
++++
A aprobación no
Congreso dos Deputados da chamada Lei Mordaza representa o ataque
máis duro que recibe a nosa democracia. O goberno-títere deseña un
aparello lexislativo represor para impedir que a indignación cidadá
se manifeste nas rúas.
Unha indignación
que ten todo o dereito, avalado pola Constitución Española, a
reivindicar e defender os seus dereitos de cidadanía. Sobre todo
cando a perda do traballo, os recortes laborais e salariais, a perda
de protección social, a corrupción, as estafas das preferentes e
dos desafuzamentos, os ataques aos servizos públicos son todos eles
motivos que levan á cidadanía galega ás rúas. Está en xogo a
democracia.
A Lei Mordaza
ataca de forma directa os dereitos de reunión e manifestación
pacífica e de manifestación (art. 21 CE), o dereito á folga, o
dereito de expresión (art. 20 CE) e o dereito da liberdade de
expresión (e asociado a el o de liberdade de prensa) (art. 22 CE),
amais do dereito á presunción de inocencia (art. 24 CE).
Os Estados teñen
a obriga de respectar, protexer e garantir os dereitos consagrados na
Constitución Española, na Declaración de Dereitos Humanos de 1948,
no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, no Convenio
Europeo para a Protección de Dereitos Humanos e as Liberdades
Fundamentais e que mesmo figuran na Carta de Dereitos Fundamentais da
Unión Europea.
Comecemos por
dicir alto e claro que o concepto de "manifestación autorizada"
non existe na Constitución Española. En xaneiro de 2013 a Oficina
do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos
emitiu un informe sobre boas prácticas para garantir a promoción e
protección dos dereitos humanos no contexto de protestas pacíficas.
A resolución 22/10 do Consello de Dereitos Humanos da ONU, do que
España formaba parte, aprobou, sen votación e por unanimidade dita
resolución. E aí dise que a participación en protestas pacíficas
é unha maneira importante de exercer o dereito á liberdade de
reunión pacífica, de asociación, de expresión e participación
nos asuntos públicos. E que o requisito de información non pode
significar requisito de autorización, xa que o relator especial
sinala que non se debe requerir autorización para celebrar unha
reunión pacífica. As directrices da OSCE/OIDDH sinalan que mesmo
as reunións espontáneas deben ser legais e son mostra dunha
democracia saudable. A falta de notificación non debe de ser un
pretexto para a disolución automática nin para a imposición de
sancións penais ou administrativas.
O equipo de
represión desta nova Inquisición en que se volveu o goberno de
dereitas, introduciu tamén unha auténtica canallada, digna do
racismo institucional levado a cabo pola dereita, tal como conceder a
capacidade ás Forzas de Seguridade para rexeitar ás persoas
inmigrantes que salten o valo de Ceuta e Melilla. Esta posibilidade,
incluida na disposición adicional décima durante o trámite de
emendas, supón legalizar as chamadas "devolucións en quente",
expresamente prohibidas ate agora, porque as persoas inmigrantes que
chegan a territorio do estado español teñen dereito a asistencia
letrada e a que se comprobe si son menores ou refuxiados. Esta
disposición foi introducida como emenda no Congreso, eludindo os
informes preceptivos do Consello Xeneral do Poder Xudicial, o
Consello de Estado e o Consello Fiscal.

Mañá, 18 de
decembro, na cidade da Coruña e de Lugo terán lugar actos
reivindicativos en contra destas devolucións en quente da Lei
Mordaza, e iso acontecerá no Día Internacional das Persoas
Migrantes. Agardo no ter que padecer o indignante bochorno de
escoitar ou ver a aqueles que din si a esta Lei Mordaza realizar
discursos e pousar con falsidade ante as cámaras.
Coa Lei Mordaza,
ademais, a presunción de inocencia estoura xa que, de saída,
recíbese unha falta sancionada cunha multa pola autoridade
administrativa, polo que as persoas se vén na obriga de demostrar a
súa inocencia. Non existe un control xudicial previo. Desprotección
da cidadanía ante o abuso.
Ademais, todo o
aparello de sancións é un auténtico disparate: 600 euros por non
levar DNI; 600 por formar parte dun piquete informativo; 600 por
faltarlle o respecto a un axente (art.37); 30.000 euros por
manifestarse ante unha sede coma o Parlamento de Galicia; 30.000
euros polo exercicio de informar con veracidade e apoio audiovisual;
30.000 euros por axudar a frear un desafiuzamento (art. 36); ate
600.000 por aqueles que exerzan o dereito á folga en trens,
aeroportos, portos, infraestruturas de luz, gas, auga; centrais
nucleares; infraestruturas de comunicación (art. 35, e disposición
adicional sexta); é unha auténtica barbaridade, un atropelo salvaxe
que, mediante a imposición do medo quere mutilar a solidariedade das
xentes que se agrupan para impedir a inxustiza social. Por riba, tal
como facían os nazis, existirá un Rexistro Central de Infractores,
unha auténtica lista negra de activistas (art. 43).
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire