dimanche 26 février 2017

A SACRALIZACIÓN DA MEMORIA VIVE NA NOZ DO DESPRENDEMENTO

0. A memoria non pode, nin debe, converterse en liturxia, nun rito que se manifesta en datas sinaladas e permanece fosilizado nas pedras, nas imaxes, en museos e outros edificios singulares ou nos cemiterios. 



1. Baixo o sendeiro desta miña escritura respiran lecturas sobre a memoria e traballos que estou realizando cunha amiga xornalista e especialista en comunicación política. Mais, sen dúbida, hoxe, a reflexión do francés Camille de Toledo que divulga acertadamente Sergio del Molino en 'El País'. 

2. A reflexión de Camille de Toledo sobre a memoria do Holocausto ten a forza de movernos a pensar no valor que lle damos hoxe á memoria nos nosos propios actos cotiáns. Móvome tendo en conta a aprendizaxe da memoria común?

3. Nun rito sacralizado corremos o risco de recluír a memoria no interior dese concreto espazo-tempo sagrado. No entanto, a memoria debe ser algo vivo. A reclusión pode levar a unha banalización. Mesmo a un baleirado, pois ao non se percibir a súa viveza, será desposuída a memoria da súa forza actancial. 

4. Ao perder a súa forza actancial, produciríase unha fatal desconexión entre memoria e o 'ego' en sociedade. Unha terrible distancia de silencio, que pode explicar moi ben, en certos sentidos, a desmemoria actual do 'ego' e da propia sociedade. 

5. Hoxe, na sociedade 'acomodada' (ou resignada?) e capitalista do pensamento único hai varios aspectos que se interrelacionan e dan forma ao que denomino conceptualmente a noz do desprendemento do ego:

a) a alienación e a aceleración;
b) a autoexplotación;
c) a adhesión afectiva ao capital;

As persoas que coñecen e len este blog saben que asumo criticamente as teses de Karl Marx, Harmudt Rosa, Byung Chul-Han e Mark Hunyadi en tanto que conforman o que denomino a noz do desprendemento: O ser humano en sociedade (ego) que vive baixo as gadoupas do capitalismo vive des-conectado da súa propia condición de clase, un desprendemento social que o individualiza e o lanza á rede da identidade que máis desexa o capital: a de ser unha persoa que consume. 

6. Ese desprendemento precisa alimentarse da necesaria distancia con respecto aos demais membros que integran o seu propio grupo, a súa clase social. Nese distanciamento operan, de forma maxistral, os medios aliñados co sistema capitalista, que difunden supostas informacións veraces sobre a utilidade da política. 

7. Abonda con estas ideas para ilustrar o propósito que conduce esta reflexión: a actual situación de desmemoria é esencial para que sistema actual siga perpetuándose no estado español. 

8. Trátase dunha desmemoria que latexa dentro da noz do deprendemento e marca a individualización do ego, xa que a memoria é, en esencia, relacional, ao facer comúns unha serie de aprendizaxes, de experiencias, de feitos, de actos. 

9. Por iso, a memoria non é só, non debe ser só unha foto fixa do pasado, non. A memoria debe movernos a actuar. Debe impregnarnos ao conxunto social fóra do recinto sacralizado do acto de rememoración. 

10. A memoria é voz que se fala. É voz que se escoita. É voz que se escribe. É voz que se le. Voz que vive en nós como exemplo. A memoria non pode ser só unha efemérede, debe ser un proceso de recoñecemento do ego en sociedade. 

11. A memoria vive en nós se somos quen de camiñar e vivir coas súas ensinanzas. Co respecto a este principio vivencial evitaremos a anguria desgarradora da desmemoria que borra a existencia do que se pretende rememorar. Se non hai nada que viva baixo o seu exemplo, só queda o baleiro, a memoria non pode sosterse nun presente que eliminou vestixios de experiencias, aprendizaxes, actos e feitos.

12. O respecto non se impón desde os altares da sacralidade. Córrese o perigo de 'consensuar' unha memoria 'politicamente correcta'. Perigo porque o politicamente correcto anula a negatividade que toda memoria contén na súa esencia. 

13. Sen a negatividade que nos confronta co noso pasado, a memoria vólvese un caramelo edulcorado e, en última instancia, nunha deformación. Respetar a memoria é aceptar a súa negatividade e explicarnos que debemos e podemos camiñar co recoñecemento e aprendizaxe dos erros. 

14. Pensemos, que valor pode ter para a memoria que un herdeiro frío do franquismo e apóstolo quente do capitalismo, que xulga aos demais acollendo os ditados da Lei Mordaza, se erga un día sinalado e decida que, para quedar ben coa memoria, hai que facerse unhas fotos e declarar cousas politicamente correctas diante dunha placa conmemorativa dunha persoa que loitou en vida contra todas as mordazas? NINGÚN, e non obstante, hainos que seguen facéndolle o xogo á vampirización cultural da dereita. 

15. A noz do desprendemento en que vive o 'ego' só pode quebrarse cun retorno ao que une aos demais membros do noso grupo social, coa consciencia da nosa identidade, de que só teremos a forza de mellorar as condicións de base se nos unimos fronte a todos os que impoñen a noz. 

16. Cómpre un socialismo que nos permita recuperar a nosa capacidade reflexiva e crítica para liberarnos e emanciparnos da alienación, da aceleración, da autoexplotación e da adhesión afectiva ao capital. Para iso, é precisa unha memoria viva, que se respecta porque acepta a súa negatividade como exemplo, como ben común.
 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire