mardi 24 novembre 2015

A COLONIZACIÓN POSMODERNISTA NA (PRESUNTA) ESQUERDA

Vivimos tempos escuros para o racionalismo que debe ilustrar as argumentacións que se efectúen nos distintos eidos en que debe reinar unha lóxica discursiva. Sen unha argumentación racional, caemos no baleiro e no relativismo. E nada peor para a esquerda que a impugnación que significa o relativismo aplicado a un programa político. De aí, a importancia da veracidade programática nos argumentos. Non se trata, desde logo, como din algúns por aí, de crear "ilusión". Sería un erro. Esta é outra das palabras asentadas na máscara, debedora do mero efectismo do titular, da mentira que persegue convencer a persoas "ilusas" (a estes efectos, venme á memoria asociar esta circunstancia co desmesurado espazo que ten a mentira hoxe, para o cal recomendo o opúsculo escrito en 1943 polo ruso Alexandre Koyré, La función política de la mentira moderna, Pasos Perdidos, 2015).

Nestes tempos de voracidade semella mesmo que, para artífices de campaña electoral, é máis importante "comunicar" que "argumentar". Así, quizais, poden elaborarse "contos" para marabillar o imaxinario. Mais, en canto toque gobernar, a eses contos xa non lle saen as contas. Por iso, desde a esquerda, e na esquerda, cómpre afastar da elaboración dos argumentos a tentación de sometelos ao imperio da comunicación. Un titular nunca será quen de argumentar como levar a cabo un proceso de transformación da sociedade; como implementar un proceso de democracia participativa; como remunicipalizar servizos públicos; e un longo etcétera argumental.
E esta circunstancia afecta, mesmo, como explica moi ben Mark Hunyadi, ao que debemos considerar ÉTICA. Hoxe, a comunicación posmodernista usa o termo TRANSPARENCIA como sinónimo. Mais a transparencia nunca será ÉTICA. O relativismo e o discurso posmodernista aliméntanse do 'politicamente correcto', baixo cuxa lente se sitúan todas as nosas declaracións públicas. Esa doutrina é, desde logo, perxudicial, xa que devén un elemento paralizante da verdadeira ÉTICA. En efecto, esta ética é individualista, propia do neoliberalismo e desatende a dimensión colectiva e común. Esa doutrina paraliza toda crítica real baixo o signo do (falso) consenso, e ten razón Hunyadi (2015: 21-22), "por respeto ético a los derechos individuales, se nos prepara un mundo que tal vez sea éticamente detestable"
Isto acontece, ademais, na outra colonización, a da tecnoloxía, que absorbe toda capacidade de crítica: as persoas viven xa baixo o seu poder de sedución, e ninguén pensa nas consecuencias terribles que ten para a capacidade cognitiva do propio suxeito. 
Fíxose disto un modo de vida, como definición do neoliberalismo, que tiraniza a nosa vida. Mais dicir isto é, negativo e politicamente incorrecto. Dáse unha verdadeira operación, ben planificada, e que se introduce de forma lenta, mais irreversible, se non hai capacidade de confrontación, de crítica e de establecemento da negatividade, na nosa vida. Trátase de "blanqueo ético donde se entrecruzan la despersonalización política y la irresponsabilidad moral, y ello sin reparar en los efectos acumulados que todas estas microdecisiones tienen sobre lo que mas nos afecta, esto es, los modos de vida" (Hunyadi, 2015: 30).
Ese modo de vida tecnoloxizado, impregnado dunha ética de mínimos (individualista, e sectorializada (ética do cargo público; ética médica; bioética; ética animal....), cando a ÉTICA debe ser unha soa, global, de máximos, e pensando no ben común. Unha ética que fuxe da negatividade e vive no (falso) consenso do politicamente correcto, é o caldo que precisa o capitalismo neoliberal para alimentarse. Non precisa de máis. E hoxe, ata a esquerda caeu baixo a súa poderosa expansión. Danse preocupantes efectos no discurso e nos actos que reflicten un pensamento colonizado por ese modo de vida. Un modo de vida que vive de aplicar tres conceptos ao mesmo tempo: alienación (Marx), autoexplotación (Byung Chul Han) e adhesión afectiva (Hunyadi). Para percibir, polo tanto, os efectos nocivos deste modo de vida, convén coñecer e recoñecer os seus efectos e as súas causas. Convén argumentar, con racionalidade, e carácter crítico e negativo, tendo en conta a dimensión da ÉTICA na súa globalidade. Só asi, a esquerda poderá liberarse do xugo colonial do modo de vida neoliberal. 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire