dimanche 29 novembre 2015

ESTIMAR ÉS UN LLOC...JOAN MARGARIT E A PRESENZA

Sempre acostumo, de ser posible, a ler os poemarios compostos de orixe nunha
lingua distinta á galega en edicións bilingües. E practico a lectura mergullándome sempre nos versos escritos nesoutra lingua, coñecida, ás veces practicada, escoitada e lida, mais non por iso sabida de cheo. E gústame ir descubrindo a miña sagacidade ou o trazo intuitivo da miña formación en filoloxía románica, que, desde a matriz latina, abriume sempre a porta a coñecer as diferentes linguas da Romania, sen excesivo esforzo. A curiosidade e o desexo por aprender son esenciais. Para min é o fundamento de todo o proceso de formación de coñecemento. Non entendo a actual querencia polo rápido e o doado. Iso non forma. Mesmo diría que satura.

Hai escasos días, na librería Lenda, dos meus benqueridos amigos Óscar e Iria, batín cos versos cataláns de Joan Margarit, Estimar és un lloc (Visor, 2015), e que conta coa súa versión en castelán a cargo do propio poeta. A primeira lectura fíxome apreciar a tranquila conciencia do poeta sobre os efectos do paso do tempo. Nado en 1938, sabe moi ben do que fala. E gústanme as referencias á memoria, esa memoria que moitos queremos de verdade, xustiza e reparación, mais como di, Margarit, cando homenaxea a Javier de Cambra, no poema 'l'ultima vegada': "Inteligent i decebut, / fet malbé per aquella mala vida / dels qui van demorarse en la creença / que Espanya era un país antifranquista". E pode, quizais, que teña razón. Estes versos fanme pensar na triple acción (xa descrita noutra entrada) entre alienación, autoexplotación e adhesión afectiva para que ninguén ouse, en verdade, desmontar as estruturas postas en pé polo sistema capitalista.

A conciencia de ser raíz: somos o que pensamos e falamos, como expresa de forma elocuente o poema 'El saqueig': "D'infant em van voler arrencar la llengua / que l'àvia em parlava / quam tornàvem del camp al final de la tarda". Daquela a ditadura. Hoxe, en Galicia, unha visión negativa sobre o uso da nosa lingua, e unha faciana economicista que todo o tingue: se non dá cartos, non é útil. Mais tamén Margarit sabe que somos clase social, somos pedra, materia e raíces que nunca poderemos arrincar: "i les arrels que mai no arrencaràs", como di en 'Coneixement'. 

En fin, en xeral, os poemas debuxan o outono consciente da vida. Os versos son folerpas e non hai moito espazo para a bágoa, senón para o vivido. E se amar é un lugar, teño claro que o meu lugar está na poesía, a miña illa de esperanza no océano da realidade.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire