
Estou traballando nun informe sobre a cuestión do pobo xitano e a eficacia e eficiencia do diñeiro público que supostamente foi dedicado a políticas de inclusión social. Fágoo analizando o informe do Tribunal de Cuentas Europeo, que advirte de eivas a ese respecto por parte do Estado español. A persoa de etnia xitana soporta con máis insistencia esa lente estereotópica deformante e estigmatizante.
Nunha das miñas lecturas -teño por hábito ler tres ou catro libros ao longo do día e que avanzan de forma acompasada durante a semana-, unha especie de reflexión autobiográfica do xa finado filósofo francés André Glucksmann, Voltaire contraataca (Galaxia Gutenberg, 2015), atopo unha serie de consideracións sobre o pobo xitano que, de forma inevitable, provocaron a miña ruminatio e aquí estou, escribindo sobre iso.
Sabido é que este filósofo foi unha persoa controvertida e polémica. Non deixa indiferente a ninguén. Así foi ao longo dos seus 78 anos de vida, sobre todo polo seu apoio inicial ás políticas do presidente Sarkozy e ao proceso colonial e criminal de Israel en Palestina.
A súa escritura é áxil, se ben non é obxecto desta entrada tratar a diversa temática sobre a que vai reflexionando o autor. En xeral, a preocupación do libro é reflictir a necesidade de resetear o camiño que están percorrendo os europeos e de reconsiderar as ensinanzas de Voltaire e da súa obra Cándido, que xurdiu nun contexto en que Europa se vía arrastrada á guerra e que foi "un atentado contra la decencia, un corte de mangas filosófico" (p. 21).
Qué acontece nesta Europa (desde o 2001) para que os europeos "empiezan a soñar con candados, levantan torres de vigilancia, se atiborran de analgésicos, se emborrachan con fatalismos baratos"? (p. 16) Dáse un peche non só da UE sobre si mesma, o que levo anos denunciando como bunquerización, así como un peche dos propios países membros. Hai escasos días anunciábase desde a UE a creación dunha especie de exército de intervención rápida de fronteiras, ao mesmo tempo que se sabía que 3.000 persoas morreron afogadas no mar Mediterráneo.


En Francia, por exemplo, o 93% dos franceses estaba a favor do desmantelamento dos campamentos provisionais e de deportar ás persoas inquilinas. Glucksmann pregúntase que aconteceu en Francia para que uns milleiros de persoas sexa motivo de histeria e loucura colectiva para case 60 millóns de persoas: "Que las corrientes de opinión puedan desarrollarse alrededor de un argumento tan endeble habla claramente de la fatiga mental que paraliza a un pueblo considerado entre los más tolerantes del mundo" (p. 52). A explicación pode vir da man dun racismo sempre en estado latente que rexorde cando se produce unha serie de acontecementos que os medios tenden a esaxerar e a distorsionar. Algo análogo aconteceu en Compostela, onde unha serie de persoas sen fogar foron diana dos dous medios de comunicación con máis presenza na cidade, caendo en auténticos despropósitos informativos, nunha cidade de case 100 mil habitantes.
O dito, eses que nos desgobernan terían que voltar aos clásicos, agora que asasinan as humanidades por criterios mercantís, e aprender de escritores e pensadores como Voltaire e Flaubert.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire