lundi 26 janvier 2015

IR A CONTRACORRENTE...UNHA NECESIDADE PARA SALVAR O PENSAMENTO ALTERNATIVO

Ás veces, cando camiño polas rúas de Compostela, teño a impresión de ir navegando nun mundo que abre e pecha os ollos de forma instintiva, sen desexar mirar para as marxes e moito menos, de forma introspectiva, capturar os motivos dos pasos que se dan, día a día, de forma mecánica.

Digo isto porque detrás de cada movemento existente na cidade hai unha xustificación política. Unha decisión política. Pasa con todas as obras que sitian nestes momentos a vila xacobea, algunha delas, contraria aos principios reitores que as animaron, tal como acontece coas obras do barrio da Almáciga e de Basquiños. 

Hoxe subín ate a Capela da Pastoriza, na rúa Basquiños, para falar con SANTIAGO TV sobre dúas iniciativas que rexistramos no Parlamento de Galicia a través de AGE para interesarnos pola destrución patrimonial na escalinata de acceso á Capela da Pastoriza e para que se nos entregue, nunha demanda que provén da propia Asociación Veciñal Escultor Francisco Asorey, os resultados dos procedementos de auditoría externa aos que obriga a normativa comunitaria, xa que máis de 8 M€ dos máis de 11 M€ orzamentados no Plan Urbana Norte veñen de fondos públicos europeos.

O traballo é colaborativo. Unha fluencia que vai de abaixo a arriba e volve para abaixo. Iso debe ser a política. Un traballo constante, de moito sacrificio para unha organización política e social, Esquerda Unida Compostela, que leva anos realizando ese traballo. Un traballo que obtivo o recoñecemento gradual dos veciños e veciñas de Compostela nos últimos procesos electorais. Levamos moitos anos desenvolvendo un traballo municipalista, e estando en canto movemento de contestación e reivindicación existe, desde un prisma ideolóxico de esquerdas. Un traballo que sube ao Parlamento desde as rúas. 

****

Hoxe, un día despois de Syriza, o importante para os medios de comunicación é ver que organización política é máis análoga a Syriza. Un xogo mediático para confundir. Un xogo terriblemente interesado que prescinde da mínima análise política de rigor. Os voitres que parten dos brazos, niño e refuxio, deses artífices mediáticos, agardan poder comunicar aos seus partidos políticos que Syriza incumpriu as súas promesas electorais. 

Os mesmos artífices que non fixeron fondura dos incumprimentos programáticos do PP ao longo destes anos de lexislatura. 

Cantos veciños e veciñas de Compostela poden dicir que o PP cumpriu as promesas do seu programa para as municipais? 

****

 En tempos de velocidade enfermiza, de comunicacións desinformadas, gústame ir a contracorrente. Por necesidade mental. Para salvarme desta voracidade destrutiva. Por iso, estou mergullado nas liñas dun libro escrito por Carmen García Colmenares e Luz Martínez Ten, con ilustracións de María Luisa Vico Nieto, La Escuela de la República. Memoria de una ilusión, Editorial Catarata, Madrid, 2014. 


Un libro necesario. Sempre é necesario recordar a esas persoas que loitaron pola educación emancipadora e cívica neste país. As primeiras persoas en seren represealiadas por "contaminar el alma", que dicían os franquistas golpistas e asasinos. Mais era só por defender e poñer en pé unha escola pública unificada, gratuita, laica, coeducativa e non selectiva. Iso, que algúns poden negar, chámase escola republicana e era, fundamentalmente, unha idea de esquerdas....como demostran as accións do bienio cedista e a política de involución normativa que tentaron impoñer.

Neste libro podemos coñecer as figuras de Marcelino Domingo, Rodolfo Llopis, Lorenzo Luzuriaga, e o traballo pedagóxico e emancipador de mulleres como Regina Lago (Lugo), Josefa Úriz (Lleida), María Barbeito  (A Coruña, introdutora do método Montessori), Benita Asas Monterola (presidenta da Asociación Nacional de Mulleres Españolas), e a importancia das Misións Pedagóxicas, das Colonias escolares na revolución social que significou a escola republicana.

Rematarei coa defensa ao voto das mulleres que fixo Clara Campoamor, porque ela representa moi ben o que debe ser o compromiso ético da verdadeira política, xa que era moi consciente das contrapartidas ao defender o voto da muller,  por riba mesmo dos intereses do seu propio partido (p. 54): 

"¡Las mujeres! ¿Cómo puede decirse que cuando las mujeres den señales de vida por la República se les concederá como premio el derecho a votar? ¿Es que no han luchado las mujeres por la República? ¿Es que al hablar con elogio de las mujeres obreras y de las mujeres universitarias no se está cantando su capacidad? Además, al hablar de las mujeres obreras y universitarias, ¿se va a ignorar a todas las que no pertenecen  ni a una clase ni a otra? ¿No sufren estas como las otras las consecuencias de la legislación? ¿No pagan los impuestos para sostener al estado en la misma forma que las otras y que los varones? ¿No refluye sobre ellas toda la consecuencia de la legislación que aquí se elabora para los dos sexos, pero solamente dirigida y matizada por uno? ¿Cómo puede decirse que la mujer no ha luchado y que necesita una época, largos años de República para demostrar su capacidad? ¿Por qué no los hombres? ¿Por qué el hombre, al advenimiento de la República ha de tener sus derechos y ha de ponerse un lazareto a los de la mujer?"