
Cantas veces me detiven neste punto?
Cando foi a última vez que avancei?
Cantas veces retrocedín sen saber?
Podería estar horas preguntando
a este vento ferido e frío
e sei ben que as respostas
sobrevoan cando regreso a casa
Séntome na externa marxe do baleiro de pedra
aí onde a mar salfire de ecos salgados o silencio
e penso na insignificante forma que adquiro
e en todos os naufraxios
escoito mesmo o laio das ialmas atrapadas
na morte que xira en cada gran de area
Mentres ascendía
Rimbaud lanzaba asubíos na rede da serea
á procura da iluminación da ebriedade
ou pode que só fose a telúrica chamada
do ignoto sendeiro
nunca transitado
mais que é o inicio do final
se é que un quere saturar a eternidade
de preguntas sen resposta

Xa é noite
o vento lacra a miña faciana
coa épica das expedicións árticas
sen luz
sen auga
avanzar é sinónimo de perda
ou quizais non
avanzar pode ser o único camiño

e lanza
o seu veleno de pedras
Deixo o medo
na porta dos soños
e imaxino que agarimo a pel
que me significa e dá sentido
entón nada me detén
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire