
O
seu feminismo é un berro claro de que a conciencia do que somos é a
premisa necesaria para erguer a voz e desfacer os silencios. No
relato que nos regala Babelia no exemplar do sábado 27, Chimamanda
deixa entrever esa necesidade.
Acompañarei
o meu pensamento con algunha das súas palabras, coma se fose eu un
regato que quere alimentar ao río maior que flúe cara ao mar.
A
imposibilidade de ver ao OUTRO, á OUTRA coma un ser humano
pleno...isto aconteceu sempre, mais con épocas máis cruentas coma
no período de entreguerras co ascenso dos fascismos e podemos dicir
que hoxe, desde que a ideoloxía securitaria do capitalismo se impuxo
na xerga da política, cando vemos como gobernos se constrúen sobre
os dereitos do OUTRO e da OUTRA migrante. Ten razón Chimamanda cando
denuncia non só a súa existencia en todo o mundo...senón tamén no
‘mundo literario progresista’...”onde se agarda que as
escritoras fagan aos seus personaxes femininos ‘simpáticos’,
como se toda a humanidade dunha persoa de sexo feminino debese, a fin
de contas, encaixar nas coidadosas limitacións da simpatía”.
Hai
que dicir o que hai que dicir, sobre todo se pensamos que é unha
verdade que nace coa forza da ética e da convicción, con
independencia do apoio que teña esa afirmación. “Non se debe
falar porque un estea seguro de que o van apoiar, senón porque non
se pode permitir o silencio”. Gústame a aseveración de que, como
cidadá, a súa responsabilidade é a verdade e a xustiza.
Animo
a quen non puido consultar o Babelia de onte que o faga...e que lea
tamén os pequenos libriños de Chimamanda. Eu rematarei asumindo a
defensa da imaxinación, da lectura e dos libros como ferramenta para
transformar o mundo:
“A
Literatura ensínanos. A literatura importa. Leo para que me
consolen. Leo para que me conmovan. Leo para que me lembren a gracia,
a beleza e o amor, mais tamén a dor e a mágoa. E todas estas cousas
importan. Todas son leccións útiles”.