dimanche 16 septembre 2018

O NAUFRAXIO ACTUAL DO DIÁLOGO: O TRIUNFO DA MONOLOCUCIÓN IMPOSITIVA E DA MANIPULACIÓN INFORMATIVA

Malos tempos para a existencia do diálogo e para as accións a el vinculadas debido a un emprego espúreo das capacidades da palabra, ao seu secuestro en discursos que manipulan a conciencia social. 

Algúns estudosos mesmo reducen xa a cinzas a utopía habermasiana sobre a posibilidade dunha democracia deliberativa, cando non se comezou sequera a poñer en pé os seus piares fundacionais (véxase a análise de Juan Fernando Segovia, Habermas y la democracia deliberativa. Una «utopía» tardomoderna, Marcial Pons, Madrid, 2008; ou, en termos máis confrontativos e críticos, Maxime Ouellet, La revolución cultural del capital. El capitalismo cibernético en la sociedad global de la información, Editorial Popular, Madrid, 2018, pp. 76-92).

Sabémolo ben: o diálogo naufragou no océano que mediou entre os monólogos independentistas cataláns e os nacionalistas españois. No medio, debido a unha incapacidade real de facer valer os valores da construción federalista, morreu afogada a opción realmente republicana. A polarización da monolocución, ben enfatizada polos medios adeptos a cada un dos extremos, conlevou a que as posicións de equilibrio fosen consideradas pouco máis que unha aldraxe e unha traición a non se sabe moi ben que ideais. E ollo, non apelamos con diálogo ao tan manido 'consenso', xa que pensamos que hoxe o que existe é unha monolocución impositiva, de tal forma que nos executivos a participación é reducida a un marco de negociación imposto, onde o diálogo real non pode existir nin construír nada.

Neste sentido, desde un punto de vista dialéctico, concedémoslle a razón a Salvador López Arnal, entrevistado no último El viejo topo ("Desde una izquierda sin complejos. Entrevista a Salvador López Arnal, nº 368, setembro 2018, pp. 27-35), onde expresa a súa raiba ante a circunstancia de que fosen escasísimas e de pouca forza as protestas ante o feito de que unha persoa practicante cando menos do racismo discursivo sexa o Presidente nº 131 da Generalitat. A pregunta que se fai o entrevistado non deixa de ser altamente punxente: "Que non teríamos feito [a esquerda], como teríamos intervido se un ultranacionalista español tivese sido elixido presidente do goberno de España?" (p. 33, col.a).

Por iso, a banalización non provén, ao revés do que dixo SOS RACISMO, da definición de Torra como racista, senón que o concepto se dilúa en función das supostas simpatías ideolóxicas. Iso sí que é perigoso. Ou de que a reacción política -que debera ter sido contundente na esquerda- sexa obra de grupos políticos que practican o racismo institucional e apoian as devolucións en quente de persoas que escapan de países en conflito ou de situacións altamente perigosas para a vida humana. Iso si que representa un uso perverso do concepto "racista" en función do obxectivo electoral a acadar.

Hannah Arendt sabíao ben: non se poden empregar eufemismos nin tabús cando se trata de definir os comportamentos 'bárbaros'. A referencia nos artigos de Quim Torra ao ADN e á confrontación que deshumaniza ao OUTRO é algo moi compartido polo esencialismo franquista do psiquiatra Antonio Vallejo Nágera. O esaxerado eloxio cohesivo do nós (desde unha óptica distorsionada dun nacionalismo excluínte) fronte ao trazo negativo do eles (o outro) é propio de todos os discursos manipulativos de ideoloxías excluíntes, tal como a dos grupos de extrema dereita.

A nova de hoxe de La Voz ("La debilidad política lleva a Sánchez al abismo", asinada por Fran Balado na páxina 18) contén algunhas manifestacións da lousa que soporta o diálogo sobre sí. Primeiro, o titular é, ao noso entender, enganoso e reducionista, xa que non é causa da debilidade política -identificada no artigo polos 84 deputados e deputadas que posúe o PSOE- a situación agonística en que se atopa o executivo de Sánchez, senón que é provocada pola propia natureza acelerada da súa chegada á Presidencia. Aceleración que se viu acompañada dos axiomas relativistas e fluídos do posmodernismo. Fronte ao corrupto sistémico que representaba o goberno de Rajoy, erguéuse o 'todo vale' relativista. Por iso, as demostracións de inoperancia e confusión que caracterizaron estes 100 primeiros días de goberno obedecen antes, para nós, á natureza inconsistente do que significa hoxe ser en política. É baixo esta inconsistencia que temos que situar as dimisións de membros do Goberno, as vacilacións ao redor de Catalunya, a (aparente) mudanza radical de actitude ante certos feitos como a inmigración, o asunto das bombas que non matan, etc. Todo iso non é debido á súa fraxilidade parlamentaria. Non. Dicir iso é enganar...ou enganarse.

En segundo lugar, as verbalizacións e reaccións ante teses supostamente plaxiadas, traballos de fin de máster supostamente realizados, etc...raian a estupidez máis absoluta e cun desprezo enorme cara ás clases traballadoras. As saídas de ton para defender a un presidente 'doutor' son snobistas e elitistas. Ser Doutor non faculta para ser unha persoa que exerce a política con ética e responsabilidade. Esta indecorosa exaltación dos títulos serve para agochar as eivas reais dunha clase política empoleirada e distanciada cada vez máis das rúas e das necesidades reais da xente.

En terceiro lugar, non se pode confundir necesidade de chegar a acordos con 'vasalaxe política' como fai o articulista. Para concordar nalgo, claro, hai que ter un programa de acción definido e concreto. Cada parte interlocutora debe expoñer os seus argumentos e, mediante o diálogo, acadar un acordo programático que represente no esencial ás diferentes partes implicadas. Temos cada vez máis claro que non se pode chegar a acordo naqueles aspectos que representan a disrupción ideolóxica das partes ou unha disolución programática das súas identidades. Iso hai que asumilo desde a dialéctica e a negatividade. O diálogo debe considerar esta circunstancia con naturalidade e, unha vez que se chegue a acordo sobre programa e persoas para levar a cabo o programa, debe ser coñecido e debatido polas bases e refrendado polas mesmas. Resulta evidente que no caso da Presidencia de Pedro Sánchez todo isto non se fixo. Comezouse a casa polo tellado. E hai que asumilo. E a única vía para ir remedando é a través do diálogo e o acordo programático.

O articulista semella identificar a Pedro Sánchez coma un vasalo ante os señores independentistas, nacionalistas e os de esquerdas. Trátase dunha metáfora descontextualizada. Sería todo un paradoxo que alteraría a natureza real dunha relación de vasalaxe, tal como se conceptualizaba na Idade Media. En efecto, nunha relación de vasalaxe o Señor ofrecía protección e mantemento ao vasalo, que xuraba fidelidade e ofrecía o seu servizo connotado entroutros aspectos polo Auxilium (axuda) e o Consilium (consello). Era unha relación asentada no don, na contraprestación de favores, con característica dunha reciprocidade desigual. O feito de que Sánchez precise do acordo daqueles que facultaron a súa chegada á Presidencia non o converte en vasalo, tal como demostra a posesión da ferramenta do BOE e as prerrogativas que posúe o Goberno.

As olladas do articulista póusanse en Pablo Iglesias, que se converte en quen "marca o ritmo" a Sánchez para "hacer bailar [al presidente]". Outra metáfora sen lóxica, fortemente ideoloxizada, xa que subliña, de novo, a suposta submisión do PSOE a Unidos-Podemos [ademais de prescindir mais unha vez da parte que Esquerda Unida achega á coalición de esquerdas ao individualizar toda a política en Pablo Iglesias]. Unha forma sibilina de facer entender ás persoas que lean que as accións políticas do PSOE obedecen ao ritmo que impón Unidos-Podemos. Unha clara manipulación do discurso para incidir no trazo negativo desa "asociación".

Detrás da aparente información latexa a manipulación que, con trazos grossos e con metáforas descontextualizadas, quere incidir no imaxinario social insistindo no carácter negativo de Unidos-Podemos en tanto que socio de goberno do PSOE. E para iso, ademais, destrúe a validez do diálogo como ferramenta de construción ao converter os acordos en simple relación de vasalaxe (de forma errada como vimos). 

Finalizamos esta reflexión co pensamento de Emilio Lledó sobre a importancia do diálogo na conformación dunha sociedade: "se piensa discutiendo, haciendo enredar el hilo del pensamiento en las argumentaciones de los otros para, así, afinarlo y contrastarlo" (El origen del diálogo y la ética, Gredos, Madrid, 2011, p. 44).

Xabier Ron
16 de setembro de 2018


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire