados na centrifugadora da actualidade. Devorados nun exercicio de autoimposta devoración do corpo, dos valores, da nosa esencia. Podemos aventurar que este é o cerne fundacional do libriño de Christian Salmon, La ceremonia caníbal. Sobre la performance política (Península, 2013). 

Algunhas das súas ideas servíronme de apoio argumental para un artigo que elaborei para o Diario de Ferrol e que verá a luz a partir do 15 de outubro. Hoxe vou seguir tirando do fío que me ofrece Christian Salmon para afondar noutros aspectos.

"El poder habla, se contradice, se interroga, miente, aboga, protesta por su buena fe...Se irrita, explota vociferando, toma por testigos a sus colaboradores, pero ha perdido toda credibilidad. La busca inventándose historias. Es uno de los elementos clave de la crisis que mina el ejercicio del poder por los políticos. El poder ha perdido contacto con lo real" (p. 99)

O día a día, desde que estou na aventura parlamentaria de AGE, amósame que o autor francés ten razón. O poder non atende á realidade: céntrase na construción da súa propia ilusión. A ilusión vén alimentada, desde o seu propio étimo, por esa parte de mentira que todos queren crer: niso debe consistir o programa político do PP. Unha ilusión que devora todo elo coa realidade, mais a pesar disto o poder tentará convencer que domina a situación.

Como di Christian Salmon, "devoración" e "vociferación" son as dúas modalidades da deconstrución do político (p. 100). O autor recolle unhas palabras dun alto funcionario da república francesa: "Nos han quitado nuestro territorio (...). Teníamos las mejores competencias y lo han estropeado todo. El estado se ha convertido en una misera. Un zapato viejo lleno de agujeros por los que se mete el agua" (p. 100). 

Se ese laio vale para Francia, que aínda posúe unha administración pública poderosa, que non diremos de Galicia, de España? 

Entón, ante esa situación de perda asumida e consentida polo poder político para degradar o ben público en todos os seus eidos, xorde as "grandes maniobras de esquive. (...). Privado de medios, el Estado se reinventa en el mundo de la hípercomunicación. Su poder ya no se ejerce en el espacio de la soberanía; se reduce a un poder sobre las mentes, sobre los cerebros, sobre la atención humana" (p. 102).

Aí está o xogo. Por iso o poder compra a información de forma directa. Manifesto no caso galego. A realidade non conta, ou queren que non conte, só val a percepción que se teña dela. E por iso, acontece o que acontece. 

"En ese espacio público despoblado y saturado de informaciones, cualquier información, para alcanzar su objetivo, tiene que presentarse bajo la forma de una historia útil, de una ficción compartida" (p. 103).

Por iso, ante o universo de relatos ficticios que xorden e retroalimentan a ilusión política e tecnolóxica, só cabe voltar a unha razón cargada da emoción que nos traslada o feito de vivir no medio dunha mentira. 

Non se trata, como queren eles, de captar unha audiencia-masa, irreflexiva. Trátase de pedagoxizar a acción política. De deslexitimar a mentira co corpo da nosa realidade para construír a alternativa a esa ilusión imposta.


jeudi 10 octobre 2013

UN INICIO DE CURSO NORMAL

É habitual, cando comeza o curso, que os políticos que nos desgobernan comecen a facer as súas grandilocuentes declaracións, baixo o interesado ollar dos medios de comunicación, cada vez máis amigos pola necesidade que introduce o “pan” dado a dedo e sen publicidade para “relatar novas positivas sobre Galicia” –inda que sexa a costa de mentir, mentirse e mentirnos–. Declaracións que, erguéndose por riba do ben e do mal, coma superhomes nietzcheáns, prescinden do máis mínimo criterio crítico e aseveran sobre a “normalidade” do inicio de curso.

Recoñezo que non sei a que se refiren con normalidade. Ando perdido cando, no día a día, falando coa familia, percibes como as cousas son máis difíciles no traballo, onde “che piden máis horas e non rechistes”, onde o prezo da vida se encareceu de forma exponencial ao mesmo tempo que recortaban salarios, que introducían repagos en sanidade e educación, que aumentaba o IVE (o imposto máis insolidario, xa que grava ao que máis ten igual ca o que menos ten). Os propios datos oficiais, do Instituto Galego de Estatística, afirman que 6 de cada 10 familias chega con dificultades a fin de mes. É iso normalidade?


Non acepto ese discurso da normalidade, da patoloxía da normalidade que intenta facernos ver que é normal vivir abafado, cando hai tanto desemprego en Galicia (93.000 familias con todos os seus membros en paro; 33.000 sen ningún tipo de ingreso) e que mesmo se está producindo un incremento de traballadores e traballadoras pobres porque o miserable salario que lles dan xa non chega para facer fronte a aluguer (ou hipoteca) e aos gastos correntes, e xa non digamos facerlle fronte a imprevistos (un informe de Cáritas afirmaba que 650.000 galegos e galegas están en risco de exclusión social).


Hai tanta “normalidade” que mesmo o inicio de curso xa constitúe un gasto en materia educativa nada doado de afrontar (uns 723 euros de media debido a que os prezos dos libros de texto, dos materiais complementarios como atlas, dicionarios, e restante material escolar certamente experimentou unha forte suba nestes anos de crise).


Neste contexto o PP obriga ás familias galegas de facerlle fronte ao pago do servizo de comedor, un servizo educativo esencial nestes tempos. De forma maquiavélica retorcen as palabras e afirman que é un decreto xusto. Mais, eu, sen moita idea de matemática, póñome a contar e comprobo que antes, co anterior decreto –ollo, falo dos centros que asume a Xunta de forma directa– o 92% do alumnado non pagaba nada polo uso do servizo de comedor, mentres que a partir de agora, e coas contas asentadas a partir dos datos do 2012, esa gratuidade (relativa, xa que a pagamos a través dos nosos impostos) vai beneficiar a un 56%. Vostedes comparen, 92 fronte a 56. Certo é que o anterior decreto presentaba eivas...pois mellórese! Mais o que non procede é que se empeore a situación, que é o que acontece con este decreto, imposto, xa que a comunidade educativa e órganos representativos coma o Consello Escolar de Galicia teñen dito non ao decreto.   


Si, “normalidade”: que llo pregunten ás direccións dos centros, que se viron atacadas por máis trámites burocráticos. Que llo digan a esas familias que no curso pasado tiñan o servizo de comedor gratuito e que, agora, debido á teima da dereita, teñen que pagar. Todo adquire tanta normalidade que equiparan no seu imaxinario unha parella que teña un salario de 1.125 euros ao mes cada un con quen gaña 5.000 euros. O PP, de forma cínica, di que iso é xusto. Coma o feito de que unha parella de mileuristas pague 50 euros.


O PP manipula e minte. Os seus membros non teñen reparo en facelo no Parlamento de Galicia, onde fan exposicións que acumulan datos que non se contrastan e logo son magnificados polos medios amigos do sistema vixente que, ao mesmo tempo, fai todo o posible para silenciar as propostas alternativas que veñen desde o grupo parlamentar ao que represento Alternativa Galega de Esquerda. O lóxico é que se contrapoñan as informacións de todas as forzas políticas e que non se practique o silencio informativo que é a forma moderna que adquire a censura.  


Por iso, vémonos na obriga de usar estas posibilidades comunicativas para denunciar, por exemplo, que neste contexto de crise o Partido Popular dixo non a unha iniciativa que pretendía que se puxera en marcha un plan para detectar carencias nutricionais nas escolas públicas de Galicia e actuar en consecuencia

ATACAN, LOGO ESTAMOS ACERTANDO

Véxome na obriga de recuperar a escrita blogueira ante o constante avance do ataque, da falacia, mesmo da difamación á que nos están sometendo aos de AGE en todas as frontes. Mais non o vou facer para darme o gusto de mandar a todos "a la mierda" como diría Fernando Fernán Gómez. Vouno facer para sinalar o sendeiro do trazo absurdo, ilóxico e mesmo atrapallado en que algúns e algunhas converten á acción política. 

A conduta hipócrita, o sorriso baleiro, o falso colegueo non forman parte do meu dicionario. Eu procuro ser respectuoso e pensar que trato con persoas. Mais cando alguén crava puñais, teño que descravalos e logo constrúo a miña indiferenza. 

Por iso, se atacan, é que estamos acertando. Non se esqueza que estamos na oposición. Véxoos e véxoas perdendo o sentido da orientación e mesmo ignorando un tanto onde está a dereita, se nós somos a súa gran preocupación.