dimanche 13 novembre 2016

AFORISMOS (VII)

Xa pasaron os días. Non me esquecín. Non. Mais unha bronquite crónica que sempre asoma entre outubro e novembro está sacudindo o meu peito e baléirao de enerxías. Aguantar as clases xa supón un desgaste supremo e recoñezo que me entrou a pereza dixital. Non así a 'manuscrituraria'. A escrita a man reconfórtame. As pantallas dixitais prodúcenme, por norma, rexeitamento e cansancio. Mais sei que é unha poldra necesaria para conectar o río de creación co da recepción. 

Os días que transcorren entre o 24 de outubro e este 13 de novembro foron certamente ricos en emocións...a pesar da bronquite crónica que chegou o día 1 para non deixarme 13 días despois. 

Visita a Muros en bici, para ver ao meu amigo Ramón Vázquez (100 km de ida e volta o fin do 29 ao 30 de outubro). A asistencia ao acto que recorda o asasinato dos guerrilleiros Gayoso e Seoane na Coruña o domingo 6 de novembro, onde tiven ocasión de coñecer a persoas cunha historia aínda por recoller como a de Encarna Díaz. 

E mentres, o novo Parlamento de Galicia camiña...xunto co do Estado....en boa sintonía cara a unha nova vaga de recortes. Aínda estou agardando unha máis férrea batalla desde os escanos e desde as rúas. E se tivesen algo de sentido...recuperarían as liñas de traballo que afortalaron o discurso e a acción parlamentaria de AGE. 

E o mundo vístese de máis nacionalismo populista, de corte fascistoide, con ropaxes rancias de racismo, machismo e fobias de todo tipo co triunfo -nada sorprendente- de Donald Trump...

E, ao mesmo tempo, perdín ao meu último referente, o enorme Leonard Cohen, a quen homenaxearei neste texto. Si, o mundo é máis feo, mais só a beleza dos versos de Cohen pode servir de conxuro contra a brutal fealdade de Trump e dos seus adeptos. 


Luns 24 de outubro de 2016

A creación poética para min?
Inspirarme nos acontecementos máis humildes e devolver versos que tremen ante o reto de saberse mortais e sempre imperfectos.
 

Martes 25 de outubro de 2016

Si. Pode ser que no día a día sintamos que non estamos sós, que nos acompaña o aroma do vivido. E pode reconfortar e dar sentido. Mais...quen alivia o tremor da pel sen o niño do amor?

 
Mércores 26 de outubro de 2016

A crise dos 50 existe. Sobre todo se nos abandonamos e deixamos que os lugares comúns da sociedade nos modelen para atarnos. Vivir é vivir cada ano con plena intensidade todos os momentos, os bos e os malos, e saber compartir iso tamén...se temos con quen.



Xoves 27 de outubro de 2016

Observo unha soa diferencia na creación poética de onte e a de hoxe: antes proxectaba versos que latexaban por un desexo de amar como sentía que se debía amar; hoxe proxecto versos que viven con forza ese desexo nun amor que sempre é -e so pode ser- presente, porque non existe o futuro. 


Venres 28 de outubro de 2016

O ensino non pode facerse desde a aceptación resignada do escenario da competitividade; debe facerse desde a crítica a un sistema inxusto e desigual. O alumnado prefire cooperar e ser solidario, sobre todo cando actúa dentro da escola. O reto é animar ese proceso fóra das aulas. 



Sábado 29 de outubro de 2016

O esforzo debe ser sempre medido conforme ás nosas propias enerxías, aceptando os límites naturais que a idade nos marca, sen deixarse dominar polos mesmos. 



Domingo 30 de outubro de 2016

Acepto a miña condición de zombi: aliméntome cada vez máis de ideas e versos. E camiño durante o día coa esperanza de dixerilos amando cada día máis e mellor. 


Luns 31 de outubro de 2016

Pensando no meu progresivo envellecemento: non quero esquecerme do nome máis fremoso que pronunciei e escoitei xamais. Non quero verte cos meus ollos cansos e non recoñecerte. Non. Non quero iso.


Martes 1 de novembro de 2016

 A investigación en temas como os da Idade Media non permite a comunicación fluída, a non ser entre os membros da secta. Prodúcese unha curiosa sensación de soidade intelectual. Descubrimos aspectos que tardarán en formar parte dos manuais, xa que estes viven do lugar común e da tradición que impuxo un canon que se resiste a mudar de faciana.



Mércores 2 de novembro de 2016

 Abrir os ollos para tremer ante o asalto dos sentidos: demasiados impactos poden ter un efecto adverso. Mellor ir pouco a pouco, alimentando as raices, e agardar, con paciencia, a recoller os froitos.


Xoves 3 de novembro de 2016

Receitario contra os estúpidos que atacan a experiencia. Que pasen unha tarde nunha residencia de maiores, acompañándoos, escoitándoos, dialogando con eles, desfacéndose dos prexuízos. A ver si así se esquecen da absurda idea de que o saben todo e aprenden a escoitar comprendendo...
 

Venres 4 de novembro de 2016

Mentres sigamos negando que o noso ser é plural, viviremos cegados polos noso egoísmo hiperindividualista. A identidade hoxe é como un río que vive e alimenta (sendo alimentado tamén) terras de varias culturas. 


Sábado 5 de novembro de 2016

O terrible paradoxo da era da tecnoloxía: a canta máis tecnoloxía, dixitalización e robotización da vida, máis persoas se verán expulsadas do mercado laboral e relegadas ás marxes e en risco de exclusión social. 


Domingo 6 de novembro de 2016

A dignidade vístese de palabra que conta, de memoria que vive no presente os pasados duros que crearon a identidade destes nosos maiores. Non escoitalos. Non comprendelos. Non aprender da súa experiencia. Pensar que non lles debemos nada...fainos ser unha sociedade insolidaria e escasamente democrática. E mañá pode ser tarde...


Luns 7 de novembro de 2016

Non soporto os comportamentos enrevesados e que non achegan nada. Non é doado ser sinceros de forma permanente. Aínda así, prefiro a miña insolente sinceridade a ter que soportar eses comportamentos. 


Martes 8 de novembro de 2016

Todos vivimos situacións que nos incomodan. E aceptamos as cargas. Non obstante, a peaxe ten sempre un custe límite. A nosa felicidade non pode ser troceada polas convencións e por rutinas que son alienantes. Cómpre sempre veracidade e actuar conforme aos nosos desexos. Xantar debe ser sempre un momento de pracer.   


Mércores 9 de novembro de 2016

Os entusiastas gozan da dixitalización global. Ignorantes e imbéciles están asasinando toda posibilidade de emancipación humana e seguirán axudando a que sigan medrando as dúas burbullas sociais: a das persoas empobrecidas e a das persoas 'inhabilitadas' por seren 'maiores' (+45 et alii). Ignoran os imbéciles que as mans témolas non só para activar un pulsómetro, senón que modelan, constrúen, crean, agariman, escriben e son a proba do amor e da paixón. 



Xoves 10 de novembro de 2016

Optas polo silencio: deliberado intento por anoar os desexos ou fuxida incerta e agochada? Mañá, pode. Hoxe non quero saber a resposta e só pensar que todo é posible. 


Venres 11 de novembro de 2016

Leonard Cohen morreu. Con el vaise un referente poético e filosófico. Deixo uns versos froito do meu diálogo cos seus poemas:

Non chores 
os vasos comunicantes
 serven para os novos eidos
nun Caurel ermo

Aí   só o espello 
dun ceo liberado
encadea os meus laios
ás pernas das cerdeiras impúdicas
amor fitófilo
entregado á negrura do ermo
carne con cortiza
reverencia do mel 
entre os xadeos do noso amor



Sábado 12 de novembro de 2016

Manuel Gerena ten toda a razón: seguen existindo razóns para cantar pola liberdade. Cantar e crear rompen as gaiolas que impiden que voemos. Mentres o fagamos seguirán teméndonos.  

 

samedi 12 novembre 2016

NON FALEN DE RECUPERACIÓN...SENÓN DE RESTRUTURACIÓN E DESIGUALDADE ESTRUTURAL

Aínda manteño o costume de ler algunha prensa os sábados co café da mañá. E fágoo sen a esperanza que poñía hai vinte ou trinta anos. Non obstante, sempre hai novas que me alteran por algunha razón. 

A de hoxe, que lin en El País, non ten tanto que ver co contido da nova, que se fundamenta nos empíricos datos da Enquisa de Poboación Activa sobre salarios (brutos) no Estado español. O cabreo ten que ver co titular: "La clase media pierde salario pese a la recuperación". 

Por dúas razóns: a primeira, que ignoro a que lle chama recuperación o autor do titular, cando se ve que estamos instalados na desigualdade estrutural, que axiganta a fenda de desigualdade salarial entre os deciles superiores (un decil = 1,4 millóns de persoas) e os inferiores e que converte aos menos favorecidos en cada vez máis pobres e con menos poder adquisitivo. Non existe recuperación, produciuse unha restruturación que beneficiou ás tecno-oligarquías que nos malgobernan. Unha restruturación que se fundamenta na incorporación de persoas ao mundo laboral cobrando menos ca os que están, tal como rexistra a propia EPA. Unha restruturación que se fundamenta no adelgazamento progresivo do salario e poder adquisitivo dos que menos teñen.

Os deciles inferiores demostran como están as cousas para as persoas asalariadas:
no decil inferior (1,4 Millóns de persoas), 420,05 € + 23,35% de perda de poder adquisitivo
no seguinte (1,4 Millóns de persoas), 828,96 € + 10,42% de perda de poder adquisitivo
no terceiro decil (1,4 Millóns de persoas), 1.102,14 € + 5,21% de perda de poder adquisitivo

Con estes mimbres, como se pode falar de recuperación? É mesmo indecente, xa que eses deciles nunca melloraron, todo o contrario, notaron unha constante e permanente degradación das súas condicións. 

Deixo de lado xa a cuestión da existencia ou non de clase media, unha etiqueta conceptual de uso narcotizante, mais de existencia social dubidosa: ou ben superamos os atrancos con facilidade, ou facémolo con dificultade. E os menos favorecidos...non os superan. O capitalismo, como ben dixo Picketti, vive grazas á desigualdade. 



Sei que é aburrido ter que ler que con estes datos é inentendible que o pobo insista en dar o seu apoio a quen provocou e instalou de por vida estas condicións, mais penso que iso é incuestionable, a non ser que todas as persoas que apoiaron á dereita sexan as afortunadas instaladas nos deciles superiores. Menos entendible que o PSOE opte por apoiar esa dereita, que só agarda benevolencia para executar os novos recortes que lle esixe Bruxelas e que só suporán recortes en cadea que chegarán, de novo, ao peto das persoas menos favorecidas.

Mais, moito me temo que vivimos un terrible paradoxo, tal como aconteceu con Donald Trump e que os apoios de un e outro bando, tanto na esquerda como na dereita...a priori...non coinciden co espectro que, de forma tradicional, alimentaba as urnas. Así se pode entender o éxito de Le Pen en Francia en periferies de migrantes ou en localidades degradadas depois da perda de industrias. E, claro está, cando falo de esquerda, non falo nin de Hillary Clinton, nin do PSOE. Falo dos demais...