vendredi 13 août 2010

ANTE O DESÁNIMO....RESISTENCIA!

Non. Non quero que me chamedes optimista redomado polo titular que leva esta entrada. Non o son. Pero son resistente. Ou debo selo. Non son tempos doados para a mocidade galega. Pero non quero caer na inxenuidade de pensar que nada se pode facer xa. Que hai unha nova xeración perdida. Non. Quero pensar que son xogos de titulares.

E tampouco vou cargar as tintas contra a educación permisiva e de "douche todo o que non tiven eu" de seus pais e nais. Sabemos que parte de culpa teñen.

Tampouco cargar, como adoitan facer sempre os sindicatos, todo no lombo do "fracaso e abandono escolar" que, en primeira instancia, semella erguer o dedo acusador contra as persoas que nos ocupamos de educar nas aulas dos centros escolares de Galicia (e tamén, como non, sinala ás familias).

Ah! E tampouco acusar unicamente a unha patronal cobizosa que "fichou" en época de vacas gordas a mozos que dubidaban sobre a necesidade de estudar e logo, cando chegaron as delgadiñas actuais, os largaron á rúa cunha patada no cú. E que agora, coas subvencións en man, como antes tamén, fichará e botará á rúa grazas a unha contrarreforma laboral favorable á patronal.

E, por suposto, acusar a un sistema educativo que ignora -por moito que unha tropa de "especialistas" se empeñase- que non todos os mozos e mozas maduran á mesma idade e no mesmo curso.

E, finalmente, non quero tampouco sinalar só aos mozos e mozas, que semellan facer da diversión a única bandeira, do copieteo e formateo as únicas estratexias de estudo, do mínimo esforzo para o máximo beneficio a súa máxima, e das nubes o seu espazo terrestre (lembrade a enquisa Adecco, onde se marcaba moi ben cales eran as "profesións" preferidas).

Non. Vou cargar as tintas contra todos e todas. Pois somos os causantes de chegar a esta situación, por momentos insoportable. Todos e todas, por abandono da real función que nos debe guiar, temos a culpa. Familias, profesorado, dirixentes políticos, e mocidade participamos da gran farsa que é o capitalismo neoliberal.

Por iso, quizais, diríxome a aqueles que saben aínda cal debe ser o seu rol "liberador" nesta cadea de montaxe e desmontar a cinta. Isto todo acontece porque se perdeu o norte en todos os aspectos da estrutura da sociedade.

Sempre tivemos que loitar os educadores escolares contra a indiferenza por unha boa formación. Esta, na época de expansión capitalista (construción, principalmente, e sector servizos-consumo), non podía loitar por atraer aos mozos e mozas con dúbidas. Era máis poderoso o reclamo de posuír un salario miserable no peto pero enorme para tomar copas e mercar roupa de marca, ou o adorado coche. Os estudos eran vistos como innecesarios.

E aqueles que estudaban vían como tiñan que refuxiarse nun nicho laboral afastado por completo da súa formación. Se quería algo conectado só quedaba opositar á función pública e emigrar a algún pais que investise realmente en I+D+i.

A poboación universitaria deste país, que amase a investigación, era carne de cañón de bolsas precarias que non garantían nin estabilidade, nin acceso a unha carreira docente universitaria. Había que vencer endogamias e unha universidade atomizada en tantos campus que todo estourou....e por riba veu Boloña! O autor deste blog estivo desde 1993 até 1998 de "precario". Traballou anos no avance en investigación do patrimonio literario galego e na súa dixitalización, tivo que declarar a facenda...pero non tiña nin dereito ao desemprego remunerado. Anos que non contabilizan na seguridade social. 5 anos silenciados.

O panorama era xa gris escuro no ano 1992 para a mocidade. Todo o que acontece hoxe anunciabase. Ninguén actuou con racionalidade. Todo o contrario: procedéuse o acelerón neoliberal. A publicidade, os medios de comunicación, os dirixentes politicos (os de dereitas e os que se proclamaban (falsamente) de esquerdas), permitiron a expansión da utopía neoliberal. A falacia do libre mercado enchía de aire unha grande burbulla: a do imaxinario social. Fíxolles crer que podían vivir coma ricos cuns salarios miserables e cun estado de benestar debilitado. E así foron educados os seus fillos e fillas. No hiperconsumo dominante. Os centros comerciais suprimiron as prazas dos pobos como lugar de reunión. Os ordenadores e os móbiles anunciaban a arcadia liberadora (pero mentira, fixeron máis grande a fenda entre empobrecidos e enriquecidos). Todos podían pedir un crédito cun interés elevado para ir de viaxe. E todos podían hipotecarse sobre a base dese mesmo salario. Non houbo, nin por asomo, equilibrio, racionalidade e sentido común. E as necesidade autoasumidas, autocreadas remataron por devorar todo o salario ao que xa non se vé a principios de mes.

Non. A culpa non é de ninguén porque é de todos e todas nós.

Só sei que cando principie o novo curso 2010-2011 terei que facer un enorme exercicio de resistencia contra todo o que envolve ao alumnado para convencer da necesidade dunha boa formación crítica...a pesar de todo! Non mentirlles sobre o mundo que toca vivir. Non edulcorar universos. A verdade libera máis do que se pensa e sobre esa base cómpre traballarmos...na resistencia.

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-sociedade/gh/nin/idEdicion-2010-08-13/idNoticia-579069/

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire