lundi 16 août 2010

O RACISMO INSTITUCIONAL DESBÓCASE

Ás veces, cando abres o xornal, a primeira hora e no momento de almorzar, sentes que todo é unha merda, unha enorme merda ou máis ben que vivimos atrapados nesa enorme merda. Neste blog hai xa sobradas mostras de como progresa e avanza o racismo en todos os eidos da vida social, cultural, política e económica en Europa. Aquí non se salva "ni Dios, lo asesinaron", como diría o poeta e...curiosamente, moitos, férreos defensores do seu nome e seu suposto legado na terra.

Hoxe, nas dúas novas que reúno no remate desta entrada, vemos como Israel deporta a 400 nenos e nenas de pais e nais en situación irregular e como Francia deporta a persoas de etnia xitana tamén en situación irregular.

Nas dúas vemos como operan absurdos e estúpidos argumentos: os que falan da destrución do estado sionista (sic), ou da identidade nacional francesa. Son argumentos racistas loxicamente. Argumentos que, día tras día, adquiren unha maior presenza e que, por desgraza, irán inoculando, aínda máis, o medo ao outro nesta sociedade que se cre superior a todas as demais.

Menos mal que os sobreviventes do Holocausto responden ao acto de inhumanidade dos seus gobernadores. Hai erros de percepción á hora de acusar aos pais e nais, co fin de liberar aos nenos e nenas. Pero os culpables non son as persoas que van á procura de traballo e dunha mellora das condicións da súa vida: nin dos pais e nais e, menos aínda, dos meniños e meniñas. Os culpables son as fronteiras artificiais que nos estamos creando día tras día para negar a moitos sectores da poboación mundial acceder un chisquiño sequera ao reparto da tarta de posibilidades.

Deixando a parte que o capitalismo neoliberal expulsa da súa utopía (o libre mercado) ás persoas, o certo é que só podo falar coa dor que me producen a lectura destes feitos. Vergoñento todo o comportamento dos nosos gobernadores para cos menos favorecidos. E abraiante a indiferenza da maior parte da sociedade acomodada.

Unha indiferenza que, agora o vexo, explica como é posible que gobernaran Hitler e a súa política de terror e exterminio ou que Franco puidese permanecer catro décadas e morrer na cama.

Hoxe, as institucións europeas están dominadas pola dereita e a extrema dereita. Explícase o dominio das súas prácticas segregacionistas e racistas. Europa e a súa amiga Israel son racistas. Así de simple. Se Hitler e Franco resucitasen...alucinarían ao ver que o seu legado segue intacto.

A empatía e a solidariedade son precisas para rachar cos muros que erguen os nosos gobernadores. Son os instrumentos básicos para unha educación que faga dos respecto e defensa dos dereitos humanos o primeiro piar. Non creo en nada que non sexa a fraternidade entre todas as persoas.

Eu, así, non sei se son deste mundo, se quero selo. Reafírmome cada vez máis misántropo e "autista social"...no sentido de que non me gusta por onde camiñamos, e resistirei sempre para que cambiemos de esencia, para que transformemos a natureza actual das relacións humanas entre nós, e as que nós mantemos coa Nai Terra. Esta é a miña utopía.

***

Os sionistas de (ultra)dereita deportan 400 nenos e nenas de pais e nais en situación irregular: http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-sociedade/gh/vergona-asfixia/idEdicion-2010-08-16/idNoticia-579815/

Os inmigrantes en situación administrativa irregular de etnia xitana desaloxados e expulsados:
http://www.publico.es/internacional/332335/politica/racista/sarkozy/avergenza/partido

Europa, os centros de internamento e a expulsión de menores (17-agosto-2010): http://www.publico.es/internacional/332453/europa/quiere/deportar/ninos/afganos

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire