
Recoñezo que a pregunta que fixo un pequeno provocou xiros e reversos no meu entendemento para procurar unha resposta axeitada. Tras pensar, díxenlle que dubidaba entre ser un libro (de poesía, por suposto) ou unha escultura.
Unha vez superada a inquedanza natural que me causara a pregunta, agardei para ver cal era a súa reacción. Foi sinxelamente análoga a "que queres ser de maior". E, no entanto, a min, de pensamento demasiado reflexivo, levoume a afondar nas dúas alternativas que lle dera.
Mais, certamente, a alternativa pétrea era a que me rebulía. Rebuscando nas miñas notas, as que deixo por escrito nos cadernos de pensamentos, atopei algunha posible relación lóxica e tiña que ver cunhas ideas que recollera sobre un dos escultores que máis e mellor me emocionan, Auguste Rodin, o autor da marabilla que é esa escultura que enlaza o amor coa eternidade, "le baiser" (o bico). Recoméndovos a viaxe, imaxinando, polo seu museo, en París ( MUSÉE RODIN, MAGIE ). E cando remiro a forza dese amor entregado, entendo perfectamente que quero ser cando morra.

Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire