dimanche 19 novembre 2017

É CAPITALISMO, NON É ECONOMÍA COLABORATIVA

Hai que recoñecer que non me gustan nada a "tecnofilia", nin a "colonización dixital", nin todos eses discursos de buenrollismo sobre as bondades dun mundo robotizado. 
Todo isto impregnado do mundo on-line, que distancia as relacións humanas e converte a pantalla do ordenador, do tablet ou do móbil no principal axente social da nosa vida. 

Un deses aspectos, que sempre me pareceron propios do sistema, eran aplicacións e filosofías que, supostamente, se vendían como éticas porque eran colaborativas e ían contra os valores do sistema capitalista. Ignoro quen puido crer algunha vez iso. Pero son millóns de persoas as que o fan. E non logro entender como non ven que, hoxe por hoxe, e desde que naceron, todo o que se vende por economía colaborativa, cando aparece o factor diñeiro polo medio, son dignas fillas do capitalismo.

Mais, descendamos aos casos que van abrollando que provocan mesmo dossiers tan ilustrativos coma o que nos ofrece a revista Alternativas económicas no seu número de novembro de 2017 (pp. 37-45). Ás veces, alégraste porque ves que alguén pon datos claros ás túas reflexións. Iso é o que acontece con este dossier: "Mi móvil, mi capital". Porque diso se trata, de capital desde unha perspectiva fondamente individualista e que lucra ás supostas empresas colaborativas. 

No mundo dixital, e debido ás fendas deliberadas que ofrece o mundo do traballo na era neoliberal ou ultraliberal, certas plataformas dixitais deciden que xa non abonda con ofrecer servizos baixo demanda en sectores coma o turismo (son xa coñecidas as que ofrecen alugueiros de habitacións ou vivendas, que acabarán provocando unha segunda burbulla inmobiliaria pola especulación que caracteriza a algunas) ou o transporte (famoso o caso de Uber), senón que hai que ofrecer traballo baixo demanda. 

De saída, cando vin a existencia de tal enxendros pensei nas famosas empresas de traballo temporal físicas e contra as que loitou tanto a esquerda por precarizar as condicións laborais. Entón, como é posible que por se dixital non se vexa a mesma condición perxudicial? Como é que algunhas persoas caen no click destas plataformas de intermediación laboral dixitais? 

Pódese entender cando xorde a desesperación ante unha situación de desemprego prolongada. Mais, de forma ética, non podemos defender a economía mergullada que amparan estas prácticas laborais. E moito menos aceptar que actúen só coas leis do Mercado ("Laissez faire, laissez passer"), as máis crueis e que só converten en precariedade extrema o traballo: desregulación extrema, sen dereitos, a cambio de plena dispoñibilidade. 

As empresas non queren regular dereitos, xa que saben que facelo implica unha seria redución de dereitos. Hai persoas que se lucran sen querer investir en seguridade social e en contratar: por iso, tratan ás persoas como (falsas) autónomas, pois o seu traballo só se exerce coa empresa en cuestión. Se non hai regulación, todo beneficia a unha empresa que actúa en competencia desleal coas empresas físicas que si fan fronte ás obrigas.

Isto afástase do que representa en si mesmo a verdadeira economía colaborativa, que xorde cando se produce un modelo de produción, de consumo que pon en contacto a dous pares que comparten bens infrautilizados.

E por iso hai que chamar a atención, pois clientes teñen, e de seguro que por comodidade -click-, por descoñecemento da realidade laboral, por ignorancia, por indiferenza, por querer aforrar uns euros, ou por motivacións aínda menos definidas. O peor é cando son as xentes de esquerda as que usan/explotan estas plataformas dixitais pensando que practican economía colaborativa.

Deliveroo emprega "riders", persoas que fan os repartos en bicicleta e xa hai un movemento de protesta para reivindicar dereitos debido ás súas condicións. Reparten comida por 4,5 euros entrega, de onde hai que descontar impostos de autónomos. 

Glovo, seica española, fai reparto de todo: como di un dos traballadores, poden entregar un bolso de 1.500 euros de Louis Vuitton a cambio de 5 euros sen descontar impostos. Marketplace, do monstro Amazon -por favor, aquí solicitaría que alguén lese os libros que alertan sobre como se traballa neste monstro e sobre o perxudicial que é- paga 2 dólares as tarefas (o traballo)

Unha escravitude laboral asumida e consentida cada vez que se fai uso do servizo de Amazon e das demais plataformas. Os de Deliveroo fan entrega mesmo dun Dicionario de palabras prohibidas: turnos, salarios, horas semanais, traballo son algunhas desas palabras prohibidas. Triunfa o eufemismo e o universo asquerosamente líquido dos relativistas posmodernistas.

Estamos ante ferramentas de explotación laboral e de precarización, que favorecen a degradación dos dereitos laborais -aínda máis....e parecía difícil coa existencia das reformas laborais do PSOE e do PP...- ata facelos desaparecer no universo luminoso da pantalla dun móbil.

   

 

jeudi 16 novembre 2017

NO LATEXO A VERDADE

Camiñar 
co único pensamento de sentir 
cada paso
e desexar que sexa un pulso tranquilo
un latexar que recupera a serenidade

por que hai tanta distancia entre mente e corazón?
 
Vexo o horizonte
aínda tinguido de luz 
quizais o cambio climático
converteu Galicia en exemplo

Cada paso afortala e cansa o meu latexar
así é desde ese raro 21 de outubro
as definicións médicas teñen poesía
"un corazón grande, débil e moi disfuncional"
 e todo
curioso
ou non
no lado da esquerda
quizais dilatada de máis como a propia realidade

Os nomes da ciencia son ben curiosos
quizais para infundir medos e obsesións:
"fibrilación auricular, miocardiopatía dilatada
no isquémica"

Así quen ousa fuxir de pastillas, sintrom e dietas?

O tempo que se vive nun hospital 
forma parénteses 
como se percorremos o río Lethes

Fóra
no primeiro paso
todo adquire sentido
e valoras as inquedanzas
das amizades
da familia
das relacións que imos creando
coma ourives

Si
revivo respirando cada paso
cada latexar
desexando que os ritmos da vida
se volvan compases de moitos horizontes

samedi 26 août 2017

PORQUE SOMOS EN NÓS. SOBRE MACHISMO E EMPODERAMENTO DAS MULLERES

Remateino con bastante voracidade. Os nove artigos de Los hombres me explican cosas (Capitán Swing, 2016) escritos pola historiadora e activista Rebecca Solnit conteñen moita, moita información sobre o que se fixo, mais, sobre todo, o mundo de posibles que falta aínda para que a igualdade entre mulleres e homes sexa unha realidade. 

Achega a activista numerosos datos sobre a violencia machista que producen auténtico terror. Verémolos pouco a pouco. Mais tamén ofrece o que poderían ser anécdotas se non fose porque veñen creadas pola ollada patriarcal (e capitalista) do ego masculino.

Destacarei algúns aspectos dalgúns dos nove artigos. Comezarei polo primeiro, onde explica o título do libro a través desa teima tan masculina que consiste en explicar o que xa coñece unha: "Los hombres me explican cosas, a mí y a otras mujeres, independientemente de que sepan o no de qué están hablando. Algunos hombres" (p. 13). Esa teima coñezoa ben, se ben no aspecto que a min me incomoda máis, claro...padecida cando escoitas a seres que predican sen parar, coma se esa palabra fose a única posible. Entón, sempre refuxiado nun silencio observador, o antropólogo reflexivo só emerxerá se o discurso se move no terreo declarado do prexuízo ou da mentira. Acerta Solnit cando afirma que esa actuación quere reafirmar a inseguridade das mulleres e limitar a súa propia voz. 

Un dos datos terribles é que en EE.UU. unhas tres mulleres son asasinadas cada día polas parellas ou ex-parellas: "es una de las principales causas en los Estados Unidos de muerte de mujeres embarazadas" (p. 15). Por iso, o poder falar é esencial: "tener derecho a mostrarse y a hablar es básico para la supervivencia, la dignidad y la libertad" (p. 21). 

O segundo artigo "La guerra más larga" comeza dicíndonos que nos EE.UU. cada 6,2 minutos se denuncia unha violación e que unha de cada cinco mulleres será violada ao longo da súa vida. E exemplifica coas violacións en grupo -máis covardía non pode existir- como esa en que 20 homes violaron a unha nena de 11 anos en Cleveland (Texas). E achega datos para definir a "pandemia de violencia que los hombres ejercen contra las mujeres" (p. 27). Como definir senón ás máis de 1000 asasinadas cada ano? 

As leis de Machistán din que unha muller é unha posesión e que é normal bater no corpo da muller: "sí, claro, le pegué, pero no le pegaba más de lo que cualquier tío normal pega a su mujer" (P. 32). Produce noxo ler isto. E máis aínda ver que existen políticos conservadores que querían establecer a prohibición de poder abortar no caso dunha violación. Son máis de 87.000 violacións cada ano. E como reflicte moi ben Solnit non se debe cometer o erro de presentalas desconectadas unhas das outras. Todas as asasinadas. Todas as violadas. Todas as maltratadas demostran que falta moito, moito camiño por andar antes de que a igualdade entre mulleres e homes sexa unha realidade. Trátase dun problema que nos afecta a todas as persoas. Por iso, en certo sentido, dóeme ver que nas concentracións que se producen en canto se produce unha asasinada por violencia machista non sexamos máis as persoas que amosemos a nosa repulsa. Cantas máis persoas, máis apoio sentirán as vítimas de violencia machista. 

O terceiro artigo fálanos do FMI (forza predadora e proxeneta)  e da inxustiza global a través da denuncia por agresión (sexual) a Strauss-Khan e do calvario que tivo que padecer a denunciante. Mais, como esa historia é ben coñecida vou recoller outra que interesa, porque demostra tamén de qué se forma o mundo de internet. Meg Whitmann, multimillonaria de eBay que se posicionara para ser gobernadora de California. Durante a campaña electoral atacou ás persoas migrantes 'sen papeis'...e claro, descubriuse que ela empregara (é un dicir) durante nove anos a unha, á que botou fóra cando se volvera politicamente incorrecto ter a unha persoa migrante en situación irregular...sen pagarlle o salario final:  debíalle a esa migrante 6.210 dólares. Miserenta actuación da clase das ricas neste caso: explotación e racismo. Menos mal que a defensa dos dereitos desta migrante a cargo do Sindicato de Enfermeiras de California logrou que o ruído fose tal que a multimillonaria deixou a carreira política, librándose a xente de California das súas malas artes como ser humano. 

Rebecca Sonit fai pensar a través de todos os seus artigos. Interesantes as valoracións sobre o matrimonio. A pesar de todo o que se pense aínda segue moi vixente a idea de contrato, onde o marido é propietario, e a muller propiedade. Eu sempre volvo á lingua latina: quaerere (> querer) tiña que ver máis coa idea de conquista, de procurar algo coa idea de conseguilo. Amare, amar é outra cousa moi, moi distinta. Por iso, eu nunca uso querer como sinónimo de amar e viceversa. Nada que ver a unha coa outra...

E nestes días que vexo coma o mal estoura coas súas múltiples caras da violencia, penso que non hai xesto pequeno no machismo. A etiqueta de micromachismo xa non me convence porque tende a minimizar a súa importancia. Todo é machismo: unha frase en que se ataque ou denigre; unha frase en que se limite a capacidade de actuar da muller; unha frase en que se insulte e impida decidir á muller; etc.---todo é demostración dese contrato de propiedade que, no seu maxín e nos seus actos ten incorporado o home. 

Como di Solnit, a "cultura da violación" es el entorno en el que la violación prevalece y en el que está normalizada y excusada la violencia sexual contra las mujeres dentro de la cultura y los medios populares" (p. 118). Esa cultura perpetúase co uso dunha linguaxe misóxina, a obxectivación dos corpos das mulleres, a 'glamurización' da violencia sexual, pois crea unha sociedade en que se obvian os dereitos das mulleres e a sua seguridade. 

Cómpre rematar con esa cultura da violación, con esa cultura do medo. Para iso hai que mudar o sistema que impuxo o patriarcado. Un sistema que impregna o imaxinario e que permanece no interior das profesións a través do que se chama currículo oculto. A pegada dese currículo oculto nas decisións profesionais só se pode limitar coa ética. En caso contrario, veremos mesmo decisións xudiciais que animan aos maltratadores e violadores. 
Queda moito por facer. 

 

  

jeudi 17 août 2017

O SANGUE DA CARNE

Medrara como medran os raposos
salvaxe sen coñecer o significado
da liberdade 

Na súa lingua 
os sabores da carne
como única ofrenda 
para un deus 
feito demo

Aquela corte dos castigos
fora a súa escola de sentimentos
aí morría todos os días


Dubidan os sicólogos sobre a realidade
do seu nacemento
quen o amamantara?

Esquecido no recuncho do escuro
aprendeu a morder antes que falar
quen o amou?

E sucede que a tortuosidade busca
compañía e ofrece egos sen pulir
a unha infancia devorada

Freud de novo bate no maxín
por iso aparecera un cazador
como salvador

E todo sucedera coma nun teatro

Primeiro acto da redención
non hai amor se non hai dor
e as mans da pólvora 
agarimaron unha pel seca de todo
ofreceron o segredo da garda
un animal ten que obedecer

Segundo acto da castración
o cazador amaba esa pel
e rachando os límites da sociedade
penetrou con desexos líticos
na inocencia xa devastada e deixou
aí unha semente inútil
a non ser o cheiro a morte

Terceiro acto da expiación
cantos anos tiña en realidade?
cegado por un desexo ancestral
foi incapaz de ver nel amor e humanidade
pois exercía de espello de si
e era insoportable
torturou de mil e unha forma a ese animal

 e pinga a pinga o sangue da carne
debuxaba no chan da corte
as manchas indecentes da vida

Mais un animal ferido
ataca por instinto
morde
e non solta a súa presa
ata que deixa de se mover

Quixo a curiosidade veciñal
desafiar os segredos daquela casa 
e cos berros disparados
chamaron á policía

O espectáculo era digno dun pesadelo
de Goya ou quizais do inferno de Dante
da sorprendida boca do animal
aínda penduraba a gorxa do cazador
pinga a pinga
o sangue da carne
anunciaba o fin do soño da humanidade
que nunca
nunca 
ninguén
fora quen de crear coa man do amor


Procrear para enxendrar o mal

como contar iso?
Como chegamos a isto?


 





samedi 12 août 2017

O OGRO É PAPÁ

Ignora desde cando
quizais desde sempre
tanto ten xa
forma parte dela
coma un cancro incurable

nunca no berce
lle cantaran unha nana

Non
 
Sempre que ía a durmir
o conto do ogro
salferia de presaxios e tristura
o seu maxín 

Ignora desde cando
mais sempre tivera 
pesadelos co ogro

ela pedíalle que non
non máis ogros
mais nada freaba o seu gozo 

             por que llo contaba?

Os tempos do amor
teñen os seus contos
e non firen
doces
teñen a maxia
de envolvernos 
de esperanza

Ela nunca os coñeceu
non daquela
era unha meniña no barco
á deriva
sempre que pechaba os ollos
os monstros invadían o seu ser

Ela sábeo o intúeo hoxe
anos de naufraxio e perda
son experiencia para a vida
ou quizais un inferno

Despois dos contos
foron as noites escuras
anicada detrás da cama
como única protección
o frío e o tremor
e o medo 
    aínda hoxe paralízase ante o recordo desa porta
        os ruídos
           os berros
              os golpes 
     Si  despois dos contos
     foron as noites escuras
             
Co tempo a meniña medrou
e medraron os medos e as fobias
esculpiron a súa forma de entender
o mundo 
os xogos fuxian das súas mans
ninguén amaba as rarezas
e menos uns ollos tan tristes

As noites escuras seguían 
co seu calendario de aparicións
sempre o mesmo día
sempre á mesma hora
nada impedía que se sucedesen
os ruídos
     os berros
        os golpes
 terrible liturxia
ela pechaba os ollos e só laiaba
para que o ogro marchase

A porta seguía sempre pechada
ela pensaba que era imposible abrila
mentres o ogro do conto aparecese
nas noites escuras

Ela seguiu medrando
aínda meniña
os medos xa convivían coas ganas de vivir
sen saber moi ben como
sabía que o seu destino era fuxir

As noites escuras eran menos
mais iguais de crueis
agora xa distinguía os insultos
as recriminacións 
xa sabía o son e a cor da carne fustrigada
e o sabor das bágoas

E non tardou
na última noite escura ela
deixou o medo anicado nas formas do pasado
e co móbil na man abriu a porta
adentrouse na cova
e vendo ao ogro devorar a súa mamá
chamou ao 016
entre bágoas acertou a dicir
"O ogro é papá"





vendredi 11 août 2017

QUEN PROTEXE O NOSO PATRIMONIO CULTURAL? UNHA OLLADA A TRAVÉS DE SAN SALVADOR DE ASMA



A capacidade de abraio precisa ser canalizada a través dunha reflexión pausada, que combina coñecemento histórico con valoración política sobre o que acontece nesta nosa terra co patrimonio histórico e cultural. 

Sería moi longa a enumeración de agravios sistemáticos causados polo desleixo e ineficacia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Por iso, hoxe, o obxecto de atención será San Salvador de Asma ou de Chantada. 

Comecemos, antes de mais, por describir o contexto histórico en que nace San Salvador de Asma. 

Na orixe, o comitatu Palliarensis
No Concilio II de Braga, baixo o reinado suevo de Miro (570-583), na era 610 (ano 572), fíxanse os límites dos once condados da diócese lucense, tal e como podemos ler no Tumbo Vello da Catedral de Lugo:  Flamosus (Chamoso), Superata (Sobrada), Naviensis (Navia), Sarriensis (Sarria), Paramensis (Páramo), Palliarensis (Pallares), Decensis (Deza), Durriensis (Dorra), Uliensis (Ulloa), Nallarensis (Narla) e Montenegrinnus (Montenegro), figurando en sexto lugar o Condado de Pallares.



Interesa recoller agora a descrición que ofrece a mesma fonte documental do comitatu paliarensis: "Sextus Comitatus dicitur Palarensis (sic). Oritur ubi ingreditur Flumen Argundi in Saliceda et uadit recta linea per ipso flumine isque in Mineo et dilabitur per Mineo Flumine. Et de alia parte ab illa Anta Fixa super Castro quod dictur Belsar et inde ad illa Lagena et uenit ad Montem de Mera (sic) transiens Ferrarie Flumen, uenit ad Castrum Nesperarie et uenit ad Eiroso Montem et protenditur ad Montem Nauego, ad Castrum ueniens Arburisulie, concludens per Flumine Buuale usque in Mineo finitur". (Tumbo Vello, ff. 5v-6v)

Como é norma, os límites veñen definidos por accidentes xeográficos coma montes e ríos, así como por núcleos poboacionais. Así, se non erramos no establecemento das equivalencias, o condado de Pallares tería os seguintes límites:

- No norte limitaría co Monte Meda, que é o que separa hoxe o concello de Lugo do de Guntín de Pallares.

- No este o límite viría dado polo percorrido do Miño ate que entronca co río Sil.

- No oeste, a liña cruzaría o río Ferreira, seguiría polo Castro de Nespereira (no concello de Portomarín) ate chegar ao Monte Navego (identificable hoxe coa Serra do Faro). Do outro lado desta franxa situamos a comarca da Ulloa.

- No sur a liña estaría marcada polo río Búbal ate a súa confluencia co río Miño no actual concello de Carballedo.



En definitiva, se consideramos estes feitos, o Comitatu Palliarensis abrangue aos actuais concellos de Guntín de Pallares, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
A terra de Asma
Nos séculos centrais da Idade Media, as xentes situaban o seu raio de acción empregando o vocablo 'terra'. Así, para o obxecto que nos interesa teríamos terra de Asma e terra de Castella de Búbal que afectarían, a primeira de forma chea, a segunda de forma parcial, á comarca de Chantada.
Nestas terras destacan o cenobio de San Estevo de Chouzán (actual concello de Carballedo), como mosteiro feminino con observancia bieita (logo anexionado a San Paio de Antealtares) e que debeu ser desprazado de seu emprazamento por mor da construción do embalse de Os Peares e, por suposto, San Salvador de Asma, parroquia do actual concello de Chantada, cuxos orixes semellan situarse no século IX nas persoas dos condes Ero Ordóñez e Adosinda.
Como destacaba Méndez Pérez, un dos estudosos deste mosteiro, e co-autor da edición da súa colección documental, "sen o mosteiro de San Salvador non se pode entender a historia de Chantada, porque as orixes da vila están estreitamente vinculadas a esta congregación. O mosteiro tiña moitas propiedades non só nesta comarca, senón tamén nas terras de Camba, en Ourense, no Ribeiro, na zona de Monforte... Posuía incluso un couto na comarca do Salnés, en Pontevedra. Tivo unha influencia moi forte nun ámbito territorial moi extenso, e esa influencia durou séculos. Recuperar e editar toda esta documentación é moi importante para reconstruír a historia de Chantada e tamén doutras partes de Galicia". 

A súa documentación, unida á do mosteiro de Oseira, permite ir artellando o mapa das parentelas da aristocracia laica e eclesiástica. Non é este o lugar para describir a súa caracterización e composición. Só interesa destacar, para que se entenda o seu valor patrimonial, que na Serra do Faro existe unha ermida baixo a advocación a Santa María e que semella ser, coas prevencións lóxicas de calquera hipótese que se realice, a ermida cantada polo trobador Johan de Requeixo, orixinario de Vilaxuste, hoxe Santiago de Requeixo. Destacaremos tamén que nos niveis iniciais dos cancioneiros hai un trobador coñecido como Airas Moniz d'Asme, que relacionaremos coa terra de Asma.
O valor patrimonial reside, xa que logo, na documentación que emanou dos seus rexistros, así como na fisionomía do edificio que pertenceu, desde os anos 1492 e 1494, a San Benito el Real de Valladolid. Cómpre realizar unha tarefa de recuperación e mesmo de prospección na contorna do edificio.

Quen traballa para salvar o noso patrimonio cultural?
A memoria non é un rexistro pétreo. Ten que revivirse como primeiro paso para que a comunidade en que se asenta o ben cultural asuma a súa importancia para a súa propia identidade.

Por iso, produce arrepío ver que non temos unha administración pública realmente interesada en preservar a nosa cultura. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é unha auténtica desfeita. Un buraco negro que devora o noso patrimonio. 
O feito de que hai escasos días se anunciase a venda do mosteiro a través das redes sociais e a escasa alporización que se detectou na sociedade galega demostra que estamos durmidos. Non son bens que só importen para a localidade en cuestión en que se asenta. Non. Teñen unha alcance supracomarcal e mesmo nacional. E insistimos, un ben cultural que se dimensione de forma axeitada, divulgado a través dun programa de actividades culturais, é quen de dinamizar a zona en que se asenta o ben cultural.
Por iso, é lóxico que no ano 2015 se dese a solicitude unánime do pleno do concello de Chantada para elevalo a condición de ben de interese cultural (BIC) para preservalo do esquecemento, do desleixo e reparar o deterioro evidente das súas instalacións.

O noso patrimonio non pode estar en mans privadas. Iso impide o goce e coñecemento para todos os galegos e galegas.

Cómpre, polo tanto, que a Xunta de Galicia, se preocupe por preservar o noso patrimonio e recuperar para o ben público o mosteiro de San Salvador de Asma.



Bibliografía

López Sangil, J.L. / Vidán Torreira, M. (2011), "Tumbo Viejo de Lugo (Transcripción completa)", Estudios Mindonienses, nº 27, pp. 11-3 74.


Méndez Pérez, X. (2016): “Las últimas visitas del priorato de San Salvador de Chantada (Lugo) por los abades de Valladolid: edición y estudio”, en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 19, 113-149.



Méndez Pérez, J. / Otero Piñeyro Maseda, P. S. / Romaní Martínez, M. (2016), El monasterio de San Salvador de Chantada (siglos IX-XVI): historia y documentos, anexos Cuaderno de Estudios Gallegos, Santiago: CSIC. 


mercredi 9 août 2017

A CONFIANZA...UN BEN ESCASO OU COMO O XUÍZ PERDEU UN PRESO




Non teñan medo vostedes. A anécdota que reza o título desta entrada remóntase a moitos séculos atrás. Nestes días en que estou estudando aspectos da nosa idade media topei cun documento que contén unha anécdota interesante e non podo resistir ao feito de relatala neste meu soporte comunicativo. 

Está o documento na vasta, incrible ao mesmo tempo que científica edición da colección documental do mosteiro de Santa María de Montederramo. Son 1880 documentos que se estenden entre o ano 1124 e o 1606. A edición dos mesmos é responsabilidade de Ramón Lorenzo, que contou coa colaboración de Maka Pérez. O Consello da Cultura Galega, no ano 2016, é a casa que entrega ao coñecemento do pobo esta xoia patrimonial. Como di o propio Ramón Lorenzo foron máis de 20 anos de labor -compaxinado con outras investigacións e outras obrigas- os que zugaron os preto de 1900 documentos. 

O documento que chama a atención desta entrada é o número 573 da colección, datado no 14 de marzo de 1296 [aquí fago o inciso explicativo sobre a data: como saben as persoas coñecedoras do feito medieval no documento figura a datación seguinte: "Era de mill et CCC et XXXIIIJ anos et XIIIJ días de março", o que nos obriga, para datala segundo o noso sistema de referencia, a restar 38 anos: 1334-38 = 1296].

Deixemos que o documento nos conte a anécdota. O escriba xurado, Martín André, en substitución ou por orde de Miguel Eanes, notario xurado do rei en Monterrei,  no seu alfoz e no Val de Laza, rexistra a petición de Martin Paez, xuíz, un feito do que quere se faga constancia: nese 14 de marzo, o xuíz Martin Paez afirma que na mañá dese día foi "podar sas uinas con seus amigos" a Querugaes (Queirugás, San Bartolomeu, concello de Verín). Mais, como tiña ao seu cargo un preso de nome André "na prigon do conçello", decidiu deixalo baixo a vixilancia do andador do concello, Pero Eanes. 

Cando regresa á tardiña ("ao serao, ya noyte") non atopa a André no cárcere do concello. Totalmente estranado diríxese ao outro xuíz da vila, Hermigo Steueez, que lle di que el non deu orde de soltar ao tal Andre, mais que, en todo caso, "que o andador a que o deron a gardar que dé del rrecado". 

Aí remata o rexistro da anécdota, xa que ao xuíz o que lle interesaba era facer constancia da súa inocencia con respecto á posta en liberdade de André. Si podemos intuír que o andador sofreu as consecuencias, xa que no propio documento asina como testemuña "Martin, andador". 

Interesa desta anécdota rescatar o poder da escrita legalizada como proba de veracidade, mais podemos intuír, debaixo da grafía, a narración oral, podemos escoitar a oralidade como canle de difusión e coñecemento latexar. Interesa tamén destacar a importancia da cultura do viño na zona de Monterrei, tal como acontece hoxe. 

A anécdota deixa ver como é necesaria a confianza na responsabilidade dos "cargos" para que os feitos se dean conforme á carga que dita responsabilidade contén. Un xuíz agardaría dun cargo municipal, un andador, que realizase a sua tarefa de vixilancia de forma responsable. Mais a sociedade agardaría que un xuíz cumprise coa súa responsabilidade de vixilancia en vez de ir cos amigos a podar as viñas.

Ás veces, se abrimos os ollos da mente, podemos aprender e moito dos nosos documentos medievais.