dimanche 10 juillet 2016

E SE O ANJO HOUVER FORMA?

No seu livro do desassossego, o gran Pessoa dicía que "la costumbre única de soñar me ha proporcionado una extraordinaria nitidez en mi visión interior" e que iso lle permitiu coñecer non só a súa propia esencia de ser humano, senón a toda  a humanidade. De tal forma é así que mesmo en soños é onde pode vivir o verdadeiro amor que a realidade impide, coas súas cargas e demais muros crebatestas. 

E, deambulando entre os edificios durmidos desta cidade imaxinaria que compoñen as árbores de Brión, como penso faría Thoreau, déixome atrapar pola ensoñación das árbores convertidas en gardas do pensamento. 


"E se o anjo houver forma?"
Ignoro por que. Unha e outra vez esta pregunta viña entre os dentes das pedras que surcaba. Quizais unha penitencia durmida no meu insconsciente imaxinario?

Unha pregunta sen trascendencia para os transeuntes veloces dunha cidade
xorde necesaria na esquina xirada de cada rúa
e aniña no corpo das prazas 
aí onde as miñas mans agariman a cortiza 
onde inscribín as letras do teu nome

Maxia quizais para unha data 
e inscribo na calor da emoción un vintesete 
co desexo de agardar que ao berrar en alto
...27...27...27...ata tres veces...se abra
a xanela dos desexos entre o piñeiral e a carballeira

Maxia que só entendo eu
un número pode emerxer entre os dedos desta fervenza
e quizais ti
de sabelo serías quen de converterte en peixe con ás 
e voar como unha bolboreta e liberarte das cadeas da auga
entón
tería sentido a miña soidade 

Por iso pecho a xanela e deixo durmir a fervenza 

Interrogo insistente a cada garda
se coñecen a forma dos anxos 
e unha risa gutural abrolla entre as ruínas do castelo
podería ser burla?
ou era a anguria devastada do nobre que perdeu o seu amor de doncela?

O camiño desde a atalaia de pedra é un tortuoso
descenso aos infernos do home asfaltado
xa son un mal soño
e quizais       penso
son o que non escribo

Pareime no meandro da horta
á espera das froitas
mais non hai mans que fagan sorrir esta terra
morren as miñas esperanzas 
que froita me liberará da tortura de ser para estar sen ti?

Thoreau deambulaba para coñecerse 
e Pessoa soñaba para iso mesmo
e eu zugo deles para sentir a serenidade 
calmar a miña sede de eternidade

Escribo para deixar o pouso do que non escribo
non quero espirme do todo
non soportaría a flaxelación pública

Axito a bandeira branca do cabaleiro cruzado
non preciso acollemento 
mais cando chego á porta desta casa de soidades 
extenuado sei que só hai unha resposta 
e comprendo entón que 'o anjo houver' a túa forma          



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire