
Claro, diredes, "que se fastidien, que non votaran así". Mais, moito me temo que, precisamente, estas persoas non os votaron porque, sinxelamente, moitas non teñen ese dereito democrático básico.
O anuncio de Rafael Hernando de que vai eliminar o permiso de residencia a través do arraigo social é unha coitelada máis no debilitado corpo das persoas migrantes. E a xustificación de que é para rematar coas regularizacións masivas é, sinxelamente, unha auténtica mentira. Cantas dificultades non tiveron que pasar as persoas migrantes para poder estar sometidos á espada de Damocles da regularidade administrativa!!
Regularizar unha situación de irregularidade sobrevida, isto é, cando quedas no desemprego e perdes a posibilidade económica de manterte de alta na seguridade social, é unha proeza. Pero a dereita segue xogando ao que mellor sabe, mentir, e "culpabilizar" a colectivos sociais. No fondo, e isto é importante, non lle podo perdoar, a quen se dicía socialista, que practicase o racismo institucional e que non cambiase as permanentes restricións en materia de dereitos que establece a Lei de Estranxeiría...que, para esas persoas desmemoriadas, parte do pacto PP-PSOE en tempos do aznarato.
Trátase ás persoas coma mercadoría, que só é rendible se ten utilidade (a xerga tecnocapitalista imprégao todo). Esquecen a dimensión social das persoas. E nada hai máis sinxelo que establecer mecanismos de regularización ordinaria. Pero non: optan por manter milleiros de persoas no medo, na persecución. E esas persoas, que saben que non poderán regularizarse, vivirán nas marxes da sociedade. Pero, iso si, a opulencia dos ricos e daqueles que se cren ricos, aproveitarán a man de obra barata e sen dereitos para enriquecerse coa súa plusvalía.
En fin, aínda non gobernan e xa dan medo. Matizo, as súas ideas, por desgraza, estaban xa representadas nas tomas de decisións políticas. Agora teñen o seu brazo executor.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire