dimanche 28 octobre 2018

CHIMAMANDA NGOZI, A VOZ QUE DESFAI O SILENCIO

Chimamanda Ngozi AdichIe posúe un pensamento poderoso, que fuxe de preconceptos e que demostra mesmo unha capacidade autoanálise, sempre precisa cando se trata de reflexionar sobre os feitos sociais.

O seu feminismo é un berro claro de que a conciencia do que somos é a premisa necesaria para erguer a voz e desfacer os silencios. No relato que nos regala Babelia no exemplar do sábado 27, Chimamanda deixa entrever esa necesidade.

Acompañarei o meu pensamento con algunha das súas palabras, coma se fose eu un regato que quere alimentar ao río maior que flúe cara ao mar.

A imposibilidade de ver ao OUTRO, á OUTRA coma un ser humano pleno...isto aconteceu sempre, mais con épocas máis cruentas coma no período de entreguerras co ascenso dos fascismos e podemos dicir que hoxe, desde que a ideoloxía securitaria do capitalismo se impuxo na xerga da política, cando vemos como gobernos se constrúen sobre os dereitos do OUTRO e da OUTRA migrante. Ten razón Chimamanda cando denuncia non só a súa existencia en todo o mundo...senón tamén no ‘mundo literario progresista’...”onde se agarda que as escritoras fagan aos seus personaxes femininos ‘simpáticos’, como se toda a humanidade dunha persoa de sexo feminino debese, a fin de contas, encaixar nas coidadosas limitacións da simpatía”.

Hai que dicir o que hai que dicir, sobre todo se pensamos que é unha verdade que nace coa forza da ética e da convicción, con independencia do apoio que teña esa afirmación. “Non se debe falar porque un estea seguro de que o van apoiar, senón porque non se pode permitir o silencio”. Gústame a aseveración de que, como cidadá, a súa responsabilidade é a verdade e a xustiza.

Animo a quen non puido consultar o Babelia de onte que o faga...e que lea tamén os pequenos libriños de Chimamanda. Eu rematarei asumindo a defensa da imaxinación, da lectura e dos libros como ferramenta para transformar o mundo:
“A Literatura ensínanos. A literatura importa. Leo para que me consolen. Leo para que me conmovan. Leo para que me lembren a gracia, a beleza e o amor, mais tamén a dor e a mágoa. E todas estas cousas importan. Todas son leccións útiles”.