samedi 27 août 2016

RECREANDO OS MONSTROS QUE AMAMOS

A verdade é que só a poesía, o exercicio de escribir e deixar ir o meu maxín, posúe a innegable forza de calmar a rabia que aínda aniña no meu interior. Xa levo uns días e procuro que non me borren o sorriso nin os desexos de transformar a realidade, sequera desde a utopía que se pode construír desde unha aula. Utopía emancipadora...a pesar das persoas que viven por e para si mesmas. 

Estou rematando a lectura da prosa autobiográfica do gran poeta Charles Simic, El monstruo ama su laberinto (Vaso Roto, 2015) e vexo moitos aspectos que nos emparentan, desde a súa defensa da integridade da persoa fronte á tribo, ate o eloxio da imaxinación e a crítica aos deconstrucionistas. Mais, no fondo, o que me une a Simic é unha especie de fina ironía fronte á estupidez e a necidade que son, precisamente, os valores de quen nos goberna e mesmo, por desgraza, daqueles que desexan facelo. E todo por asumir as propias prácticas do capitalismo. A esquerda non pode ser esquerda se asume sen conciencia crítica as ferramentas de dominio e submisión, de control e censura que emprega o capital.

Deixarei nestas palabras algunhas mostras do inxenio irónico de Simic:

Sobre a sociedade absurda en que vivimos:
"la estupidez es la especia secreta que a los historiadores les cuesta identificar en esta sopa que no dejamos de sorber" (p. 34)
"en democracia, la tarea principal de una prensa libre es encubrir el hecho de que unos pocos gobiernan el país" (p. 38)
"los sirvientes de los ricos y poderosos están convencidos de que el resto de nosotros les envidiamos su servidumbre" (p. 44)

Sobre a esencia que vive na poesía:
"la belleza de un momento fugaz es eterna" (p. 49)
"un árbol lleno de hojas oscuras ansioso por contarnos sus sueños" (p. 50)
"el poema que quiero escribir es un imposible. Una piedra que flota" (p. 57)
"mi ambición es arrinconar al lector y hacerle imaginar y pensar de otra manera" (p. 58)
"los poetas y escritores que admiro estuvieron solos. También la filosofía está siempre sola. la poesía y la filosofía crean lectores lentos y solitarios" (p. 60). 
"soy un presidiario de todos los jardines del edén, de todas las utopías concebibles" (p. 74)

O estilo é sentencioso, como se deitara aforismos. E deixo fóra as súas observacións crúas sobre os nacionalismos e as relixións...

Mentres lía a Simic o meu maxín galopaba ao pé dun volcán, tan vello que ate as árbores teceron raíces para, de forma mesmo burlona, ensombrecer o que un día foi
lava ardente. E eu, artífice da nada e creador do baleiro, xoguei cos dedos, apalpando, curioso, á procura dalgun vestixio de cinza para darlle o último alento de vida. O amor merece a pena amarse por moito que un presinta que é vello de máis, por momentos, para a loucura que representa namorarse...mais, como di Simic, só así, amando con loucura, poderemos coñecer realmente a esoutra persoa...





 




Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire