Xa pasaron os días. Non me esquecín. Non. Mais unha bronquite crónica que sempre asoma entre outubro e novembro está sacudindo o meu peito e baléirao de enerxías. Aguantar as clases xa supón un desgaste supremo e recoñezo que me entrou a pereza dixital. Non así a 'manuscrituraria'. A escrita a man reconfórtame. As pantallas dixitais prodúcenme, por norma, rexeitamento e cansancio. Mais sei que é unha poldra necesaria para conectar o río de creación co da recepción.
Os días que transcorren entre o 24 de outubro e este 13 de novembro foron certamente ricos en emocións...a pesar da bronquite crónica que chegou o día 1 para non deixarme 13 días despois.
Visita a Muros en bici, para ver ao meu amigo Ramón Vázquez (100 km de ida e volta o fin do 29 ao 30 de outubro). A asistencia ao acto que recorda o asasinato dos guerrilleiros Gayoso e Seoane na Coruña o domingo 6 de novembro, onde tiven ocasión de coñecer a persoas cunha historia aínda por recoller como a de Encarna Díaz.
E mentres, o novo Parlamento de Galicia camiña...xunto co do Estado....en boa sintonía cara a unha nova vaga de recortes. Aínda estou agardando unha máis férrea batalla desde os escanos e desde as rúas. E se tivesen algo de sentido...recuperarían as liñas de traballo que afortalaron o discurso e a acción parlamentaria de AGE.
E o mundo vístese de máis nacionalismo populista, de corte fascistoide, con ropaxes rancias de racismo, machismo e fobias de todo tipo co triunfo -nada sorprendente- de Donald Trump...

Luns 24 de outubro de 2016
A creación poética para min?
Inspirarme nos acontecementos máis humildes e devolver versos que tremen ante o reto de saberse mortais e sempre imperfectos.
Martes 25 de outubro de 2016
Si. Pode ser que no día a día sintamos que non estamos sós, que nos acompaña o aroma do vivido. E pode reconfortar e dar sentido. Mais...quen alivia o tremor da pel sen o niño do amor?
Mércores 26 de outubro de 2016
A crise dos 50 existe. Sobre todo se nos abandonamos e deixamos que os lugares comúns da sociedade nos modelen para atarnos. Vivir é vivir cada ano con plena intensidade todos os momentos, os bos e os malos, e saber compartir iso tamén...se temos con quen.
Xoves 27 de outubro de 2016
Observo unha soa diferencia na creación poética de onte e a de hoxe: antes proxectaba versos que latexaban por un desexo de amar como sentía que se debía amar; hoxe proxecto versos que viven con forza ese desexo nun amor que sempre é -e so pode ser- presente, porque non existe o futuro.
Venres 28 de outubro de 2016
O ensino non pode facerse desde a aceptación resignada do escenario da competitividade; debe facerse desde a crítica a un sistema inxusto e desigual. O alumnado prefire cooperar e ser solidario, sobre todo cando actúa dentro da escola. O reto é animar ese proceso fóra das aulas.
Sábado 29 de outubro de 2016
O esforzo debe ser sempre medido conforme ás nosas propias enerxías, aceptando os límites naturais que a idade nos marca, sen deixarse dominar polos mesmos.
Domingo 30 de outubro de 2016
Acepto a miña condición de zombi: aliméntome cada vez máis de ideas e versos. E camiño durante o día coa esperanza de dixerilos amando cada día máis e mellor.
Luns 31 de outubro de 2016
Pensando no meu progresivo envellecemento: non quero esquecerme do nome máis fremoso que pronunciei e escoitei xamais. Non quero verte cos meus ollos cansos e non recoñecerte. Non. Non quero iso.
Martes 1 de novembro de 2016
A investigación en temas como os da Idade Media non permite a comunicación fluída, a non ser entre os membros da secta. Prodúcese unha curiosa sensación de soidade intelectual. Descubrimos aspectos que tardarán en formar parte dos manuais, xa que estes viven do lugar común e da tradición que impuxo un canon que se resiste a mudar de faciana.
Mércores 2 de novembro de 2016
Abrir os ollos para tremer ante o asalto dos sentidos: demasiados impactos poden ter un efecto adverso. Mellor ir pouco a pouco, alimentando as raices, e agardar, con paciencia, a recoller os froitos.
Xoves 3 de novembro de 2016
Receitario contra os estúpidos que atacan a experiencia. Que pasen unha tarde nunha residencia de maiores, acompañándoos, escoitándoos, dialogando con eles, desfacéndose dos prexuízos. A ver si así se esquecen da absurda idea de que o saben todo e aprenden a escoitar comprendendo...
Venres 4 de novembro de 2016
Mentres sigamos negando que o noso ser é plural, viviremos cegados polos noso egoísmo hiperindividualista. A identidade hoxe é como un río que vive e alimenta (sendo alimentado tamén) terras de varias culturas.
Sábado 5 de novembro de 2016
O terrible paradoxo da era da tecnoloxía: a canta máis tecnoloxía, dixitalización e robotización da vida, máis persoas se verán expulsadas do mercado laboral e relegadas ás marxes e en risco de exclusión social.
Domingo 6 de novembro de 2016
A dignidade vístese de palabra que conta, de memoria que vive no presente os pasados duros que crearon a identidade destes nosos maiores. Non escoitalos. Non comprendelos. Non aprender da súa experiencia. Pensar que non lles debemos nada...fainos ser unha sociedade insolidaria e escasamente democrática. E mañá pode ser tarde...
Luns 7 de novembro de 2016
Non soporto os comportamentos enrevesados e que non achegan nada. Non é doado ser sinceros de forma permanente. Aínda así, prefiro a miña insolente sinceridade a ter que soportar eses comportamentos.
Martes 8 de novembro de 2016
Todos vivimos situacións que nos incomodan. E aceptamos as cargas. Non obstante, a peaxe ten sempre un custe límite. A nosa felicidade non pode ser troceada polas convencións e por rutinas que son alienantes. Cómpre sempre veracidade e actuar conforme aos nosos desexos. Xantar debe ser sempre un momento de pracer.
Mércores 9 de novembro de 2016
Os entusiastas gozan da dixitalización global. Ignorantes e imbéciles están asasinando toda posibilidade de emancipación humana e seguirán axudando a que sigan medrando as dúas burbullas sociais: a das persoas empobrecidas e a das persoas 'inhabilitadas' por seren 'maiores' (+45 et alii). Ignoran os imbéciles que as mans témolas non só para activar un pulsómetro, senón que modelan, constrúen, crean, agariman, escriben e son a proba do amor e da paixón.
Xoves 10 de novembro de 2016
Optas polo silencio: deliberado intento por anoar os desexos ou fuxida incerta e agochada? Mañá, pode. Hoxe non quero saber a resposta e só pensar que todo é posible.
Venres 11 de novembro de 2016
Leonard Cohen morreu. Con el vaise un referente poético e filosófico. Deixo uns versos froito do meu diálogo cos seus poemas:
Non chores
os vasos comunicantes
serven para os novos eidos
nun Caurel ermo
Aí só o espello
dun ceo liberado
encadea os meus laios
ás pernas das cerdeiras impúdicas
amor fitófilo
entregado á negrura do ermo
carne con cortiza
reverencia do mel
entre os xadeos do noso amor
Sábado 12 de novembro de 2016
Manuel Gerena ten toda a razón: seguen existindo razóns para cantar pola liberdade. Cantar e crear rompen as gaiolas que impiden que voemos. Mentres o fagamos seguirán teméndonos.