
Comezamos ás 11h30. Até as 15h se prolongaron as intervencións. As intervencións dos voceiros dos grupos presentes no Parlamento tiñan previsto unha duración de 35 minutos, sendo a do candidato de tempo libre...é xusta esta anomalía? Se no turno de mañá non é tan problemático, nas réplicas da tarde (iniciouse ás 17h) só lle dan a cada voceiro 10 minutos e o sr Núñez estivo "largando" desde as 17h40 até as 18h37 minutos....é xusto isto? A oposición ten que dicir o que quere en 10 minutos e o sr. candidato 60 minutos?
Non podo ser obxectivo. Lóxico, non?
Considero que na primeira tandada estiveron ben as intervencións de AGE (o sr Núñez faltoulle o respecto deliberadamente varias veces á hora de nomear as nosas siglas políticas...ou ben é realmente iletrado e non sabe lelo correctamente e debera recibir apoio educativo dun departamento de audición e linguaxe), estivo tamén ben a do BNG e regular (cun inicio realmente baixo, e con carencias ideolóxicas no soporte discursivo) a do PSdG.
Na tanda da tarde estivo, penso, moi ben Beiras (AGE). Atacou directamente as mentiras que tanto poboaron as palabras do sr. Núñez pola mañá. Por momentos sublime na acusación directa e levándoos a confrontarse co seu pasado, coas súas políticas destrutivas. Levando a rebelión cívica ao Parlamento.
Unha cousa quedou clara: o sr. candidato é un hábil manipulador dos datos e, como se fose un ferreiro, dálle a forma que desexa aos mesmos, pero a realidade é teimuda. Estouraralle nos fouciños cando a cidadanía acade un grao de conciencia crítica tal que as mentiras e a manipulación masiva inoculada desde as grandes corporacións mediáticas xa non sexan capaces de agochar a globalidade do panorama. E outro aspecto emerxeu: Puy é un mal locutor que procura empatizar mentres coloca o discurso no mundo do abstracto (o das exportacións foi un claro exemplo), do mercantilismo, comportándose, ao igual ca o seu xefe, nun adorador da xestión empresarial (privada).
Ambos, o Sr. Núñez e o seu fiel seguidor practicaron hoxe o dialéctico xogo de ser oposición da oposición. Demostraron unha absoluta insensibilidade real, mais aló da retórica amable que só empregou, xunto con promesas en forma de títulos de Leis, mentres sabia que saía na TVG.
Insensibles e algo desnortados. Semellaba que era a primeira vez que ían sentarse no epicentro rector da política galega. Mesmo, nalgún momento, daba a impresión de que o bipartito viña de perder as eleccións, tal como se facía lembranza das herdanzas (malignas para o PP) do bipartito. Raiaba. Que fixo o Sr. Núñez ao longo destes 4 anos?? Semella que nada se consideramos as súas teimas. Ah, non! Si hai algo, insistir que hoxe vivimos nunha Galicia "saneada e solvente". En que Galicia vive? Eu véxoo a medio camiño hoxe dunha esquizofrenia: vive no País das Marabillas en compañía de "Eduardo Manostijeras"; e non recoñece que mentres el afirma facelo "chachipiruli" todo (claramente falso), o das Tesoiras segue levando ao conxunto do estado a un baleiro, a un acantilado ben fondo.
Invocan a "crisi" (mira que se pronuncia mal esta palabra no Parlamento!). Nalgún momento, se non recordo mal foi o Puy, chegan a acusar de forma velada do endebedamento ás propias familias. Sitúanse sempre no discurso económico, de tal forma que a política non ten nada que ver co que acontece nese discurso. Pero, claro, é unha auténtica burrada. Queren levarse ben coas oligarquías mentres simulan botarlles en cara aos xestores das caixas o destino que en hoxe en día o caramelo bancarizado.
