jeudi 5 août 2010

POLA DESAPARICIÓN DO TERMO "RAZA" E DO RACISMO

Hai palabras cargadas con auténtica dinamita conceptual e que reflicten moi ben o que hai detrás delas. Unha desas palabras é "raza". Non vou expoñer aquí un tratado sobre o racismo. Non. En calquera caso, recomendo a lectura de dous libros: Racismo. qué es y cómo se afronta, do Grupo Inter, coordinado por Teresa Aguado Ondina, Pearson Educación, Madrid, 2007, e a axeitada síntese que nos ofrece Michel Wieviorka, El racismo: una introducción, Gedisa, Barcelona, 2009 (se ben a edición francesa é de 1998).

Centrareime nunha preocupante nova que lin en Galicia Hoxe da que vos deixo o enlace o fin desta breve reflexión. Interesante que, por fin, estas novas vaian trascendendo e saíndo nos medios, aínda que sexan medios cunha difusión reducida.

Unha crítica que lle fago é poñer como titular da nova un dos argumentos defensores do concerto de estética e ideoloxía neonazi que, segundo semella, se vai celebrar no polígono do Pocomaco: "Letras de amor à raça". Non me gusta o titular. Prefiro que o titular resuma e condense o que acontece só coa previsión de que este concerto se celebre: a exaltación do racismo en nome dun malentendido e mal conceptuado, desde logo, amor á patria.

Desde a miña formación darwinista e científica racional non podo defender o emprego do termo "raza". Non existen as razas humanas. Somos unha especie humana. Non ten ningún fundamento biolóxico. Existe, non obstante, unha tradición, de novo anglosaxona, que fai uso do termo de forma constante en base a unha tipoloxía ou relación de razas. E nos nosos medios de comunicación tamén. Ignoro por qué. Por comodidade? Como cando falan de "inmigrantes ilegais"? Como afirma interrogándose Wieviorka, "ata onde podemos aceptar a noción "relación de razas", que implica un recoñecemento e unha lexitimidade da noción de raza en si mesma?" (p. 36)

Coidado, polo tanto. Raza leva a racismo. Racismo é a crenza de existenza de razas e que as hai superiores e inferiores. E que só por esa superioridade, é lóxico que as inferiores estean sometidas ás primeiras. Niso repousou o nazismo. Niso repousaron o colonialismo e a escravitude. Niso repousou o Ku-Klux-Klan. Niso repousa o odio ao inmigrante.

Despois, un segundo aspecto relevante, a asociación que algúns fan entre uso de norma lingüística e ideoloxía. Na defensa dun dos grupos promotores vése moi ben que norma usan, pero, por iso mesmo, lanzo a pregunta: é a mesma ideoloxía que normalmente se atribúe a unha das organizacións cualificadas polos mass media como radicais de extrema esquerda? Eu teño a miña resposta, mais quero espertar hoxe en vós a necesidade de formar criterio.

Aquí, reflíctese unha visión de Galicia que se retrotrae aos tempos da Gallaecia sueva, unha Galicia á que, todo apunta, só poderían pertencer aqueles aos que eles consideran dignos de mereceren tal "honra". A idea de patria aquí entra en directa confrontación co termo cidadanía, moito máis inclusivo (a pesar de que o capitalismo está esmagando coas súas Leis de Estranxeiría a súa natureza inclusiva), desde logo, que o de patria (tal como penso o entenden as mentes destes idólatras nazis).

Como farán para identificar a eses honrosos gallaecii?? Argumentos de sangue e nacemento, quizais? Loxicamente, nesa visión racista non temos cabida os que, coma min, somos fillos da emigración galega en Europa, nin as persoas migrantes. Algo disto debe haber cando algún grupo promotor do evento alude a que os que nos opoñemos a dito tipo de concertos somos internacionalistas. E CON MOITO SENTIDO DA SOLIDARIEDADE, engado.

Felicito a Galicia Hoxe por publicar esta nova, pero pídolles que, pouco a pouco, se habitúen a non empregar o termo "raza", primeiro paso para lexitimar o racismo.

http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/letras-amor-ra/idEdicion-2010-08-05/idNoticia-576513/

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire