mercredi 13 novembre 2013

QUE ACONTECE NA MENTE XESTORA DAS EMPRESAS DE COMUNICACIÓN MASIVA?

Xa levo días dabondo aturando o que considero unha auténtica carencia e falta de ética xornalística. Aturando unha total e absoluta falta de ética e cultura política sobre o que significa unha coalición. Unha total e absoluta falta de ética nas persoas que só pensan no seu EGO e non no ben colectivo. A información debe ser froito dunhas decisións reflexivas e analíticas, sempre contrastadas. Non deberan obedecer a golpes interesados e plenamente ruíns, porque atender a filtracións daqueles que só queren destruír AGE é para definilo así. 

E logo, eles que crean a nova, esíxennos que respondamos ás súas interesadas cuestións. Pois non. Así non. Os xefes das empresas mediáticas sabemos que nos teñen xenreira, que lles somos ben incómodos, e por iso agardaban algo, que non obedece a cuestións de programa político, para converternos en obxectivo mediático. Sempre foi así. Que se un xesto. Que se unha palabra. Todo o que facemos é magnificado e dimensionado en contextos de opinólogos e todólogos ao servizo de siglas políticas por moito que o queiran disimular. 

O que acontece con David non é anómalo. Todo o contrario. Neste país non hai contratos de investigador no seu campo: el é doutor en edafoloxía. E saiulle unha oportunidade. Entón, nese momento preséntase unha disxuntiva difícil para el e que se resolveu hoxe (13 de novembro) coa renuncia ao escano, que se fará efectiva despois do pleno de orzamentos de devolución da totalidade, a finais de novembro.

Todo o que aconteceu antes foi porque os inimigos de AGE xogan a filtrar aspectos que precisaban dun traballo analítico, pausado, reflexivo, debatido. Mais non foi posible debido a esas filtracións. E todo, entón, debía xogarse co ritmo que ditaban os inimigos e os medios? Pois non. Era preciso traballar organicamente e atendendo aos tempos da lóxica.

Mais, desde esa primeira filtración, todos (medios de comunicación, restantes partidos políticos e os inimigos internos de AGE) xogaron a facer dano a AGE.

Neste país non existe cultura política. Hai cainismo. Tampouco hai cultura política sobre o que significa unha coalición, que se rexistrou cunhas condicións determinadas, sabidas por todas as persoas, e que xiran ao redor do equilibrio na medida do posible do 50%. Ninguén dixo en ningún momento que as 4 organizacións que conforman AGE ían desaparecer, perder a súa identidade, senón que debian traballar xuntas para avanzar nunha fronte común. Os inimigos de AGE, precisamente, impiden que se afortale este carácter frontista. Saben que somos perigosos para o sistema. E non nos enganemos, os propios inimigos internos de AGE son prosistema, senón non actuarían como o fan.

Cando soubemos da posibilidade de que David poda ser contratado en Dinamarca, e cando nos enteramos que, se lle comunica, que a súa incorporación debe ser inmediata, e non en xaneiro, como el agardaba, solicitamos dispoñer do tempo preciso para o labor reflexivo de traballar a prol do equilibrio da coalición. Insisto. Non foi posible. As filtracións e logo as declaracións da persoa que debía renunciar para que se dese paso a unha candidata de Anova, dentro da lóxica do equilibrio asinado, derivaron en comportamentos e declaracións mesquiñas. 

E nesas seguimos. E seguiremos, porque os malos queren determinar a ruptura de AGE. Mais han perder. Agardo que perdan. E falo desde a miña persoa, como suxeito que pensa nun ben plural e colectivo. Cando me afiliei a EU sabía que nos Estatutos figuraba algo que se demandaba da Lei Electoral, que o cargo non é da persoa, senón da Organización Política, que é a quen nos debemos politicamente, que é a que nos dá soporte político para presentarnos a esas eleccións, e a quen lle debemos un tercio dos ingresos.

Cando un se afilia, acepta ese contrato. Pois ben, na segunda parte da ecuación, resulta obvio que o comportamento anticolectivo, contrario ás normas éticas de EU, dunha persoa, é a que determina o que poda suceder no futuro máis inmediato. 

Falo desde a miña formación política: non entendo en política os comportamentos egoístas, individualistas e personalistas. Ese individualismo, ese egoísmo é o que guía a corrupción, o comportamento máis aberrante da política. Porque os medios non fan o mesmo sangue coa corrupción que poboa as ringleiras do PP, día tras día???? Porque atacaron tan duro a AGE e a David por un feito que debera ser habitual?

Repito. Unha persoa non pode chantaxear a vontade colectiva.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire