dimanche 15 avril 2012

MATAR UN ELEFANTE É ASASINAR A SABEDORÍA

Ganesch, fillo de Shiva e Parvati, é identificado pola tradición hindú co elefante. É un dos 7 tesouros do budismo. Atribúenselle a forza mental e físical, a potencia e a fortaleza para ser o soporte do mundo. É tamén fonte de sorte. E é moi frecuente ver a compañeiros senegaleses vender pequenas figuras de elefante (como a que eu lles adquirín).

Animal lonxevo, na cidade peruana de Pereira, o elefante Chava viviu no seu zoo até os 60 anos de idade, sendo, para as persoas da localidade, un ser que os acompañou desde a primeira infancia até a madurez.

Na cidade italiana de Catania, a Fonte do Elefante domina a súa preciosa Praza do Duomo, e esperta a curiosidade do viaxeiro.

O elefante africano é o animal terrestre máis grande. E padeceron, como padecen as persoas que viven en África o asoballamento das potencias occidentais. África é unha enorme tarta dividida en porcións que todo o mundo (pero sobre todo Europa, EE.UU. e China) se está repartindo.

Algunhas fontes estiman que entre 1979 e 1989, o tráfico noxento do marfil provocou o exterminio duns 600.000 elefantes, pasando a súa poboación de 1.200.000 a 600.000. En 1989 prohibiuse o comercio co marfil, pero seguiron e seguen expostos á caza furtiva.

O elefante africano está en perigo de extinción, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e os Recursos Naturais (UICN). Existen na Convención sobre o Comercio de Especies Ameazadas Fauna e Flora (CITES) dous apéndices: o Apéndice I incorpora a todos os países africanos onde o elefante é unha especie a protexer; e o Apéndice II onde figuran países como Zimbabwe, Bostwana e Namibia. Isto é debido a que estes países figuraban no Apéndice I pero lograran, segundo semella, manter estable a poboación elefante e, como perderan ingresos debido ao cese da caza e do comercio de marfil, protestaron e acadaron que se creara un apéndice II. Por iso estes países seguen comercializando -de forma legal- aos pobres elefantes. E vése que unha das formas é organizar safaris para nostálxicos do colonialismo e amantes das armas.

Os elefantes non naceron en cautiverio, claro. O feito de vivir en áreas restrinxidas, fai que os grupos se reproduzan e medren en espazos reducidos. Por iso é un criterio reducionista pensar que non están en perigo.

Os hábitos colonialistas de safari e caza son, para min que son antimilitarista e pacifista, sinxelamente noxentos. Pagar para matar unha peza é vomitivo. Son 37.000 euros, segundo parece. É repugnante polo feito en si, máis aló de que o paisano en cuestión sexa un monarca e que nos custe ao pobo máis de 8 millóns de euros ao ano manter o seu ritmo de vida.

Que move a unha persoa coller un fusil para matar?  Que repulsiva emoción percorre o seu corpo cando apunta a un animal "preparado" para morrer?

Matar un elefante, así, por deporte, é asasinar a sabedoría.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire