dimanche 3 mai 2015

A TEORÍA DA INFORMACIÓN E DA PRENSA DO SISTEMA CAPITALISTA

Hoxe algún medio sistémico galego expresaba o seu desexo, no Día Mundial da Liberdade de Prensa, de que se respectase o Dereito á Información e o traballo que realizan os e as profesionais, e proxectaban a súa frecha cara aos gobernos. E está ben que o fagan. Ninguén, por realizar o seu traballo debe estar no cárcere, e moito menos morrer. 

Mais, a min, que sei que non existe prensa libre -en xeral- nin prensa que exprese simplemente información tendo en conta a pluralidade existente, gustaríame ver un día un canto á autocrítica, unha especie de autodenunciación por renunciar aos principios deontolóxicos, por converterse nunha mercadoría máis, que só procura a máxima rendibilidade -e de aí, por exemplo que vexamos prensa que vén acompañada da man de regalos (enganosos, xa que despois o cobro se realiza mediante a compra "obrigada" do xornal), de revistas dunha moda cada vez máis aberta á pura ostentación, ao luxo, creando desexos que nunca se satisfarán nunha sociedade cada vez máis atacada pola fenda da desigualdade. Mesmo revistas patrocinadas por empresas que deslocalizan a súa produción sometendo a esas persoas a un traballo escravo.

E sobre todo, por aceptar a compra de información sen ningún tipo de rubor por parte, precisamente, deses gobernos aos que se dirixen por pura retórica hoxe. Cando un goberno compra información...non hai nada que facer.

Como anéctota recente podo contar o día que me convidaron a unha exposición que conmemoraba anos de traballo dunha axencia de noticias. Non vou, normalmente, a ningún evento deste tipo. Só aos que reivindican aspectos sociais e políticos ou culturais, coma o que tivo lugar onte no IFEVI de Vigo, onde tivo lugar un evento de alcance como é a homenaxe a cinco activistas en defensa da lexítima causa do pobo saharaui. Curioso. Teño a ben que pola cantidade de persoas que asistiron, que ateigaron as instalacións do IFEVI, e polo feito de que había xentes de distintos puntos de Galicia e do Estado, con representación da Fronte Polisaria, e con presenza das 5 organizacións representadas no Parlamento de Galicia, e pola talla humana das persoas homenaxeadas, así como pola grandeza dos distintos membros de SOGAPS, presidida de forma impecable por Maite Isla, grandes organizadores dun evento de talla...pois digo que teño a ben que hoxe merecia páxinas centrais da sección de Galicia dos distintos medios.

En fin. Retomando o fío. O acto ao que asistía era sobre a información e a prensa. Fun. Mais xa na entrada dinme conta de que nada podería agardar dun "sarao"..."subvencionado" por Endesa e Gas Natural. Pasei de facer a foto debaixo da imaxe dos patrocinadores. Foron buscarme para que a fixera. E expliquei: "como vou facer unha foto con empresas ás que denunciei pola vullneración de dereitos das poboacións autóctonas de Latinoamérica". Quixen ser coherente.

E en canto empezou o evento coas palabras de benvida, non dos directores da axencia de información, senón do representante das empresas enerxética marchei. 

Que información contraria a estas e outras empresas atoparemos nos medios...cando son elas as que pagan? Que información plural atoparemos se é o goberno o que "outorga" a dedo "axudas"?

Por iso, hoxe, agardaba non unha queixa, senón un decálogo de autodenuncia con propósito de emenda. 

Supoño que terei que agardar...quizais noutra vida.



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire