jeudi 16 septembre 2010

AMARGAS NOVAS DO XORNAL

Mal día para ler un xornal. As novas desafían a moral e esnaquizan os sendeiros da ética. Unha nova morte por machismo en Ponteceso. Un acto repugnante de violencia homofóbica na Coruña en mans de mozos que se agrupan para vencer a súa natural covardía e así poder espallar unha violencia insana que os invade por completo e que os leva ao nihilismo ético. A mesma violencia e o mesmo carácter vandálico explica que un mozo menor de idade entre outros mozos roube un auto, vaia a un centro educativo, roube ordenadores e lle prenda lume ao centro (nada de gamberrada, por favor! acto delictivo, simplemente). Máis racismo que vai e vén de Francia, de Italia e outros países da UE.

Supoño que estaremos de acordo en que isto non vai nada ben. Que o sendeiro actual non conduce a ningún lugar pacífico. Machismo, homofobia, delincuencia, racismo...todo caldo da cultura da violencia que se respira...Militancia en Dereitos Humanos e nunha Cultura de Paz no sistema educativo, de arriba a abaixo, desde o currículo ata as programacións de aula. Non queda outro camiño.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire