mercredi 18 août 2010

SOBRE A ÉTICA

Hai momentos nos que levo até o extremo a máxima de Manuel Sacristán ("o home que pensa as súas cousas até o final filosofa"), primeiro, de forma moi consciente déixome atraer por unha problemática concreta, ou por un corpus de investigación que coñecer e estudar e penso na súa existencia e resolución; segundo, xa de forma cáseque inconsciente apodérase de min o pensamento, en momentos imprevistos, sobre todo cando vou na bici. E así chego a establecer algo de claridade en min.

Un deses momentos xurdiu cando vin escrito o concepto "ética empresarial" nun xornal. Non concibo, humildemente, unha ética de tipo sectorial: ética sindical, ética política, ética matrimonial, etc...como se cada átomo corporal do eido social tivese unha ética con condicionamentos particularizantes e, polo tanto, distintivos, e xa que logo, non comparables, en certo modo, ás restantes éticas. Repito, non o concibo.

En que se debería diferenciar a "ética política" da "ética empresarial", ou da "ética matrimonial"? No grao e na forma dalgún acto? No grao de aceptación dalgunha eiva? No grao e na forma de facer o mal ou o ben?

Non. Para min a ética é propia e configura ao indivíduo para vivir en sociedade. É a moral da verdade, moral verdadeira (Comte-Sponville) que debe guiarnos ao coñecemento verdadeiro que, en tanto que coñecemento, é liberación. E estou de acordo co filósofo citado que a liberdade é razón. Que é virtude ou potencia. Todo o demais é escravitude. "Actuar razonablemente, actuar libremente, actuar virtuosamente, es un solo y mismo modo de vida, que lleva el nombre de sabiduría" (Auguste Comte-Sponville, Sobre el cuerpo, Paidós, 2010, p. 219). E, loxicamente, ese actuar refírese ao que facemos "aqui y ahora", por iso, a filosofía substitúe á relixión. Por iso, quizais o poeta Éluard ten razón cando di que "hai outro mundo, pero está neste mundo"

Esta ética comporta parámetros de sobra coñecidos por todas as persoas: amor, amizade, respecto, (inter)comprensión, empatía, solidariedade, e un longo etcétera que nos leva á sabedoría como persoas, como ser humano que actúa con ética. Se unha persoa actúa eticamente, faino como persoa, como ser humano. Proxecta a súa ética en beneficio das persoas. Se unha empresa actúa eticamente será porque o seu responsable é quen actúa eticamente e estableceu para a súa empresa un código de conduta, que responde, de forma fiel, á súa ética. Porque, pode un ser ético se deseña un código de conduta para a súa empresa perxudicial para a vida doutras persoas?

Cando se emprega unha etiqueta colectivizante, xeneralízase e, polo tanto, anúlase a responsabilidade persoal. É o que queren, sobre todo os que actúan en nome dese colectivo. Pero é, repito, para min, incorrecto, ademais de permitir os atropelos de todo tipo que coñecemos. Porque a ética ao ser virtude actuante debe selo en todos os eidos sociais da persoa.

Ademais, poderíase establecer a contradición que algúns xa empregaron para xustificar o inxustificable. Se existe unha ética sectorializada, compartimentada, un "non entende" despois como é posible que unha persoa instruida, civilizada, poda ser "culpable" de realizar actos crueis contra as persoas. Entón procúrase a xustificación no corpo do grupo sectorial....porque ten a súa propia ética? Os restantes mortais, simplemente, non entendemos que o fan por ben ? Aceptaredes entón o "ben duns, mal doutros" como algo a asumir de forma inevitable, como fai o sistema capitalista?

Poñamos un exemplo cos nazis, ou os racistas. Pode suceder que mesmo fosen na súa cotianeidade "excelentes pais ou nais de familia", ou que "fosen excelentes maridos ou mulleres"....pero iso non invalida o feito de que non tiñan ética. Unha persoa que odia ao outro, non ten ética. As tácticas e estratexias da maldade non poden definirse como ética. "Era unha familia exemplar...nunca deron problemas"...até que o marido matou á muller....:"incomprensible"?, "pódese ser ético na empresa e ser un machista na casa? é iso ser ético? Para min, non.

A ética libera, o mal (que definiría como non-ética) escraviza. Por iso, a felicidade faise, fabrícase e, para iso, precísanse razón e vontade. Aquí e agora.

Quizais, como isto é filosofar, pensar as cousas até o final, podemos pensar que as tácticas e estratexias dos malvados, neste tempo de deriva e naufraxio, consistan en impedir que as persoas filosofen, pensen, e podan actuar con ética.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire