jeudi 27 décembre 2018

NON REGALES IGNORANCIA...É PERIGOSO!

Excusade o deliberado sensacionalismo do titular, quizais sirva para chamar a atención das amables lectoras e dos non menos amables lectores deste blog.

Resulta curioso coñecer a persoas que len as humildes reflexións que lanzo de cando en vez neste blog de opinión e que, de forma xenerosa, achegan feitos para que os denuncie ou explique baixo a miña particular ollada de esquerdas. 

Por iso, non podo menos que agradecer a unha parella de amigos que me contasen o que viran, suficientemente chamativo para que falasemos diso con vistas a esta nota.

Hai un par de días, mais sempre antes de Nadal, a conversa nosa xirara ao redor da ignorancia e do perigosa que é, xa que unha idea elaborada desde a ignorancia pode ser tan perxudicial como a que produce a mentira. 

En efecto, ignorancia ou mentira, no caso que contaremos adquiren a mesma potencialidade. Loxicamente, muda a motivación, mais as consecuencias son as mesmas. 

 O caso é que nun recente Atlas ilustrado dedicado a explicar o mundo a un público infantil vemos unha flagrante omisión que converte o produto en perxudicial para o coñecemento humano. 

No dito Atlas, cando ilustran e responden á pregunta que podemos reformular en 'Que linguas hai en Europa?', vemos como destaca, no mapa que acompaña á resposta que se ofrece, a clamorosa ausencia dunha lingua que é cooficial co castelán, 'constitucional' -agora que está de moda o calificativo- e que é o soporte esencial dunha nación, a galega, ao mesmo tempo que lingua privilexiada neste blog. 

Unha ausencia que só pode obedecer a unha perigosa ignorancia que converte en incorrecta -no fondo, en mentira- a resposta que dan os autores do Atlas. A mesma ignorancia que se detecta en Francia, onde o occitano, lingua potencial de milleiros de persoas, coñece o mesmo fin pedagóxico ca o galego: a invisibilidade. 

Non lle imos pedir aos autores do Atlas un respecto exhaustivo e escrupuloso pola diversidade idiomática de Europa, moito máis rica ca a redución lingüística ás linguas dos Estados-Nación. Loxicamente, para un especialista en Filoloxía Románica, o desexable sería ver que linguas coma o aranés, o gascón, o retorromanche, o picardo e outras atopan o seu correspondente lugar no mapa.

Mais o que si demandaremos é que o desexo de simplificación -evidente tamén na estereotipación dos debuxos, de trazo claramente folclorizante- non apoie o fomento da ignorancia e que rectifiquen de cara a unha nova edición deste Atlas ilustrado.






 

dimanche 9 décembre 2018

NON BANALICEMOS OS CONCEPTOS...OLLO COAS SIMPLIFICACIÓNS: NOTAS SOBRE ANDALUCÍA DESDE GALICIA

De primeiras, estas breves notas despréndense, non só pola necesidade de reflexionar sobre o que acontece no mundo en que vivimos, senón tamén para advertir que non debemos caer no erro de banalizar os conceptos (véxase fascismo) nin camiñar co guieiro da simplificación analítica. 

De segundas, estas notas escríbense desde a distancia. Ten unha boa consecuencia: permite escribir de forma desapaixonada, de maneira máis racional. Mais tamén, ao beber de lecturas, olladas audiovisuais e conversas con amizades andaluzas, a súa fondura non é, como é de agardar, plena nin perfecta. 

En terceiro lugar, sendo membro do PCG e de EU, temos que explicarnos -a nós mesmos e á xente que simpatiza con nós- como é posible non recoller o descontento coa política de 'esquerdas' (?) do PSOE. Isto, antes que pensar en hara-kiris pola presenza de VOX no Parlamento andaluz. Podería suceder que as reflexións derivadas do primeiro aspecto expliquen en parte o segundo. 

Son, como diciamos, notas, deliberadamente breves e só implican á persoa que escrebe estas liñas:

a) Estas eleccións tiñan lugar despois de case 40 anos de 'quiste' clientelar -ou así era percibido por parte da esquerda (distinta á do PSOE)- das políticas dun partido lonxe de ser socialista e, cada vez máis ancorado no sistema capitalista e devorado polas súas contradicións.

b) A dereita, por vez primeira, vivía a súa particular fragmentación de voto: PP, C's, VOX. Lembremos quen foi primeira forza política nas anteriores [Deixaremos de lado o comportamento mentireiro e hipócrita de uns e outros sobre o tema da 'lista máis votada' e sobre os gobernos de 'coalición']. Cómpre ter in mente isto, xa que o descenso do PP en votos...non foi para a abstención, senón para VOX e quizais para C's. Isto é VOX compite no espazo da dereita...(e pode que atraia a persoas descontentas da esquerda, mais esta...polo que diremos, opta antes pola abstención).

c) A dereita, aínda que fragmentaria, vota. A esquerda, sempre máis crítica, de forma paradoxal desmobilízase e non vota.

d) Por que non foi votar a esquerda? Posibles explicacións: 

d.1) Por descontento coas ideas do conglomerado que representaba Adelante Andalucía e, quizais, pola des-substancialización ideolóxica das decisións e accións políticas (aínda que máis por atracción do que sucede na cabeza reitora, en Madrid, tal como sucedeu tamén no PSOE).

d.2) Porque sabían que o seu voto iría -de forma mecánica- ao PSOE, facilitando, mais unha vez, o seu goberno (cando existía real fartura das formas e dos fondos con respecto ao PSOE)

e) Pensamos que é falaz, e pouco analítico, caracterizar aos 400.000 votantes de VOX de fascistas. Esta etiqueta banaliza o concepto:

e.1) Por iso, foron pouco acertadas as primeiras declaracións, en canto se coñeceron os resultados, ao confrontar dúas "Españas" en clave de 'diversidade'. Esta circunstancia, ademais, posúe un terrible efecto búmerang, xa que, cando as persoas se senten atacadas de forma que consideran inxusta, estas reagrúpanse afortalando o grupo. Chamaríamoslle un efecto de atracción por rexeitamento. 

e.2) Esta etiqueta, por riba, non recolle o proceso de degradación que orixinou a política clientelar do goberno en Andalucía. 

e.3) VOX medra en moitos espazos a costa dos votos que perde o PP. Moi paradigmático o caso de El Ejido, que representa moi ben a parte racista e anti-inmigración [cando son os que soportan a nova riqueza de certas persoas co seu traballo escravo] do discurso de VOX [e que posúen tamén outras forzas, de maneira máis calada e, polo tanto, menos sincera]

e.4) A etiquetización banaliza o que hai detrás dun fenómeno -a radicalización do voto da dereita [e parte do electorado tradicionalmente de esquerdas] cara a posicións extremas - sen que a esquerda europea sexa quen de frealo con discurso, decisións e accións claras. 

e.5) O descontento da esquerda -que explica o retroceso das organizacións e a elevada abstención- ten moito que ver coa decepción e cos incrumprimentos da folla de ruta programática. 

Se nos fixamos na experiencia francesa, á que coñecemos de preto, a decepción supuxo o alimento necesario para o medre electoral das posicións de extrema dereita (o lepenismo, tanto de pai como de filla). Barrios que eran claramente soportes do voto de esquerdas pola súa conformación sociolóxica, ao sentírense 'desprazados' polo traballo das organizacións de esquerdas e 'cansos dun discurso 'simplista' e de 'boas vontades', foron, non só absténdose de votar en cada vez máis número, senón que ían depositando a súa confianza nunha forza que usaba un discurso sinxelo, emocional, e asentado na falacia discursiva de que defenderían os seus intereses. Por iso, o lepenismo medrou nas barriadas multiétnicas e nos vellos barrios obreiros desindustrializados de Francia. A esquerda deixou de lado -non totalmente, mais si de forma clara nos espazos máis degradados- a pedagoxía na rúa, nos centros de traballo. Neste sentido, mesmo podemos acusar a certa tendencia 'dixitocéntrica' de pensar que a revolución chegaría desde as redes sociais. Grave erro que conduciu, ademais, á actual desidia mobilizadora no noso país [As mobilizacións sempre son fragmentarias e soportables para o sistema]

Posibles temas que favoreceron o descontento-decepción da esquerda e a súa abstención:

1. O republicanismo: deixares de lado a opción republicana e federal para apoiares unha opción independentista (de dereitas) [así o sente parte do electorado e moitas das persoas coas que conversei; e a cuestión do 'procès' e do que acontecía en Madrid tivo máis peso do que pensan os 'todólogos'].

2. O carácter público dos servizos: a penetración da colaboración (sic) privada no público = a presenza omnipotente dos concertos na xestión do público...de que serve un (suposto) goberno de esquerdas no centro se non se derruban os atrancos para a salvagarda pública dos nosos servizos?

3. A confesionalidade: o concordato: cando a súa anulación e a creación dunha lei de separación de Igrexa e Estado?

4. A Lei Mordaza: cando a súa derrogación?

5. As Reformas Laborais: imos aceptar só un parche? Cando a súa derrogación? Seguiremos permitindo a precarización das nosas vidas? A inestabilidade de todo proxecto de futuro?

6. Somos anticapitalistas? Ou só a cara amable do capital? 

7. A corrupción...que ten moito que ver coas prácticas clientelares...a votante de esquerdas xa está farta de votar cunha pinza no nariz... 

8. O acceso a unha vivenda digna: finalizaron os lanzamentos e desafiuzamentos? Non asistimos a unha segunda onda especulativa que afasta á clase traballadora do acceso a unha vivenda digna? 
 

9. Seguiremos escoitando o 'sagrado' mantra do posmodernismo -o irmán da posverdade da dereita-  de que non existen nin a esquerda e nin a dereita? 

En certo modo, esta absurda sandez permitiu que a indolencia ideolóxica flúa e derrube a coherencia que debe impregnar tese e praxe. Que é VOX entón para unha persoa que di que non existen esquerda nin dereita? 


Quizais estas persoas bailen ao son da vella canción de Giorgio Gaber: Destra-sinistra,

De non seren claros e coherentes, as persoas que lean o inicio da presentación da web de Vox...serán incapaces de discernir ideoloxicamente:

"VOX es un partido político creado para la renovación y el fortalecimiento de la vida democrática española. Somos como tú, profesionales, autónomos, amas de casa, jubilados, emprendedores, empleados, trabajadores, funcionarios, estudiantes, etc., que nunca hemos vivido de la política, que nos hemos sentido defraudados por los políticos actuales y que hemos dado un paso al frente para CAMBIAR esta situación. El político debe estar para servir, escuchar, gestionar y actuar."

(SEGUIRÁ)


   

jeudi 1 novembre 2018

MALDITO CONTRABANDO!! POLÍTICA DE FAVORES PARA SEGUIR PERXUDICANDO ÁS DE SEMPRE...ÁS PERSOAS MIGRANTES, REFUXIADAS E AO POBO SAHARAUÍ

Información diversa sobre os movementos curiosos do Ministerio de Interior...que de tanto moverse, paradoxo da enxeñería bélica e lingüística, queda no máis puro inmobilismo e continuismo con respecto ao anterior ministerio en mans do PP.

Información que non deixa de anoxar, non sorprender, xa que, como ben saben as persoas que me coñecen fun dos escasos incapaz de amosar algún tipo de emocionalidade positiva cando chegaron os de Pedro Sánchez ao goberno...a razón obrigaba!!

Nesta cerimonia permanente da confusión, onde son máis importantes as imaxes e as supostas teses realizadas ou non, onde existe toda unha mercadotecnia informativa sobre procesos de primarias (supostamente) democráticos e onde, desde calquera dos medios de comunicación masiva, se dá unha desaforada persecución do logro ou non dos Orzamentos Xerais do Estado, destacando así quen o fixo posible ou non...a conclusión que extraemos e que seguen perdendo as persoas de sempre.

Pouca ou escasa belixerancia existe por parte de medios e politica sobre a persistencia das mesmas prácticas –a efectos reais- con respecto ás persoas migrantes, dentro e fóra das nosas fronteiras. Porque non debemos esquecer que hai anos que se externalizaron as prácticas securitarias das nosas fronteiras aos países do norte africano.

A nova de onte, aparecida en El País, leva un título ben rechamante: “Interior dona 75 vehículos a Rabat para frenar la inmigración irregular”. Unha doazón ao goberno tirano do alauita. Ao goberno que usurpa un territorio e vulnera os dereitos de todo un pobo: o saharauí.

A perversión é que isto, por riba, se entenda como cooperación: para nós é un contrabando, unha noxenta política de favores que sempre recibe contrapartidas opacas. Non se pensen que é unha doazón lixeira, non: os 75 vehículos doados a Marrocos teñen un valor de 2M250mil euros, a isto cómpre engadirlle os que se regalan a Mauritania (292mil euros) e Senegal (9 vehículos todo terreo e trece quad, 295mil euros), para un total de 3M200mil euros, segundo El País, que recolle a información da memoria que elaborou o Ministerio de Interior. En 12 anos, só Mauritania e Senegal acumularon preto de 170 M€ grazas a esta política de contrabando...

O que para o(s) ministerio(s) é Cooperación, cínguese a compra de material policial e outros recursos securitarios que se emprega como ferramenta de persecución das persoas migrantes, das refuxiadas e tamén como instrumento de represión do pobo saharauí por parte do ocupante marroquí. Esquécese que os conflitos que teñen lugar en Siria, en Sudán do Sur, República Centroafricana, na República Democrátrica do Congo, no Sáhara, e noutras zonas de África e Asia son debidas ao mantemento das políticas coloniais de desbaldimento de recursos primarios. A nosa responsabilidade é dobre...provocamos e convocamos os demos da violencia bélica...e logo esquecemos os dereitos asociados á palabra asilo e refuxio.

Somos unha vergoña. Cómpre que a esquerda redefina cales deben ser os principios inexorables polos que debe transitar un acordo político. A existencia dos Centros de Internamento para Estranxeiros (CIE’s), a persistencia na práctica das devolucións en quente, isto é, os dereitos das persoas migrantes e refuxiadas non poden ser, en ningún caso, a parte esquecida ou minorizada dos acordos dunha (suposta e...esvaída?) esquerda. Ogallá que os tempos me quiten a razón!

Ademais, a insistencia en converter ao norte de África nos nosos xendarmes só serve para que o Mar Mediterráneo siga sendo un mar de mortes perfectamente evitables. Milleiros de mortes entre 3.000 e 4.000 en cada ano.

Esta perversa política de fronteiras, xunto coa Lei Mordaza e coa Lei de Estranxeiría deben formar parte xa dun programa de acción claro da esquerda e seren parte importante de calquera negociación.

O 18 de decembro de 2018, no Día das Persoas Migrantes veremos como moitos dos que hoxe apoian as políticas do goberno sairán con toda a súa fachenda talentosa a facerse fotos de sorrisos-colgate e berrarán que son moi tolerantes e que defenden os dereitos das persoas migrantes...

Pero claro, unha imaxe, hoxe, vale máis que mil palabras, pero non vale máis que a coherencia dunha conciencia liberada das mentiras e das conveniencias...entón estourará a forza da responsabilidade, sinalando a quen, hoxe, xoves 1 de novembro de 2018, apoia co seu silencio ou coa súa indiferenza, a política de contrabando que, a cambio de fronteiras, apoia a vulneración de dereitos.

dimanche 28 octobre 2018

CHIMAMANDA NGOZI, A VOZ QUE DESFAI O SILENCIO

Chimamanda Ngozi AdichIe posúe un pensamento poderoso, que fuxe de preconceptos e que demostra mesmo unha capacidade autoanálise, sempre precisa cando se trata de reflexionar sobre os feitos sociais.

O seu feminismo é un berro claro de que a conciencia do que somos é a premisa necesaria para erguer a voz e desfacer os silencios. No relato que nos regala Babelia no exemplar do sábado 27, Chimamanda deixa entrever esa necesidade.

Acompañarei o meu pensamento con algunha das súas palabras, coma se fose eu un regato que quere alimentar ao río maior que flúe cara ao mar.

A imposibilidade de ver ao OUTRO, á OUTRA coma un ser humano pleno...isto aconteceu sempre, mais con épocas máis cruentas coma no período de entreguerras co ascenso dos fascismos e podemos dicir que hoxe, desde que a ideoloxía securitaria do capitalismo se impuxo na xerga da política, cando vemos como gobernos se constrúen sobre os dereitos do OUTRO e da OUTRA migrante. Ten razón Chimamanda cando denuncia non só a súa existencia en todo o mundo...senón tamén no ‘mundo literario progresista’...”onde se agarda que as escritoras fagan aos seus personaxes femininos ‘simpáticos’, como se toda a humanidade dunha persoa de sexo feminino debese, a fin de contas, encaixar nas coidadosas limitacións da simpatía”.

Hai que dicir o que hai que dicir, sobre todo se pensamos que é unha verdade que nace coa forza da ética e da convicción, con independencia do apoio que teña esa afirmación. “Non se debe falar porque un estea seguro de que o van apoiar, senón porque non se pode permitir o silencio”. Gústame a aseveración de que, como cidadá, a súa responsabilidade é a verdade e a xustiza.

Animo a quen non puido consultar o Babelia de onte que o faga...e que lea tamén os pequenos libriños de Chimamanda. Eu rematarei asumindo a defensa da imaxinación, da lectura e dos libros como ferramenta para transformar o mundo:
“A Literatura ensínanos. A literatura importa. Leo para que me consolen. Leo para que me conmovan. Leo para que me lembren a gracia, a beleza e o amor, mais tamén a dor e a mágoa. E todas estas cousas importan. Todas son leccións útiles”.

dimanche 30 septembre 2018

"LOS MÁS RICOS, LOS MÁS POBRES Y OTROS"

A verdade é que non hai fin de semana que a prensa dominical me provoque un punto de anoxo. Hoxe, non ía ser menos. O anoxo ten que ver co emprego da lenda que figura como título para definir a 'pornografía fiscal' dos representantes do PP e PSOE e altos cargos nun suposto exercicio de transparencia. E digo suposto, porque sempre existen auténticas enxeñerías fiscais capaces de agochar inxentes contías de diñeiro e estratexias inmorais e nada éticas de evasión e elusión fiscais. 

De todos os xeitos, con independencia desta pouco útil pornografía, a min o que me anoxa é que se use o termo "más pobre" para definir a situación económica de quen forma parte de postos de responsabilidade política. 
O vindeiro 17 de outubro será o Día Internacional da Erradicación da Pobreza, momento en que normalmente coñecemos o informe que prepara A Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia). No Informe do curso pasado, con datos do 2016, constaba que 700.000 persoas, o 25,4% da poboación galega, vivían en risco de pobreza ou inclusión social, e delas, 111.460 con carencia material severa. E informaban dun 14,1% de persoas que traballaban mais que eran consideradas pobres. 

Dubido que algunha das persoas que figuran na listaxe da 'pornografía fiscal' de La Voz de Galicia forme parte das persoas que, por desgraza e obra das normas do sistema capitalista, engrosa as ringleiras das persoas máis empobrecidas. 

Demandaríamos un pouco máis de empatía, precisamente, cara ás persoas realmente empobrecidas e non banalizar o termo 'pobre' en exercicios de estilo ao servizo dunha burguesía titulada, moi ben definida por Serge Halimi e Pierre Rimbert en Le Monde Diplomatique de setembro de 2018 (pp. 24-25).

dimanche 23 septembre 2018

DÉIXENSE DE PAXARADAS...A VER SE MELLORADES AS LIÑAS DE AUTOBUS

Cando vexo que Arriva anuncia un tren que realizará a conexión entre Santiago e A Coruña en 18 minutos....penso na inevitable idiotez que asolaga os nosos días. A liña Santiago-A Coruña está perfectamente conectada e a un tempo moi razonable. Non é precisa máis aceleración. Non. O que debe facer Arriva, que posúe as licencias de transporte por estrada entre varias das vilas galegas é mellorar o que, polo de agora, é unha oferta cativa. 

Podemos poñer o exemplo da conexión de Santiago con Vilalba...un par de autobuses para ir e voltar no día...se non é festivo. Conexións insuficientes, desde logo, e que non responden aos horarios habituais da cidadanía galega. Por riba, a viaxe pode chegar de forma doada á 1h45 minutos...unha barbaridade! 

Que se deixen de paxaradas xa! Que melloren as concesións xa existentes e que doten de frecuencias e melloren os tempos. E se queren realmente revolucionar o transporte...que se atrevan a propoñer un tren de cercanías nas tres grandes cidades galegas. 

vendredi 21 septembre 2018

SEN PORTADAS

Pechouse a porta con violencia
o ruído envolvéuno mesmo con xenreira
coma se fose un intruso

Aqueles homes uniformados con porras
agochaban a súa humanidade
baixo voces e ordes sempre distantes

Miran para outro lado os ollos todos
mentres unhas gadoupas feras
erguen un novo muro entre a vida e a dignidade

Os xornais celebran hoxe os 10 anos
dun Lehman Brothers cobizoso e enfermo de sí
e adornan os comentarios sobre o fin da crise

Entregados á precariedade e ao desemprego
toda esa falsidade resoa cruel no anuncio
-D E S A F I U Z A M E N T O-

Sempre no gume do malabar
esa nai e ese pai tentárono todo
ao longo destes dez anos

Hoxe cando os xornais seguen
a diversión con teses e plaxios
unha porta péchase con violencia

Sentado coas mans abrazadas
ao silencio aterrador de papá e mamá
o neno perde o sorriso



dimanche 16 septembre 2018

O NAUFRAXIO ACTUAL DO DIÁLOGO: O TRIUNFO DA MONOLOCUCIÓN IMPOSITIVA E DA MANIPULACIÓN INFORMATIVA

Malos tempos para a existencia do diálogo e para as accións a el vinculadas debido a un emprego espúreo das capacidades da palabra, ao seu secuestro en discursos que manipulan a conciencia social. 

Algúns estudosos mesmo reducen xa a cinzas a utopía habermasiana sobre a posibilidade dunha democracia deliberativa, cando non se comezou sequera a poñer en pé os seus piares fundacionais (véxase a análise de Juan Fernando Segovia, Habermas y la democracia deliberativa. Una «utopía» tardomoderna, Marcial Pons, Madrid, 2008; ou, en termos máis confrontativos e críticos, Maxime Ouellet, La revolución cultural del capital. El capitalismo cibernético en la sociedad global de la información, Editorial Popular, Madrid, 2018, pp. 76-92).

Sabémolo ben: o diálogo naufragou no océano que mediou entre os monólogos independentistas cataláns e os nacionalistas españois. No medio, debido a unha incapacidade real de facer valer os valores da construción federalista, morreu afogada a opción realmente republicana. A polarización da monolocución, ben enfatizada polos medios adeptos a cada un dos extremos, conlevou a que as posicións de equilibrio fosen consideradas pouco máis que unha aldraxe e unha traición a non se sabe moi ben que ideais. E ollo, non apelamos con diálogo ao tan manido 'consenso', xa que pensamos que hoxe o que existe é unha monolocución impositiva, de tal forma que nos executivos a participación é reducida a un marco de negociación imposto, onde o diálogo real non pode existir nin construír nada.

Neste sentido, desde un punto de vista dialéctico, concedémoslle a razón a Salvador López Arnal, entrevistado no último El viejo topo ("Desde una izquierda sin complejos. Entrevista a Salvador López Arnal, nº 368, setembro 2018, pp. 27-35), onde expresa a súa raiba ante a circunstancia de que fosen escasísimas e de pouca forza as protestas ante o feito de que unha persoa practicante cando menos do racismo discursivo sexa o Presidente nº 131 da Generalitat. A pregunta que se fai o entrevistado non deixa de ser altamente punxente: "Que non teríamos feito [a esquerda], como teríamos intervido se un ultranacionalista español tivese sido elixido presidente do goberno de España?" (p. 33, col.a).

Por iso, a banalización non provén, ao revés do que dixo SOS RACISMO, da definición de Torra como racista, senón que o concepto se dilúa en función das supostas simpatías ideolóxicas. Iso sí que é perigoso. Ou de que a reacción política -que debera ter sido contundente na esquerda- sexa obra de grupos políticos que practican o racismo institucional e apoian as devolucións en quente de persoas que escapan de países en conflito ou de situacións altamente perigosas para a vida humana. Iso si que representa un uso perverso do concepto "racista" en función do obxectivo electoral a acadar.

Hannah Arendt sabíao ben: non se poden empregar eufemismos nin tabús cando se trata de definir os comportamentos 'bárbaros'. A referencia nos artigos de Quim Torra ao ADN e á confrontación que deshumaniza ao OUTRO é algo moi compartido polo esencialismo franquista do psiquiatra Antonio Vallejo Nágera. O esaxerado eloxio cohesivo do nós (desde unha óptica distorsionada dun nacionalismo excluínte) fronte ao trazo negativo do eles (o outro) é propio de todos os discursos manipulativos de ideoloxías excluíntes, tal como a dos grupos de extrema dereita.

A nova de hoxe de La Voz ("La debilidad política lleva a Sánchez al abismo", asinada por Fran Balado na páxina 18) contén algunhas manifestacións da lousa que soporta o diálogo sobre sí. Primeiro, o titular é, ao noso entender, enganoso e reducionista, xa que non é causa da debilidade política -identificada no artigo polos 84 deputados e deputadas que posúe o PSOE- a situación agonística en que se atopa o executivo de Sánchez, senón que é provocada pola propia natureza acelerada da súa chegada á Presidencia. Aceleración que se viu acompañada dos axiomas relativistas e fluídos do posmodernismo. Fronte ao corrupto sistémico que representaba o goberno de Rajoy, erguéuse o 'todo vale' relativista. Por iso, as demostracións de inoperancia e confusión que caracterizaron estes 100 primeiros días de goberno obedecen antes, para nós, á natureza inconsistente do que significa hoxe ser en política. É baixo esta inconsistencia que temos que situar as dimisións de membros do Goberno, as vacilacións ao redor de Catalunya, a (aparente) mudanza radical de actitude ante certos feitos como a inmigración, o asunto das bombas que non matan, etc. Todo iso non é debido á súa fraxilidade parlamentaria. Non. Dicir iso é enganar...ou enganarse.

En segundo lugar, as verbalizacións e reaccións ante teses supostamente plaxiadas, traballos de fin de máster supostamente realizados, etc...raian a estupidez máis absoluta e cun desprezo enorme cara ás clases traballadoras. As saídas de ton para defender a un presidente 'doutor' son snobistas e elitistas. Ser Doutor non faculta para ser unha persoa que exerce a política con ética e responsabilidade. Esta indecorosa exaltación dos títulos serve para agochar as eivas reais dunha clase política empoleirada e distanciada cada vez máis das rúas e das necesidades reais da xente.

En terceiro lugar, non se pode confundir necesidade de chegar a acordos con 'vasalaxe política' como fai o articulista. Para concordar nalgo, claro, hai que ter un programa de acción definido e concreto. Cada parte interlocutora debe expoñer os seus argumentos e, mediante o diálogo, acadar un acordo programático que represente no esencial ás diferentes partes implicadas. Temos cada vez máis claro que non se pode chegar a acordo naqueles aspectos que representan a disrupción ideolóxica das partes ou unha disolución programática das súas identidades. Iso hai que asumilo desde a dialéctica e a negatividade. O diálogo debe considerar esta circunstancia con naturalidade e, unha vez que se chegue a acordo sobre programa e persoas para levar a cabo o programa, debe ser coñecido e debatido polas bases e refrendado polas mesmas. Resulta evidente que no caso da Presidencia de Pedro Sánchez todo isto non se fixo. Comezouse a casa polo tellado. E hai que asumilo. E a única vía para ir remedando é a través do diálogo e o acordo programático.

O articulista semella identificar a Pedro Sánchez coma un vasalo ante os señores independentistas, nacionalistas e os de esquerdas. Trátase dunha metáfora descontextualizada. Sería todo un paradoxo que alteraría a natureza real dunha relación de vasalaxe, tal como se conceptualizaba na Idade Media. En efecto, nunha relación de vasalaxe o Señor ofrecía protección e mantemento ao vasalo, que xuraba fidelidade e ofrecía o seu servizo connotado entroutros aspectos polo Auxilium (axuda) e o Consilium (consello). Era unha relación asentada no don, na contraprestación de favores, con característica dunha reciprocidade desigual. O feito de que Sánchez precise do acordo daqueles que facultaron a súa chegada á Presidencia non o converte en vasalo, tal como demostra a posesión da ferramenta do BOE e as prerrogativas que posúe o Goberno.

As olladas do articulista póusanse en Pablo Iglesias, que se converte en quen "marca o ritmo" a Sánchez para "hacer bailar [al presidente]". Outra metáfora sen lóxica, fortemente ideoloxizada, xa que subliña, de novo, a suposta submisión do PSOE a Unidos-Podemos [ademais de prescindir mais unha vez da parte que Esquerda Unida achega á coalición de esquerdas ao individualizar toda a política en Pablo Iglesias]. Unha forma sibilina de facer entender ás persoas que lean que as accións políticas do PSOE obedecen ao ritmo que impón Unidos-Podemos. Unha clara manipulación do discurso para incidir no trazo negativo desa "asociación".

Detrás da aparente información latexa a manipulación que, con trazos grossos e con metáforas descontextualizadas, quere incidir no imaxinario social insistindo no carácter negativo de Unidos-Podemos en tanto que socio de goberno do PSOE. E para iso, ademais, destrúe a validez do diálogo como ferramenta de construción ao converter os acordos en simple relación de vasalaxe (de forma errada como vimos). 

Finalizamos esta reflexión co pensamento de Emilio Lledó sobre a importancia do diálogo na conformación dunha sociedade: "se piensa discutiendo, haciendo enredar el hilo del pensamiento en las argumentaciones de los otros para, así, afinarlo y contrastarlo" (El origen del diálogo y la ética, Gredos, Madrid, 2011, p. 44).

Xabier Ron
16 de setembro de 2018


lundi 9 juillet 2018

OS ACHADOS DE VINDOLANDA

Entre os anos 117 e 138 foi emperador do Imperio Romano. Adriano pasa por ser un dos emperadores máis significados dun universo que xa comezaba a sentir dentro das súas estruturas a irrupción de elementos estranxeiros, 'bárbaros'. 

Unha das súas teimas, como a de tantos gobernantes 'civilizados' de hoxe, era erguer muros separadores, muros que marcaban a pertenza ao mundo de nós fronte ao mundo dos outros que, polos estereotipos que se empregaban, só podían provocar unha mestura de medo e rexeitamento. 

Un deses muros, que se acompañaban coa construción dunha fortaleza e co asentamento de non poucos lexionarios, confórmao o de Vindolanda, no norte de Inglaterra, que se debeu erixir ao redor do ano 120 e que se mantivo ate o século V.

Nos traballos arqueolóxicos realizados na fortaleza desde hai uns 25 anos atopáronse milleiros e milleiros de pezas da vida cotiá: unhas 6.000 pezas de coiro, peites de madeira, preto de 400 táboas de madeira con escritura (informes, listas, correspondencia...), e mesmo, semella, o corpo dunha nena asasinada.

O último achado correspóndese a un par de guantes de boxeo en perfecto estado, co que todo apunta a que os lexionarios organizaban torneos para entreterse e manter a forma. 

Fonte: artigo de Romain Pigeaud no último número da revista Sciences Humaine;web da fortaleza

dimanche 29 avril 2018

TODO...TODO...COA MESMA RECEITA NON SE PODE

En efecto, todo, telo todo, por moito que nos vendan, é imposible, e menos se se fai todo coa mesma receita. Non é que me volva hoxe culinario, senón que falaremos brevemente da cociña do sistema capitalista. 

A reflexión xurdiu dunha lectura da prensa en papel mentres tomaba un café (descafeinado). Percibín de forma inmediata, unha vez lidas as novas, a contradición, que consiste na imposibilidade explícita de levar a cabo diferentes accións cando se pretende non tomar partido; cando se quere vivir nunha especie de todo vale, todo é posible...mais iso, obviamente é imposible.  Cómpre decidir. Cómpre elixir. 

Sirva de exemplo, o xornal La Voz de Galicia. Na breve editorial que alumea a portada da edición de Compostela, "Desde el Pedroso" demándanse, como posibles solucións á sangría demográfica que sofre a comarca de Compostela, "Ideas, por favor", título que lle dá o articulista. Ideas que deben transitar, cando menos, por dous camiños: a) un mercado inmobiliario a prezos razonables; b) un dinamismo na xestión de solo industrial. 

Unha breve pero acertada observación que, non obstante, choca co resto que nos ofrece o xornal, sobre todo co suplemento "Mercados" orientado todo el en alentar a chegada dunha cuarta revolución. 

A contradición é evidente. A cuarta revolución, que acompañaría aos beneficios do capitalismo financeiro, tecnolóxico e cognitivo (FTC), pode representar o pé definitivo sobre o corpo do traballo, unha grave amputación da institución salario, e a instalación definitiva nunha masa-traballadora precaria. 

De que maneira contraditorio?




a) O mercado inmobiliario está sendo todo el acaparado polas estratexias acumulativas dos posuídores do capital. De primeiras, non se remedou nada para impedir que o sistema seguise negando o dereito a unha vivenda digna a milleiros de persoas. 

Por riba, a ausencia dunha política pública de vivenda implica que o acceso a un alugueiro asequible sexa tortuoso, xa que as estratexias do capital, a través das famosas plataformas colaborativas, queren que os pisos sexa para turistas e ocasionais con posibilidades económicas. Loxicamente, o prezo se incrementa de forma especulativa. A consecuencia é a expulsión das persoas menos favorecidas cara ás marxes das urbes. Xa comentamos como en Francia se estaba producindo unha saturación habitacional por imposibilidade de facer fronte ao pago dos inzados prezos dos alugueiros. Levamos o mesmo camiño neste noso país. A expulsión ás marxes, entendendo por marxes no caso de Compostela, localidades como Bertamiráns, Cacheiras, Sigüeiro, Negreira e outras, implica, para as persoas, calcular non só o prezo para a vivenda, senón incorporar as contas dos desprazamentos e, ás veces, ás dos xantares, debido á imposibilidade de ir e vir ao fogar. Así, dáse non só a dificultade para animarse a crear, senón que é imposible que se fixe poboación no centro urbano. 

b) O solo industrial obriga a pensar...que industria? Neste tempo de hexemonía e voracidade do capitalismo FTC, que mudou os parámetros do sector traballo e convulsionou os hábitos de consumo de forma definitiva, preguntámonos iso, que industria pode salvar a quebra demográfica se os traballos son inestables, os salarios son precarios e non hai acceso a unha vivenda digna?


A cararexada Cuarta Revolución, que é a da robotización, a do agrandamento da fenda entre a clase traballadora precaria, de emprego estacionario mal remunerado e a clase dominante dos mecanismos de produción de capitalismo FTC, non vai permitir ningunha xestión do solo industrial, xa que este capitalismo está deslocalizado, descentralizado e acapara plusvalía un pouco en todas partes, incluído nos fogares. O capitalismo FTC só quere especular co valor de cambio en todos os eidos, incluído o da vivenda....co cal, imposible un parque de vivendas asequible e menos, aínda, pola inacción pública, un parque público de viendas en rexime de alugueiro social. 

O 5 de maio deste 2018 Carlos Marx cumpriría 200 anos...quizais unha lectura actualizada do seu pensamento permitiría entender mellor as contradicións do capital...tal como fai David Harvey. Por iso, aínda recoñecendo que esta reflexión é breve, non se pode ter todo coa mesma receita. Cómpre elixirmos que sistema queremos: se é o capitalista, nunca se correxirán as desigualdades de todo tipo...


 

lundi 23 avril 2018

A MARCA ESPAÑA COMO MODELO DA LEI MIGRATORIA ANTIPERSOAS DE MACRON

O macronismo é a faciana eufemística da dereita máis rancia, cuxo extremismo endulcórase baixo un suposto centro político que sempre é inexistente. En efecto, non cómpre confundir a capacidade de diálogo, de chegar a acordos, nin a capacidade de mesura e equilibrio cun falaz centro político.

Unha das manifestacións máis evidentes é o proxecto de lei do Asilo e Inmigración que superou a primeira lectura. Como informan desde a CIMADE trátase dun verdadeiro código da vergoña, e que pon en perigo a ducias de milleiros de persoas que serán retidas, asignadas en residencias, expulsadas, privadas dos seus dereitos. Unha lei que endurece os controis, as sancións, a selección e a expulsión, e deixa en moi mal lugar o dereito de asilo. E foi aprobada o domingo pola noite (ás 23h) co 58% dos votos de deputados e deputadas presentes. Isto xa sinala que é un texto controvertido, que non convence nin á esquerda, mais tampouco á dereita extrema que quere aínda máis dureza. 

Ollando as liñas que o artellan un percibe de forma inmediata que a Marca España soubo exportar moi ben o seu modelo, considerado un éxito, ignorando ou esquecendo de forma miserenta aos milleiros de persoas que morren no mar Mediterráneo e a existencia de políticas discriminatorias que atrancan o acceso a servizos públicos básicos como a sanidade (un recente estudo elaborado polo Instituto de Economía de Barcelona e a Universidade Pompeu i Fabra, Os efectos letais da perda de cobertura sanitaria, estima que as mortes de persoas migrantes en situación administrativa irregular se incrementou un 15% entre o 2012 e o 2015), a educación e políticas sociais. 

Cómpre moito, moito traballo no seo da propia sociedade para rachar a evolución da apatía e da indiferenza, cando non comportamento violento, e, da man dunha rúa máis humanizada, realizar os cambios administrativos pertinentes. O macronismo xa vai por un mal camiño. E moito nos tememos que asoman actitudes no Estado español da man do riverismo que manterán ou incrementarán as durezas dunha lei inxusta.

dimanche 22 avril 2018

O PERIGO DO APOSTOLADO DIXITAL

Con todos os respectos, permitan que considere unha perigosa relixión a dixitalización global da sociedade. Por iso, emprego o concepto de Apostolado Dixital con plena concienca. 

Esta relixión ten adeptos e adoradores. Calquera espazo é susceptible de ser o lugar onde rezar ao Deus dixital, xa que, como as biblias, lévanse os seus preceptos na man. 

Certo é que hai circunstancias amables e moi positivas que explican un uso necesario e razonable das ferramentas dixitais. Sería a distancia que adoptarían os que afirman ser relixiosos, mais non practicantes. Tamén podería aproximarse ao concepto do agnóstico. Sexa como sexa, sería a adopción dunha distancia que permite a crítica reflexiva como método de aproximación e uso. 

Non obstante, o Apostolado remítenos a unha especie de fundamentalismo, que traballa unica e exclusivamente por unha sociedade dixital. E iso é moi, pero que moi perigoso. Sábeno moi ben os autores das narracións mesiánicas, que despois de persuadir aos seres humanos de que iso era o camiño que se debía percorrer, deciden afastar prudencialmente aos seus descendentes dese camiño e optan por unha educación libre de tecnoloxía. Son, polo tanto, os novos centros segregadores, xa que a educación que recibirán será diferenciada e afastada do suxeito-masa. E isto debera ser proba suficiente para adquirir unha actitude preventiva para o resto dos seres humanos e loitar por unha educación pública que nos iguale a todos os seres humanos. 

Mais o Apostolado precisa dos seus axentes políticos e económicos para propagar o ideario cultural e así impregnar o imaxinario das xentes coa panacea opiácea dixital. O turbocapitalismo desta etapa ordoliberal é moi intelixente. Por iso, a súa narración intoxicou mesmo a aqueles que se dicían anticapitalistas, antisistema, ou mesmo vagamente de esquerdas. 

En efecto, sucedeu que a esquerda comezou a loitar contra a dereita empregando as súas mesmas ferramentas dixitais, o mesmo vocabulario, renunciando á diferenciación terminolóxica (tal como a absurda liquidación do contraste entre esquerda e dereita), marxinando a todo aquilo que resulta vello -a experiencia da praxe é unha lousa nesta sociedade da precariedade- e adoptando a doutrina emocional do posmodernismo, proclamando un medo ancestral ao coñecemento racional e argumentado.

Hoxe, van abrollando interesantes voces que se erguen en contra deste Apostolado Dixital, mais son pequenos ecos, que apenas atopan auditores e menos aínda lectores...Non lle interesa ao sistema.

As escolas son enormes catedrais da adoración dixital. O fin é a aula dixital, a escola dixital...e chegará moi cedo o profesorado dixital. Os procesos e procedementos son dixitais. Sobre isto falaremos nun artigo posterior que estamos elaborando, xa que afecta a como se deseña hoxe a educación, convertendo as xeracións futuras en desherdadas (François-Xavier Bellamy, Los desheredados. Por qué es urgente transmitir la cultura, Ediciones Encuentro, 2018)

Pasamos, de media, catro horas fronte ás pantallas...mais non sempre -case nunca- para crear, para achegar ou adquirir coñecemento, senón como mero ocio...que chamaríamos narcotizante. Como forma de empregar o tempo libre que temos cando non estamos traballando de forma remunerada sobre todo. Ese tempo non o dedicamos, polo tanto, a comunicarnos de verdade, co positivo e negativo do encontro presencial, a camiñar, a respirar natureza, a ler, a escribir, a militar, a comprometernos, a amar...en definitiva, a vivir. Maurizio Ferraris titula un traballo seu co explícito título de Movilización total (Herder, 2017).

Como advirte Adam Alter o pensamento dixital que provén das redes sociais fainos sectarios, menos propensos a aceptar a crítica e o debate, máis dogmáticos e intransixentes. Polo tanto, transforma o carácter e afecta ás relacións sociais de verdade, xa que na rúa, nos centros, nos espazos públicos vive a diversidade, a pluralidade en todos os seus aspectos. Pode que explique esta individualidade dixital a crecente indiferenza polas persoas refuxiadas, ou o incremento notable dos comportamentos discriminatorios e violentos. 

O Apostolado Dixital convenlle ao capitalismo xa que disolve a necesaria conxunción relacional que precisa unha militancia política e social. O "gústame" de facebook suple a presenza das persoas nunha manifestación ou acto reivindicativo e converte en mantra o concepto de "maioría silenciosa" que emprega a dereita. A interacción, a mediación social imprescindible para convivir e aprender en sociedade desaparecen. 

Unha sociedade dixital é unha sociedade adicta. Os empresarios do dixital viven do tempo que pasamos conectados a calquera dos trebellos (apps) que nos ofrecen. Unha sociedade adicta é unha sociedade que non é quen de participar nos asuntos do espazo público. É máis intolerante e irrespectuosa. Unha sociedade adicta ao dixital ignora a mesura, vive do exhibicionismo -pornografía do eu-; vive do desequilibrio emocional, compulsivo, da violencia anónima. 

Para rachar coa adición imponse o coñecemento, a reflexión crítica. Para adquirir estas capacidades necesitamos unha educación que nos informe ante todo dos riscos, que ensine a facer un uso racional das ferramentas en tanto que medios para adquirir saberes grazas á mediación que nos achega o profesorado. Por iso, nas nosas aulas non necesitamos capelas dixitais. Precisamos que as escolas sexan espazos libres de inxerencias mercadotécnicas. Precisamos, en definitiva, máis humanismo.