dimanche 13 octobre 2019

SEN POSIBILIDADE DE ACCEDER A UNHA VIVENDA DIGNA

Outra columna máis...que nace ao albur das lecturas dominicais. Desta volta, sobre o alugueiro e o acceso a unha vivenda digna. Un dereito que estoura debido a diversos motivos que veremos de seguida.

Os titulares de LVG, dentro da súa edición local de Compostela, son evidentes: "Solo hay pisos para alojar a 320 personas"; "Las pocas viviendas que hay para alquilar son indecentes y carísimas".

Non será porque non o advertimos xa hai algún tempo neste mesmo blog: o acceso á vivenda está envolto nunha burbulla que terá gravísimas consecuencias sociais. Agora, como vemos nos titulares, os propios medios recollen testemuñas que deberan anoxar aos poderes públicos. 

O defensor do público debera ser un contrapeso fronte ás dinámicas salvaxes da selva do mercado capitalista. Mais, por desgraza para os nosos dereitos, actúa coma un mero xestor dos intereses mercantís e 'deixa facer', emulando o dito de Vincent de Gournay, pronunciado no século XVIII, "laissez faire, laissez passer". 

Compostela está a piques de chegar a un punto de non retorno e ser definida 'inhabitable' para futuras xeracións. Hoxe, as dinámicas do capital e o 'deixa facer' expulsan cara ás localidades veciñas a duciais e ducias de persoas, tal como acontecera nos inicios de século XXI, até que rebentaron as costuras da burbulla inmobiliaria nos anos 2007-2008. 

Este 'deixa facer' ten / terá gravísimas consecuencias de tipo social e convivencial se o servidor do ben público non decide atrancar o paso ao dito de Vincent de Gournay e poñer en marcha outro tipo de políticas. Mais o servidor público debe abandonar a covardía e garantir os dereitos da cidadanía, consagrados no texto constitucional, e defender e afortalar os servizos públicos. 

Mais...non se preocupen...seguiremos sen dúbida a peor. Non o dubiden as persoas lectoras. Vexamos con brevidade, quizais panóptica, O QUE HAI e, sobre todo, O QUE NON HAI. 

1) NON HAI...ética individual e colectiva. Desaparecida, podemos dicir que está en búsqueda e captura. HAI cobiza e especulación co valor de uso que debe caracterizar a vivenda. HAI un desaforado desexo de gañar sempre máis diñeiro, aínda que sexa tendo vivendas en miserable estado de habitabilidade. 

2) NON HAI...unha oferta de alugueiro para responder ás necesidades sociais. NO FONDO...segue a sacrosanta idealización do SER PROPIETARIO, por iso, nada se fai co alugueiro. NON HAI parque público de vivendas en réxime de alugueiro social...HAI un enorme parque de vivendas baleiro (circa 9000 en Compostela). HAI unha oferta ilegal e legal (desmesurada) de pisos para turismo de masas tanto de forma individual como a través de palataformas como AIRBNB [Todo...un cancro para o dereito constitucional a unha vivenda digna]. En Alemaña, cidades recuperan de fondos de investimento os centos de vivendas que compraron a prezo de ganga...triste dar diñeiro aos canallas, desde logo, pero veremos se non é, debido á inoperancia dos nosos gobernantes, o único sendeiro...

3) NON HAI ningún tipo de control sobre esa oferta de pisos turísticos. O 'deixa facer' é a única estratexia do xestor público dos intereses privados. A este respecto, recomendamos a lectura do libro de Ian Brossat, La ciudad uberizada (Katakrak, Iruñea-Pamplona, 2019) e como, desde o seu rol de tenente alcalde de París e da súa responsabilidade de 'Vivenda, Emerxencia habitacional, e Vivenda Sostible', desde o 2014, se desvive para frear o monstro AIRBNB e todas as prácticas de presión que desenvolve a plataforma rentista (en nada colaborativa)...que, por riba, declara millonarios beneficios (en Francia, no 2016 declarou só 330 880 euros cando presumía de ter 10 millóns de franceses como usuarios) que non repercuten na caixa común da facenda pública para seren redistribuídos.

Conclusións apresuradas: 

1) O futuro goberno...se quere pasar á historia futura como goberno de esquerdas, ten que, unido a unha acción de servizo público das administracións nacionais, provinciais e locais:

a) Traballar para solucionar o problema de acceso a unha vivenda digna e garantir o dereito constitucional que nos asiste.
a.1) Crear un parque público de vivendas en réxime de alugueiro social.
a.2) Aproveitar a forza da lei para que as vivendas baleiras se incorporen a ese parque público.
a.3) Dispoñer de ferramentas normativas que impidan o lucro e a especulación e poñer límites ás plataformas como AIRBNB e ás propias asociacións de pisos turísticos que nacen ao abeiro do 'cheiro a diñeiro fresco' que trae o turismo de masas.
a.4)  Ao mesmo tempo, hai que meterlle o dente ao mercado do traballo e derrogar a reforma laboral para recuperarmos dignidade en contratos, condicións, dereitos e salarios.
a.5) Garantir un sistema de pensións público digno.

Corolario
Sen ética é imposible a vida pública. Precisamos unha ética solidaria con todas as persoas sexan de onde sexan. Necesitamos unha xustiza redistributiva e equidade social sen exclusións. 

Verémolo...despois do 10 N????


mercredi 9 octobre 2019

NOVO BLOG 'COMPARTINDO HAIKUS'

Só para aqueles e aquelas que se achegan a este blog con ollada de docente...como a comunicación que presentei en León no I Congreso Internacional 'Educación Crítica e Inclusiva' tivo unha moi boa acollida, decidín crear un blog dedicado en exclusiva ao proxecto educativo que levo a cabo no IESP de AMES...sen ningunha outra motivación que ensinar e aprender. O blog chámase 'Compartindo haikus' e pode accederse a el pinchando no propio espazo do blog que (teño que actualizar) do IESP de AMES.

dimanche 6 octobre 2019

A INTELIXENCIA DEFÍNENOS A TODAS AS PERSOAS...SEN EXCLUSIÓNS DE NINGÚN TIPO

A orixe destas palabras nace na lectura do artigo xornalístico, “La maldición de la inteligencia, cuando ser listo se vuelve en tu contra”, publicado en La Voz de Galicia de hoxe, domingo 6 de outubro de 2019, asinado por Andrea Presedo. O tratamento será crítico e explicativo, contrastando as supostas realidades que trata o artigo coa nosa experiencia como docente, que xa entra na súa terceira década.

1º) Non é para nada acertado mesturar o que é propio da intelixencia co que é natural de ser listo. O titular do artigo contén unha falacia por simplificación. Unha simple consulta no diccionario da RAE xa nos informa que non son sinónimas e que, como moito, e non en todos os casos, ‘ser listo’ podería ser unha das demostracións prácticas da intelixencia.

2º) A intelixencia non é algo que determine só a algunhas persoas...A intelixencia defínenos a todos os seres humanos. É consubstancial...sen ningún tipo de exclusións ou segregacións, a pesar da diversidade da súa manifestación. Calquera das 5 primeiras acepcións da RAE manifesta esa natureza humana, diversa na súa execución e aplicación.

3º) Hai unha deliberada ‘sobre-interpretación’ ao redor das etiquetaxes da diferenza. Unha práctica que hoxe conleva unha abusiva medicalización e conduce a un (indebido) tratamento educativo non igualador. De feito, se non se iguala...cáese no risco de segregación interna dentro da aula. Cómpre non perder de vista o real –a diversidade é consubstancial a todo grupo humano- e tender ao necesario: unha educación igualadora, que reduza as desigualdades de partida.

4º) Fanse afirmacións estatísticas sen base científica, ou cando menos o 40% de suposto acoso escolar cara ao alumnado con ‘superdotación’ non está demostrado mais que no recurso ao concepto da autoridade. Non se pode contrastar, ergo, pode ser falso ou errado.

5 º) Hoxe en día cométese o terrible erro de pensar que todo grupo de alumnos e alumnas é homoxéneo e, baixo esa perspectiva, establécese unha especie de comportamento e actitude de ‘normalidade’, onde se marca unha determinada imaxe de sociabilidade que está moi lonxe de ser ‘común’. Así, claro está, esténdese a figura do ‘raro’, do ‘friki’, do ‘asocial’, do ‘solitario’, etc. Ante isto, loxicamente, non produce abraio que os supostos síntomas de acoso dun neno ou nena superdotada coincidan coa definición dun neno ou nena con asperger ou outro trastorno.

6º) Sempre temos a tendencia de practicar a epojé, a dúbida metodolóxica, e neste caso, dubidamos dos supostos éxitos da autora do libro ‘La maldición de la inteligencia’...(Pregunta maliciosa: cantos comprarán o libro despois de ler este artigo de LVG??).

7º) Que significa ser intelixente? Como é posible que esa suposta ‘superdotación’ –en España eufemizada ou tratada como ‘altas capacidades’...que lembra moito a iso de ‘altas prestacións’- sexa diferente entre países? É realmente mensurable nun número a intelixencia?

8º) Non todas as persoas sentimos da mesma forma, nin actuamos ante unha mesma situación de xeito idéntico. Un alumno ou alumna chega á aula cunha maleta de influencias, de desexos, de intereses, de motivacións que obedecen a circunstancias moi diversas. O persoal docente ten que actuar dunha maneira dobre: a) abrindo a maleta, ollar a súa composición para entender ao alumnado; b) pechala e deixala na entrada da aula para ‘conducir fóra dese marco’ ao alumnado, i.e. educar desde un punto de vista etimolóxico.

9º) O acoso escolar non é acoso escolar en función da diferenza, de se un é superdotado, homosexual, lesbiana, asperger, cego, xordo, etc...Non, porque iso suporía un terrible e perigoso reducionismo que, por riba, sería segregador. O acoso escolar pode afectar a todo o alumnado –teña ou non algún tipo de diversidade funcional- e é tarefa do equipo docente prever esas situacións e correxilas no caso de se produciren. O acosador ou acosadora opera desde un gran problema educacional e un complexo de inferioridade e verte a súa xenreira sobre o alumno ou alumna que considera máis feble ou do que coñece a súa febleza (que non ten por que corresponderse cunha diversidade funcional: ser tímido, ou desexar pensar e ler en soidade non son discapacidades, desde logo).

A nosa experiencia como docente, que se alimenta, ademais, da experiencia como alumno –sendo etiquetado como ‘diamante en bruto’, algo absurdo, tanto coma os números actuais de coeficiente intelectual- levounos a coñecer multitude de alumnos e alumnas que sobresaían polos seus excelentes resultados académicos aos que lles engadían, ademais, accións relevantes en materia de deporte, de creación literarias ou musical, de manifestación dunha especial empatía e solidariedade, etc. É iso ser intelixente? Pode ser, pero hai múltiples variables e non todas as persoas teñen que facer un ‘pleno al quince’ en todo...por iso, intelixentes sómolo todas as persoas. A verdadeira complexidade está en sacarlle partido en todos os eidos da vida tanto individual como social. Iso implica, necesariamente, educar tamén nas zonas escuras da vida, na existencia das dificultades, na proliferación do negativo, do rugoso e do áspero cando vivimos en sociedade, pero que temos que ‘convivir’...e, para iso, cómpre respectar ao outro, tal como é.

Cómpre educar tamén na frustración, i.e., non desenvolver unha educación asentada na mentira, senón na verdade dos tempos que corren, que non son os mellores para as persoas....sexan estas superdotadas ou non!!! A perfección debe ser só unha aspiración ética de mellora, nunca un fin dogmático ao que se chega competindo.

PD. Se un fai unha procura na rede sobre o alcance do concepto 'intelixencia' e solicita unha imaxe verá, con tristura,  como existe un terrible predominio do que se denomina 'intelixencia artificial'....Isto nunca debe facernos 'descreer' da consubstancialidade humana da intelixencia...(a capacidade de razonar, de coñecer, comprender e argumentar...)