dimanche 29 avril 2018

TODO...TODO...COA MESMA RECEITA NON SE PODE

En efecto, todo, telo todo, por moito que nos vendan, é imposible, e menos se se fai todo coa mesma receita. Non é que me volva hoxe culinario, senón que falaremos brevemente da cociña do sistema capitalista. 

A reflexión xurdiu dunha lectura da prensa en papel mentres tomaba un café (descafeinado). Percibín de forma inmediata, unha vez lidas as novas, a contradición, que consiste na imposibilidade explícita de levar a cabo diferentes accións cando se pretende non tomar partido; cando se quere vivir nunha especie de todo vale, todo é posible...mais iso, obviamente é imposible.  Cómpre decidir. Cómpre elixir. 

Sirva de exemplo, o xornal La Voz de Galicia. Na breve editorial que alumea a portada da edición de Compostela, "Desde el Pedroso" demándanse, como posibles solucións á sangría demográfica que sofre a comarca de Compostela, "Ideas, por favor", título que lle dá o articulista. Ideas que deben transitar, cando menos, por dous camiños: a) un mercado inmobiliario a prezos razonables; b) un dinamismo na xestión de solo industrial. 

Unha breve pero acertada observación que, non obstante, choca co resto que nos ofrece o xornal, sobre todo co suplemento "Mercados" orientado todo el en alentar a chegada dunha cuarta revolución. 

A contradición é evidente. A cuarta revolución, que acompañaría aos beneficios do capitalismo financeiro, tecnolóxico e cognitivo (FTC), pode representar o pé definitivo sobre o corpo do traballo, unha grave amputación da institución salario, e a instalación definitiva nunha masa-traballadora precaria. 

De que maneira contraditorio?




a) O mercado inmobiliario está sendo todo el acaparado polas estratexias acumulativas dos posuídores do capital. De primeiras, non se remedou nada para impedir que o sistema seguise negando o dereito a unha vivenda digna a milleiros de persoas. 

Por riba, a ausencia dunha política pública de vivenda implica que o acceso a un alugueiro asequible sexa tortuoso, xa que as estratexias do capital, a través das famosas plataformas colaborativas, queren que os pisos sexa para turistas e ocasionais con posibilidades económicas. Loxicamente, o prezo se incrementa de forma especulativa. A consecuencia é a expulsión das persoas menos favorecidas cara ás marxes das urbes. Xa comentamos como en Francia se estaba producindo unha saturación habitacional por imposibilidade de facer fronte ao pago dos inzados prezos dos alugueiros. Levamos o mesmo camiño neste noso país. A expulsión ás marxes, entendendo por marxes no caso de Compostela, localidades como Bertamiráns, Cacheiras, Sigüeiro, Negreira e outras, implica, para as persoas, calcular non só o prezo para a vivenda, senón incorporar as contas dos desprazamentos e, ás veces, ás dos xantares, debido á imposibilidade de ir e vir ao fogar. Así, dáse non só a dificultade para animarse a crear, senón que é imposible que se fixe poboación no centro urbano. 

b) O solo industrial obriga a pensar...que industria? Neste tempo de hexemonía e voracidade do capitalismo FTC, que mudou os parámetros do sector traballo e convulsionou os hábitos de consumo de forma definitiva, preguntámonos iso, que industria pode salvar a quebra demográfica se os traballos son inestables, os salarios son precarios e non hai acceso a unha vivenda digna?


A cararexada Cuarta Revolución, que é a da robotización, a do agrandamento da fenda entre a clase traballadora precaria, de emprego estacionario mal remunerado e a clase dominante dos mecanismos de produción de capitalismo FTC, non vai permitir ningunha xestión do solo industrial, xa que este capitalismo está deslocalizado, descentralizado e acapara plusvalía un pouco en todas partes, incluído nos fogares. O capitalismo FTC só quere especular co valor de cambio en todos os eidos, incluído o da vivenda....co cal, imposible un parque de vivendas asequible e menos, aínda, pola inacción pública, un parque público de viendas en rexime de alugueiro social. 

O 5 de maio deste 2018 Carlos Marx cumpriría 200 anos...quizais unha lectura actualizada do seu pensamento permitiría entender mellor as contradicións do capital...tal como fai David Harvey. Por iso, aínda recoñecendo que esta reflexión é breve, non se pode ter todo coa mesma receita. Cómpre elixirmos que sistema queremos: se é o capitalista, nunca se correxirán as desigualdades de todo tipo...


 

lundi 23 avril 2018

A MARCA ESPAÑA COMO MODELO DA LEI MIGRATORIA ANTIPERSOAS DE MACRON

O macronismo é a faciana eufemística da dereita máis rancia, cuxo extremismo endulcórase baixo un suposto centro político que sempre é inexistente. En efecto, non cómpre confundir a capacidade de diálogo, de chegar a acordos, nin a capacidade de mesura e equilibrio cun falaz centro político.

Unha das manifestacións máis evidentes é o proxecto de lei do Asilo e Inmigración que superou a primeira lectura. Como informan desde a CIMADE trátase dun verdadeiro código da vergoña, e que pon en perigo a ducias de milleiros de persoas que serán retidas, asignadas en residencias, expulsadas, privadas dos seus dereitos. Unha lei que endurece os controis, as sancións, a selección e a expulsión, e deixa en moi mal lugar o dereito de asilo. E foi aprobada o domingo pola noite (ás 23h) co 58% dos votos de deputados e deputadas presentes. Isto xa sinala que é un texto controvertido, que non convence nin á esquerda, mais tampouco á dereita extrema que quere aínda máis dureza. 

Ollando as liñas que o artellan un percibe de forma inmediata que a Marca España soubo exportar moi ben o seu modelo, considerado un éxito, ignorando ou esquecendo de forma miserenta aos milleiros de persoas que morren no mar Mediterráneo e a existencia de políticas discriminatorias que atrancan o acceso a servizos públicos básicos como a sanidade (un recente estudo elaborado polo Instituto de Economía de Barcelona e a Universidade Pompeu i Fabra, Os efectos letais da perda de cobertura sanitaria, estima que as mortes de persoas migrantes en situación administrativa irregular se incrementou un 15% entre o 2012 e o 2015), a educación e políticas sociais. 

Cómpre moito, moito traballo no seo da propia sociedade para rachar a evolución da apatía e da indiferenza, cando non comportamento violento, e, da man dunha rúa máis humanizada, realizar os cambios administrativos pertinentes. O macronismo xa vai por un mal camiño. E moito nos tememos que asoman actitudes no Estado español da man do riverismo que manterán ou incrementarán as durezas dunha lei inxusta.

dimanche 22 avril 2018

O PERIGO DO APOSTOLADO DIXITAL

Con todos os respectos, permitan que considere unha perigosa relixión a dixitalización global da sociedade. Por iso, emprego o concepto de Apostolado Dixital con plena concienca. 

Esta relixión ten adeptos e adoradores. Calquera espazo é susceptible de ser o lugar onde rezar ao Deus dixital, xa que, como as biblias, lévanse os seus preceptos na man. 

Certo é que hai circunstancias amables e moi positivas que explican un uso necesario e razonable das ferramentas dixitais. Sería a distancia que adoptarían os que afirman ser relixiosos, mais non practicantes. Tamén podería aproximarse ao concepto do agnóstico. Sexa como sexa, sería a adopción dunha distancia que permite a crítica reflexiva como método de aproximación e uso. 

Non obstante, o Apostolado remítenos a unha especie de fundamentalismo, que traballa unica e exclusivamente por unha sociedade dixital. E iso é moi, pero que moi perigoso. Sábeno moi ben os autores das narracións mesiánicas, que despois de persuadir aos seres humanos de que iso era o camiño que se debía percorrer, deciden afastar prudencialmente aos seus descendentes dese camiño e optan por unha educación libre de tecnoloxía. Son, polo tanto, os novos centros segregadores, xa que a educación que recibirán será diferenciada e afastada do suxeito-masa. E isto debera ser proba suficiente para adquirir unha actitude preventiva para o resto dos seres humanos e loitar por unha educación pública que nos iguale a todos os seres humanos. 

Mais o Apostolado precisa dos seus axentes políticos e económicos para propagar o ideario cultural e así impregnar o imaxinario das xentes coa panacea opiácea dixital. O turbocapitalismo desta etapa ordoliberal é moi intelixente. Por iso, a súa narración intoxicou mesmo a aqueles que se dicían anticapitalistas, antisistema, ou mesmo vagamente de esquerdas. 

En efecto, sucedeu que a esquerda comezou a loitar contra a dereita empregando as súas mesmas ferramentas dixitais, o mesmo vocabulario, renunciando á diferenciación terminolóxica (tal como a absurda liquidación do contraste entre esquerda e dereita), marxinando a todo aquilo que resulta vello -a experiencia da praxe é unha lousa nesta sociedade da precariedade- e adoptando a doutrina emocional do posmodernismo, proclamando un medo ancestral ao coñecemento racional e argumentado.

Hoxe, van abrollando interesantes voces que se erguen en contra deste Apostolado Dixital, mais son pequenos ecos, que apenas atopan auditores e menos aínda lectores...Non lle interesa ao sistema.

As escolas son enormes catedrais da adoración dixital. O fin é a aula dixital, a escola dixital...e chegará moi cedo o profesorado dixital. Os procesos e procedementos son dixitais. Sobre isto falaremos nun artigo posterior que estamos elaborando, xa que afecta a como se deseña hoxe a educación, convertendo as xeracións futuras en desherdadas (François-Xavier Bellamy, Los desheredados. Por qué es urgente transmitir la cultura, Ediciones Encuentro, 2018)

Pasamos, de media, catro horas fronte ás pantallas...mais non sempre -case nunca- para crear, para achegar ou adquirir coñecemento, senón como mero ocio...que chamaríamos narcotizante. Como forma de empregar o tempo libre que temos cando non estamos traballando de forma remunerada sobre todo. Ese tempo non o dedicamos, polo tanto, a comunicarnos de verdade, co positivo e negativo do encontro presencial, a camiñar, a respirar natureza, a ler, a escribir, a militar, a comprometernos, a amar...en definitiva, a vivir. Maurizio Ferraris titula un traballo seu co explícito título de Movilización total (Herder, 2017).

Como advirte Adam Alter o pensamento dixital que provén das redes sociais fainos sectarios, menos propensos a aceptar a crítica e o debate, máis dogmáticos e intransixentes. Polo tanto, transforma o carácter e afecta ás relacións sociais de verdade, xa que na rúa, nos centros, nos espazos públicos vive a diversidade, a pluralidade en todos os seus aspectos. Pode que explique esta individualidade dixital a crecente indiferenza polas persoas refuxiadas, ou o incremento notable dos comportamentos discriminatorios e violentos. 

O Apostolado Dixital convenlle ao capitalismo xa que disolve a necesaria conxunción relacional que precisa unha militancia política e social. O "gústame" de facebook suple a presenza das persoas nunha manifestación ou acto reivindicativo e converte en mantra o concepto de "maioría silenciosa" que emprega a dereita. A interacción, a mediación social imprescindible para convivir e aprender en sociedade desaparecen. 

Unha sociedade dixital é unha sociedade adicta. Os empresarios do dixital viven do tempo que pasamos conectados a calquera dos trebellos (apps) que nos ofrecen. Unha sociedade adicta é unha sociedade que non é quen de participar nos asuntos do espazo público. É máis intolerante e irrespectuosa. Unha sociedade adicta ao dixital ignora a mesura, vive do exhibicionismo -pornografía do eu-; vive do desequilibrio emocional, compulsivo, da violencia anónima. 

Para rachar coa adición imponse o coñecemento, a reflexión crítica. Para adquirir estas capacidades necesitamos unha educación que nos informe ante todo dos riscos, que ensine a facer un uso racional das ferramentas en tanto que medios para adquirir saberes grazas á mediación que nos achega o profesorado. Por iso, nas nosas aulas non necesitamos capelas dixitais. Precisamos que as escolas sexan espazos libres de inxerencias mercadotécnicas. Precisamos, en definitiva, máis humanismo.


samedi 14 avril 2018

ALÍ ESTABA ELA

Palabras e pensamentos que foron lidos no acto que Esquerda Unida Compostela organizou na Alameda de Compostela para honrar a memoria da Segunda República proclamada o 14 de abril de 1931. Palabras e pensamentos que tiveron o pracer de compartir voz co camarada Redondo Abuín, coa co-coordinadora Noa Morales e co futuro que representa Alex Peleteiro.
 
Ideas en verso para un poema ao corazón da República
Hoxe cando o capital tece unha rede complexa
de poder absoluto e omnímodo tinguido de Coroa
que coloniza todo modo de vida

Ideas pensadas nos camiños
percorridos á procura das respostas

Ideas que baten no maxín e firen a ialma


AÍ ESTABA ELA


Aí estaba
de xeonllos
Ela
que nunca implorara ante o xefe inquisitorial de Deus
xa non podía máis
sentía o peso de cada palabra
coma se lle roubasen os anos de vida pendentes

En cada pada de terra fuxían
desexos pensamentos e o destino de toda unha vida
pouco a pouco as padas afundíanse máis na terra
e o oco era un eco enfermizo
pouco a pouco aí estaban
emerxían para non renacer
ósos mal dispostos envoltos na ira
dos que non saben amar
ósos sacrificados no altar do odio
dos que aínda hoxe
negan como Xudas

Aí estaba Ela de xeonllos
as padas cesaron
e calaron os rumores das voces todas
e as bágoas regan a remexida terra

Aí estaban o silencio da memoria
o medo da nai a dignidade do pai
aí en cada óso do avó
estaban as ruínas a pantasma do corazón libre
da República

Aí estaba Ela a sinalada
a discriminada a esquecida
como todas as netas de 'rojos'
sobreviviu entre xentes que rían
ou calaban
ou que simplemente pechaban os ollos

Como todas as netas de 'rojos'
suspirou pola morte do Ditador
que tan tirano era
que pactou co Demo o sangue
de todas as ialmas libres
e así entre disparo e disparo
libou como serpe velenosa
todos os cantos de liberdades aínda vivos

Suspirou pola súa morte si
Ela que nunca implorara si
calou e bebeu
do silencio da memoria
do medo da nai
da dignidade do pai
para non renderse nunca

Non cría en Deus
nin nos vermes
e calou a súa loita
deixouna no interior
coma un tesouro
ata que morreu o xefe inquisitorial de Deus

Tiña desexos pensamentos e un destino
liberar a ialma prisioneira dos vermes do avó
e dar manto libre á Verdade
e calmar o medo da Nai
e devolver a dignidade ao Pai

Mantivo na súa memoria
o cruel mapa do cárcere
coa delicada esperanza
de non morrer antes

Mais os cociñeiros entraron
no banquete para crear un menú
de esquecemento e amnesia
para festa dos que ainda hoxe
negan como Xudas

E chorou maldicindo
aos falsos e covardes
pero a neta non lles entregou
desexos pensamentos e o seu destino
loitou e loitou
gardando sempre folgos

E aí estaba Ela
de xeonllos
agarimando coas bágoas os ósos do avó por fin
os desexos os pensamentos o destino tiñan sentido pleno

E chorei
sentindo como se liberaba a súa dor
mentres remataba estas ideas en verso
para un poema ao corazón da República
imaxinando que o noso pasado
esa pequena lúa
antes da longa noite de pedra
reapareza nun futuro
libre da amnesia
sen medos
e con dignidade

14 de abril de 2018
Alameda de Compostela 
Xabier Ron

vendredi 13 avril 2018

O ALENTO VÉN DA INTEGRIDADE: PENSAR A REPÚBLICA HOXE

Nas abondosas lecturas en que ando mergullado nestes tempos de recuperación dos padeceres cardíacos, bato con aventuras, con historias de vida cheas de integridade. Unha integridade que desafia os límites do soportable e mesmo, vista a distancia, do imaxinable. Curioso -ou non- que sexa nas ditaduras onde sexa posible a existencia desa meritoria actitude ética. Hoxe, ollando o que acontece coa mediocridade dos actos e comportamentos políticos e sociais, semella unha quimera pensar só en tentar imitar a quen, sabendo do evidente perigo de morte, loitou pola legalidade republicana, democrática.

De maneira inevitable, coa data de mañá, 14 de abril, cando se rememora un día fermoso, como é a proclamación da Segunda República, rindo a miña pequena e humilde homenaxe a esas persoas que deberan ser exemplos de ética (hoxe tan denostada, ata o punto de que os posmodernistas de dereitas e de esquerdas, de forma maniquea, expulsan a ÉTICA da POLÍTICA, converténdose esta nun todo vale noxento). 

Pode que tamén influíse a acertada exposición inaugurada onte, xoves 12 de abril, na Fundación Eugenio Granell, Corpoética, a cargo de Claudio Rodríguez Fer. Suxestiva e emotiva porque parte de nocións afastadas do cotián, como o amor e o respeto, o onirismo surrealista e faino tamén reivindicando a nosa tradición antifascista, a de verdade, exemplificada no seu pai, muíñeiro proletario -como mo definiu o propio Claudio-, que coñeceu as durezas do vello cárcere de Lugo, hoxe convertido nun museo -parabéns a quen o levou a cabo porque era necesario- que lembra o noso pasado, que atesoura a nosa memoria en obxectos do cotián de tantas persoas que foron presas nas súas paredes. Nunha das salas, Hidromemoria, Claudio rende homenaxe a seu pai, cun videomontaxe que nos ofrece unha letanía, adaptada do Pai Noso, que se converte nun Pai Meu, laico e antifascista..."amén, camarada".

As emocións leváronme de forma inevitable á dor e ao sofremento de tantas persoas que entregaron a súa vida para impedir primeiro o golpe de estado, para resistir contra o Ditador despois.

 Ao respecto, hai quen fai rimas para definir o resultado do golpe militar que rematou coa legal e lexítima Segunda República: quedou unha sociedade de vencedores, de vencidos e de convencidos. E pode ser que sexa así, sobre todo coa última categoría social, a necesaria para soster unha Ditadura durante 40 anos e os 40 anos posteriores dunha democracia escasa, debilitada, enfraquecida, precisamente, polos herdeiros desa longa noite de pedra. Ignorando que é o mellor, penso que nesta categoría hai como un eloxio agochado no termo vencedores. Por iso, opto polo termo vitimario, xa que incide na responsabilidade directa do golpe primeiro, das prácticas xenocidas do primeiro franquismo e do apoio consciente e/ou resignado á ditadura. En vez de vencidos falaría de vítimas, sen caer no erro, vaia o paradoxo, da vitimización, ou quizais resistentes, xa que, quen resistiu morreu ou viviu con moitas dificultades por entregar a súa vida a un loable fin. Os convencidos quizais sexan os resignados, os que practicaron a indiferenza, os que pechaban os ollos, por medo ou por outras emocións que impedían unha acción dedicida resistente en contra da Ditadura. 

E non se pode medir a dimensión xenocida franquista só cos números. Sería un erro. Como afirma José Benigno Freire no prólogo á edición española de Viktor Frankl, El hombre en busca de sentido (Barcelona: Herder, 2015, 3ª edic.) os números deshumanizan, separan corpo e ialma. Humanizar é dar nomes e apelidos, como a cela do vello cárcere de Lugo que foi decorada co nome de todas as persoas presas (pódese contemplar na foto que adxuntamos e agradezo aquí ao amigo Ramón Vázquez a visita guiada coa que me agasallou). E se as resistentes merecen o nome e os apelidos...tamén debemos identificar ás vitimarias...a xustiza reparadora precísao. Saber con que piares se construíu a democracia alumearía as conciencias desa masa social 'convencida' ou 'resignada' ou 'indiferente'. Nomes e apelidos que son os que aínda manteñen a memoria intacta de familiares que agardan recuperar os corpos sepultados nas fosas para lles dar vida.

A República constrúese todos os días. Todos os días temos que ter na mente aos nosos devanceiros. Temos que retirar o pano de silencio e esquecemento que impuxeron os vitimarios para entrar pola porta falsa da democracia. Concordato Vaticano, Lei de Amnistía de 1977, a imposición da Monarquía...a desmemoria deliberada, a cooptación das institucións democráticas...quen non o queira ver...xa sabe a que colectivo social pertence.

Viktor Frankl, neurólogo, psiquiatra e filósofo que coñeceu as durezas de Auschwitz despois de vinte anos de investigación, cuxos resultados conservaba nun manuscrito que os nazis lle requisaron e destruíron cando entrou no campo. Frankl foi rememorando como puido o seu traballo en pequenos papeis que son o cerne do seu libro, que foi definido por Karl Jaspers como "un dos grandes libros da humanidade". Puido exiliarse cun visado, que xa tiña, para os Estados Unidos, mais o seu pai e súa nai quedaban un tanto indefensos e entón, como afirma o propio Frankl: "cal era a miña responsabilidade? Ocuparme da miña obra ou coidar de meus pais?". El quedou e tivo momentos moi duros: a muller embarazada do seu primeiro fillo, foi forzada a abortar e morreu en Auschwitz; a morte de seu pai; a súa nai, asasinada no campo de Theresienstadt; a propia creba de dúas décadas de traballo profesional; a propia agonía no campo de concentración. El quedou e resistiu e logo verbalizou o vivido nun libro que quere 
"describir, coa miña experiencia, e desde a miña perspectiva de psiquiatra, como vivía o prisioneiro corrente no campo e como esa vida influía na súa psicoloxía" (p. 21)

A pesar da evidente exemplaridade, e mesmo a pesar do seu carácter heroico, como afirma un dos seus biógrafos: 
 "Frankl non debe ser eximido da discusión crítica. Debe ser intelixible para nós, comprensible, tanxible, e tamén debe poder chegar a ser pedra de escándalo e de contradición. Deste modo, a súa vida e obra seguirán vivas entre nós e non estarán nun pedestal, alleas á vida cotiá, inalcanzables, expostas ao pó da historia"
  Isto é o importante e é perfectamente aplicable ás persoas resistentes vítimas da Ditadura: se deixamos que sexa só unha liturxia que se rememora un día ao ano, recluíndonos en museos de pedras como son os cemiterios e as fosas comúns, non seremos quen de reparar a inxustiza que padeceron. Nestes tempos é o dominio do pensamento correcto o que impón a autocensura. Hai medo a afrontar os feitos con carácter crítico. Os lugares comúns impiden que podamos resolver as contradicións existentes. O reto está aí: salvalas do pó da historia...a que impuxeron os vitimarios e a que...por medos...aínda non se escribiu.

mardi 3 avril 2018

O ESTADO DA VIVENDA INDIGNA EN FRANCIA

Recén chegada de Francia, o último número de Sciences Humaines (nº 460, abril 2018) ofrécenos dúas informacións que son interesantes. Aquí falarei da primeira, un artigo de Florine Galéron que fai un resumo do último informe da Fundación Abbé-Pierre sobre o estado da condición da vivenda nas poboacións precarizadas (o número 23). 

Como afirman na súa páxina web, esta Fundación estrutura o seu traballo a través de seis comisións todas compartindo a máxima finalidade: analizar o estado da vivenda das persoas máis empobrecidas da sociedade e, en consecuencia, apelar á erradicación das vivendas indignas. 

Ti que sofres, sexas quen sexas, entra, dorme, come, recupera esperanza, aquí querémoste,
Unha das frases do Abade Pedro é: "Non abonda con emocionarse ante a miseria, cómpre pasar á acción". Unha frase que debera impregnar a actitude dunha sociedade individualista, pasiva, resignada e indiferente ante as situacións de inxustiza social. Saír das emocións do grupo que se considera propio, sair das loitas parciais, para abrazar a loita pola dignidade da condición humana, sexa de onde sexa a persoa.

Na web ofrecen un extracto do dossier sobre a rexión do norte de Francia, Hauts-de-France, e nel apreciamos o que sintetiza o título do artigo: "Cada vez máis vivendas con sobrepoboación en Francia". E é que despois de varias décadas en retroceso, a sobrepoboación habitacional recrudecéuse. Entre o ano 2006 e o 2013 déuse un incremento do 12 por cento, o que significa que 8,6 millóns de persoas en Francia sofren sobrepoboación habitacional. 

Téñase en conta que se fala de sobrepoboación habitacional cando, por exemplo, un irmán e unha irmá de máis de 7 anos non teñen a súa habitación propia, ou cando unha parella ten que durmir na mesma habitación cun neno ou nena. Se hai ausencia de varias habitacións fálase de sobrepoboación acusada. Este feito afectaba a 934 000 persoas en Francia no 2013, un incremento do 17 % en sete anos.

A conquista dun espazo íntimo propio, ter unha habitación para un mesmo, foi unha conquista que avanzou co afortalamento do Estado de Benestar durante os trinta anos que seguiron á segunda guerra mundial. Esta democratización da intimidade, inmensa e minúscula a un tempo como se recolle no artigo, está ameazado en Francia.

Como é de supoñer, este retorno da sobrepoboación afecta en primeiro lugar aos fogares con baixos ingresos (+ 1,6 puntos en sete anos, mentres que se reduciu nun 0,5 % nos fogares con máis ingresos). Falamos do colectivo social máis afectado polas consecuencias da crise-estafa que se iniciou no 2007: un empobrecemento e unha precarización xeralizada que converte en estrutural a desigualdade propia do sistema capitalista.