dimanche 22 avril 2018

O PERIGO DO APOSTOLADO DIXITAL

Con todos os respectos, permitan que considere unha perigosa relixión a dixitalización global da sociedade. Por iso, emprego o concepto de Apostolado Dixital con plena concienca. 

Esta relixión ten adeptos e adoradores. Calquera espazo é susceptible de ser o lugar onde rezar ao Deus dixital, xa que, como as biblias, lévanse os seus preceptos na man. 

Certo é que hai circunstancias amables e moi positivas que explican un uso necesario e razonable das ferramentas dixitais. Sería a distancia que adoptarían os que afirman ser relixiosos, mais non practicantes. Tamén podería aproximarse ao concepto do agnóstico. Sexa como sexa, sería a adopción dunha distancia que permite a crítica reflexiva como método de aproximación e uso. 

Non obstante, o Apostolado remítenos a unha especie de fundamentalismo, que traballa unica e exclusivamente por unha sociedade dixital. E iso é moi, pero que moi perigoso. Sábeno moi ben os autores das narracións mesiánicas, que despois de persuadir aos seres humanos de que iso era o camiño que se debía percorrer, deciden afastar prudencialmente aos seus descendentes dese camiño e optan por unha educación libre de tecnoloxía. Son, polo tanto, os novos centros segregadores, xa que a educación que recibirán será diferenciada e afastada do suxeito-masa. E isto debera ser proba suficiente para adquirir unha actitude preventiva para o resto dos seres humanos e loitar por unha educación pública que nos iguale a todos os seres humanos. 

Mais o Apostolado precisa dos seus axentes políticos e económicos para propagar o ideario cultural e así impregnar o imaxinario das xentes coa panacea opiácea dixital. O turbocapitalismo desta etapa ordoliberal é moi intelixente. Por iso, a súa narración intoxicou mesmo a aqueles que se dicían anticapitalistas, antisistema, ou mesmo vagamente de esquerdas. 

En efecto, sucedeu que a esquerda comezou a loitar contra a dereita empregando as súas mesmas ferramentas dixitais, o mesmo vocabulario, renunciando á diferenciación terminolóxica (tal como a absurda liquidación do contraste entre esquerda e dereita), marxinando a todo aquilo que resulta vello -a experiencia da praxe é unha lousa nesta sociedade da precariedade- e adoptando a doutrina emocional do posmodernismo, proclamando un medo ancestral ao coñecemento racional e argumentado.

Hoxe, van abrollando interesantes voces que se erguen en contra deste Apostolado Dixital, mais son pequenos ecos, que apenas atopan auditores e menos aínda lectores...Non lle interesa ao sistema.

As escolas son enormes catedrais da adoración dixital. O fin é a aula dixital, a escola dixital...e chegará moi cedo o profesorado dixital. Os procesos e procedementos son dixitais. Sobre isto falaremos nun artigo posterior que estamos elaborando, xa que afecta a como se deseña hoxe a educación, convertendo as xeracións futuras en desherdadas (François-Xavier Bellamy, Los desheredados. Por qué es urgente transmitir la cultura, Ediciones Encuentro, 2018)

Pasamos, de media, catro horas fronte ás pantallas...mais non sempre -case nunca- para crear, para achegar ou adquirir coñecemento, senón como mero ocio...que chamaríamos narcotizante. Como forma de empregar o tempo libre que temos cando non estamos traballando de forma remunerada sobre todo. Ese tempo non o dedicamos, polo tanto, a comunicarnos de verdade, co positivo e negativo do encontro presencial, a camiñar, a respirar natureza, a ler, a escribir, a militar, a comprometernos, a amar...en definitiva, a vivir. Maurizio Ferraris titula un traballo seu co explícito título de Movilización total (Herder, 2017).

Como advirte Adam Alter o pensamento dixital que provén das redes sociais fainos sectarios, menos propensos a aceptar a crítica e o debate, máis dogmáticos e intransixentes. Polo tanto, transforma o carácter e afecta ás relacións sociais de verdade, xa que na rúa, nos centros, nos espazos públicos vive a diversidade, a pluralidade en todos os seus aspectos. Pode que explique esta individualidade dixital a crecente indiferenza polas persoas refuxiadas, ou o incremento notable dos comportamentos discriminatorios e violentos. 

O Apostolado Dixital convenlle ao capitalismo xa que disolve a necesaria conxunción relacional que precisa unha militancia política e social. O "gústame" de facebook suple a presenza das persoas nunha manifestación ou acto reivindicativo e converte en mantra o concepto de "maioría silenciosa" que emprega a dereita. A interacción, a mediación social imprescindible para convivir e aprender en sociedade desaparecen. 

Unha sociedade dixital é unha sociedade adicta. Os empresarios do dixital viven do tempo que pasamos conectados a calquera dos trebellos (apps) que nos ofrecen. Unha sociedade adicta é unha sociedade que non é quen de participar nos asuntos do espazo público. É máis intolerante e irrespectuosa. Unha sociedade adicta ao dixital ignora a mesura, vive do exhibicionismo -pornografía do eu-; vive do desequilibrio emocional, compulsivo, da violencia anónima. 

Para rachar coa adición imponse o coñecemento, a reflexión crítica. Para adquirir estas capacidades necesitamos unha educación que nos informe ante todo dos riscos, que ensine a facer un uso racional das ferramentas en tanto que medios para adquirir saberes grazas á mediación que nos achega o profesorado. Por iso, nas nosas aulas non necesitamos capelas dixitais. Precisamos que as escolas sexan espazos libres de inxerencias mercadotécnicas. Precisamos, en definitiva, máis humanismo.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire