mercredi 20 juillet 2016

INTERROGANDO AO NENO QUE FUN

Hai momentos en que camiño coa sensación de que a saturación interior é tan extrema que me debato entre dúas opcións, pode que simultáneas, envolverme nun manto protector quen de alixeirar a presión e seguir traballando, ou simplemente camiñar o máis lonxe posible, co desexo de perderme...E entón, aquí, de forma egoísta, pregúntome se lle preocuparía realmente a alguén...para acto seguido optar por envolverme nun manto protector...e recreo anécdotas mentres escoito música francesa ou música dos anos 50 e 60...("...non Carmiña...caralladada non, canallada..."en relación ás tonterías e burradas que se poden ler na prensa sobre as confluencias)

Nestes días estou escoitando os versos cantados de Aute do seu disco "El niño que miraba el mar" e hai momentos en que certas perlas poéticas me atrapan de forma seductora e afondo en min, á procura dos sentidos que se escapan cando esa saturación de antes me impide sentir o meu propio ser. 

Deben ser os anos e esta sensación perigosa de que chego a unha idade en que terei que facer balanzo, render contas. E aí non quero nostalxias -déixoa para amortecer as durezas dos meus versos-, senón recuperar a miña memoria. 
E, como fai Aute, dedícome a interrogar a ese neno que fun, se ben cómpre aclarar que eu nunca puiden mirar o mar no día a día, só cando regresabamos da emigración cada mes de agosto, na fermosa praia de Chanteiro. 
E interrogo para ver se fun coherente ou fun un convencido traidor...enténdase dos soños e desexos daquel neno da emigración que non coñeceu unha infancia...diríamos que 'normal', sen que sexa preciso enunciar as razóns.

E hai aspectos que siguen aínda vivos. Curioso. Coma se o soño do neno, non é que fose traizoado, é que segue intacto, coa súa incandescencia en min...seguro que algún psicólogo diría que vivo coa síndrome de Peter Pan. Mais, aínda me emociona a poesía, tal como aquel neno que se atrevía a recitar os seus versos ante os seus compañeiros e compañeiras de escola. E aínda soño co amor e coa súa terrible forza. Terrible e enigmática. Coa súa chama aínda son quen de convulsionar coma un adolescente, sen sentirme, por iso mesmo, infantil..senón de forma irremediable moi vivo. E cuestións como a necesidade de atopar na faciana dos demais unha fiestra da humanidade que habita en nós. Non. Non creo que traizoara a ese neno...aínda habita en min e segue marabillándome coas súas constantes preguntas e co seu desexo de aprender, de saber. 

E todo iso non impide que, cando estou saturado, como fai Aute, me pregunte se son un morto que imita a vida.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire