samedi 30 août 2014

MANUEL VALLS, O PROFETA DO SOCIAL-LIBERALISMO

Recoñezo que batín coa edición francesa de Le Monde do venres 29 de agosto con ledicia. E aconteceu onde pensaba non atopalo: na miña librería chairega, a Librería Segrel. Mais aí estaba. E, como había un tempo que non lía actualidade francesa non mediada decidín compralo para lelo coa tranquilidade do café con leite que me agardaba na cafetería. 

Non sei se é fetichismo ou non. Mais o certo é que ler Le Monde produce unha certa sensación de xornalismo. De que aí vai existir información. E que non se vai evitar chamar as cousas polo seu nome. Guste ou non guste. 

O certo é que quedei absorto no inicio do xornal, na súa sexta páxina, coa lectura do artigo redactado por Isabelle Chaperon, Olivier Faye e Patrick Roger, "Lune de Miel entre Manuel Valls et le Medef", ou sexa, traducindo de forma bruta, Lúa de mel entre o Primeiro Ministro francés e a Patronal. 

E gústame como inician os xornalistas o artigo, mediante unha alusión á fermosa canción de Edith Piaf, L'Hymne à l'amour, que contén una sentenza clarificadora do que nunca se debe facer en amor: "Je renierais mes amis si tu me le demandais" (Renegaría dos meus amigos se mo pediras). 

Mais, como din os xornalistas...tampouco cabe facelo en política e na ideoloxía, isto é renunciar aos principios e valores da esquerda (se é que alguén tiña a idea de que Manuel Valls incardina un proxecto de esquerdas ou socialista) xa que o actual Primeiro Ministro ofreceu unha nova versión desa sentenza na Universidade de Verán que organizou a patronal francesa (Medef) en Jouy-en-Josas (Yvelines) o mércores 27 de agosto de 2014, onde, demostrando a súa pel camaleónica reafirmou o seu amor na patronal e na empresa: "Moi, j'aime l'entreprise". O romance sería perfecto se o xefe da patronal declarase: "Moi, j'aime la gauche".

Quizais este amor explique a súa decisión de cargarse ao díscolo Montebourg, que con lóxica denunciara a inutilidade das políticas austericidas, e colocar a Emmanuel Macron como ministro de economía e que xa en poucos días amosou a súa xenreira cara a principios queridos do socialismo francés como a xornada de 35 horas ou cuestionar as soleiras da protección social. 

Manuel Valls lémbrame -e moito, tal como actuou coa expulsión de persoas de procedencia albanesa- ao Pequeno Napoleón, Sarkozy. No entanto, se ben por norma adoita facer un uso maquiavélico e perverso da palabra, nesta ocasión, quen sabe se porque se sentía realmente libre e en casa, a palabra entendíase alta e clara: 

"Je le dis, je l'assume, la France a besoin de vous...Il est absurde de parler de cadeaux faits aux patrons...Les impôts au cours de ces dernières années ont trop augmentés, pour les ménages comme pour les entreprises. Certaines formalités excessives sont trop pénalisantes. Nous allons accroître la concurrence, alléger certaines règles"

Detrás destas palabras, asoma a dereita económica de forma clara: defendamos á patronal. Non son regalos os privilexios que se lle conceden....E mesmo os impostos aumentaron demasiado....Hai que rebaixalos, xunto coas trabas da administración pública para que se incremente a competitividade. 

Podemos imaxinar que mentres falaba Valls, as mentes da patronal xogaban en nubes de ouro, mentres nos seus ollos xiraban as cores do euro. E así, Pierre Gattaz, xefe da patronal, expresaba a súa ledicia ante "un discours de lucidité, de pragmatisme, de clairvoyance, de courage" (lucidez, pragmatismo, carividencia e valentí...Napoleón volve) e mesmo, efusivo proclamaba: "il y aura peut-être un avant et un après", isto é, Manuel Valls exercía de gran profeta da orde dos mercaderes. 

De aí que, de forma veraz, noutra nota que acompaña a dito artigo, Jean-Baptiste Chastand defina como "nouvel habit social-libéral" á remodelación do goberno levado a cabo por Manuel Valls coa benevolencia do Presidente da República.

Eis que Le Monde ousa definir de forma acertada o que é en realidade esa farsa que algúns medios do estado español non ousan facer: non existe un goberno socialdemócrata e moito menos de esquerda...é un goberno social-liberal que se axusta aos desexos da patronal, da oligarquía empresarial e financeira e sobre todo, que desexa gustar á peregrina Merkel.



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire