mardi 3 août 2010

RELENDO A POESÍA ÚLTIMA DE AMOR E ENFERMIDADE, DE LOIS PEREIRO

Xa sei que pode ser malinterpretado, pero non me gustaría que o coro de idólatras de galería mediática se puxese a destripar, como cirurxía estética, a beleza e o fondo sentimento dos versos de Lois Pereiro.

Pero será inevitable. Xa teño visto como anticomunistas falaban -para sumar un punto na cotización das publicacións- da poesía de Lorenzo Varela sen, case nunca, mencionar o seu internacionalismo e o seu comunismo....ben respirable na súa poesía e no seu compromiso.

Como fuxo dos círculos concéntricos que non deixan unha pequena porta de entrada para aires, e quizais por iso vivo no cárcere dos silencios inéditos, gustaríame que no ano 2011 os versos de Lois Pereiro se disfrutasen en si, sen máis. Tentando apreciar a súa beleza e como a súa vida foi poesía e a súa poesía é a súa vida. Que cada unha das persoas que se asomen curiosas ao seu universo, sinta como abroia nelas o amor pola poesía. Sen máis. Sen necesidade de destripamentos. Sen necesidade de re-construir artificios de ningún tipo. Só vivindo no interior a soidade do poeta en vida que foi Lois Pereiro.

Déixovos co poema "Acrostico", datado en novembro de 1994 (edit. Positivas, 2006, p. 17)

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous mundos de silencio

só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna

sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire