
Esta segunda reflexión prosegue coa ollada inaugurada no artigo en que debuxo a faciana desa colonización. E faino afondando no propio proceso escritural, nos trazos superficiais da textualidade empregada por esa (suposta) esquerda. Non será preciso sinalar que estou convencido de que o relativismo e o posmodernismo foron os medios empregados polo sistema capitalista para colonizar o pensamento dos 'benpensantes' ou 'fluídopensantes'. Pretendendo denostar o racionalismo polos seus excesos, os intermediarios (in)voluntarios do sistema asentaron o paradigma da ollada amable, onde é de obrigado cumprimento edulcorar a realidade mediante unha linguaxe 'positiva' -baixo o pretexto espúreo, desde un punto de vista político e ético, de que é máis doado a comunicar-. A vida convértese así nun texto de carácter descritivo (facendo feliz a Clifford Geertz), onde todo é relativo, posible e xustificable. Este texto que pretende dicirnos que todo é cultura anima outras prácticas que abafan e anulan a necesaria reflexión, a crítica argumentada e a dialéctica.
Porque hai 'aspectos' que non admiten só unha descrición. Hai 'aspectos' que só se poden inscribir se antes son sometidos a un proceso de confrontación que é, en primeira instancia, sempre ideolóxica. Temos que asumir a dose de conflito, de tensión, de negatividade como un aspecto fundamental da realidade. E iso non é posible cando, por exemplo, se pide 'consenso' en determinados 'aspectos' que son antagónicos. Por poñer un exemplo clarificador: se unha persoa defende, de forma argumentada, a necesidade de que a ensinanza da relixión teña lugar fóra do horario escolar, resulta evidente que defende o carácter laico da educación pública. Cando se quere verter isto a un escrito político, non abonda cunha textualidade 'positiva', porque sobre este tema non é posible o 'consenso'. Só as persoas colonizadas poden pensar en buscar estratexias comunicativas destinadas a edulcorar esta realidade e en 'camuflar' o trazo negativo e antagónico.
O consenso e o politicamente correcto son coartadas para non asumir que a realidade ofrece facianas antagónicas e que non todo vale. Outro exemplo que sofro como propio. A dereita que goberna Galicia, en nome do politicamente correcto e do consenso é quen de establecer unha liña de axuda económica co Sáhara ocupado por Marrocos, e mesmo de asumir unha declaración de apoio no Parlamento, ao mesmo tempo que asina un acordo comercial con Marrocos, potencia ocupante, e que non esixe ao estado a súa responsabilidade como potencia administradora de iure, mentres non teña lugar o referendo. É máis que evidente que non se pode dar forza e recursos ao ocupante, ao mesmo tempo que nos laiamos da sorte do pobo saharaui. Non todo vale. Non se pode estar cos verdugos e coas vítimas. Cómpre elixir. E asumir a negatividade desa elección. Por iso, eu pregunto...'en positivo' ou coherencia? 'Politicamente correcto' ou Ética?
A realidade non está consensuada. Está quebrada pola incidencia negativa do sistema capitalista, que ten unhas consecuencias devastadoras para os pobos do mundo. E esa negatividade, cando a maioría da sociedade vive inmersa no dominio e na colonización neoliberal, hai que explicala e confrontala mesmo cos nosos medos. Hai que saír do 'quiste' posmodernista e afirmar que, nesa dimensión, non existe positividade posible. As condicións da humanidade, degradadas, vulneradas, violadas, non se solventan escribindo en positivo. Non. Nin creando unha 'ilusión'. Non. A esperanza só pode vir dun horizonte en que a humanidade se emancipe das cadeas do capitalismo. E iso non é doado. É difícil e duro. E a frustración formará parte do proceso. Non existen contos de fadas mais que nos relatos posmodernistas.
Por iso, hai que ser conscientes dos problemas e da dificultade da súa solución. Hai que afrontalos e para iso non abonda co estilo camuflado. Hai que dicir cal é a situación desde o valor da veracidade. Para remover esa rede que instalou o sistema no noso pensamento. Para que nos doa no interior e nos proxecte cara a fóra, a reivindicar a nosa vida. E se iso significa menos votos, pero son votos conscientes politicamente...por coherencia, por ética...prefíroo.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire