
A primeiras horas da madrugada deste domingo 17 de
febreiro de 2013 coñecíase a sentenza dun xuízo militar carente da necesaria
obxectividade e neutralidade que todo xuízo precisa. Trátase dunha sentenza
ofensiva para o pobo saharaui e para todas aquelas persoas que defendemos a
autodeterminación do pobo saharaui e o cumprimento das resolucións da ONU.
A sentenza é unha auténtica ignominia e unha absoluta
inxustiza e vulnera as normas que deben rexer a xustiza e a equidade. Os 24
activistas di campamento de Gdeim Izik, o campamento da dignidade, na contorna
de El Aaiún, xa tiveron que sofrer situación de prisión preventiva durante máis
de dous anos (o cal vulnera o Pacto Internacional de Dereitos Civís e
Políticos), e foron inxustamente condeados por defender os dereitos do pobo
saharaui.
A relación das condeas non deixa lugar a dúbidas: 8
persoas, cadea perpetua; 4, 30 anos de cárcere; 7, 25 anos de cárcere; 2, 20 anos
de cárcere; 3, condeadas polo tempo xa cumprido de cadea.
Os 24 saharauis só se opuxeran ao violento
desmantelamento do campamento de Gdeim Izik o 8 de novembro de 2010.
Ante o silencio maioritario dos medios de
comunicación, que a penas deron conta do noso comunicado de hai 15 días,
queremos insistir hoxe en chamar a atención da sociedade galega ante este
brutal ataque aos dereitos humanos e ante unha sentenza que só pretende
amedrentar aos defensores da República Saharahui.
Pero non calaremos. AGE reitera o seu compromiso de
solidariedade co pobo saharaui e reclama que se atendan as resolucións da ONU
para devolverlle ao pobo saharaui as terras hoxe ocupadas por Marrocos e, desde
logo, esixe toda a presión internacional para que se lle devolva a liberdade a
estes 24 activistas inxustamente condeados.
17 de febreiro de 2013.