jeudi 1 novembre 2018

MALDITO CONTRABANDO!! POLÍTICA DE FAVORES PARA SEGUIR PERXUDICANDO ÁS DE SEMPRE...ÁS PERSOAS MIGRANTES, REFUXIADAS E AO POBO SAHARAUÍ

Información diversa sobre os movementos curiosos do Ministerio de Interior...que de tanto moverse, paradoxo da enxeñería bélica e lingüística, queda no máis puro inmobilismo e continuismo con respecto ao anterior ministerio en mans do PP.

Información que non deixa de anoxar, non sorprender, xa que, como ben saben as persoas que me coñecen fun dos escasos incapaz de amosar algún tipo de emocionalidade positiva cando chegaron os de Pedro Sánchez ao goberno...a razón obrigaba!!

Nesta cerimonia permanente da confusión, onde son máis importantes as imaxes e as supostas teses realizadas ou non, onde existe toda unha mercadotecnia informativa sobre procesos de primarias (supostamente) democráticos e onde, desde calquera dos medios de comunicación masiva, se dá unha desaforada persecución do logro ou non dos Orzamentos Xerais do Estado, destacando así quen o fixo posible ou non...a conclusión que extraemos e que seguen perdendo as persoas de sempre.

Pouca ou escasa belixerancia existe por parte de medios e politica sobre a persistencia das mesmas prácticas –a efectos reais- con respecto ás persoas migrantes, dentro e fóra das nosas fronteiras. Porque non debemos esquecer que hai anos que se externalizaron as prácticas securitarias das nosas fronteiras aos países do norte africano.

A nova de onte, aparecida en El País, leva un título ben rechamante: “Interior dona 75 vehículos a Rabat para frenar la inmigración irregular”. Unha doazón ao goberno tirano do alauita. Ao goberno que usurpa un territorio e vulnera os dereitos de todo un pobo: o saharauí.

A perversión é que isto, por riba, se entenda como cooperación: para nós é un contrabando, unha noxenta política de favores que sempre recibe contrapartidas opacas. Non se pensen que é unha doazón lixeira, non: os 75 vehículos doados a Marrocos teñen un valor de 2M250mil euros, a isto cómpre engadirlle os que se regalan a Mauritania (292mil euros) e Senegal (9 vehículos todo terreo e trece quad, 295mil euros), para un total de 3M200mil euros, segundo El País, que recolle a información da memoria que elaborou o Ministerio de Interior. En 12 anos, só Mauritania e Senegal acumularon preto de 170 M€ grazas a esta política de contrabando...

O que para o(s) ministerio(s) é Cooperación, cínguese a compra de material policial e outros recursos securitarios que se emprega como ferramenta de persecución das persoas migrantes, das refuxiadas e tamén como instrumento de represión do pobo saharauí por parte do ocupante marroquí. Esquécese que os conflitos que teñen lugar en Siria, en Sudán do Sur, República Centroafricana, na República Democrátrica do Congo, no Sáhara, e noutras zonas de África e Asia son debidas ao mantemento das políticas coloniais de desbaldimento de recursos primarios. A nosa responsabilidade é dobre...provocamos e convocamos os demos da violencia bélica...e logo esquecemos os dereitos asociados á palabra asilo e refuxio.

Somos unha vergoña. Cómpre que a esquerda redefina cales deben ser os principios inexorables polos que debe transitar un acordo político. A existencia dos Centros de Internamento para Estranxeiros (CIE’s), a persistencia na práctica das devolucións en quente, isto é, os dereitos das persoas migrantes e refuxiadas non poden ser, en ningún caso, a parte esquecida ou minorizada dos acordos dunha (suposta e...esvaída?) esquerda. Ogallá que os tempos me quiten a razón!

Ademais, a insistencia en converter ao norte de África nos nosos xendarmes só serve para que o Mar Mediterráneo siga sendo un mar de mortes perfectamente evitables. Milleiros de mortes entre 3.000 e 4.000 en cada ano.

Esta perversa política de fronteiras, xunto coa Lei Mordaza e coa Lei de Estranxeiría deben formar parte xa dun programa de acción claro da esquerda e seren parte importante de calquera negociación.

O 18 de decembro de 2018, no Día das Persoas Migrantes veremos como moitos dos que hoxe apoian as políticas do goberno sairán con toda a súa fachenda talentosa a facerse fotos de sorrisos-colgate e berrarán que son moi tolerantes e que defenden os dereitos das persoas migrantes...

Pero claro, unha imaxe, hoxe, vale máis que mil palabras, pero non vale máis que a coherencia dunha conciencia liberada das mentiras e das conveniencias...entón estourará a forza da responsabilidade, sinalando a quen, hoxe, xoves 1 de novembro de 2018, apoia co seu silencio ou coa súa indiferenza, a política de contrabando que, a cambio de fronteiras, apoia a vulneración de dereitos.