dimanche 23 février 2014

A FRACTURA HIDRAÚLICA, A FRACTURA DA TERRA, A CREBA DA VIDA

Non é a primeira vez, e non será a última. Seguro. Os pequenos artigos de Anna Bogaz Cerezuelo nesa imprescindible sección "las caras ocultas del poliedro" que ofrece El Viejo Topo (febrero 2014) son, para min, e non estou tolo, coma o achado dun fosil ou dunha unha peza de arqueoloxía: a autora deixa sentado o esencial da historia que quere contar, mais queda no aire o esencial para seguir pesquisando e indagando. Cando menos cando un se quere documentar con rigor sobre un feito concreto. 

O artigo en cuestión (p. 6) trata da fracturación hidraúlica, que aquí, os amantes da linguaxe neocolonial definen como fracking

Vén definido como unha técnica de extracción de gas natural de arxilas compactadas, situadas a grande profundidade, coñecidas como depósitos de Shale Gas. E, como non, ao igual que toda técnica destinada a procurar enerxía fosil ao tempo que demoucar os límites da sustentabilidade da terra, o invento foi posto en marcha polos EE.UU. 

O procedemento, segundo o relato de Anna Bogaz é o seguinte: 
a) perfórase en vertical ate chegar ás arxilas compactadas e logo en horizontal durante un ou dous quilómetros; 
b) despois inxéctanse millóns de litros de auga, lubricantes químicos e are a presión para fracturar a rocha e permitir que flúa o metano. Para acadar isto, úsase unha mestura de 600 compoñentes químicas, descoñecidas publicamente, xa que as corporacións implicadas gardan a información. E como digo eu, e di calquera: se reservas esa información, é que nada bo pode saír dela. 

No entanto, na realización de traballos de campo aí onde se produciran esas fracturacións atopáronse en acuíferos e pozos de auga potable próximos restos químicos que son perigosos para o medioambiente e para as persoas, xa que son canceríxenos, e afectan de diversas maneiras aos organismos humanos. 

Anna Bogaz cita aos documentais Gas Land e Gas Land 2 que fan un percorrido polas localidades afectadas por esas fracturas hidraúlicas. 

Mais Anna tráenos tamén o documental a Guerra do Fracking, de Pino Solanas, que dura uns 88 minutos, e que podedes ver na ligazón que se adxunta no título. Está producida por Cine Sur S.A. coa colaboración de Asociación Civil Proyecto Sur Cultural. 

Amosa moi ben a idiotez dos nosos gobernantes, en xeral. Incapaces de ver os límites da terra. De ver os perigos que representa non variar a folla de ruta do modo de vivir nesta terra. "Queremos ir por todo" di a presidenta de Arxentina. E así nos vai. 

Aquí, no estado español, tamén comeza a asomar este desexo de perforar a terra á procura do (maldito) gas. As empresas do sector fosil procuran un marcco que lles sexa propicio. En Galicia, a iniciativa de AGE, acadouse un acordo para unha moratoria. Insuficiente. Só un pequeno paso. O certo é que no senado do estado aprobaron non prohibilo. En Francia foi prohibido. Vexan o esquema que alumea moi ben como se procede. É clariño.  Equiparable á megaminería a ceo aberto. E é, como ben se define no documental, un capítulo máis da guerra do petróleo. 

Baixémonos deste xeito de vivir. Xa. Ou o camiño será de non retorno. Hai que decrecer nas formas de vivir a enerxía. E hai que desenvolver esoutros camiños non contaminantes, renovables, ecolóxicos. 


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire