dimanche 10 juillet 2016

PARA DAR VISIBILIDADE ÁS IDENTIDADES AMORDAZADAS. REIVINDICACIÓN DO ORGULLO TRANS

O acto foi sinxelo. Mais foi emotivo. E sobre todo era necesario. A reivindicación dos dereitos das persoas transexuais e das súas identidades, desde o mesmo momento en que se manifesta esta. 
Comezou a manifestación na Praza do Obradoiro de Compostela. Non eramos moitas. Non. De seguro que se darán numerosas circunstancias para escusar a ausencia: descoñecemento, día de sol e praia, día de vacacións, etc. Mais o certo é que os dereitos humanos non saben de vacacións, xa que deben ser defendidos todos os días do ano. Sobre todo cando estes dereitos aínda son demoucados, esnaquizados, silenciados, invisibilizados e, sobre todo, negados. E esa negación ten gravísimas consecuencias. 

A identidade de cada quen, a súa interioridade, precisa da súa necesaria exterioridade. A identidade sentida é a que nos define en primeiro termo, por riba dos atributos cos que nacemos. E ningunha norma pode xogar a impedir o recoñecemento desa interioridade que procurará recoñecerse mediante a súa propia e desexada exterioridade. Ese vínculo só o pode definir a propia persoa. Só ela.

Aínda hai prexuízos, estereotipos e enormes muros de estigmatización. Non é unha patoloxía, de aí o necesario berro de despatoloxización que acompañaba a manifestación ata a praza do Toural, un berro necesario xunto con ese "Ola, que tal? Son transexual!". Un berro que quere provocar ao mesmo tempo que animar a necesaria receptividade, a normalización e a visbilización de persoas que en demasiados momentos teñen que vivir nas marxes debido á incomprensión xera
lizada.

A lectura do manifesto por parte de menores, eses menores que sofren a ollada e os abusos dese OUTRO que non quere entender a diversidade existente neste mundo, foi emotiva. Mais, sen dúbida, para a miña ialma de poeta, os versos que leu a moza trans, onde expresaba a súa esperanza de ser de forma plena unha muller feliz de selo, provocou en min reaccións moi fondas de comprensión. 

Esa é a loita que cómpre dar. A das identidades que outros queren silenciar e invisibilizar. Nas escolas e nas rúas, na televisión e nos xornais, nas leis e nos recursos para aplicalas, todo debe tender a recoñecer e garantir o dereito máximo a ser feliz. E esa felicidade repousa no dereito a ser quen sinto que son...non o que din que son. 
  

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire