lundi 23 novembre 2015

RETORNOS E OUTRAS IMPRESIÓNS

Saín do inferno particular en que me mergullei desde maio, momento en que se deu a coñecer unha circular da USC que obrigaba aos doutorandos de plans anteriores ao Boloña a presentar a súa tese de doutoramento antes do 30 de setembro...momento en que se podería un acoller á prórroga ata o 13 de novembro de 2015 incluído. 

Momento difícil aquel. Decidir converter os meus escasos minutos libres nunha ofrenda ao devorado tempo da investigación, ou decidir pasar de todo, non pasar polo inferno, non renunciar aos escasos días libres dos que dispoño e gozar un chisco do que debe significar vivir. 

Momento difícil, mais optei por ese inferno. Diversas razóns. Quizais, orgullo: non deixar no baleiro o traballo realizado, con dificultades e sen bolsas de ningún tipo, durante estes anos e a inxente contía depositada, ano tras ano, para manter a matrícula da miña tese. Si, quizais, tamén, unha especie de resistencia contra esa imposición absurda, e demostrar que se equivocaron. Quizais, pode, saber que a miña directora de tese ía cumprir os 65 anos e, como homenaxe, esta tese non estaría mal. E tamén por unha encendida defensa do racionalismo metodolóxico -afastado de posmodernismos imperantes-, da filoloxía -cando xa non existe nin o título da miña licenciatura-, e da interdisciplinaridade -agora que todos viven mergullados nunha hiperespecialización.

Foron meses, ademais, en que houbo que afrontar traballos políticos complicados: o proceso de confección das Mareas Municipalistas de maio 2015; o proceso de construción do proceso de confluencia EN MAREA, a política parlamentaria cotiá, xuntanzas orgánicas,...e de noite, ou cando tiña un oco, redactar a miña tese. 

Descenso aos infernos. Agosto, o mes de parón parlamentar, derivou en 14 horas de traba
llo coa tese. E despois, sobre todo, de noite. Ata as 4 da mañá, moitas veces, ás 2 nas outras, para dedicarlle entre 4 ou 6 horas de tese, despois de ter traballado todo o día en materia política...

Descenso aos infernos. Si. E nunca pensei que o corpo e a mente ben incentivados puidesen aguantar tanto tempo unha situación extrema. 

Mais ese inferno abríame unha fiestra ao ceo da espeanza investigadora, ao detectar aspectos considero que novidosos sobre a esencia do trobar románico desde as dinámicas da fenomenoloxía do don. Historia e diplomática. Filoloxía e lírica. E antropoloxía. Eses mundos son os que me deron respiro ao longo destes anos, cando a política me saturaba, ou cando, na docencia de secundaria, precisaba atopar o fío do saber superior. E, o que devece sempre un investigador, atopar documentos que nos traen o nome dun trobador ata ese momento non documentado. Esa emoción é insuperable. Si, seino. Só os escasos frikis que seguimos investigando, mesmo cando sabemos que a Universidade é unha porta pechada, podemos entender esta emoción.

E foi posible. Grazas tamén ao dilixente traballo da miña directora de tese, Mercedes Brea.O 13 de novembro de 2015 ficou depositada. Agora segue esa máquina da burocracia incansable...ata que poda defendela en xaneiro de 2016. 

Nese inicio de ano agardo que xa se dera o 20D a mudanza de goberno en Madrid, e cun incuestionable éxito de EN MAREA, quen de animar o camiño de conformación da hexemonía que debemos construír nas rúas para conquistar as institucións nas nacionais do 2016 en Galicia.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire