lundi 28 juillet 2014

DO NARCISISMO Á DEPRESIÓN, AGONÍA DO SER HUMANO EN MANS DO NEOLIBERALISMO

Interesante. Unha interpretación filosófica dun feito en apariencia insubstancial, como pode ser o EROS, é quen de achegar as claves hermeneúticas e situarnos nas consecuencias que ten para o ser humano o sistema capitalista nesta fase salvaxe, neoliberal ou ultraliberal.

Iso é o que acontece co libro do filósofo Byung-Chul Han, La agonía del Eros (Herder, 2014). Mais, considero que é a miña experiencia como lector, e como pensador dos feitos políticos e sociais de hoxe, a que se cuestiona permanentemente sobre un exceso de silencio -ou resignación?-, sobre unha certa ausencia da forza da negatividade, que debera levarnos á exaltación da necesaria revolución democrática para que nada sexa mañá como está sendo hoxe.

O filósofo Byung-Chul Han considera que a negatividade é necesaria para enfrontar a experiencia do que significa vivir e desexar. Curiosamente, esta negatividade "desaparece por todas partes. Todo es aplanado para convertirse en objeto de consumo" (pp. 10-11). Así, un mesmo devén un altar narcisista para o autoeloxio permanente.

E como isto é, loxicamente, incompatible coas propias consideracións do EGO en SOCIEDADE, as persoas que viven de forma narcisista deprímense. Non son conscientes dos limites. Por iso concordamos con Byung-chul Han: "La depresión es una enfermedad narcisista. Conduce a ella una relación consigo mismo exagerada y patológicamente recargada. El sujeto narcisista-depresivo está agotado y fatigado de si mismo" (p. 11).

Cando un pensa en si, des-agregándose do OUTRO, separándose do OUTRO convértese nunha persoa sen relación. E, por iso, o EROS é a forza que nos conduce ao OUTRO. Pode que a carencia de empatía actual explique a deriva racista das nosas normas institucionais e das nosas prácticas sociais.

Poder. Deber. Poder, verbo esencial desta sociedade do rendemento é peor, en esencia, que o verbo deber, trazo da sociedade da disciplina, propia do franquismo, por exemplo. En efecto, baixo a ilusión da libre elección, un pode facer todo o que queira e desexe, mais rematamos por esixirnos imposibles. Aí comeza a frustración. E a depresión.

Como di o noso filósofo: "la llamada a la motivación, a la iniciativa, al proyecto, es más eficaz para la explotación que el látigo y el mandato" (p. 19). En síntese, diríamos que no noso país pasouse da disciplina franquista á era da motivación neoliberal. Para iso, o neoliberalismo tivo que erosionar os elos relacionais que unían as persoas entre si. Esnaquizou o elo de solidariedade, de fraternidade, relegando a cada EGO ao espazo definido, desde os medios de desinformación masiva, como único, propio ao indivíduo. "El tú puedes incluso ejerce más coacción que el tú debes" (p. 21).

Render. Motivar. Emprender. Arietes do discurso neoliberal. Son a chave para poder facer o que máis desexa o neoliberalismo: competir. E se competimos, matamos a EROS, que simbolizamos como a metáfora que alimenta o elo relacional entre EGO e o OUTRO.

Por iso, o neoliberalismo inventa técnicas para agochar a ruptura. Inventa a dixitalización das relacións humanas a través de internet. E de novo concordamos co filósofo, o negativo sería a lonxanía, porque implica unha tensión vital, necesaria para darnos conta do OUTRO. O invento da proximidade dixital, no fondo, fai desaparecer ao OUTRO.

Precisamos negatividade, a tensión que nos fai aprehender ao OUTRO como parte de nós mesmos. O EROS como motor, onde o amor ten que ser ferida, invasión, elevación e caída. Negar a negatividade do AMOR é matalo, destruír as relacións humanas. Non entender que somos diferentes, que pensamos diferente e que temos que trascender esa diferenza, provoca, de forma inevitable, a ruptura.

Por iso, o neoliberalismo domesticou o amor. Convertéuno nunha fórmula de consumo, "como un producto sin riesgo, sin atrevimiento, sin exceso sin locura. Se evita toda negatividad, todo sentimiento negativo" (p. 33). Mais o negativo é preciso para entender ao OUTRO. Non existen os contos de fadas. Edulcorar a realidade, como fan algúns pais e nais, algúns educadores mesmo, só conduce a unha exaltación narcisista, e de aí a frustración e a depresión.

"Al amor de hoy le falta toda trascendencia y trasgresión" (p. 34). En efecto, nada peor que a folla de ruta calculada e idealizada desde o berce.

Cómpre darse conta do camiño en que nos situaron e parar. Cambiar de forma de ver e vivir a vida. Recuperar o camiño de EROS e liberarnos da cadea da depresión neoliberal e do seu sistema de pensamento único.

Xabier Ron
Compostela, 25 de xuño de 2014

lundi 14 juillet 2014

A LEI DE AMNISTÍA NON É A LEI DE MEMORIA HISTÓRICA

Hai un chisco fixen esta defensa dunha iniciativa do BNG, que pide introducir na Lei de Amnistía de 1977 un freo ou atranco a que se xulguen os crimes do franquismo: 

A Lei de Amnistía, que entra en vigo o 17 de outubro de 1977 representa unha desas coartadas que empregan aínda os herdeiros do franquismo para evitar verdade, xustiza e reparación.



Non hai organismo de defensa dos Dereitos Humanos (Human Rights Watch; Amnistía Internacional; o Grupo de Traballo sobre as Desaparicións Forzadas ou Invluntarias da ONU; Comité contra a Tortura e Comité de Dereitos Humanos) que non denuncie ao estado español por manter a existencia dunha Lei, desvíada da súa función primeira, mais que é empregada como unha lei de punto e final, como inoculadora de mentiras, de inxustiza e de indefensión, e que non debe aplicarse para xulgar os crimes do franquismo.



A Lei de Amnistía elaborouse supostamente para protexer a quen loitara contra as estruturas postas en pé pola ditadura franquista; mais o certo é que serviu para un obxectivo ben contrario: amparar os crimes e vulneracións de dereitos perpetrados polo rexime franquista. Queda claro que a protección se converteu en ofensa.



Lembremos que, segundo datos do Fiscal Xeral do Estado, na súa Memoria do ano 1977, relacionando feitos de 1976, alude a 61 mortes de civiles acaídas durante as represións indiscriminadas das manifestacións e reivindicacións da sociedade civil por parte das forzas de seguridade. Na Memoria de 1978 (referida a 1977) fálase de 15 mortes e de 4.394 detidos por razóns políticas. Estamos, polo tanto, nun contexto que demostra de forma moi clara que a transición da ditadura á democracia foi todo menos pacífica. Foi nese contexto en que se xestou a Lei de Amnistía.

Escoitemos, como argumento, a un deses loitadores infatigables pola democracia, que pasou 23 anos por ese motivo nos cárceres franquistas:



"Mantuvieron a los mismos jueces que me juzgaron a mí; los policías que me torturaron, aunque jubilados, seguían en nómina; el Tribunal Supremo continuaba siendo el mismo que durante el franquismo. No fue un camino libre para los valores democráticos. Para mí la Transición fue como una broma con la que se disfrazó de otra cosa el capital y la derecha. Hubo impunidad para todo y seguimos tragando impunidad" (Marcos ANA).



Unha sociedade non pode avanzar en democracia se destrúe a memoria e vive do triunfo do silencio e da inxustiza. Unha sociedade precisa facer as paces co seu pasado. O Estado debe ser garante disto; moitas vítimas aínda agardan e seus familiares tamén.



Mais, como facelo cando as estruturas da Maxistratura, como escribiron Jiménez Villarejo e Jiménez Doñate, están impregnadas dun certificado sesgo ideolóxico franquista, de contidos autoritarios?



Neste Estado semella que se ampara absolutamente todo aquilo que beneficia aos maltratadores da democracia. Nese sentido, xa denunciamos neste Pleno o destrutivo alcance que ten a LO 1/2014, de 13 de marzo, que modifica a LO 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial relativa á xustiza universal.



E onde alertamos que as modificacións introducidas o que facían era, de facto, cargarse a Xustiza Universal, isto é, cargarse a salvagarda dos DD.HH., e converter o estado español no campo da festa de criminais de guerra, xenocidas e e demais autores de crimes de lesa humanidade. A impunidade como novo paradigma de facer xustiza.



Pois ben, co mantemento da Lei de Amnistía como escudo protector dos crimes do franquismo acontece o mesmo. Ao facelo o Estado español incumpre as súas obrigas democráticas: "os Estados ostentan unha dobre obriga en materia de DDHH: por un lado, o deber de respectar, asegurar e protexelos; e, polo outro, a obriga de garantía que, no plano xurisdicional, se concreta en brindar os recursos efectivos se son violados, isto é, débese investigar, xulgar e, no seu caso, sancionar ao culpable e reparar"



Non existirá, e non nos cansaremos de dicilo, un sistema completamente respectuoso dos Dereitos Humanos mentres as vítimas de crime de lesa humanidade, e os os franquismo o son, non sexan plenamente reparadas.



En boa lóxica, o primeiro que habería que facer é eliminar os vestixios do franquismo nas estruturas democráticas actuais. Repasen vostedes as acertadas páxinas sobre "as razóns da pervivencia do franquismo" do libro de Jiménez Villarejo / Doñate Martín, para percibir por que é preciso resetear o sistema.



Mais sen dúbida, para nós tamén outro paso, necesario e imprescindible, pasa por ofrecer Verdade á sociedade, hoxe mesmo ignorante do que aconteceu porque esa Verdade entra de forma moi feble nos estudos de secundaria e do bacharelato; pasa por ofrecer Xustiza e Reparación ás vítimas e seus familiares.



E iso non se pode facer se se segue empregando a Lei de Amnistía como parapeto da impunidade. Cómpre, xa que logo, neutralizala. O mellor sería non modificale, senón derrogala. Mais, tamén, porque sempre os hai que a invoquen como impedimento, cómpre mudar a Constitución Española, despois dun necesario proceso constituínte para termos unha Constitución defensora de Dereitos de Cidadanía, para que non se poda empregar a dita CE como argumento que impida derrogar a Lei de Amnistía de 1977.



Cómpre unir a necesaria democracia nas estruturas da administración da xustiza xunto con ferramentas legais que favorezan e non atranquen a defensa dos Dereitos Humanos e que procuren a xustiza ante os crimes de lesa humanidade.



Hoxe, a administración de xustiza, mantén na impunidade ditos crimes, e négase, ao mesmo tempo, a achegar recursos efectivos para que as vítimas de crimes contra o dereito internacional ou as familias de vítimas de desaparicións forzosas e de execucións extraxudiciais podan acceder ao seu dereito a saber e recuperar os restos dos seus seres queridos.



Pode o Estado parapetarse na Lei de Amnistía e esquecer os dereitos dos familiares das máis de 150.000 persoas desaparecidas, ou feitas desaparecer polo franquismo? O esquecemento é inadmisible. O sofremento acumulado durante tantos anos require verdade, xustiza e reparación. O Mapa de Fosas da Oficina para as Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura (26 de outubro de 2011) detalla que existen unhas 1.204 fosas non intervidas.



Non vai escoitar o aparello do Estado a Resolución da Asemblea Xeral da ONU 60/147 (de 16 de decembro de 2005, publicada o 21 de abril de 2006) relativa aos "Principios e directrices básicos sobre o dereitos das vítimas de violacións manifestas das normas internacionais de dereitos humanos e de violacións graves do dereito internacional humanitario a interpoñer recursos e obter reparacións". Semella que non. Obviamente.Tendo en conta o acontecido desde ese 21 de abril de 2006.



Vai desatender mais unha vez as obrigas que figuran nas Observacións Preliminares do Grupo de Traballo sobre as Desaparicións Forzadas ou Involuntarias da ONU, ao concluír a súa visita a España (30 setembro de 2013), que mesmo xa alerta que a sentenza do Tribunal Supremo 101/2012, de 27 de febreiro de 2012, que se apoia na Lei de Amnistía de 1977 para denegar a posibilidade de investigar os crimes da guerra civil e do franquismo é contraria ao dereito internacional?



En efecto, en base a argumentos xurídicos e de dereito internacional en materia de dereitos humanos, pódese dicir que as privacións ilegais de liberdade realizadas a partir do golpe de Estado de 1936 (e ate o 15 de decembro de 1976), dado o seu carácter de delito permanente, non lles son aplicables a prescripción, nin a Lei de Amnistía de 1977, como causas de extinción de responsabilidade penal. En efecto, o delicto continúa desde o día en que a persoa foi privada de liberdade ate o día en que apareza viva ou ate o día en que se poda constatar cientifica e xurdicamente que morreu, tras a correspondente exhumación dos seus restos.



Se houbese vontade xurídica e política, de atender ao Dereito Internacional non teríamos que falar desta iniciativa do BNG, xa que, ademais do anterior, tal como consta en escritos xurídicos, a Lei de Amnistia debería ser inaplicable para os casos en que teñan que ver cos crimes do fraquismo por ir en contra da Constitución Española de 1978, no sentido de que as medidas de graza e esquecemento estaban encamiñadas a promover a pacificación dos espíritos, a reconciliación e a concordia, mais ao facelo, o articulado da Lei de Amnistia vai en contra dos principios reitores da xustiza e da igualdade da Constitución Española polo que carece de virtualidade xurídica para estimar extinguida a responsabilidade penal e as súas consecuencias en relación a delictos coma os perpetrados durante o rexime franquista.



Mais, como non existe esa vontade, cómpre implementar ferramentas que obriguen a camiñar na xusta dirección da verdade, da xustiza e da reparación. E diso é do que se fala hoxe. Introducir no texto da Lei unha obriga para que o aparello da xustza non se parapete nesta Lei e impedir que teñamos Verdade, Xustiza e Reparación...e para que se manteña o escrupuloso respecto para co Dereito Internacional en materia de DD.HH. e de crimes de lesa humanidade, tal como son as desaparicións forzosas do franquismo.



E, como, ás veces, é preciso repetir unha frase para que se entenda, rematarei esta intervención como fixen o día que preguntei sobre a Xustiza Universal. En efecto, vostedes fan que me pronuncie como Albert Camus en Carta a un amigo alemán,



"Quixera poder amar ao meu país amando a un tempo a xustiza. Non quero para él ningunha forma de grandeza, nin a do sangue, nin a da mentira"



Con vostedes quedará a grandeza da inxustiza e da impunidade.

NA FORXA DAS COITELAS

Eloxias a túa palabra 
como expresión de sentidos rectos
e deixas na figura da retórica
os xiros e dobres sentidos

Mais

Destrúesme coa túa mentira
coa forxa das metáforas
que se penduran do sortilexio
que se abre no corazón baleiro

aí onde podo percorrer
na barca das emocións
a oleaxe do teu enfurecido 
e salferido mar escuro

aí onde a rocha de coitelas
mutila os dedos de agarimo
que acompasaban o meu amor
na túa pel    aí déixame morrer

Non me mintas máis
Vida   o tempo quimera
engule a area do meu delirio

Non me mintas máis
Morte   non ves   estás
sempre atenta a me derrubar

Non me mintas máis
só cala os teus desexos
e deixa que arrastre esta condea

A eternidade vivirá nestes versos
cheos de símbolos dunha realidade
que debuxo nas túas nádegas de ar

aí onde quero vivir a miña morte


UN NOVO PLENO...REAL E SEN FICCIÓNS EDULCORANTES

Dóenme algunhas intencións malévolas que tiven ocasión, para a miña desazón, de ler na prensa. Non creo que as organizacións que estamos na oposición desta maioría absoluta do PP fagamos política ficción. Non. O que acontece é que, precisamente, esa maioría absoluta, que non dialoga, que só impón, ademais, o que ordea o executivo, fai que a cámara lexislativa sexa todo, menos o que debera ser en base á súa función principal.

Mais algúns medios aproveitan que o Sar pasa por Bastavales non para atacar a quen promove un Parlamento descafeinado, senón para meter a todos no mesmo saco e así seguir coa idea de que "non facemos nada", "que non queremos traballar" e outras absurdas tonterías. 

No fondo, estou convencido que estas mensaxes de "son todos iguais" e de que facemos política ficción se encamiña a suavizar na conciencia social a perda de representatividade na cámara para toda a cidadanía galega...a verdadeira intención da dereita neoliberal. O que precisa para perpetuarse na ditadura dos mercados.