
E xa digo que este prólogo non obedece ao feito de que as miñas palabras, elaboradas de forma explícita para o acto de memoria histórica, non puideran pronunciarse debido a esa errada e incorrecta visión líquida, autocastrante e neutral. Non asumo, desde a miña posición de herdeiro da tradición comunista e republicana estas formas de esvaemento do perfil combatente que tiña o PCG. E quen di PCG, di calquera outra organización política que fixera da loita antifranquista o seu norte ideolóxico durante a noite de pedra. Nesa batalla da dignididade todos os perfís diferenciadores teñen cabida e merecen a palabra.
En fin, sinto, como comuniquei onte ao camarada Nicanor Acosta e a quen me acompañou, decepción e un sabor amargo ao ver como se confunden os termos e como a reivindicación da nosa tradición semella, mais unha vez, agocharse e silenciarse. Mais, desta volta, non é por imposición das forzas franquistas, senón polos 'medos' e egos de determinadas posicións líquidas e autocastrantes, incapaces de ver máis aló das diferenzas.
****
CEMITERIO
CIVIL A CORUÑA. RECORDANDO A MANOLITO BELLO NO DÍA EN QUE 70 ANOS
ATRÁS FOI ASASINADO POLA DITADURA FRANQUISTA
Dicía
o poeta Benedetti que os asasinos e os ditadores non poden borralo
todo. Que, de forma inevitable, ao ollarse no espello ao espertaren,
xorden, coma pantasmas acoiteladoras, os recordos porque “o
esquecemento está cheo de memoria”.
Non podemos nin
debemos esquecer a persoas como Manolito Bello. Un día coma hoxe,
hai 70 anos, o garrote vil da ditadura franquista asasinou a un mozo
de 21 anos, comprometido coa causa republicana, a causa da democracia
e das liberdades civís, sendo membro integrante da guerrilla
antifranquista.
Non
podemos nin queremos esquecer a persoas como Manolito Bello. Por
responsabilidade ética e política. Porque somos nós, herdeiros e
herdeiras da loita polos valores republicanos. Esa loita debe
impregnar todos os nosos actos: cando estamos nas institucións e non
gobernamos, mais resistimos, coma se, permítaseme o simil, tivesemos
fronte a nós á nova División Acorazada Brunete das hordas
franquistas…hoxe menos aparente, menos visible, mais non por iso
menos censuradora, menos manipuladora, menos dorosa para as clases
traballadoras.
Mais
tamén e sobre todo cando temos ocasión de gobernar: aí temos que
extremar a coherencia do noso ideario, que sempre fai da res
publica
o fundamento do noso norte programático. Non podemos nin debemos
renunciar nunca a ese principio ideolóxico configurador. Facelo
significaría non só renunciar a crear un sistema máis xusto e
democrático, senón traizoar a memoria de persoas como Manolito
Bello.
Por
iso, nos nosos actos políticos, como simples cidadáns e cidadás,
levamos en nòs as cinzas sempre quentes de tantos compañeiros e
compañeiras. Cinzas dunha memoria que o poder quere silenciada,
demoucada, esfarelada, esquecida. Mais nós, que somos republicanos e
comunistas, temos o deber e a obriga ética e moral de gardar a
incandescencia durmida desa cinza e facela renacer. E non só como
liturxia. Non. Revivila significa asumir o pasado para construír un
mellor futuro.
Hoxe
si podemos e debemos dicir que esa memoria é o facho que alumea os
sentidos dos nosos actos. A democracia que queremos aliméntase da
realidade vivida, mais tamén da realidade soñada e da utopía
social que a II República tentou poñer en pé. Hoxe, si podemos, porque queremos seguir ese vieiro e facer todo o posible para que
máis pronto que tarde, os nosos herdeiros e herdeiras podan ondear a
bandeira republicana na casa do pobo porque a nosa nación será
republicana.
E
nada hai máis revolucionario que o verso cando se libera das cordas
do capitalismo e estoura na faciana do neoliberalismo co alento da
República, da esquerda, do comunismo.
Os
que me coñecen saben que tecer comunismo é tecer tamén esa estrela
da mañá, que ten cinco puntas como quería Manolito Bello e a cor
vermella do sangue, do corazón e do amor pola humanidade.
Entón,
nun último exercicio de irmandade voume permitir dialogar co poeta
de Rianxo, Manuel Antonio, para que non “fiquemos sós / o mar o barco e máis nós”,
para que “non nos rouben o sol e menos o vento” e para poder camiñar
“pola corda frouxa do horizonte”.
Grazas
a persoas como Manolito Bello somos o que somos.
Saúde
e República!
Xabier
Ron
11
de xullo de 2016
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire