mercredi 13 juillet 2016

A ESQUERDA E O TEATRO DAS CONFLUENCIAS

Si. Seino. Aínda teño pendente a controversia entre relato e programa. No entanto, hoxe lin unha interesante reflexión de Michel Noblecourt, na edición francesa do xornal Le Monde, na súa páxina 22 para eses incrédulos, que de todo hai, que pensen que invento este tipo de novas. 

Noblecourt imita o desenvolvemento dunha peza de teatro en cinco actos para describir a situación actual da esquerda que procura unha coalición (ecoloxista, comunista e socialistas críticos) quen de permitir dar o "dépassement" -o que aquí se deu en chamar "sorpasso"- dos socialistas (sic) de Hollande e Vals. 

O articulista recolle as dúbidas que xorden entre as persoas chamadas a seren candidatas ás presidenciais do 2017, e non deixan de ser chamativas as (acertadas) críticas ao proceso de primarias. De feito, así o anuncia Cécile Duflot que rexeita presentarse a unhas primarias que "pousse les candidats à dire du mal des autres", "une machine à fabriquer de la division" ("empurra os candidatos a falar mal dos demais"; "unha máquina de fabricar división"). E certo é. E non digamos neste noso país onde viven sobreexcitados numerosos egos e complexos exacerbados. 

As primarias que seguen o modelo norteamericano son unha ruína da política colectiva. Coma en todo, sen ningún tipo de reflexión impúxose mesmo no imaxinario da esquerda...como se ate o de agora os procesos de referendo internos das organizacións políticas non fosen democráticos. Esquécese que os censos se poden adulterar, sobre todo cando todo xira ao redor da votación telemática como maná da democracia directa (sic). E que hai demasiados intereses en xogo como para que os adeptos de uns e outros non poñan determinada maquinaria a funcionar...todo vale con tal de que o EGO escollido como lider saia vencedor.

Non vexo nisto realmente máis democracia. Se ten que existir un proceso de primarias, que sexa realmente garantista (voto en urna cun censo ben definido) e que non xire ao redor dun lider ou lideresa, senón dun proxecto político, dun programa (si, xa sei, para algúns esta palabra provoca auténtica dor testicular ou ovular..sobre todo nos posmodernistas amantes do relato como configurador do discurso político electoral) e dun equipo de mulleres e homes con solvencia, con bagaxe ética e moral e sabedores da responsabilidade que significa ser deputado ou deputada no Parlamento de Galicia (e non digamos xa se é opción de goberno). Que coñeza o escenario esencial da política, da economía e da sociedade galega e coa capacidade de defender con argumentos programáticos a acción de goberno que a esquerda precisa. Que transmita de forma fidedigna a alternativa a estes anos de depredación de dereitos que representou o goberno de dereitas de Feijoo. E a confrontación entre equipos realizada conforme a debates e ao traballo de rúa que cada equipo proxecte, coa responsabilidade de dar a coñecer, cando menos nos seus piares fundamentais, o programa de acción de goberno que defendería no caso de ser o equipo elixido.  Se isto non sucede, para min, as primarias de liderado non son máis democráticas ca os procesos internos de cada organización. 

Mais voltemos aos actos da peza de teatro practicando unha persoal adaptación a Galicia:

O primeiro dos actos da obra de teatro da esquerda en Francia recibe o nome de "anulación". En Galicia algo diso coñecemos debido ao ánimo manipulador que manifestan determinados medios de comunicación masiva e aos excesos orais dos persoeiros chamados a seren exemplares no uso da palabra: propostas e descartes á carta e descalificacións 'avant la lettre' que non contribúen a dulcificar a imaxe de 'convulsa' que ofrece a unidade da esquerda. Un perigoso xogo para anular posibles vontades.

O segundo dos actos é o  da "renuncia" pronunciada polas persoas que supostamente eran candidatas. Aínda non chegamos a esta fase en Galicia....de forma plena, se ben a rumoroloxía mediática xoga con nomes para ver, precisamente, se os supostos amigos de viaxe se moven e "discrepan" na escena dos medios. Sendo así, nestes casos sospeito antes das persoas que afirman sentirse contentas e orgullosas de figurar como nome nalgunha quiniela, ca daquelas que afirman renunciar.

O terceiro acto recibe o elocuente nome de "psicodrama". Aquí diría que, por desgraza, case todas as organizacións á esquerda do PP viven cadanseu psicodrama debido a diferenzas internas e demais fracturas emo-políticas particulares. No tocante aos movementos "cidadanistas", certo é que os procesos novos teñen que madurar, mais deben facelo de forma intelixente, sen practicar o prexuízo antipartidos, fondamente esclerotizante e que renuncia así a experiencia acumulada, de forma totalmente absurda e peregrina, e os partidos políticos teñen que practicar a transparencia e definir de forma clara a súa estratexia no proceso de negociación para non provocar malentendidos nin espertar acusacións sobre manipulación e fontanerías propias da "vella política". 

O cuarto acto recibe o nome de "berro de alarma". E Noblecourt ilústrao coa chamativa declaración de Pierre Laurent quen teme que as forzas de esquerdas sexan eliminadas das lexislativas do 2017. En Galicia, o berro que lanza este que escribe é que non perdamos de vista en ningún momento cal é o fin a acadar: que o PP pase a formar parte da oposición en outubro de 2016.

O quinto acto ten o nome de "homenaxe". O proceso de eleccións do 2016 pode servir tamén para definir unha serie de homenaxes. Unha delas, sen dúbida, a de Beiras, un dos últimos intelectuais de Galicia, xunto con Méndez Ferrín ou Alonso Montero, por citar persoas octoxenarias. A outra homenaxe debería estenderse a AGE, que no 2012 deu o pistoletazo de saída unindo nunha mesma casa -con todas as dificultades- a nacionalistas e independentistas con internacionalistas federalistas. 

Agardemos que a razón da intelixencia política prevaleza con xenerosidade sobre os egos e os átomos deste proxecto esperanzador da unidade da esquerda e asi fagamos homenaxe ás palabras do poeta granadino asasinado polos franquistas.



  

 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire